DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 02 de abril de 2008 Páx. 5.559

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 60/2008, do 13 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Técnica de Etnografía.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución, o que implica a potestade lexislativa, regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do seu Estatuto de Autonomía.

No exercicio desa competencia, polo Decreto 41/1992, do 6 de febreiro, foi creada a Comisión Técnica de Etnografía, como órgano consultivo da extinta Consellería de Cultura e Xuventude, coa finalidade de prestar asistencia e asesoramento nas tarefas de protección, defensa e investigación do patrimonio etnográfico de Galicia.

Porén, a natureza consultiva con que foi creada esta comisión viuse afectada pola promulgación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que a transformou nun órgano asesor cuxa composición e funcionamento deberían fixarse regulamentariamente.

Tales circunstancias, así como a obrigatoriedade de adaptación aos cambios introducidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, respecto do funcionamento dos órganos colexiados das administracións públicas, determinan a necesidade de proceder a unha nova regulación da composición e do funcionamento da expresada Comisión Técnica de Etnografía.

Polo tanto, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

1. A Comisión Técnica de Etnografía é un órgano asesor da consellería con competencia en materia de patrimonio cultural, creado para o cumprimento das tarefas de documentación, investigación, conservación, protección e difusión do patrimonio etnográfico e antropolóxico de Galicia que lle estean encomendadas, en virtude do establecido pola lexislación vixente.

2. O réxime xurídico da comisión está constituído polas disposicións deste decreto e polas disposicións básicas da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A consulta á comisión será preceptiva cando unha norma así o prevexa, e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

4. As resolucións e demais actos da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural sobre asuntos en que a intervise a comisión expresarán se son acordados consonte o informe da Comisión Técnica de Etnografía ou se se apartan del, mediante o uso das fórmulas «de acordo coa Comisión Técnica de Etnografía» ou ben «oída a Comisión Técnica de Etnografía» respectivamente.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Técnica de Etnografía é un órgano colexiado constituído polos seguintes membros, con voz e voto:

a) O presidente ou presidenta.

b) O vicepresidente ou vicepresidenta.

c) Os vogais.

Artigo 3º.-A presidencia.

1. O presidente ou presidenta da Comisión Técnica de Etnografía é o/a titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

2. Correspóndelle ao presidente ou presidenta da comisión, ademais das funcións enumeradas no punto 1º do artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

3. En caso de vacante ou ausencia por causa legal xustificada, o presidente ou presidenta da comisión será substituído polo vicepresidente ou vicepresidenta.

Artigo 4º.-A vicepresidencia.

1. O vicepresidente ou vicepresidenta da Comisión Técnica de Etnografía é o/a titular da subdirección xeral que teña encargada a conservación e restauración de bens culturais.

2. Corresponde ao vicepresidente ou vicepresidenta da comisión auxiliar o presidente ou presidenta no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquel.

3. Nos casos de vacante ou ausencia por causa legal xustificada, o vicepresidente ou vicepresidenta da Comisión Técnica de Etnografía será substituído polo/a titular da subdirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural.

Artigo 5º.-Os vogais.

1. A Comisión Técnica de Etnografía contará cos seguintes vogais:

a) O/a titular da subdirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural.

b) Un/unha representante da área de estudos antropolóxicos e etnográficos de cada unha das tres universidades de Galicia.

c) Un/unha representante do Consello da Cultura Galega.

d) Un/unha representante do Museo do Pobo Galego.

e) Un/unha representante dun museo etnolóxico de titularidade ou xestión da consellería con competencias en materia de cultura.

f) Dúas persoas de recoñecido prestixio no campo dos estudos etno-antropolóxicos en Galicia, nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de cultura por proposta do director ou directora xeral con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. O nomeamento e cesamento dos vogais membros da Comisión Técnica de Etnografía a que fan referencia as alíneas b), c), d) e e) do punto 1 deste artigo, e dos seus respectivos suplentes, corresponde ao/á titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural por proposta das entidades e órganos citados.

3. Con excepción do vogal a que fai referencia a alínea a) do punto 1 deste artigo o cargo de vogal da Comisión Técnica de Etnografía terá unha duración de catro anos computados desde a data da súa designación. Transcorrido o dito prazo, os nomeamentos renovaranse automaticamente salvo resolución expresa en contrario.

4. O/a titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural declarará a perda da condición dos vogais da comisión polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación por transcurso do prazo establecido no punto 3 deste artigo, de ser o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Inhabilitación ou incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) A petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

5. As vacantes que se produzan entre os vogais da comisión por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, serán postas en coñecemento da entidade ou organismo a quen representen, polo/a titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, para que propoña a designación doutra persoa polo período que lle quedase, se é o caso, ao vogal inicialmente designado, dentro do prazo dun mes desde que se produza o feito causante.

6. Os vogais da Comisión Técnica de Etnografía non poderán atribuírse as funcións de representación dela, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, pola propia comisión.

7. Serán motivos de abstención e recusación dos membros da Comisión Técnica de Etnografía os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Na proposta e designación das persoas representantes ou vogais da comisión, procurarase a composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-A secretaría.

1. O secretario ou secretaria da Comisión Técnica de Etnografía será un funcionario/a designado pola dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, que actuará con voz e sen voto.

2. Corresponden ao secretario ou secretaria da Comisión Técnica de Etnografía as funcións establecidas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Funcións.

As funcións da Comisión Técnica de Etnografía son as seguintes:

1. Emitir informe, cando así o solicite a dirección xeral con competencias en patrimonio cultural, acerca da cantas disposicións se prevexa ditar para documentación e investigación, conservación, protección, intervencións e difusión relativas ao patrimonio etno-antropolóxico de interese para Galicia.

2. Propor á consellería competente en materia de cultura a adopción de cantas medidas xulgue necesarias para documentar, conservar, protexer, difundir e dinamizar social e culturalmente o patrimonio etnográfico e antropolóxico de Galicia.

3. Emitir informe e ditaminar acerca de cantas cuestións e propostas lle sexan sometidas pola consellería competente en materia de cultura relativas ao patrimonio etnográfico e antropolóxico galego.

4. Asesorar a dirección xeral con competencias de patrimonio cultural sobre os expedientes de declaración de bens de interese cultural do patrimonio etnográfico material e inmaterial.

5. Nas actuacións da comisión teranse en conta as exixencias do principio de igualdade, afrontando e asumindo dentro deste as maiores dificultades que poida presentar a recuperación, documentación e protección das achegas das mulleres ao patrimonio etno-antropolóxico de Galicia.

Artigo 8º.-Funcionamento.

1. A Comisión Técnica de Etnografía reunirase con carácter ordinario tres veces ao ano, e con carácter extraordinario sempre que sexa convocada polo seu presidente, por iniciativa propia ou por petición da metade dos seus membros.

2. A convocatoria farase cunha antelación mínima de dez días, salvo en casos de urxencia apreciada polo presidente da comisión.

3. A válida constitución da comisión requirirá, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros. En segunda convocatoria a comisión quedará validamente constituída coa presenza de seis dos seus membros, debendo asistir con carácter necesario o presidente ou presidenta ou, se é o caso, quen o substitúa. Así mesmo, será precisa a presenza do secretario ou secretaria ou de quen o substitúa.

4. Ás sesións da comisión poderán ser convocadas, con voz e sen voto, aquelas persoas ou representantes de entidades para os asuntos que se estime conveniente, por iniciativa do presidente da comisión ou por proposta razoada de calquera dos seus membros.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Comisión Técnica de Etnografía coa composición establecida neste decreto constituirase no prazo de dous meses contados desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes na Comisión Técnica de Etnografía deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural no prazo dun mes desde o día da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, e, dun xeito específico, o Decreto 41/1992, do 6 de febreiro, polo que se crea a Comisión Técnica de Etnografía.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a/o titular da consellería competente en materia de cultura para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte