DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.167

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 5 de marzo de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de infraestruturas deportivas de titularidade pública ou privada e para a adquisición de equipamentos deportivos e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2008.

O Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle, no seu artigo 27.22º, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. O Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polo Decreto 454/2005, do 1 de setembro, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e atribúelle á Consellería de Cultura e Deportes as competencias da comunidade autónoma en materia de deportes.

Mediante as axudas económicas ou subvencións que se aproban nesta orde preténdese a mellora das instalacións deportivas galegas, xa pertenzan a concellos xa a entidades deportivas sen ánimo de lucro, así como a colaboración da Administración autonómica na adquisición dos equipamentos precisos para o axeitado desenvolvemento da práctica deportiva.

Os aspectos máis destacados da acción programada contéñense nas bases que regulan o réxime de outorgamento das subvencións, nas cales se identifican con claridade os benefeciarios e as actuacións subvencionables, para establecer posteriormente os trámites esenciais do procedemento administrativo así como os requisitos para a xustificación da realización das accións.

No procedemento destaca a intención de facilitar ao máximo o contacto dos potenciais beneficiarios coa Administración autonómica, finalidade que explica a intervención dos servizos administrativos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte.

O outorgamento das subvencións será efectuado baixo estritos criterios obxectivos que se explicitan con suficiente detalle no artigo 4º. Para permitir acoller e prestar apoio a aquelas actuacións de máis entidade, prevese a posibilidade de que as actuacións que se subvencionen posúan carácter plurianual.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Cultura e Deporte existe crédito axeitado e suficiente para as axudas que son obxecto desta convocatoria.

Esta orde, así como as bases reguladoras que establece, adáptanse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que permanece vixente, así como aos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, conxunto normativo en que se establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración autonómica, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas ao abeiro da Orde do 12 de xaneiro de 2007,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2008, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e subvencións para a construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública ou privada e a adquisición de equipamentos deportivos.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Só resultarán susceptibles de ser subvencionadas aquelas actuacións que resulten subsumibles nalgúns dos seguintes puntos, atendendo á necesidade ou fin a satisfacer:

a) Construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública ou privada.

As accións anteriores deberán, atendendo á natureza da instalación deportiva, pretender algunha das seguintes actuacións:

1. Campos de fútbol: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Terreo de xogo.

-Vestiarios.

-Iluminación.

Non serán obxecto de subvención as actuacións relativas aos peches perimetrais, urbanización do contorno ou a construción ou reforma de bancadas e cubertas de tribunas.

2. Pavillóns polideportivos: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Pavimento da zona de xogo.

-Vestiarios.

-Mellora das prestacións básicas do inmoble (iluminación, calefacción, estanquidade).

Non serán obxecto de subvención obras que comporten ou pretendan o mantemento ordinario do inmoble (reposición de vidros, pintado interior/exterior e análogas).

3. Piscinas cubertas: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Melloras ou reformas estruturais do edificio (cubertas, sistemas de illamento, sistemas de climatización, sistemas de aforro enerxético, etc.).

-Sistemas de depuración da auga.

-Incremento das superficies vinculadas a usos deportivos e complementarios.

Non serán obxecto de subvención obras que comporten ou pretendan o mantemento ordinario do inmoble (reposición de vidros, pintado interior/exterior e análogas).

4. Piscinas descubertas: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-As que pretendan a adecuación do vaso/s ou da instalación á normativa sanitaria vixente, a mellora da súa estanquidade e/ou a redución da súa profundidade.

-Vestiarios.

Non serán obxecto de subvención as obras que garden relación coas zonas de lecer vinculadas ou próximas ás piscinas, peches perimetrais das instalacións, urbanización do contorno, iluminación do complexo, etc.

5. Pistas polideportivas ao aire libre: só en casos moi xustificados e excepcionalmente se subvencionarán actuacións neste tipo de instalacións deportivas, sempre que estean situadas no medio rural ou en contornos periféricos urbanos, nestes casos só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Construción de cubertas sobre pistas existentes.

-Iluminación das zonas de xogo.

-Terreo de xogo.

Non serán obxecto de subvención as actuacións en pistas de tenis descubertas que se refiran ao seu terreo de xogo, e aquelas operacións que pretendan o mantemento ordinario da instalación.

6. Instalacións vinculadas a deportes náuticos: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Hangares para embarcacións.

-Vestiarios e ximnasios de musculación.

-Reformas estruturais dos edificios (cubertas, sistemas de climatización, etc.).

-Adecuación dos edificios existentes ao contorno.

-Mellora do acceso ás zonas de adestramento e de regata dos deportistas.

7. Outras instalacións deportivas. Só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que se refiran aos seguintes aspectos:

-Aquelas accións que garden relación directa cos espazos dedicados á práctica deportiva respecto daquelas modalidades recoñecidas polos distintas federacións deportivas galegas e as edificacións auxiliares que puidesen estar vinculadas con aqueles.

-Aquelas accións que garden relación directa cos espazos dedicados á práctica deportiva respecto daquelas actividades deportivas de carácter alternativo vinculadas a novas prácticas deportivas da mocidade.

8. Actuacións en todo tipo de instalacións.

-En todo tipo de instalacións deportivas resultarán susceptibles de ser subvencionadas aquelas actuacións que persigan a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como a introdución de melloras tendentes a incrementar o uso das enerxías alternativas.

-En ningún caso serán obxecto de subvencións accións dirixidas á realización de obras de nova planta ou reforma de locais sociais que carezan de uso deportivo directo e prioritario.

b) Titularidade de inmobles.

Non serán obxecto de subvención, en ningún caso, aquelas actuacións que se pretendan realizar sobre bens de titularidade pública, cando se soliciten por entidades deportivas privadas, salvo que se acredite posuír título bastante que as autorice e este fose outorgado logo de expediente administrativo de conformidade coas exixencias establecidas na normativa aplicable.

c) Adquisición de equipamento deportivo inventariable.

Poderá ser obxecto de subvención a adquisición de todo tipo de equipamento deportivo inventariable para ser destinado á práctica deportiva ou á realización de adestramentos.

Non serán obxecto de subvención as adquisicións que consistan en equipacións deportivas, balóns e pequeno material de análogas características.

Naqueles deportes en que resulte esencial para a súa práctica, sexa na fase de competición, adestramento ou para realizar traslados habituais de equipamento, poderá ser obxecto de subvención a adquisición de vehículos axeitados ou de elementos complementarios a estes (remolques).

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios as seguintes entidades, públicas ou privadas:

-Concellos

-Entidades deportivas (clubs e federacións deportivas galegas), con inscrición vixente como tales no Rexistro de Asociacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

-Asociacións dotadas de personalidade xurídica, vinculadas a centros específicos de educación especial ou centros docentes homologados, que desenvolvan actividades formativas con alumnos con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

No suposto de subvencións para a realización de obras de infraestruturas deportivas os beneficiarios deberán acreditar a propiedade do inmoble ou instalación de que se trate ou posuír dereitos temporais para o seu uso e desfrute non inferiores a 10 anos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades en quen concurra algunha das circunstancias sinaladas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención s de Galicia.

3. Así mesmo, non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades que resultasen beneficiarias na convocatoria inmediatamente anterior e non xustificasen axeitadamente a realización da actuación subvencionada, sen presentar renuncia expresa e por razóns xustificadas aceptada pola dirección xeral.

4. As subvencións que se regulan nesta orde son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención.

Artigo 4º.-Criterios obxectivos de adxudicación das axudas ou subvencións.

A proposta de outorgamento da subvención formularaa o órgano instrutor, á vista dos traballos levados a cabo pola comisión avaliadora, unha vez aplicados os criterios de valoración, e logo da agrupación ou ordenación das diversas solicitudes nos respectivos puntos ou finalidades perseguidas con esta orde, co obxecto de garantir que a competencia entre os proxectos ou accións concorrentes se produza entre accións de dimensións similares e que persigan finalidades análogas. Así mesmo, utilizaranse criterios de reparto territorial por provincias de carácter equitativo que poderán ter en conta a situación sociodemográfica e o número de solicitudes.

O outorgamento das subvencións determinarase atendendo aos seguintes criterios obxectivos de valoración das respectivas solicitudes:

1. Criterios comúns para infraestruturas e equipamentos:

a) Programa de actividades para 2008 que se levarán a cabo na instalación para a que se solicita a subvención ou pola entidade que realiza a adquisición do equipamento.

A súa valoración realizarase tendo en conta a adecuación ás prioridades establecidas en materia deportiva pola Dirección Xeral para o Deporte a través da súa programación das liñas marco da política deportiva, en concreto:

-Fomento e consolidación do deporte feminino: ata 2 puntos.

-Incidencia na poboación do medio rural: ata 2 puntos.

-Actividades para persoas con discapacidade: ata 2 puntos.

-Actividades para persoas maiores: ata 2 puntos.

-Deportes alternativos para a mocidade: ata 2 puntos.

Deporte en idade escolar: ata 2 puntos.

-Fomento de deportes tradicionais: ata 2 puntos.

-Realización de actividades deportivas de alto nivel ou deporte de alto nivel: ata 2 puntos.

Valoración máxima deste punto: 16 puntos.

Para a súa valoración achegarase programa de actividades.

b) Categoría das competicións deportivas en que toman parte os usuarios ou os equipos que utilizan a instalación ou o equipamento.

Valorarase a categoría da competición, segundo o seguinte criterio: estatal: 5 puntos; galega: 3 puntos; provincial: 2 puntos; local: 1 punto.

Valoración máxima deste punto: 11 puntos.

A acreditación realizarase mediante certificación das respectivas federacións no caso das entidades de titularidade privada e mediante certificación dos servizos municipais no caso dos concellos.

c) Porcentaxe da achega comprometida pola entidade solicitante.

Para achegas do 50% ou superiores 10 puntos. Para achegas da cantidade mínima exixida 0 puntos. O resto proporcionalmente. Se o solicitante non consigna a achega na súa solicitude, non se lle atribuirá puntuación neste punto.

Valoración máxima deste punto: 10 puntos.

d) Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización das accións para as que se solicita a axuda.

Comprobarase a utilización do galego nas actuacións para a contratación da obra ou da subministración, atendendo á documentación presentada.

Valoración máxima deste punto: ata 3 puntos.

2. Criterios específicos para infraestruturas:

a) Necesidade das obras proxectadas, atendendo á urxencia que presenten polo estado en que se poidan atopar os inmobles, tendo en conta a súa seguridade e salubridade.

Realizarase a valoración de acordo co anteproxecto, proxecto no seu caso, ou memoria xustificativa presentados.

Valoración máxima deste punto: ata 10 puntos.

b) Cando se posúan dereitos temporais para o uso e desfrute da instalación ou inmoble, valorarase a súa duración do seguinte xeito:

Para dereitos de uso de dez (10) anos, 0 puntos. Para autorizacións superiores a 10 anos e inferiores a 15 anos, 3 puntos; períodos superiores a 15 anos e inferiores a 20 anos, 5 puntos; para períodos superiores a 20 anos, 8 puntos.

Cando se acredite a propiedade do inmoble: 10 puntos.

Valoración máxima deste punto: 10 puntos.

Tales dereitos deberán acreditarse a través dos títulos correspondentes.

c) Realización de obras de mellora da accesibilidade ou de habilitación das instalacións para a súa utilización por persoas con discapacidade.

Para a súa acreditación, deberán constar especificadas no anteproxecto, proxecto ou memoria valorada.

Valoración máxima deste punto: ata 10 puntos.

d) Valorarase a viabilidade da realización das obras de acordo co seguinte baremo:

-Se a obra xa se atopa en execución: 15 puntos.

-Se conta con proxecto aprobado e coas licenzas e permisos que sexan preceptivos: 10 puntos. Acreditarase, no primeiro suposto, mediante presentación do contrato ou da primeira certificación de obra ou factura e, no segundo suposto, coa presentación do proxecto e dos acordos de concesión das licenzas.

Valoración máxima deste punto: 15 puntos.

e) Localización e carácter da instalación que se subvenciona, valorando os seguintes aspectos: carácter comarcal, número de habitantes, outras infraestruturas existentes e complementariedade con estas de cara a garantir un equilibrio territorial das infraestruturas deportivas e a súa adecuada especialización.

Achegarase memoria xustificativa sobre os extremos citados.

Valoración máxima deste punto: ata 15 puntos.

3. Criterios específicos para equipamentos:

Necesidade da adquisición do equipamento para a mellora da práctica deportiva regrada.

Valorarase tal necesidade de acordo coa memoria xustificativa presentada.

Valoración máxima deste punto: ata 10 puntos.

b) Mellora das condicións de adestramento ou competición de deportistas de tecnificación ou alto nivel.

Valorarase de acordo coa memoria xustificativa presentada.

Valoración máxima deste punto: ata 10 puntos.

c) Mellora das condicións da práctica deportiva das persoas con discapacidade.

Valorarase de acordo coa memoria xustificativa presentada.

Valoración máxima deste punto: ata 10 puntos.

Artigo 5º.-Crédito orzamentario e importe das subvencións ou axudas máximas.

1. As subvencións que se convocan por medio desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.760.0, para as destinadas aos concellos, e con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.781.0 para as destinadas ao resto de posibles entidades beneficiarias, e ata a contía máxima que para cada unha das aplicacións e anualidades se detalla seguidamente:

Ver referencia pdf "05000D006P039.PDF"

No caso de que a acción ou obra subvencionable teña carácter plurianual a Consellería de Cultura e Deporte poderá comprometerse a subvencionar fases de execución futura das obras, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O importe máximo susceptible de ser subvencionable pola Consellería de Cultura e Deporte, en cada actuación, relativa a obras, poderá acadar ata o do 80% do investimento total estimado polo solicitante.

Para a adquisición de equipamento deportivo o importe máximo subvencionable pola Consellería de Cultura e Deporte, en cada actuación, non poderá exceder do 70% do investimento total.

Os cálculos anteriores serán efectuados sobre os importes do investimento total consignados na correspondente solicitude, sen que estes poidan experimentar modificación ningunha por razón do importe da subvención finalmente outorgada.

A determinación da porcentaxe aplicable terá en conta especialmente a puntuación dos criterios de valoración específicos a) e d) para o caso das infraestruturas, e os criterios específicos a), b) e c) para os equipamentos, dos sinalados no artigo precedente.

3. Unha vez establecida a orde de prelación de acordo cos criterios de valoración recollidos no artigo 4º e determinados os importes subvencionables para cada solicitante, o criterio de repartición atenderá ás solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata esgotar o crédito.

4. Para o caso de que, como consecuencia de incidiencias producidas, as subvencións outorgadas non sexan aceptadas ou que posteriormente se renuncie a elas, os créditos que tivesen tal orixe poderán ser reasignados a outros solicitantes, sen necesidade de mediar nova convocatoria pública, tras a proposta formulada para o efecto polo órgano instrutor, e entre as restantes solicitudes que, obtendo unha maior valoración, non acadasen a suficiente para ser incluídas na proposta anterior ou inicial.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación que deberán presentar os interesados.

As solicitudes formalizaranse no impreso oficial, segundo o modelo que se achega como anexo I, e deberá presentarse unha solicitude para cada concreta actuación que se pretenda realizar, cun máximo de tres solicitudes por cada posible beneficiario. A súa presentación implica o compromiso de someterse ás normas reguladoras da subvención establecidas nesta orde.

1. Para infraestruturas deportivas, achegarase a seguinte documentación:

a) Anteproxecto técnico ou proxecto técnico, no caso de estar xa aprobado, ou memoria valorada da obra que se pretende realizar, subscrito por técnico competente.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade solicitante polo que se aproba a realización das obras e o anteproxecto, ou proxecto, de ser o caso, ou memoria valorada e se especifican as condicións de financiamento.

No caso de solicitudes presentadas polas entidades locais, cando se trate de contratos menores, non será preciso achegar esta certificación.

c) Documento acreditativo da titularidade do terreo ou inmoble en que se pretenda realizar a actuación. Os terreos deberán ser de titularidade da entidade solicitante ou, no seu defecto, esta deberá posuír título bastante que o habilite para a realización das obras e o uso posterior do construído ou reformado por período non inferior a dez (10) anos.

d) Memoria xustificativa da necesidade das accións para as que se solicita subvención, programa de actividades para 2008, certificación das federacións ou do concello, de ser o caso, sobre a categoría das competicións deportivas en que participan os usuarios, memoria xustificativa da localización e o carácter das instalacións no caso das infraestruturas, así como canta información e documentación sexa precisa para permitir a aplicación dos criterios sinalados no artigo 4º precedente.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da subvención recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

2. Para a adquisición de equipamentos deportivos, achegarase a seguinte documentación:

a) Orzamento detallado do equipamento para o que se solicita subvención.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade solicitante pola que se aproba a realización das adquisicións, así como o orzamento detallado, e se especifican as condicións de financiamento.

No caso de solicitudes presentadas polas entidades locais, cando se trate de contratos menores, non será preciso aportar esta certificación.

c) Memoria xustificativa da necesidade de proceder á adquisición do equipamento deportivo de competición ou adestramento que se pretende, programa de actividades para 2008, certificación das federacións ou do concello, de ser o caso, sobre a categoría das competicións deportivas en que participan os usuarios, así como canta información e documentación sexa precisa para permitir a aplicación dos criterios sinalados no artigo 4º desta orde.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención das subvención recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes e emenda de deficiencias.

As solicitudes (anexo I) dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polos servizos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte, co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. En caso contrario, requirirán o solicitante, para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles proceda a emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, se non o fixese así, se terá por desistido da súa petición, logo da adopción da oportuna resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Realizadas as operacións anteriores as solicitudes serán enviadas á comisión avalidadora constituída na Dirección Xeral para o Deporte, cunha proposta de avaliación consonte cos criterios contidos no artigo 4º.

Artigo 8º-Órganos competentes para a xestión da subvención e para ditar a resolución e prazo en que será ditada.

1. Órganos competentes.

Serán unidades administrativas competentes para a ordenación do procedemento de concesión, os servizos provinciais de deportes e o Servizo de Contratación Administrativa e Xestión Económica da Dirección Xeral para o Deporte.

2. Comisión avaliadora.

A totalidade das solicitudes presentadas serán obxecto de detallado estudo por parte dunha comisión avaliadora encargada de valoralas mediante a aplicación dos criterios obxectivos sinalados no artigo 4º.

A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente:

-O subdirector xeral de Deportes, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Os delegados provinciais da Consellería de Cultura e Deporte.

-Os xefes dos servizos de Deportes das citadas delegacións.

-O xefe do Servizo de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras da Dirección Xeral para o Deporte.

Secretario:

-O xefe do Servizo de Contratación e Xestión Económica da Dirección Xeral para o Deporte.

3. Órganos competentes para a instrución e o outorgamento.

O subdirector xeral de Deportes será o órgano instrutor do procedemento, e elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á directora xeral para o Deporte, quen adoptará a resolución en virtude da cal se outorgarán ou denegarán as subvencións solicitadas, en exercicio das facultades delegadas pola Orde do 12 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro).

4. Notificacións e recursos.

A resolución das subvencións seralles notificada aos solicitantes nun período máximo de catro (4) meses contados desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, poderá entenderse desestimada a petición correspondente.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación individual poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura e Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura e Deporte, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da oportuna notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

5. Aceptación da subvención.

Unha vez notificadas as axudas aos beneficiarios, estes deberán presentar, no prazo de trinta (30) días naturais, unha declaración de que aceptan a axuda. No mesmo prazo quedarán obrigados a presentar, tratándose de infraestruturas deportivas, o correspondente proxecto técnico e o acordo de aprobación do devandito proxecto así como as autorizacións administrativas municipais e sectoriais preceptivas, cando a entidade ou complexidade das obras que se vaian executar o exixan.

6. No prazo máximo de tres meses contados desde a data da resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que poderá ser substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Cultura e Deporte.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se produzan circunstancias ou cambios substanciais durante o desenvolvemento da actuación subvencionada que impidan a súa execución nos termos previstos, sempre que a modificación que se pretende se atope suficientemente motivada, sen que constitúa causa para tal modificación que o beneficiario resulte subvencionado por un importe inferior ao inicialmente solicitado.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución de concesión de subvención será adoptado polo órgano concedente desta, logo de proposta razoada do órgano instrutor.

Artigo 10º.-Prazo e forma de xustificación do cumprimento da finalidade para a que se lle concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

1. Os beneficiarios das axudas deberán xustificar a realización das accións subvencionadas antes do día 1 de outubro de cada exercicio económico. O incumprimento do prazo de xustificación poderá dar lugar á perda do dereito a percibir a axuda outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 5º.

A documentación xustificativa será presentada diante do servizo provincial de deportes da delegación provincial da Consellería de Cultura e Deporte que corresponda, quen procederá a comprobar a súa corrección.

Con anterioridade a formular a proposta de pagamento da subvención, unha vez rematadas as obras ou adquirido o equipamento deportivo, levarase a cabo un acto de comprobación do investimento efectuado, ao cal asistirá un representante da Dirección Xeral para o Deporte e do cal quedará constancia a través da oportuna acta.

2. A xustificación documental da realización da actuación obxecto da subvención estará integrada polos documentos que a seguir se enumeran:

2.1. No caso de obras de infraestruturas deportivas:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que poidan executar a obra, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A elección entre as ofertas solicitadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

b) Acordo de adxudicación e contrato administrativo de obra cando o beneficiario sexa unha entidade pública, e contrato privado para o resto das entidades, sempre que se trate de obras de contía superior a 50.000 €.

c) Certificación ou certificacións de obra, acompañadas das correspondentes facturas e dos documentos acreditativos da súa aprobación por órgano competente. O modelo da folla de especificacións de tal certificación figura como anexo II desta orde.

d) Acta de recepción.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución polas distintas administracións públicas competentes ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

2.2. No caso de equipamentos deportivos:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que subministren os bens de que se trate, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A elección entre as ofertas solicitadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

b) Acordo de adxudicación e contrato administrativo de subministración cando o beneficiario sexa unha entidade pública, e contrato privado nos restantes supostos, sempre que se trate de equipamentos por importe superior a 18.000 €.

c) Facturas xustificativas da adquisición efectuada, debidamente aprobadas por órgano competente.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución polas distintas administracións públicas competentes ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

2.3. Non será preciso presentar, por parte dos beneficiarios, certificados acreditativos de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se autorice expresamente a Administración autonómica para que esta obteña directamente tales datos.

Quedarán exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o parágrafo anterior os beneficiarios que se atopen nos supostos previstos no artigo 45.1º da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

3. Gastos subvencionables.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. Entre tales gastos poderán ser incluídos os seguintes: honorarios facultativos de redacción de proxectos técnicos, dirección de obra e análogos; prezo dos contratos de obra adxudicados ou de adquisición de equipamentos deportivos; taxas ou impostos estatais, autonómicos ou municipais vinculados á expedición das oportunas autorizacións e licenzas.

Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, debendo acreditarse o pagamento a través da conformidade do contratista ou provedor na correspondente factura ou mediante os xustificantes de pagamento axeitados.

4. A xustificación deberá comprender a totalidade do investimento ou actuación realizada, e deberá acreditarse o importe, a procedencia e a aplicación dos restantes recursos achegados, xa sexan fondos propios ou outras subvencións.

Artigo 11º.-Consentimentos e autorizacións.

1. Conforme o establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser achegados coa solicitude, sempre que con esta se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente coa sinatura da solicitude (anexo I) a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, sen prexuízo dos supostos en que a publicidade resulte excluída en virtude do disposto no decreto citado ou norma de rango legal.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 12º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. No suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial das subvencións percibidas, así como dos xuros de mora correspondentes.

2. O reintegro a que se refire o punto anterior farase efectivo de acordo co procedemento previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Outras obrigas dos beneficiarios perceptores das axudas ou subvencións.

Son obrigas dos beneficiarios as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, sinaladamente, as seguintes:

a) As entidades a que se lle conceda subvención quedarán obrigadas a asumir ao seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras ou equipamentos resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben, por revisión dos prezos, adicionais, prórrogas e outros supostos.

b) Quedarán sometidas ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e ao control financeiro que lle correspondan a Consellería de Economía e Facenda ou aos órganos de control competentes, tanto autonómicos, como estatais ou comunitarios, para o que achegarán canta información lles sexa requerida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Deberán destinar os bens adquiridos ou sobre os que se realicen as obras para o fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, por período non inferior a cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e dous anos para o resto dos bens.

O incumprimento da obriga de destino referido no parágrafo anterior, será causa de reintegro nos termos establecidos para o efecto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor salvo que resulte ser un terceiro protexido nos termos legalmente previstos.

Artigo 14º.-Lexislación de aplicación.

En todo o non previsto nestas bases rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola Lei 9/2007 citada, así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral para o Deporte para que dite as resolucións e instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2008.

P.D. (Orde 12-1-2007)

Marta Souto González

Directora xeral para o Deporte

Ver referencia pdf "05000D006P039.PDF"