DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2008 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel sobre a xestión de emerxencias, o razoamento táctico e a organización da resposta de primeiro nivel.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos de segundo nivel sobre xestión de emerxencias, o razoamento táctico e a organización da resposta de primeiro nivel que deberán desenvolverse conforme coas seguintes bases:

Obxectivos.

Con estes cursos preténdese expoñer un método de xestión de emerxencias de primeiro nivel, que dea resposta ás interrogantes e necesidades que se presentan ante un incidente de importancia, o razoamento táctico ao que é preciso chegar e a organización que hai que establecer para dar unha resposta axeitada á emerxencia.

Baséase na repartición das tarefas de información, análise, xestión de medios, e dirección de operacións.

Destinatarios.

-Mandos dos servizos de bombeiros de Galicia.

-Persoal técnico de protección civil da Administración local.

-Presidentes ou xefes de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Desenvolvemento.

1. Prazas: 25 cada curso.

2. Duración: 15 horas lectivas cada curso.

3. Datas: 12-13 e 14-15 de maio de 2008.

4. Horario: das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

5. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública no concello da Estrada.

Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou enviar cuberta a máquina ou, con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 2 de abril de 2008.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade e co selo desta. Estes requisitos serán indispensables para seren admitidos nos cursos.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo que aparece na páxina web: http://agasp.xunta, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada; ao fax nº 886 20 61 21, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

-Marco xeral.

* Planificación e prevención.

* Organización do mando.

* Catálogo de medios e recursos.

* Formación do persoal.

* Terminoloxía e métodos.

-Características dos sinistros, compoñentes e variables.

-Emerxencias sinxelas e complexas.

-Exercicios prácticos.

-O razoamento táctico en operacións sinxelas.

* Adquisición de datos operacionais.

* Definición da idea de manobra.

* A orde inicial.

* O informe.

-Exercicios prácticos.

* Adquisición de datos.

* A orde inicial e informe.

-As ferramentas gráficas.

-As comunicacións nas emerxencias.

-Exercicio práctico. Incendio en nave industrial ou accidente de tráfico.

-O Posto de Mando Avanzado e o Punto de Encontro.

-Exercicio práctico: lume forestal.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 18 de abril na páxina web http:// agasp.xunta.es.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non-apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de febreiro de 2008.

P.S. (disp. 1ª Orde do 31 de xaneiro de 2008)

(DOG nº 23, do 1-2-2008)

Mª Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "05000D008P054.PDF"