DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 14 de marzo de 2008 Páx. 4.496

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 2291/1985, do 8 de novembro, aprobou o Regulamento de aparellos de elevación e manutención, que establece os requisitos mínimos que debían cumprir as empresas dedicadas a instalar e manter os aparellos elevadores, así como as obrigacións que adquiren en relación cos aparellos que terán contratados.

Posteriormente, a ITC MIE AEM-1, aprobada pola Orde do 23 de setembro de 1987, estableceu no seu número 16.3.3 que todos os ascensores deberán ser mantidos en bo estado de funcionamento por unha empresa legalmente autorizada que dispoña dun certificado de conservador. Regulaméntanse así mesmo os requisitos mínimos que deben cumprir as empresas para obter o antedito certificado.

Baseándose no establecido na antedita ITC MIE AEM-1, o Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial (DOG nº 129, do 6 de xullo), regula na sección cuarta, subsección primeira, a actuación dun tipo de empresa denominado instaladora-conservadora de aparellos elevadores no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1314/1997, do 1 de agosto, polo que se ditan as disposicións de aplicación da Directiva do Parlamento Europeo e do Consello 95/16/CE, sobre ascensores (BOE nº 234, do 30 de setembro), que entrou en vigor con carácter obrigatorio o 1 de xullo de 1999, na súa disposición derrogatoria única deixou sen efecto a partir do 30 de xuño de 1999 as seguintes disposicións:

1. Regulamento de aparellos de elevación e manutención, aprobado polo Real decreto 2291/1985, do 8 de novembro, agás os seus artigos 10, 11, 12, 13, 14, 15, 19 e 23.

2. A Instrución técnica complementaria MIE-AEM 1 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, aprobada pola Orde do 23 de setembro de 1987 e modificada pola Orde do 12 de setembro de 1991, con excepción dos preceptos da devandita ITC a que se remiten os artigos do regulamento que seguen vixentes.

No citado Real decreto 1314/1997 establécese que a partir do 1 de xullo de 1999 a instalación de ascensores pode ser realizada por calquera persoa física ou xurídica que asuma a responsabilidade do deseño, fabricación, instalación e comercialización do ascensor, que coloque a marca CE e que, así mesmo, estenda a declaración CE de conformidade.

Na práctica todo iso supón a desaparición da figura das empresas instaladoras de ascensores, o que sen dúbida afecta a da empresa instaladora-conservadora establecida no antedito Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial. Como consecuencia disto, cómpre regular os requisitos mínimos e a actividade das empresas mantedoras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante este decreto regulaméntase a autorización e os medios mínimos necesarios para que as empresas mantedoras de ascensores poidan desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda o Real decreto 57/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establecen as prescricións para o incremento da seguridade do parque de ascensores existente (BOE número 30, do 4 de febreiro), no seu artigo primeiro, establece que os ascensores postos en servizo con anterioridade á entrada en vigor do antedito Real decreto 1314/1997, do 1 de agosto, deberán cumprir ademais das condicións técnicas da regulamentación en vigor cando foron autorizados, as que figuran no seu anexo.

No punto 10 deste anexo establécese a necesidade de que na cabina dos ascensores sexa instalado un sistema de comunicación bidireccional que permita unha comunicación permanente cun servizo de intervención rápida en edificios de ocupación diaria temporal (edificios públicos ou de oficinas), estacional ou vivendas de baixa ocupación e outras situacións que determine o órgano competente da comunidade autónoma.

Neste decreto desenvólvese a antedita prescrición, definindo os límites do que debe ser entendido por vivendas de ocupación diaria temporal, estacional ou baixa ocupación, así como as situacións en que en todo caso debe ser instalado o referido sistema de comunicación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, conforme co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Autorización de empresas mantedoras de ascensores.

1. As empresas que desexen obter a autorización como empresas mantedoras de ascensores, a que se refiren os artigos 10 e seguintes do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, aprobado polo Real decreto 2291/1985, do 8 de novembro, deberán acreditar que, na provincia en que desexen obter a autorización, dispoñen como mínimo dos seguintes medios:

Medios humanos:

a) Unha persoa técnica titulada, enxeñeira/o superior o técnica/o, que será o responsable técnico da empresa.

b) Unha persoa operaria cualificada por cada setenta e cinco aparellos que se manteñan no ano ou fracción, cun mínimo de dous. Este persoal deberá dispor como mínimo de formación profesional de grao medio ou equivalente nunha especialidade axeitada á actividade, ou deberán acreditar tres anos de experiencia no sector como oficial.

O antedito persoal deberá estar contratado en xornada laboral completa, debéndose acreditar esta circunstancia cos correspondentes documentos de alta e cotización na Seguridade Social.

Medios materiais:

a) Un local con teléfono, repostos e demais medios necesarios para atender eficazmente o seu traballo. Estes medios deberán estar inscritos no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

b) Unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento e no ámbito territorial das súas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento da actividade profesional da empresa. A contía mínima será de cincocentos trinta e seis mil euros (536.000 €) por sinistro e ademais cincocentos trinta e seis mil euros (536.000 €) por cada víctima que se poida producir, e deberá ser actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

2. As empresas autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia que desexen exercer a súa actividade no ámbito territorial doutras provincias da comunidade diferentes a aquela en que acadou a súa autorización como empresa conservadora, deberán acreditar ante cada delegación provincial competente en materia de industria que conta cos seguintes medios:

a) Medios humanos: un cadro de persoal na provincia cun mínimo dunha persoa operaria cualificado por cada setenta e cinco aparellos que se manteñan no ano ou fracción. Este persoal deberá dispor como mínimo de formación profesional de grao medio ou equivalente nunha especialidade axeitada á actividade, ou tres anos de experiencia no sector como oficial.

O antedito persoal deberá estar contratado en xornada laboral completa, debéndose acreditar esta circunstancia cos correspondentes documentos de alta e cotización na Seguridade Social.

b) Medios materiais: un local con teléfono, repostos e demais medios necesarios para atender eficazmente o seu traballo. Estes medios deberán estar inscritos no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

3. A consellería competente en materia de industria regulamentará mediante orde o procedemento para autorizar as empresas mantedoras de ascensores e o modo de xustificar os medios de que dispoña.

Artigo 2º.-Empresas autorizadas noutras Comunidades Autónomas.

As empresas autorizadas como mantedoras de ascensores noutras comunidades autónomas que desexen exercer a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia deberán acreditar ante a delegación provincial competente en materia de industria en que se pretende exercer a actividade por primeira vez, o cumprimento na dita provincia dos requisitos establecidos no número 1 do artigo precedente.

Para o exercicio da actividade no resto de provincias da comunidade deberán acreditar perante a correspondente delegación provincial en que se desexa exercer a actividade o cumprimento nesta provincia dos requisitos establecidos no número 2 do artigo precedente.

Artigo 3º.-Renovación das autorizacións.

1. Conforme o establecido no artigo 10.3 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, as autorizacións concedidas ás empresas para realizar labores de mantemento de ascensores terán unha vixencia dun ano contado desde a data en que se resolva a solicitude.

Durante a vixencia desta autorización as empresas mantedoras deberán cumprir os requisitos exixidos para a súa autorización.

O incumprimento dos requisitos dará lugar á cancelación da autorización, logo de levar a cabo o trámite de audiencia ao interesado a que se refire o artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Para a renovación ou prórroga da autorización, as empresas deberán acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos para a autorización.

3. As empresas conservadoras de ascensores deberán facilitar en todo momento a inspección e a documentación que poidan requirir os órganos competentes da Administración pública, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos de autorización.

Artigo 4º.-Obrigas das empresas, revisión e reparación de ascensores.

As empresas mantedoras, ademais do que especifiquen as ITC e do establecido no artigo 11 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, adquirirán as seguintes obrigas en relación cos aparellos dos cales teñan contratado o mantemento:

1. A de informar por petición da delegación provincial competente en materia de industria sobre as características técnicas e demais datos relativos aos ascensores que manteñan.

2. A de informar á delegación competente en materia de industria sobre os aparellos en que aprecien risco de accidente ou non se sometesen no seu prazo á correspondente inspección periódica. No caso en que se apreciase que a seguridade do ascensor non se encontraba o suficientemente garantida procederá á inmediata paralización deste, dando conta diso á delegación provincial.

3. A de colaborar cos organismos de control autorizados e co persoal técnico da delegación provincial competente en materia de industria na realización das inspeccións, periódicas ou non, cando fosen requiridas para iso.

4. A de confeccionar orzamentos suficientemente pormenorizados no caso de que fose necesario reparar ou substituír elementos do ascensor que non ofrezan as debidas garantías para o seu funcionamento ou adaptalo a novos requirimentos da normativa de seguridade.

Artigo 5º.-Libre elección da empresa mantedora.

1. A persoa titular do ascensor, poderá optar libremente por que as reparacións ou modificacións precisas sexan levadas a cabo pola empresa mantedora ou por calquera outra empresa que se encontre autorizada como mantedora e rexistrada para actuar na provincia correspondente, sen prexuízo das exixencias mínimas para realizar as reformas de importancia de ascensores recollidas no artigo segundo do citado Real decreto 57/2005.

2. Para os efectos de garantir o dereito da persoa titular do aparello elevador a escoller con total liberdade a empresa mantedora que estime oportuna, os contratos de mantemento que se subscriban entre ambos os dous deberán ter un prazo de duración que non exceda dun ano, e o seu contido material axustarase en todo caso ao disposto na normativa vixente en materia de defensa de consumidores e usuarios.

A persoa titular poderá exercer o seu dereito a resolver o contrato na mesma forma en que o subscribiu, sen ningún tipo de sanción ou de cargas onerosas ou desproporcionadas, como a perda das cantidades aboadas por adiantado, o aboamento de cantidades por servizos non prestados efectivamente, a execución unilateral das cláusulas penais que se fixasen contractualmente ou a fixación de indemnizacións que non se correspondan cos danos efectivamente causados.

Artigo 6º.-Tramitación das reparacións ou modificacións dos ascensores.

A empresa que realice a reparación deberá documentar por escrito o alcance dos traballos que se van realizar, debendo poñelo antes do comezo dos traballos á disposición do titular do ascensor, da empresa que realiza o mantemento periódico, e se así fose requirido por esta, da Administración competente en materia de industria.

Neste informe deberá figurar o período en que se realizarán os traballos, sendo a empresa que realiza a reparación responsable do servizo de mantemento, atención de avisos, rescates e accidentes, durante ese tempo. Finalizados os traballos, a empresa deberá certificar que todos estes realizaron conforme a regulación de aplicación ao ascensor, facendo constar, de ser o caso, as modificacións respecto ao alcance dos traballos proxectados inicialmente.

Artigo 7º.-Obrigatoriedade de instalación dun sistema de comunicación bidireccional.

Para os efectos do establecido no número 10 do anexo do Real decreto 57/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establecen as prescricións para o incremento da seguridade do parque de ascensores existente, deberán instalar un sistema de comunicación bidireccional os ascensores instalados en edificios que cumpran algunha das seguintes condicións:

1. Que se trate de edificios de ocupación diaria temporal, entendendo así aqueles que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Os ocupados totalmente por algunha das distintas administracións (estatal, autonómica, local ou institucional).

b) Os destinados na súa totalidade a oficinas, despachos profesionais ou outros centros de traballo.

c) Os destinados a actividades culturais ou recreativas, como salas de concertos, teatros, cinematógrafos, congresos, exposicións e outros destinos similares.

d) Os destinados na súa totalidade a hoteis, hostais, pensións, residencias, establecementos sanitarios, centros de ensino ou outros establecementos públicos similares.

2. Que se trate de edificios de ocupación estacional ou de baixa ocupación, tendo tal consideración todos os edificios salvo aqueles en que máis das dúas terceiras partes de vivendas e locais que o compoñen se encontren habitados de maneira habitual durante todo o ano.

Para xustificar esta ocupación, a persoa titular deberá presentarlles, ao organismo de control que realiza a inspección periódica e á empresa mantedora do ascensor declaración en que se manifeste que o grao de ocupación dos locais e vivendas do edificio supera o límite establecido no parágrafo precedente. No caso de tratarse dunha comunidade de propietarios presentarase copia da acta da xunta da comunidade, na que por acordo desta se manifeste que o grao de ocupación dos locais e vivendas do edificio supera o límite establecido no parágrafo precedente. No caso de producirse calquera cambio no grao de ocupación, a persoa titular ou a xunta da comunidade deberá comunicar os acordos sobre a nova situación.

Para realizar o cálculo do grao de ocupación non se deberán considerar como locais habitados de maneira habitual as oficinas, consultas médicas ou despachos profesionais ou locais de análoga concorrencia.

3. Que teñan cinco niveis ou menos servidos polo ascensor ou que, aínda tendo mais de cinco niveis servidos, o ascensor dea servizo a menos de 10 vivendas habitadas de maneira habitual.

4. Non se considerarán incluídos nalgún dos números anteriores aqueles ascensores en que se acredite que dispoñen de persoal de atención permanente as persoas usuarias en quendas sucesivas e ininterrompidas durante as 24.00 horas do día, cun lugar fixo de control e dotado de comunicación interna entre o dito posto de control e o ascensor.

O persoal do posto de control, unha vez recibida unha comunicación do usuario do ascensor que indique que quedou encerrado neste, porao de inmediato en coñecemento da empresa mantedora para a súa intervención rápida.

Disposición transitoria

As empresas conservadoras existentes con anterioridade á publicación deste decreto dispoñen dun prazo de seis meses, a partir da súa entrada en vigor, para acreditar o cumprimento dos requisitos necesarios para que a súa autorización sexa mantida; noutro caso, cancelarase de oficio a referida autorización.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a subsección primeira da sección cuarta do capítulo II do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase á persoa titular da consellería competente en materia de industria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda: este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernado Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA