DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 27 de marzo de 2008 Páx. 5.160

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2008 pola que se modifican as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) constituíuse a finais do ano 1996 como principal instrumento do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- para promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas, actuando como mercado preferente para o teatro, a danza e a música e dotándoos dunha estabilidade na súa programación habitual. A RGTA está conformada polo IGAEM e as entidades titulares de teatros e auditorios que voluntariamente se adhiren a ela. No exercicio 2007 as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios superaron a cifra de 700 funcións.

O pasado día 30 de outubro de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia unha resolución deste Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais pola que se regulaban as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios de cara ao exercicio 2008. Con esta resolución pretendíase mellorar o funcionamento da rede mediante a adecuada estruturación das programacións, o fomento da permanencia dos espectáculos en cartel, o establecemento dun sistema de prezos mínimos, a definición dun sistema de financiamento que potenciase o labor dos concellos de menos de 30.000 habitantes e a oferta de espectáculos de danza e música de cámara, dentro do respecto á autonomía de programación de cada un dos espazos escénicos que integran a Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A nova normativa reguladora das programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios contribuíu significativamente á positiva evolución dos volumes de contratación e facturación total, que mostran un crecemento superior ao 75% con respecto ao ano 2005. Porén, ao contrario da evolución xeral, as programacións de danza e música de cámara permanecen en niveis similares aos de 2005, sen que a nova normativa teña contribuído ao seu desenvolvemento. Resulta necesario, pois, adoptar medidas correctoras que permitan potenciar as programacións de danza e música de cámara dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, o Consello Reitor do IGAEM aprobou, na súa xuntanza do 28 de febreiro de 2008, esta resolución, pola cal se modifican as normas de funcionamento das programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios; e, na súa virtude, e de acordo coas atribucións conferidas pola Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais; pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, de modificación da Lei 4/1989, así como polo Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da antedita normativa, e as restantes leis de aplicación, acórdase a publicación da seguinte modificación das normas de aplicación á programación da RGTA, que se someterá ao seguinte articulado:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto, dentro das funcións que lle veñen atribuídas ao IGAEM pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/1989, do 21 de abril, fomentar a difusión das artes escénicas e musicais, a través dunha programación estable e coordinada nos teatros e auditorios mediante un programa de colaboración coas entidades titulares dos espazos escénicos integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, establecendo mediante esta resolución a normativa de funcionamento que rexerá para as súas programacións.

Esta normativa resulta de aplicación directa a todas aquelas entidades públicas, así como a outras persoas xurídicas titulares de teatros e auditorios que estean inscritas na RGTA.

Artigo 2º.-Períodos de programación.

As programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios estrutúraranse en dous períodos de programación, que comprenderán os meses de xaneiro a xuño, o primeiro, e os de setembro a decembro, o segundo.

Artigo 3º.-Programacións ofertadas na RGTA.

En cada un dos períodos de programación, o IGAEM poderá ofertar, ben todas ou ben algunha das programacións seguintes: programación de adultos (PA), programación infantil (PI) e maxia (MA).

Os teatros e auditorios integrantes na actualidade da RGTA poderán participar nas diferentes programacións e períodos de programación consonte coas súas preferencias, ben que deberán estar suxeitas ao cumprimento dos compromisos de programación recollidos nos artigos 4.1º e 5.1º da resolución do IGAEM do 21 de novembro de 2006, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da RGTA (DOG nº 231, do 30 de novembro).

Artigo 4º.-Contratación.

Os espazos escénicos das entidades integrantes da RGTA, de conformidade co disposto nos artigos anteriores, deberán cumprir cos requisitos que se establecen a seguir:

1. As entidades titulares de teatros, auditorios e demais espazos escénicos deberán realizar as súas propostas de programación sobre a base dos catálogos de espectáculos habilitados polo IGAEM para cada programación e, deben ter liquidadas e satisfeitas en todo caso as obrigas contraídas coas compañías programadas durante o mesmo semestre do ano inmediatamente anterior. As propostas de programación detallarán as datas e os horarios de exhibición dos espectáculos. Non se admitirán funcións en horario escolar, salvo no caso de segundas e terceiras funcións.

2. As propostas de programación presentadas deberán comprometerse a programar o seguinte número mínimo de espectáculos:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

3. No caso de teatros e auditorios de titularidade pública, o 80% da programación deberá corresponder a espectáculos en lingua galega. No caso de teatros e auditorios de titularidade privada, o 100% da programación deberá corresponder a espectáculos en lingua galega.

4. A aceptación das propostas de programación estará suxeita ao cumprimento dos seguintes limiares mínimos de contratación por cada un dos espectáculos propostos:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

Cando un espectáculo non acade o límite mínimo de contratación, deberá ser substituído por calquera outro, por proposta da entidade titular do espazo escénico.

Os espectáculos de danza e música de cámara quedarán exentos do cumprimento dos limiares mínimos de contratación.

Artigo 5º.-Condicións económicas.

1. O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais cofinanciará as programacións propostas polas entidades titulares de teatros e auditorios de conformidade coas súas dispoñibilidades orzamentarias. Cando non sexa posible atender as propostas na súa totalidade, utilizaranse como criterios de selección os datos de asistencia de públicos correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior.

2. O cofinanciamento das programacións dos teatros e auditorios de titularidade privada será do 25% da cotización de cada espectáculo, no suposto de funcións únicas, e do 35% da cotización de cada espectáculo, no suposto de realización de máis dunha función consecutiva ou de funcións de danza e música de cámara. Nestes espazos, o compromiso de programación quedará fixado en 14 funcións para a rede A e 8 funcións para a rede B.

3. No caso das programacións dos teatros e auditorios de titularidade pública, o cofinanciamento realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Localidades de menos de 30.000 habitantes:

IGAEM: 50%.

Salas: 50%.

-Localidades de máis de 30.000 habitantes:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

4. O cofinanciamento das funcións de danza e música de cámara dos teatros e auditorios de titularidade pública realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

-No caso de única función:

IGAEM: 70%.

Salas: 30%.

-No caso de dúas funcións:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

5. O cofinanciaciamento das programacións dos teatros e auditorios de titularidade pública, no suposto de funcións múltiples, realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

Nos pagamentos por recadación da venda de localidades non se contabilizarán as invitacións e os descontos no prezo da entrada aplicados pola entidade titular do teatro ou auditorio, que correrán por conta desta.

6. As funcións incluídas nas programacións da RGTA deberán ser de libre acceso para todos os interesados, despois do aboamento do importe da entrada, cos seguintes prezos mínimos:

Ver referencia pdf "05900D002P008.PDF"

As entidades titulares dos teatros e auditorios da Rede Galega de Teatros e Auditorios poderán establecer descontos de até un 50% como máximo do prezo da entrada para estudantes, persoas da terceira idade e menores de 12 anos. Igualmente, poderán establecer promocións de até o 25% dos prezos por asistencia a un mínimo de 3 funcións por semestre. As restantes promocións que se pretendan aplicar deberán ser remitidas previamente ao IGAEM e aprobadas por este.

As entidades titulares dos teatros e auditorios da RGTA poderán emitir invitacións gratuítas de até un máximo do 10% da capacidade do teatro ou auditorio.

Artigo 6º.-Outras obrigas.

As entidades públicas e demais persoas xurídicas titulares dos espazos escénicos que na data de publicación desta resolución formasen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios estarán igualmente obrigadas a:

1. Poñer á disposición das compañías as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada, consonte co establecido nos artigos 4 e 5 da Resolución do 21 de novembro de 2006, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da rede.

2. A organización puntual de cada función, así como os gastos de difusión local e o pagamento dos dereitos de autor, corresponderanlle á entidade titular do teatro, auditorio ou espazo escénico respectivo. Na publicidade que se realice, a entidade deberá incluír o logotipo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

3. A entidade titular do teatro ou auditorio facilitaralle a folla de Renda de localidades á compañía titular do espectáculo ao remate deste e remitiralle a información sobre públicos e facturación en formato electrónico, conforme co procedemento establecido polo IGAEM, nun prazo non superior aos cinco días hábiles inmediatamente posteriores á celebración da actuación.

Artigo 7º.-Causas de exclusión como membro da RGTA.

En consonancia cos supostos recollidos no artigo 10.b) da Resolución do 21 de novembro de 2006, os membros da RGTA deixarán de pertencer a ela e consideraranse excluídos para todos os efectos, logo de resolución motivada da Xerencia do IGAEM, nos seguintes casos:

-Incumprimento das obrigas estipuladas nesta resolución.

-Inobservancia dos requisitos mínimos que deberán cumprir en todo caso os espazos escénicos integrados na RGTA.

-Incumprimento das condicións relativas aos instrumentos xurídicos que regulan as programacións, en particular no referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos espazos escénicos en que se desenvolve o espectáculo, do aboamento efectivo das cantidades consignadas no cadro de programación, do establecido en relación cos prezos mínimos ou das obrigas de entrega das certificacións da realización das funcións e da remisión electrónica da información sobre públicos e de facturación das compañías programadas.

Nestes casos, serán causas de resolución inmediata, con independencia das indemnizacións por danos e perdas que correspondan á súa exclusión, mediante resolución motivada da Xerencia do IGAEM, logo de informe emitido polo comité técnico.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a resolución do IGAEM do 15 de outubro de 2007 (DOG nº 210, do 30 de outubro), pola que se regula a normativa de funcionamento das programacións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios de cara ao exercicio 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, o IGAEM -persoalmente ou por mediación dos órganos consultivos da RGTA- terá a facultade de exercer as funcións de control, impulso, coordinación e seguimento das actividades que se programen e desenvolvan de conformidade co previsto nesta resolución, así como da xestión dos asuntos de interese común para a RGTA.

Para realizar estas funcións, poderanse artellar cantos medios estean á disposición tanto da xerencia deste instituto como dos departamentos correspondentes, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Segunda.

Facúltase o xerente do IGAEM para ditar as resolucións que sexan necesarias para a execución desta resolución e da normativa de desenvolvemento que derive.

Terceira.-Posibilidade de recurso.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso de alzada ante a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

Miguel A. Martín Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais