DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 27 de marzo de 2008 Páx. 5.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, quedou efectivamente constituída en virtude da publicación (DOG nº 222, do 16 de novembro de 2007) e simultánea entrada en vigor do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, que aproba os estatutos da devandita axencia.

Logo de tal constitución, cómpre proceder a establecer a estrutura orgánica da axencia e definir as funcións que corresponderán ás súas unidades administrativas, respectando as normas dos capítulos III e IV dos seus estatutos, aplicables respectivamente aos órganos directivos e ao persoal da axencia; así como as previsións da disposición adicional primeira do referido Decreto 213/2007, en canto que a Subdirección Xeral de Disciplina e Informes e os servizos provinciais de Protección do Litoral, adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, pasarán a depender da referida axencia coa dotación orzamentaria, de persoal, de medios e de material de que dispoñen.

Consecuentemente co exposto, e por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no exercicio das facultades que lle atribúe a disposición transitoria primeira do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística; logo de emitidos os informes das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer a estrutura orgánica e definir as funcións das unidades administrativas da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, seguindo o previsto pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como polos seus estatutos, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

Artigo 2º.-Órganos directivos.

1. En virtude do estipulado polo artigo 13 dos seus estatutos, os órganos directivos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística son:

a) O Consello Executivo

b) O/a director/a

2. A composición, funcións e réxime de funcionamento do Consello Executivo, así como o nomeamento do/da director/a e as funcións que lle corresponden, regúlanse polo previsto nas seccións II e III do capítulo III dos estatutos da axencia.

Artigo 3º.-Subdirección da axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Baixo dependencia directa da dirección da axencia existirá unha subdirección. Esta subdirección terá atribuídas con carácter xeral as funcións de asistencia ao/a director/a da axencia, así como as derivadas da coordinación, execución e desenvolvemento do Plan de Inspección Urbanística. Así mesmo substituirá o/a director/a da axencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 4º.-Unidades administrativas centrais.

1. Servizo de Administración e Xestión. Dependerá directamente do/da director/a da axencia e corresponderanlle as seguintes funcións:

-Elaboración do anteproxecto de orzamentos da axencia, así como o seguimento, control e coordinación da execución económico-orzamentaria.

-Organización, coordinación, supervisión e control da xestión administrativa e do patrimonio adscrito á axencia, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos ou unidades administrativas.

-Xestión dos expedientes de contratación e adquisición de bens e servizos promovidos pola dirección da axencia.

-Planificación, proposta de actuacións, supervisión e control dos sistemas e tecnoloxías da información.

-Organización do rexistro de entrada e saída de documentos e dos aspectos que atinxen o réxime interior.

-Ordenación e xestión económica e administrativa dos asuntos relacionados co persoal da axencia, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a departamentos da Xunta de Galicia.

-Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia nas materias propias da súa competencia.

-En xeral, canto asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

2. Dependendo da subdirección da axencia existirán as seguintes unidades administrativas:

a) Servizos de Inspección Urbanística. Serán tres e terán os seguintes ámbitos territoriais de actuación:

-Servizo de Inspección Urbanística I: provincia da Coruña.

-Servizo de Inspección Urbanística II: provincia de Pontevedra.

-Servizo de Inspección Urbanística III: provincias de Lugo e Ourense.

A estes servizos corresponderanlles as funcións de:

-Incoación e instrución dos procedementos en materia de disciplina urbanística, segundo o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. A función de instrución tamén será exercida polos inspectores urbanísticos.

-Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia en materia de disciplina urbanística.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

b) Servizo de Inspección do Litoral. A este servizo corresponderanlle as funcións de:

-Incoación e instrución dos procedementos sancionadores e de reposición da legalidade, segundo o disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas. A función de instrución tamén será exercida polos inspectores urbanísticos.

-Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia en materia de costas.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

c) Servizo Técnico. A este servizo corresponderanlle as funcións de:

-Análise e elaboración de proxectos técnicos.

-Dirección facultativa de obras.

-Cartografía.

-Emisión de informes técnicos e periciais.

-Valoración económica de obras.

-Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia nas materias propias da súa competencia.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

d) Servizo de Ditames e Informes. A este servizo corresponderanlle as funcións de:

-Tramitación de recursos administrativos.

-Elaboración de ditames e informes xurídicos.

-Recompilación de xurisprudencia.

-Asesoramento e asistencia aos órganos directivos da axencia nas materias propias da súa competencia.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

Artigo 5º.-Unidades administrativas provinciais.

1. En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia existirá un servizo provincial.

2. A cada servizo provincial corresponderanlle as funcións de:

-Inspección e vixilancia sobre os actos de edificación e uso do solo.

-Levantamento de actas de inspección.

-Denuncia e investigación de posibles infraccións en materia de urbanismo ou de costas.

-Execución das ordes de precintaxe de obras.

-Información aos particulares.

-Tramitación de procedementos de autorización na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

-En xeral, canto asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da axencia.

Disposicións adicionais.

Primeira.-Os postos de traballo comprendidos na relación de postos de traballo da Subdirección Xeral de Disciplina e Informes da Dirección Xeral de Urbanismo, así como nos servizos provinciais de Protección do Litoral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o persoal funcionario que na data de constitución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística os ocupase con carácter definitivo, integraranse na axencia, tendo dereito a manter a mesma situación administrativa, antigüidade e grao.

O establecido no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das particularidades que deriven da integración dos funcionarios e funcionarias nas escalas de inspección e subinspección urbanísticas, que se rexerá polo establecido na correspondente norma de integración.

Segunda.-Os postos de traballo correspondentes a servizos da Subdirección Xeral de Disciplina e Informes e a servizos provinciais de Protección do Litoral que non se integren na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, adscribiranse provisionalmente á Dirección Xeral de Urbanismo ou ás delegacións provinciais mediante resolución da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo de proposta da secretaría xeral, e ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo da devandita consellería.

Terceira.-Facúltase o Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para ditar as normas e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Cuarta.-En virtude do previsto polo artigo 15, letra i) dos estatutos da axencia, o seu Consello Executivo procederá a elaborar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Quinta.-As facultades e funcións do Consello Executivo indicadas nas anteriores disposicións adicionais, e ata que se constitúa o dito consello, corresponderanlle, en virtude do previsto pola disposición transitoria primeira do Decreto 213/2007, á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a este decreto e, en particular, as seguintes:

a) O número 4 do artigo 6, o número 2 do artigo 7 e o número 4 do artigo 14 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

b) O número 1 do artigo 7 e o artigo 15 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes