DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Mércores, 12 de marzo de 2008 Páx. 4.254

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 6 de marzo de 2008 pola que se regula a revisión das tarifas de servizos públicos regulares permanentes de transporte de viaxeiros de uso xeral por estrada e de estacións de autobuses, de competencia da Xunta de Galicia.

As ordes desta consellería do 4 de abril de 2002 e do 30 de setembro de 2004, estableceron un novo sistema para a actualización de tarifas de servizos regulares permanentes de transporte de viaxeiros de uso xeral vinculado ao IPC xeral, introducindo un factor de ponderación en función do número de viaxeiros transportados que garanta o mantemento da ecuación reflectida nos estudos económicos da concesión.

Se ben as indicadas disposicións estableceron un sistema perdurable no tempo, a práctica operada desde entón, así como a dispoñibilidade de novos elementos tecnolóxicos, aconsellan ditar unha nova norma que, unificando a regulación referente á revisión de tarifas nun só texto, simplifique e clarifique o sistema tarifario.

Polo tanto, estímase oportuno prever un novo procedemento, de progresiva implantación, no que pase a ser a administración de transportes a que por medios informáticos les facilite ás empresas concesionarias os cadros de tarifas que correspondan a cada concesión, que aquelas poidan verificar e presentar finalmente para a súa aprobación administrativa.

Na liña de introdución de melloras progresivas na rede de transporte público, prevese que nos cadros de tarifas deben figurar a totalidade de paradas autorizadas para unha mellor información ao usuario, e habilítase a introdución de políticas tarifarias bonificadas nas áreas de transporte metropolitano e, mesmo, no resto do territorio.

Igualmente, con afán de clarificación e simplificación, cómpre eliminar conceptos que se veñen cobrando como suplementos cando, pola evolución tecnolóxica, deixan de ter sentido; por este motivo, óptase pola supresión do denominado suplemento por aire acondicionado, ao se ter estendido este mecanismo á práctica totalidade de vehículos que prestan servizo de transporte regular; e por aqueles mesmos motivos, cómpre trasladar a esta orde as previsións da normativa sectorial en relación cos descontos de familias numerosas.

Por outra parte, atendendo a unha petición do Consello Galego de Transportes, establécese un mecanismo áxil de aprobación da revisión tarifaria das estacións de autobuses que facilite, por unha parte, a cadencia anual na súa aprobación e, por outra, a súa incorporación aos cadros de tarifas dos servizos de transporte simultaneamente coa da revisión destas.

Na súa virtude, oído o Consello Galego de Transportes, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Procedemento de revisión xeral das tarifas.

1. A Dirección Xeral de Transportes poderá revisar anualmente con carácter xeral e a solicitude do concesionario as tarifas das concesións de servizos regulares permanentes de uso xeral de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

2. A non solicitude de revisión de tarifas da concesión dentro do ano natural supón a renuncia ao incremento correspondente a ese exercicio, renuncia que quedará consolidada nos seguintes anos de xeito que aquel incremento non poderá recuperarse posteriormente.

3. A revisión das tarifas será aprobada pola Dirección Xeral de Transportes a partir do segundo trimestre de cada ano e basearase na variación anual da media do índice de prezos ao consumo (grupo xeral para o conxunto nacional) do ano natural inmediatamente anterior, así como na modificación do número de viaxeiros-quilómetro transportados pola concesión no ano natural inmediatamente anterior (en adiante V kmr), en relación coa mesma magnitude correspondente ao ano precedente a aquel (en adiante V km r-1).

Para estes efectos a revisión realizarase aplicando á tarifa partícipe-empresa vixente un coeficiente, que se calculará mediante a expresión:

C=1+incremento do IPC medio-X,

Na que o incremento do IPC medio figurará expresado en tanto por un co signo que corresponda e o valor X virá dado por:

X=1/100 [(V kmr-V km r-1) /V km r-1],

Onde Vkmr referirase ao ano natural anterior á revisión e V kmr-1 ao ano natural inmediatamente anterior a aquel, estando en todo caso limitado o seu valor pola seguinte fórmula expresada en porcentaxe:

0£X£1

Para o exercicio 2008, con carácter excepcional, co gallo de incluír xa definitivamente na tarifa o antigo suplemento de aire acondicionado e co fin de paliar os sobrecustos sufridos polos operadores de transporte nestes primeiros meses do ano derivados das condicións macroeconómicas, ao resultado da fórmula anterior, engadiráselle o sumando 0,00425.

4. Así mesmo, a Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar revisións extraordinarias de tarifas previas e a conta da que se determine con carácter xeral anualmente seguindo o procedemento anteriormente previsto.

Artigo 2º.-Mínimo de percepción.

1. A tarifa mínima de percepción para todos os servizos públicos de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada de competencia da Xunta de Galicia actualizarase anualmente pola Dirección Xeral de Transportes, aplicando ao importe vixente, logo do ao seu redondeo por exceso ou defecto ao céntimo de euro múltiplo de cinco más próximo, o incremento do índice de prezos ao consumo do ano inmediatamente anterior.

2. A revisión e actualización anual da tarifa mínima de percepción implantarase, na data que poderá fixar a Dirección Xeral de Transportes, de forma simultánea en todas as concesións con tráficos dentro das Áreas de Transporte Metropolitano e doutros ámbitos que defina a mesma Dirección Xeral. Este mínimo de percepción será idéntico para todos os servizos integrados nas áreas de Transporte Metropolitano. Cando nun mesmo itinerario concorran servizos urbanos e interurbanos de viaxeiros con posibilidade de facer transporte, atendendo á coordinación necesaria de todos os servizos, o mínimo de percepción do servizo interurbano non poderá resultar inferior á tarifa ordinaria do servizo urbano.

3. A Administración poderá solicitar datos de explotación en relación con mínimos de percepción.

Artigo 3º.-Implantación de Áreas de Transporte Metropolitano.

1. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no marco dos convenios ou acordos subscritos por esta consellería con outras administracións ou entes públicos, poderá establecer ou prever o establecemento mediante calquera mecanismo admitido pola normativa reguladora dos transportes terrestres, de condicións específicas de prestación dos servizos metropolitanos de transporte nas denominadas Áreas de Transporte Metropolitano (ATM) que se constitúan. Nestas áreas poderanse establecer sistemas tarifarios integrados e políticas de fomento do transporte público.

2. Para tal fin, e entre os referidos mecanismos, poderá promover a sinatura de contratos-programa con cada empresa concesionaria integrada nunha ATM nos que se establecerán requisitos de bonificación de tarifas aos usuarios, imaxe corporativa e calidade do servizo, no marco dos artigos 19.4º e 20 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres. Os ditos contratos-programa deberán respectar, en todo caso, o escenario orzamentario e de vixencia previstos nos acordos de creación das respectivas ATM e nos sucesivos adoptados polas administracións.

3. Así mesmo, poderanse establecer, a través de contrato-programas asinados cos concesionarios, beneficios tarifarios para os usuarios, nos casos de utilización sucesiva ou combinada dos servizos de transporte urbano e interurbano ou de dous ou máis servizos interurbanos.

4. As empresas concesionarias de servizos de transporte que se integren nas referidas ATM deberán cumprir as condicións de rexistro e comprobación de datos de explotación establecidos, así como aquelas adicionais que se establezan pola administración de transportes ou se fixen nos correspondentes contratos-programa; entre os compromisos adquiridos deberá constar expresamente o de autorizar a entrega por parte da Administración autonómica da indicada documentación ao conxunto de administracións implicadas en cada ATM.

Artigo 4º.-Distintivos dos vehículos de transporte público regular permanente de uso xeral.

1. Os vehículos que realicen servizos de transporte público regular permanente de uso xeral deberán estar identificados, mentres realicen o servizo, mediante un rótulo, situado na parte frontal e lexible desde o exterior, no que se indique o nome da empresa concesionaria, as letras e número asignados pola Administración para identificar a concesión de que se trate e a orixe e destino da expedición que ese vehículo realiza.

2. A Dirección Xeral de Transportes poderá establecer a obriga de rotular os vehículos que presten estes servizos coas cores, imaxe corporativa e condicións de publicidade que para o efecto determine.

Artigo 5º.-Obriga de facilitar cambio de moeda.

As empresas concesionarias de servizos regulares están obrigadas a facilitar cambio nos pagamentos efectuados con billetes de ata 20 euros, sen prexuízo das normas específicas que, se é o caso, se establezan nos ámbitos onde existan sistemas tarifarios integrados.

Artigo 6º.-Expedición de billetes.

A Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar en estacións de autobuses a agrupación de despachos de venda de billetes de varias concesións ou a súa substitución por outros sistemas de expedición automatizado.

Artigo 7º.-Descontos.

1. Existen dous mínimos de percepción diferenciados, un para as empresas que ofrezan abonos multiviaxes con descontos e outro para as que non faciliten esta posibilidade aos usuarios.

2. No caso de que o concesionario opte pola aplicación do mínimo de percepción correspondente ao sistema de abonos con descontos deberá poñer á disposición dos usuarios abonos multiviaxes, cunha duración dun mes e un número de viaxes mínimo de 30, sempre que se establezan os seguintes descontos mínimos:

1.1. 10% para os abonos de 30 viaxes simples por mes.

1.2. 15% para os abonos de 40 viaxes simples por mes.

1.3. 20% para os abonos de 50 viaxes simples por mes.

3. Sobre as tarifas resultantes da aplicación do desconto non poderá engadirse incremento ningún polo concepto de canon de viaxeiros de estacións de autobuses.

4. O réxime de descontos establecido ten carácter de mínimo, polo que, no caso de que o concesionario decida ofrecer abonos multiviaxes que de media supoñan un desconto maior que o aquí previsto, deberá solicitar autorización á Dirección Xeral de Transportes.

5. Os membros de familias numerosas terán dereito, ao abeiro do artigo 10 do Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro, polo que se aproba o regulamento da Lei de protección ás familias numerosas, aos seguintes descontos nos servizos de transporte público por estrada:

-Categoría xeral: 20%.

-Categoría especial: 50%.

Estes descontos faranse efectivos coa acreditación da condición de membro de familia numerosa.

6. O desconto aos membros de familias numerosas aplicarase sobre a tarifa ordinaria, pero non sobre o mínimo de percepción, quedando á vontade do concesionario acumulalo a outros descontos que, voluntariamente, se teñan establecidos por parte deste.

7. As empresas concesionarias poderán expedir xustificantes, cos datos do servizo concreto de transporte prestado a membros de familias numerosas, que deberán estar á disposición dos usuarios nas estacións de autobuses e, en todo caso, nos propios vehículos.

Artigo 8º.-Facturación por transporte de equipaxes e encargos.

1. As cantidades que se percibirán por excesos de equipaxe e por encargos serán de libre determinación por parte das empresas concesionarias.

2. Os usuarios do servizo de transporte regular de uso xeral poderán transportar en concepto de equipaxe, de forma gratuíta, dentro do prezo do billete que en cada caso corresponda, ata un máximo de 30 quilogramos.

3. Enténdese por equipaxe as roupas, bolsos, maletas ou vultos que acompañen ao viaxeiro que posúa o billete. O peso máximo da equipaxe poderá limitarse a 50 quilogramos por razón de límite de peso, capacidade ou características técnicas do vehículo.

4. Enténdese por encargos os obxectos ou vultos que se transporten estando confiados só á custodia do persoal da empresa concesionaria. O concesionario pode limitar a admisión de encargos por razóns de límite de peso, capacidade ou características técnicas do vehículo.

Artigo 9º.-Cálculo das tarifas.

1. A determinación do prezo dos servizos realizarase multiplicando a tarifa usuario (tarifa partícipe-empresa máis IVE) pola distancia exacta en quilómetros existente entre a parada tarifaria de orixe e a de destino. A parada tarifaria corresponderase cunha parada concesional fixa ou cunha agrupación de paradas discrecionais que se asimilarán para efectos tarifarios univocamente a unha única parada fixa. A cifra resultante, incrementada no canon de viaxeiros da estación de autobuses, cando proceda, redondearase por exceso ou defecto ao céntimo de euro múltiplo de cinco máis próximo.

2. Sobre a tarifa así calculada non se aplicará suplemento ningún en concepto de aire acondicionado, consonte o disposto no artigo 1º.3 desta orde.

3. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Transportes poderá, oído o concesionario, aplicar unha tarifa uniforme para aquelas paradas situadas dentro dun mesmo núcleo de poboación.

Artigo 10º.-Aprobación de cadros de tarifas.

1. O Servizo Provincial de Transportes competente, unha vez aprobada a revisión de tarifas facilitará a cada empresa concesionaria os cadros de tarifas de aplicación na concesión da súa titularidade, nos que se reflectirán todas as paradas do título concesional, para que, logo da súa conformidade e inclusión das tarifas relativas a exceso de equipaxe e encargos, aquela os presente para a súa aprobación polo mencionado servizo.

2. Prevese a posibilidade de que, na medida en que o vaian permitindo os medios informáticos, se poida transmitir a información relativa aos mencionados cadros de tarifas por vía telemática.

Artigo 11º.-Tarifas especiais.

1. Excepcionalmente a Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar tarifas específicas para expedicións singulares pola súa calidade ou nas que concorran circunstancias que así o xustifiquen.

2. Os servizos provinciais de Transportes poderán autorizar tarifas reducidas para billetes de ida e volta ou para tarxetas de aboamento.

3. Para as reducións xeneralizadas de tarifas, que necesariamente afectarán o conxunto da explotación concesional, deberá presentarse o correspondente estudo económico que fundamente a solicitude. A modificación da tarifa resultante destas reducións deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Transportes, establecendo, de ser o caso, as limitacións que aconsellen a harmónica regulación do sector e o respecto ás normas da competencia.

4. A Dirección Xeral de Transportes poderá, oído o concesionario, acordar a unificación de tarifas para percorridos con igual parada de orixe e de destino dentro dos servizos da mesma concesión.

5. Igual procedemento será de aplicación cando exista coincidencia de tráficos entre varias concesións, caso no que se poderá acordar a harmonización de tarifas nos servizos con igual parada de orixe e de destino ou dentro dos ámbitos que delimite a propia Dirección Xeral de Transportes.

Artigo 12º.-Revisión individualizada de tarifas.

Os concesionarios poderán solicitar a revisión de tarifas mediante o procedemento de revisión individualizada, que procederá unicamente cando teñan variado as partidas que integran a estrutura de custos de xeito que se altere significativamente o equilibrio dos supostos económicos básicos na adxudicación da concesión. Para isto, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Transportes unha solicitude acompañada do oportuno estudo económico da concesión e do cadro de desagregación de custos, que se deberán axustar ao que establece o anexo desta orde.

Artigo 13º.-Tarifas das estacións de autobuses.

Para a aprobación da revisión das tarifas que aplican as estacións de autobuses poderá seguirse un dos seguintes procedementos:

a) Procedemento ordinario: a revisión das tarifas solicitarase anualmente polo concesionario da estación de autobuses, acompañada dun estudo económico, e para a súa aprobación será preceptivo o informe do Consello Galego de Transportes.

b) Procedemento abreviado: a revisión das tarifas solicitarase dentro do primeiro mes do ano polo concesionario da estación de autobuses; será aprobada pola Dirección Xeral de Transportes dentro do primeiro trimestre do mesmo ano, aplicando á tarifa vixente o índice de prezos ao consumo relativo ao ano natural inmediatamente anterior e entrará en vigor a partir do 1 de abril.

No caso de que se opte por este último procedemento, non procederá a revisión da tarifa correspondente ao ano da solicitude posteriormente a través do procedemento ordinario, nin a dos anos naturais anteriores.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 4 de abril de 2002, pola que se autoriza a modificación das tarifas de servizos públicos regulares permanentes de transportes de viaxeiros de uso xeral por estrada, de competencia da Xunta de Galicia.

Segunda.-Quedan derrogados tamén os artigos 1 a 8 da Orde do 30 de setembro de 2004 pola que se establecen normas sobre tarifas e explotación dos servizos públicos regulares permanentes de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada, así como calquera outra de igual ou inferior rango no que se opoña ao previsto nesta orde.

Disposición transitoria

Primeira.-O artigo 10º.1 será de aplicación progresiva, a partir da entrada en vigor desta orde, de acordo co grao de desenvolvemento dos medios informáticos da Dirección Xeral de Transportes. Para a aprobación dos cadros tarifarios das concesións nas que inicialmente non sexa posible a súa aplicación, seguirase o procedemento vixente no momento da entrada en vigor desta orde.

Segunda.-Para o ano 2008, o prazo de solicitude dun mes recollido no artigo 13 b), substitúese polo de 15 días naturais a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición adicional

No non regulado de forma expresa nesta orde será de aplicación o establecido na Orde FOM/3398/2002, do 20 de decembro, ou lexislación da Administración do Estado que a substitúa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Transportes para ditar cantas instrucións sexan precisas para a execución desta orde e da Orde FOM/3398/2002, do 20 de decembro, respecto ás concesións de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO

Contido mínimo do estudo económico:

A) Custos de explotación:

1. Calendario e horarios de cada unha das liñas da concesión. Número de servizos totais resultantes por liña.

2. Número de reforzos por liña da concesión.

3. Vehículos-hora e vehículos-km resultantes sen reforzos nin quilómetros en baleiro.

4. Vehículos-hora e vehículos-km dos reforzos.

5. Vehículos-hora e vehículos-km en baleiro.

6. Quilómetros anuais realizados na totalidade da concesión por vehículos propios.

7. Quilómetros anuais realizados na totalidade da concesión por vehículos alleos.

8. Quilómetros anuais realizados en servizos discrecionais por vehículos propios.

9. Quilómetros anuais realizados en servizos discrecionais por vehículos alleos.

10. Quilómetros anuais realizados por vehículos propios en servizos regulares de uso especial.

11. Quilómetros anuais realizados por vehículos alleos en servizos regulares de uso especial.

12. Estrutura de custos da concesión:

Ver referencia pdf "05100D001P006.PDF"

(1) Este concepto engloba, ademais dos custos de persoal de movemento, os relativos aos gastos xerais e de estrutura de persoal da empresa imputables á concesión incluíndo, en todos os supostos, os gastos de Seguridade Social. Non se inclúen os gastos de persoal de talleres, conservación e mantemento.

(2) Este punto inclúe a amortización do material móbil da concesión que non esgotara o prazo previsto para esta.

(3) Comprende os gastos de reparación e conservación do material, incluíndo os gastos de persoal de talleres no suposto de que estas actividades se efectúen nos talleres da empresa.

(4) Baixo o concepto de varios inclúense todos os custos non comprendidos nos outros conceptos, como licenza fiscal, taxas de estacións, alugueiros, gastos de enerxía, etc.

13. Relación de persoal empregado na empresa, indicando función (condutor ou non) e custo salarial de cada un.

14. Relación de vehículos propiedade da empresa, indicando a súa matrícula, número de prazas, prezo e data de adquisición e se foron adquiridos novos ou usados, sinalando os que se atopen afectos á concesión.

15. Número de recursos (vehículos e persoas) utilizado en punta de servizo.

B) Ingresos de explotación:

1. Número de viaxeiros-km/ano con tarifa quilométrica, por liña. Ingresos resultantes.

2. Número de viaxeiros con mínimo de percepción, por liña. Ingresos resultantes.

3. Importe da subvención, se é o caso, por liña. Se se percibise pola explotación dunha rede, distribución en función dos vehículos-km.

4. Outros ingresos (desagregar conceptos).

5. Ingresos (excluído IVE) polos servizos de carácter discrecional.

6. Ingresos (excluído IVE) polos servizos de carácter especial.