DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2008 pola que se convocan os clusters industriais de ámbito galego para que manifesten o seu interese de acceder a unha liña de axudas para os anos 2008 e 2009.

O Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información as competencias en materia de conglomerados industriais. En virtude da devandita competencia é responsabilidade da Consellería de Innovación e Industria apoiar o desenvolvemento dos cluster industriais de ámbito galego que existen en sectores claves da economía galega. Este apoio non é pouco importante xa que coadxuvará na mellora e reorganización da estrutura produtiva deste país, nunha maior eficiencia na produtividade e nun aumento da súa competitividade, que actuará de pulo para contribuír ao dinamismo entre os distintos axentes implicados nos respectivos sectores.

En definitiva, co apoio da Administración aos clusters industriais de ámbito galego acometemos, en responsable alianza, unha estratexia conxunta de contribución ao crecemento de sectores estratéxicos, de aposta firme e dedicida polo incremento da súa competitividade tan necesaria neste momento de flutuacións económicas, de maneira que poidamos achegar solucións axeitadas perante unhas demandas mediatizadas en ocasións, por circunstancias alleas ao noso ámbito autonómico.

De acordo co exposto, a Consellería de Innovación e Industria destinará unha liña de axudas aos clusters industriais galegos que se canalizarán a través dun convenio de colaboración ou que se determinarán os dereitos e obrigas das partes durante os anos 2008 e 2009. O importe destinado a esa liña de axudas será dun total de catro millóns de euros (4.000.000 €) dos cales un millón seiscentos mil euros (1.600.000 €) serán con cargo á anualidade 2008 e dous millóns catrocentos mil euros (2.400.000 €) con cargo á anualide 2009. Este convenio de colaboración axustarase en canto ao seu réxime aplicable ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

Co fin de garantir a concorrencia cómpre, para os efectos do previsto no artigo 26.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dar adecuada publicidade desta liña de axudas para os efectos de que todos os clusters industriais galegos poidan acceder a elas.

Con este anuncio dáse adecuado cumprimento ao disposto no artigo 5.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte «A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.

Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos».

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Convocar os clusters industriais galegos para que manifesten o seu interese de acceder a esta liña de axudas.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, os distintos clusters industriais galegos interesados deberán, a través do seu representante legal, remitir a seguinte documentación:

-Unha declaración de intención de acceder á devandita liña de axudas.

-Documentación, debidamente cotexada, que acredite o seu carácter de clúster industrial galego.

-Propostas de actuación debidamente cuantificadas para todas ou algunha das seguintes actuacións:

a) Plans de dinamización do sector diante da conxuntura económica actual.

b) Elaboración de plans estratéxicos, de viabilidade, de competitividade e de internacionalización.

c) Actuacións de formación, sobre temas cruciais para o sector, tanto na modalidade de cursos como de bolsas de formación.

d) Actuacións dirixidas a potenciar o nivel de internacionalización; asistencia a feiras nacionais ou internacionais de relevancia para o sector, misións comerciais, encontros empresariais, creación de departamentos específicos de comercio exterior, cursos de idiomas, asesoramento ou estudos de mercado.

e) Actuacións dirixidas á posta en marcha e implantación de plans de cooperación entre empresas que permitan crear lazos de confianza, alianzas e fortalezas cara ás relacións comerciais.

f) Actuacións de difusión, información e márketing sectorial, que inclúa vídeos promocionais, elaboración de directorios de empresas agrupadas por produtos e servizos, xornadas informativas ou calquera outro elemento promocional.

g) Actuacións dirixidas á creación e/ou potenciación de distintivos de marca sectorial que permita a promoción do valor diferencial existente e o seu recoñecemento e calidade, tanto a nivel estatal como internacional.

h) Actuacións sobre loxística.

O prazo para remitir a devandita documentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e poderá presentarse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera órgano da Administración xeral de Estado, das comunidades autónomas ou entidades que integran a Administración Local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2008.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24,

do 3 de febreiro)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria