DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 18 de marzo de 2008 Páx. 4.662

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de marzo de 2008 pola que se regula o acceso e a admisión ás ensinanzas superiores de deseño.

O Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, establece os estudos superiores de deseño, a proba de acceso e os aspectos básicos do currículo deses estudos. En desenvolvemento desta norma básica, o Decreto 233/2005, do 14 de xullo, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia o currículo dos estudos superiores de deseño e regula, no seu artigo 15.2º, o acceso ás ditas ensinanzas.

Pola súa parte, o Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, establece na súa disposición adicional novena que a admisión do alumnado nos centros que imparten ensinanzas de réxime especial se rexerá pola súa normativa específica.

Tendo en conta o novo marco normativo e a experiencia acumulada ao longo dos cursos precedentes, procede regulamentar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o acceso ás ensinanzas superiores de deseño.

Na disposición derradeira segunda do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas cumpriren para a aplicación e a interpretación do disposto neste decreto.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

I. Finalidade e destinatarios.

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación aos procesos de acceso e admisión do alumnado que desexe cursar os estudos superiores de deseño nos centros oficiais dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos centros autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Convocatoria da proba de acceso.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba de acceso específica aos estudos superiores de deseño con destino a aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo ás ensinanzas superiores de deseño.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ao ano, unha proba de madureza aos estudos superiores de deseño, á cal soamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan presentarse á proba específica de acceso a estes estudos.

II. Acceso e admisión.

Artigo 3º.-Acceso directo.

Poderán acceder directamente a estes estudos os que:

a) Estean en posesión dalgún dos títulos de técnico superior en artes plásticas e deseño, ou outros declarados equivalentes, segundo o establecido no artigo 2 do Real decreto 1033/1999, do 18 de xuño.

b) Estean en posesión de determinados títulos de técnico superior de formación profesional específica, ou equivalentes, que o Ministerio de Educación e Ciencia estableza de acordo co previsto no artigo 8.2º do Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro.

Artigo 4º.-Acceso mediante proba específica.

De acordo co establecido no artigo 57.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para o acceso aos estudos superiores de deseño requirirase estar en posesión do título de bacharel, ou titulación declarada equivalente, e superar a proba de acceso regulada no artigo 12.1º.1 do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, na cal se valorará a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos.

Artigo 5º.-Acceso mediante proba de madureza e proba específica.

Poderán acceder a estes estudos as persoas maiores de dezanove anos que, sen posuír o título de bacharel nin outro declarado equivalente, superen a proba de madureza prevista no artigo 12.1º.2 do Decreto 233/2005, do 14 de xullo. As persoas que superen esta primeira proba deberán superar a proba específica que figura no artigo anterior.

Artigo 6º.-Distribución da oferta de prazas.

1. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse trinta prazas por cada especialidade de estudos superiores de deseño e, atendendo ao disposto no artigo 9 do Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, teranse en conta as seguintes reservas:

a) Para os aspirantes que accedan segundo o establecido no artigo 3º letra a) desta orde, reservaranse oito prazas.

b) Para os aspirantes que accedan segundo o establecido no artigo 3º letra b) desta orde, reservaranse tres prazas.

c) Para os aspirantes que accedan segundo o establecido no artigo 4º desta orde, reservaranse dezaseis prazas.

d) Para os aspirantes que accedan segundo o establecido no artigo 5º desta orde, reservaranse tres prazas.

2. As prazas que non quedasen cubertas, segundo as indicacións anteriores, incrementarán as restantes na orde que se reflicte nos seguintes puntos:

1º No caso de non quedaren cubertas as prazas das alíneas a), b) e d), estas incrementarán a reserva c).

2º No caso de non quedaren cubertas as prazas da alínea b), estas incrementarán a reserva a).

3º No caso de non quedaren cubertas as prazas das alíneas a) e c), estas incrementarán a reserva b).

4º No caso de non quedaren cubertas as prazas das alíneas a), b) e c), estas incrementarán a reserva d).

III. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión.

Artigo 7º.-Tribunais avaliadores.

1. Para o desenvolvemento e avaliación das probas, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais nomeará en cada escola, e por proposta da súa dirección, un tribunal avaliador que estará integrado por un/unha presidente/a e catro vogais.

2. Os membros dos ditos tribunais serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de artes plásticas e deseño.

3. Os tribunais poderán incorporar os asesores/as que consideren necesarios en función das características da proba e o número de persoas inscritas. Estes asesores serán nomeados pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do presidente do tribunal.

Artigo 8º.-Comisión Autonómica de Escolarización.

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá constituír unha comisión autonómica de escolarización para resolver sobre as solicitudes que non obtiveron praza nas escolas de arte e superiores de deseño.

2. A Comisión Autonómica de Escolarización estará formada por:

a) O/A subdirector/a xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, que actuará como presidente.

b) Os/As directores/as das catro escolas de arte e superiores de deseño.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

3. As funcións da Comisión Autonómica de Escolarización serán as seguintes:

a) Informar das prazas existentes para este tipo de ensinanzas nas escolas de arte e superiores de deseño.

b) Resolver sobre as solicitudes non atendidas polas escolas, solicitadas en primeiro lugar.

c) Supervisar o proceso de admisión de alumnado e o cumprimento das normas que o regulan propoñendo, se é o caso, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a adopción das medidas que consideren adecuadas.

4. No caso de que non se constitúa a Comisión Autonómica de Escolarización, as súas funcións serán asumidas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

5. Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

IV. Estrutura e cualificación das probas.

Artigo 9º.-Proba de acceso para o alumnado con requisitos académicos.

A proba de acceso específica para os estudos superiores de deseño será elaborada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, e constará da seguinte estrutura:

a) Primeiro exercicio.

Versará sobre as seguintes materias: lingua galega; lingua castelá e literatura; historia; matemáticas; física e química e lingua estranxeira. Os contidos e os niveis das probas referiranse aos de bacharelato.

O tribunal proporá catro cuestións por cada unha destas materias. Cada aspirante desenvolverá por escrito unha cuestión de cada unha das tres materias elixidas. O tempo máximo para contestar a cada unha das materias será de sesenta minutos.

Neste primeiro exercicio valoraranse tanto os coñecementos propios do bacharelato coma o grao de madureza canto á comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

b) Segundo exercicio.

O segundo exercicio constará de dúas partes:

a) A primeira parte, cunha duración máxima de cinco horas, consistirá na realización dun exercicio de representación dun modelo tridimensional mediante a aplicación de técnicas e de linguaxes propias do debuxo artístico e a representación do mesmo modelo, ou doutro diferente, nun sistema propio das linguaxes de representación técnica. Nesta proba valorarase a fidelidade tanto artística coma técnica da representación, así como as aptitudes creativas, as habilidades, as destrezas, a sensibilidade artística demostrada na realización do exercicio, os coñecementos, a comprensión técnica, a capacidade para crear e resolver problemas, a calidade e precisión no acabamento do traballo e a correcta utilización das técnicas empregadas.

b) A segunda parte, cunha duración máxima dunha hora, consistirá na realización dun exercicio compositivo en cor realizado con técnica libre, baseado na libre interpretación do modelo proposto. Nesta proba valoraranse as aptitudes creativas, as habilidades, as destrezas, a imaxinación e a sensibilidade artística demostrada na realización do exercicio, os coñecementos e a capacidade para crear e resolver problemas compositivos, a calidade estética e a precisión no acabamento do traballo, así como a correcta selección e utilización das técnicas e dos procedementos artísticos empregados.

Artigo 10º.-Cualificación da proba de acceso específica.

1. A cualificación do primeiro exercicio expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais. Cómpre obter unha cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

2. Así mesmo, a cualificación global do segundo exercicio expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais. Cumprirá obter unha cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

3. A cualificación final da proba de acceso, que se calculará só no caso de ter superado cada un dos exercicios, resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos dous exercicios superados: valorando o primeiro exercicio nun 40 por cento e o segundo exercicio nun 60 por cento. A dita cualificación final expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais.

4. Unha vez superada a proba de acceso e se a cualificación obtida non fose suficiente para a obtención da correspondente praza, o aspirante poderá volver a realizar a proba de acceso en sucesivas convocatorias co fin de mellorar a dita cualificación.

5. O aspirante disporá dun límite de catro convocatorias para a superación da proba de acceso.

Artigo 11º.-Proba de acceso para o alumnado que non reúna os requisitos académicos.

1. Poderán acceder a estes estudos as persoas maiores de dezanove anos que sen posuír o título de bacharel, nin outro declarado equivalente, superen a correspondente proba de madureza, co fin de demostrar que posúen os coñecementos propios da etapa educativa do bacharelato, así como a proba específica de acceso regulada nos artigos 9º e 10º.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organizará anualmente a proba de madureza de acordo co establecido no artigo 12.1º do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, e regulará as datas da súa realización.

V. Inscrición e desenvolvemento das probas.

Artigo 12º.-Inscrición.

1. A inscrición para realizar as probas de acceso ás ensinanzas superiores de deseño farase na Secretaría das escolas de arte e superiores de deseño nos prazos que se determinen na correspondente convocatoria anual.

2. Para a inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas superiores de deseño, os aspirantes cubrirán o modelo de solicitude que se xuntará con cada convocatoria.

Artigo 13º.-Condicións da convocatoria.

1. En cada convocatoria, as correspondentes probas para o acceso a estas ensinanzas realizaranas todos os aspirantes afectados nas mesmas datas e ás mesmas horas.

2. En cada convocatoria, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais determinará os centros públicos da comunidade en que se realizarán as probas.

Artigo 14º.-Elaboración e cualificación da proba.

1. As probas e os seus criterios de avaliación serán elaborados pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

2. O tribunal avaliador cubrirá unha acta segundo o modelo que figura no anexo I que se xunta a esta orde, que quedará arquivada no centro onde se realicen as probas, e remitirá unha copia compulsada ao Servizo Provincial de Inspección Educativa da correspondente delegación provincial.

Artigo 15º.-Acreditación.

A superación da proba de acceso acreditarase mediante unha certificación expedida pola Secretaría do centro en que se realizou, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na Secretaría do centro en que realizou a proba.

VI. Reclamacións e recursos.

Artigo 16º.-Reclamacións.

Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polos tribunais avaliadores, así como as decisións das comisións autonómicas de escolarización ou do Servizo Provincial de Inspección Educativa, se é o caso, poderán ser obxecto de reclamación, perante o mesmo órgano, no prazo de cinco días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

Artigo 17º.-Recursos.

1. As resolucións das reclamacións presentadas poderán ser obxecto de recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o delegado/a provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. As resolucións da Comisión Autonómica de Escolarización serán impugnables mediante recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e no prazo dun mes. No caso previsto no artigo 8.4º desta orde, o recurso de alzada presentarase no prazo dun mes perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O recurso de alzada poderá interpoñerse perante o órgano que ditou o acto que se impugna ou perante o órgano competente para resolver. Se o recurso se presentase perante o órgano que ditou o acto impugnado, este deberá remitilo ao competente para resolvelo no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. Contra a resolución do recurso de alzada os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "05500D001P006.PDF"

Acta de avaliación das probas de acceso aos estudos superiores de deseño

(Orde do 6 de marzo de 2008)