DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 03 de abril de 2008 Páx. 5.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 61/2008, do 13 de marzo, polo que se desafectan do dominio público inmobles situados nos concellos de Boimorto e A Capela, antigas casetas de legoeiros.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular das antigas casetas de legoeiros en virtude do Real decreto 2708/1983, sobre transferencias de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas, que concretamente no seu anexo, parágrafo F) c) establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia os bens inmobles afectos ás estradas transferidas, descritos na relación 2.3, especificando parcelas, viveiros, almacéns, casa de legoeiros... anexos ás estradas transferidas.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos de lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes manifestou a innecesariedade destes bens para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a seguir:

-Edificio de planta baixa de 147 m2 asentado sobre un soar dunha superficie total de 393 m2, segundo a actual medición do catastro, no punto quilométrico 23,150 da actual estrada AC-840, antiga C-540, Betanzos-Agolada, hoxe lugar da Algaria nº 9, parroquia de Dormeá do concello de Boimorto (A Coruña) que linda: ao norte e leste, Manuel Gómez Gómez; ao sur, estrada AC-234, Arzúa-As Corredoiras e ao oeste con estrada da súa situación AC-840. Corresponde coas referencias catastrais de rústica 15010A018002680000KH e 001001300NH76A0001AE.

-Edificio de planta baixa duns 109 m2 asentado sobre un soar duns 343 m2 segundo a actual medición do catastro, no punto quilométrico 9,350 da actual estrada AC-234, antiga LC-234 de Arzúa ás Corredoiras, hoxe lugar de Bieite, nº 2 do concello de Boimorto (A Coruña) que linda: ao norte, Ricardo Vázquez Penas; ao sur, estrada de situación AC-234 e Mª José López Lago; ao leste, antiga estrada AC-234; e ao oeste, Mª José López Lago. Corresponde coas referencias catastrais de rústica 15010A021001230000KF e 000700700NH76A0001UE.

-Edificio de planta baixa de 130 m2 asentado sobre un soar dunha superficie total de 448 m2, segundo a actual medición do catastro, no punto quilométrico 9.200 da actual estrada AC-564, antiga LC141 Cabanas-As Pontes de García Rodríguez, hoxe lugar das Neves, s/n do concello da Capela (A Coruña), que linda: ao norte e oeste con Antonio Fraga López; ao sur, estrada de situación AC-564, e leste, Horacio Paz Allegue. Corresponde coas referencias catastrais de rústica 15018A018001720000RZ e 15018A018050070000RF.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil oito

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda