DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 31 de marzo de 2008 Páx. 5.390

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 17 de marzo de 2008 pola que se crea un ficheiro de carácter persoal dependente da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, así coma o uso posterior destes datos polos sectores público e privado.

A finalidade desta regulación é protexer os dereitos fundamentais das persoas físicas e especialmente o seu honor e intimidade, tanto persoal coma familiar.

No seu artigo 20.1º dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no BOE ou no diario oficial correspondente.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas conta entre as súas atribucións as que corresponden á dirección e coordinación, desde un punto de vista funcional, do sistema de información administrativa e atención ao cidadán da Xunta de Galicia.

Con esta finalidade e cumprindo a exixencia contida no dito artigo 20.1º, esta orde regula a creación dun ficheiro no ámbito da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, relacionado coas actividades que este órgano desenvolve e orientado ás diferentes liñas de información administrativa.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde créase o ficheiro de datos de carácter persoal, dependente da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, denominado Teléfono de Información 012.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e usos do ficheiro.

Os datos de carácter persoal rexistrados neste ficheiro só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Responsable do ficheiro.

O órgano responsable do ficheiro é o que se sinala no anexo desta orde, e é igualmente responsable da seguridade deste, e adoptará, baixo a superior dirección do conselleiro, as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, así como das conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 5º.-Cesión de datos.

Para a cesión de datos aos servizos de estatística das administracións públicas, observarase o disposto na normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Ficheiro: Teléfono de Información 012.

a) Finalidade e usos previstos.

A finalidade deste ficheiro é a xestión de chamadas demandantes de información administrativa da Xunta de Galicia.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal.

Particulares, empresas, outras administracións públicas.

c) Procedemento de recollida de datos.

Solicitudes telefónicas, en papel e telemáticas, facilitados polo propio interesado ou o seu representante legal.

d) Tipos de datos.

De carácter identificativo e persoal:

DNI, nome, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono.

e) Cesións previstas.

Non se prevén cesións.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas.

g) Servizo ou unidade ante a que se pode exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro.

Poderán exercerse nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, sita no edificio administrativo de San Caetano, 15.071, Santiago de Compostela, ou chamando ao teléfono 012 ou polo correo electrónico lopd.dxcapp@xunta.es.

h) Nivel de seguridade.

Básico.