DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 13 de marzo de 2008 Páx. 4.392

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 42/2008, do 28 de febreiro, de creación do Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia e autorización das empresas instaladoras.

O artigo 30.I.2 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á comunidade autónoma as competencias exclusivas en materia de industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

A normativa autonómica existente na materia de instalacións interiores de subministración de auga esta constituída principalmente polo previsto na sección segunda do capítulo 2 do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial, e na Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial. As devanditas disposicións autonómicas desenvolven as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga, aprobadas pola Orde do 9 de decembro de 1975.

Pola súa banda a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, relaciona as instalacións interiores de subministración de auga no seu anexo I, que corresponden aos establecementos e instalacións industriais liberalizadas sometidas a comunicación.

O Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, aproba o código técnico da edificación e derroga a antedita Orde do 9 de decembro de 1975. Segundo a súa disposición derradeira primeira, o real decreto ten carácter básico, e dítase ao abeiro das competencias atribuídas ao Estado nos artigos 149.1.16º, 23º e 25º.

Cómpre, polo tanto, adaptar o establecido na normativa de desenvolvemento autonómica ao disposto no código técnico da edificación, que constitúe neste momento a norma básica en relación coas instalacións interiores de subministración de auga, co fin de que se manteñan as súas condicións e garantías mínimas, así como a cualificación do persoal técnico e das empresas que levan a cabo a súa execución. Estas medidas deben contribuír ao mantemento das condicións xerais das instalacións e á maior eficacia no emprego dos aparellos para o consumo de auga.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, conforme o ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga no Ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o establecemento dos requisitos que deberán cumprir as empresas que efectúen as ditas instalacións.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás instalacións interiores de auga, ás que se refire o código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

Artigo 3º.-Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia.

Conforme o previsto no artigo 5 c) da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, créase o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministro de Auga de Galicia, que dependerá organicamente da consellería competente en materia de industria. A súa organización e funcionamento será regulamentado mediante orde.

As instalacións as que se refire este decreto deberán ser inscritas no rexistro antes da súa posta en servizo seguindo o procedemento que se regule para o efecto. As entidades abastecedoras de auga non poderán dar servizo ás instalacións obxecto deste decreto, sen que se xustifique a súa inscrición.

Artigo 4º.-Inspección e control de instalacións.

A inspección e control das instalacións interiores de auga será realizada mediante os plans e programas de inspección regulamentados na Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, sen prexuízo de calquera outro tipo de inspeccións previstas na citada lei.

Artigo 5º.-Empresas e persoas dotadas do carné de instalador autorizado.

As instalacións interiores de subministración de auga serán executadas e mantidas por empresas instaladoras autorizadas, que deberán dispoñer de polo menos unha persoa dotada do carné de instalador autorizado para realizar ese labor.

A consellería competente en materia de industria regulamentará mediante orde os requisitos para a obtención do carne de instalador, os das empresas instaladoras autorizadas así como a inscrición deles no correspondente rexistro.

Artigo 6º.-Infraccións e sancións.

O incumprimento do contido nesta disposición, das normas que a desenvolvan e as aplicables ás instalacións obxecto deste decreto, poderá dar lugar ás sancións que no seu caso correspondan, de conformidade co disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia. As sancións serán impostas logo da instrución do oportuno expediente, tramitado conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, ou na norma que o substitúa.

Disposición transitoria

Mentres non se aproben as ordes as que se refiren os artigos 3º e 5º deste decreto, as instalacións continuarán inscribíndose e as empresas autorizándose de acordo cos procedementos administrativos existentes.

Os carnés de instalador de fontanaría e documentos de autorización de empresa, expedidos de acordo coas normas existentes, seguirán sendo válidos en canto non se regule novamente a súa expedición.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a sección segunda do capítulo II do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de industria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria