DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 29 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008. Código de procedemento IN201G.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con gran capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista moi longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual.

A innovación, o deseño e a calidade son as bazas con que conta a artesanía para sobrevivir e facerse forte nun contexto de globalización e elevada competitividade. A estes tres factores vincúlase o compromiso da Xunta de Galicia co colectivo artesanal galego, consciente de que o sector debe actuar como un factor de desenvolvemento, de creación de postos de traballo, de asentamento poboacional e xeración de identidade. O obxectivo é facer da artesanía unha actividade de futuro, con que se poida implicar a mocidade que desexe dedicarse a un dos nosos oficios.

Cómpre, polo tanto, proceder á instrumentación da concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para os obradoiros, co obxecto de modernizar as súas estruturas produtivas, reformar, remodelar ou crear novos obradoiros e introducir as novas tecnoloxías, potenciar a formación especializada e a incorporación de novos traballadores, así como fomentar a divulgación dos produtos e a participación dos artesáns en certames profesionais como expositores.

En relación co exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Innovación e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego e que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2008 (procedemento administrativo IN201G).

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. A través do formulario proporcionanselle á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non obstante, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano-San Caetano s/n-15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de abril de 2008, ambos os dous inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201G, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio e nas delegacións provinciais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 881 99 91 78 da dita dirección xeral e os teléfonos das delegacións provinciais: A Coruña: 981 18 49 17, Lugo: 982 29 49 38, Ourense: 988 38 67 12 Pontevedra: 986 80 52 26.

c) Os correos electrónicos: A Coruña: beatriz.seisdedos.sanchez@xunta.es; Lugo: majose.cortiña.darriba@xunta.es; Ourense: ana.isabel.perez.souto@xunta.es; Pontevedra: inpontevedra@xunta.es, Santiago: dxcmr.artesania@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio aos obradoiros artesanais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de 2006).

Artigo 2º.-Actuacións e gastos subvencionables.

1. Descrición das actuacións e gastos subvencionables.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables as desenvolvidas por obradoiros artesanais que a continuación se especifican:

a) Obras en locais produtivos.

Obras de nova construción, reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais produtivos, que deberán cumprir cos requisitos exixidos legalmente en cada caso. Nos obradoiros instalados no interior de inmobles destinados a usos diferentes dos propios da actividade artesanal, só se subvencionarán as obras realizadas no interior dos obradoiros.

b) Proxectos de innovación no proceso produtivo.

Adquisición, en réxime de propiedade, de equipos propios das características da actividade artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso.

-Maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar, que serán de fabricación externa cualificada.

-Equipos para procesos de informatización, cun máximo dunha unidade por entidade solicitante, e instalacións de deseño asistido por ordenador.

c) Divulgación e promoción de produtos artesanais:

-Deseño de imaxes corporativas, logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, en papel, magnéticos, o CD/DVD, a edición de material impreso, audiovisual, sobre produción artesanal, especificamente concibidos e dirixidos ao fomento da actividade e á potenciación dos produtos artesanais.

-Gastos de deseño, creación e contratación de dominio para páxina web do obradoiro.

-Deseño de envases e embalaxes de produtos artesáns.

d) Participación como expositor con caseta propia en feiras de carácter profesional.

-Gastos que ocasionen os espazos que se contraten, aluguer ou construción da caseta e transporte do material, montaxe e desmontaxe das casetas, seguros, enerxía eléctrica, vixilancia. Contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes, gastos de desprazamento e aloxamento de ata dúas persoas, así como de publicidade e publicacións relacionadas con esta participación.

-Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en feiras profesionais.

e) Gastos de inscrición en programas formativos de especialización profesional que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas, e cun máximo de dúas accións formativas por participante.

f) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de produto, mediante a colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan a dita actividade a título principal:

-Gastos externos derivados da realización de proxectos de deseño de produto, establecéndose os honorarios dos consultores de deseño, así como os custos relativos aos materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

g) A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servizo Público de Emprego, que non tivesen relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumprir as exixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación aos contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ao 13 de outubro de 2008.

Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñer a sucesión de traballadores en prácticas para ocupar o mesmo posto de traballo.

h) Alta na Seguridade Social de novos artesáns. Consideraranse as novas altas na Seguridade Social daqueles artesáns vinculados aos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2008.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante Lei 9/2007), considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2008 e a data límite de xustificación establecida no artigo 17 destas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

3. Actuacións e gastos non subvencionables.

Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Investimentos destinados a locais para usos non produtivos, comerciais, formación, entre outros.

b) Investimentos realizados en zonas exteriores ou de acceso.

c) As aplicacións informáticas de xestión.

d) Os gastos en publicidade en medios escritos, radio ou televisión, os investimentos en calquera tipo de formularios ou materiais de uso administrativo e os gastos de impresión e reimpresión de envases e embalaxes de produtos artesanais.

e) Os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto do proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos en que non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a súa actividade a título principal.

f) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive do empresario ou dos que desempeñen cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

g) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

h) Aquelas actuacións que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable.

De conformidade co establecido no artigo 9 destas bases constituirase, con carácter xeral e para todas as tipoloxías de axudas enumeradas anteriormente, unha comisión de avaliación das solicitudes de axudas presentadas, que poderá determinar a exclusión dos investimentos subvencionables daquelas actuacións ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase o crédito correspondente á aplicación orzamentaria 10.05.741-F.770.0 Apoio ao sector artesanal, destinándose para o seu financiamento un importe de 780.000 euros.

Este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10º.

Aplicación orzamentaria: 10.05.741-F.770.0.

Ano 2008: 780.000 euros.

2. As porcentaxes máximas subvencionables dos investimentos obxecto das axudas son as que a continuación se indican e, con carácter xeral, ata o 55% do investimento subvencionable alí onde non estea establecido un límite porcentual de subvención, cun máximo de 30.000 euros por entidade para a suma de todas as tipoloxías de axudas concedidas.

a) Para os investimentos considerados no artigo 2.1.d), a contía máxima de subvención será de 3.000 euros por entidade participante. Así mesmo, cando o obxecto de subvención se refira á adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización en feiras profesionais, a contía máxima de subvención será de 3.000 euros por entidade solicitante.

b) Para os investimentos considerados no artigo 2.1.e), a contía máxima de subvención non excederá de 900 euros por acción formativa, cantidades que non serán computables para os efectos do 55% que se fixa neste artigo.

c) Para os investimentos considerados no artigo 2.1.g), a contía que se percibirá polo concepto de contratación en prácticas poderá alcanzar a cantidade de 3.600 euros por traballador.

d) Para os investimentos considerados no artigo 2.1.h), a contía que se percibirá polo concepto de alta na Seguridade Social de novos artesáns será dun máximo de 120 euros por cada unha das mensualidades satisfeitas á Seguridade Social, que poderán abranguer desde xaneiro a decembro de 2008, ambos inclusive.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que legalmente se estableza.

4. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os artesáns e comunidades de bens titulares de obradoiros artesanais que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar establecidos na Comunidade Autónoma galega e atoparse inscritos como artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no momento de presentar a solicitude de axudas, de acordo co disposto no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

-Ter o seu obradoiro artesanal inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso da creación de novos obradoiros, terán de prazo ata o 15 de setembro de 2008 para solicitar a dita inscrición, acreditando este requisito mediante copia da solicitude de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Non poderán acadar a condición de beneficiario aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes conformes co modelo normalizado do anexo II, deberá xuntar a seguinte documentación, por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos una delas. Non serán admitidas a trámite aquelas solicitudes en que non figuren cubertos os campos obrigatorios, sen prexuízo do disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de produción artesanal, volume de produción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice, factura pro forma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións para realizar elaborado pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto, o contrato ou a factura pro forma dirixiranse ao solicitante da axuda e contarán coa sinatura e DNI/NIE ou CIF/NIF do autor do orzamento. Para estes efectos achegarase cuberto o anexo III.

Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

Segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, cando o importe do gasto subvencionable (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros, o solicitante deberá obter e achegar xunto coa solicitude copia de, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

b.1. Copia ordenada de todos e de cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

b.2. De ser o caso, por superarse a contía de 12.000 euros, copia ordenada de todos e de cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados polo solicitante para a realización do proxecto.

b.3. De ser o caso, por superarse a contía de 12.000 euros, memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

-Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo o solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

-Cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mímino, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

c) NIF/CIF da entidade solicitante.

d) Incluirase, segundo o anexo IV, declaración expresa de cantas axudas se solicitasen ou obtivesen para as mesmas actuacións, doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como declaración do solicitante de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da entidade solicitante, e fotocopia do seu DNI/NIE.

f) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria en que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI/NIE de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

g) Para a actuación recollida no punto h) do artigo 2.1º desta orde, escrito que recolla a previsión ou data de alta na Seguridade Social dos artesáns vinculados cos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que comecen a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2008.

h) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Como caso xeral, estas certificacións non teñen que achegarse, xa que a solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir os organismos citados no parágrafo anterior.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

i) De ser o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

j) Copia da carta de artesán e do documento de cualificación de obradoiro artesán.

k) Certificación acreditativa de estar dado de alta no IAE. No caso de obradoiros que se constitúan ao longo do ano 2008, o requisito de alta no IAE deberase acreditar con anterioridade á presentación da xustificación do investimento.

l) Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo VI, de ser o caso.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos para a valoración técnica dos proxectos.

Artigo 6º.-Consentimento e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimiento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

2. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenio e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web coas excepcións previstas no artigo 15.2 d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspóndendolle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión. Non obstante, cando a competencia estea desconcentrada nos delegados provinciais desta consellería, o órgano instrutor será a secretaría da respectiva delegación provincial.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2º h) resulta que o solicitante non se atopa ao corrente do pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas efectuadas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesarios serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de avaliación.

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Constituirase unha comisión de avaliación en cada delegación provincial.

A composición da comisión de avaliación será a seguinte:

a) Presidente/a.-O/A secretario/a da delegación provincial.

b) Vogais.-Dous/Dúas funcionarios/as nomeados/as polo/a delegado/a, que poderán exercer tamén a secretaría da comisión.

c) Secretario/a.-Un/ha funcionario/a da delegación provincial.

2. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles ata esgotar o crédito dispoñible.

3. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

A comisión de avaliación, con carácter xeral para todas as actuacións presentadas, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable naqueles conceptos en que xustificadamente se estime necesario, segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos.

Artigo 10º.-Criterios de avaliación.

As actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Capacidade de xerar actividade económica na empresa, -de 10 a 20 puntos:

a) Creación de novas unidades produtivas, -20 puntos.

b) Contribución á potenciación e creación de postos de traballo nos obradoiros artesanais, -15 puntos.

c) Incidencia do proxecto na mellora ou revalorización da calidade do produto artesanal, -10 puntos.

2. Mellora da divulgación e promoción das producións artesanais, así como da comercialización mediante o acceso aos novos mercados e o desenvolvemento de novos produtos. -de 5 a 15 puntos:

a) Participación en feiras profesionais e outros eventos expositivos de carácter nacional e/ou internacional, -15 puntos.

b) Promover a divulgación da cultura dos oficios artesáns entre as novas xeracións, -10 puntos.

c) Desenvolvemento de iniciativas de innovación e de incorporación do deseño ao sector artesanal, -10 puntos.

3. Pertenza a algunha asociación profesional ou sectorial que favoreza a comercialización. -10 puntos.

4. Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, produción de zocos e zocas, tonelaría, sellaría, albardaría, olaría, forxa, latoaría, caldeiraría, afiado, cestaría, labores de palla e carpintaría de ribeira, -10 puntos.

5. Que o solicitante sexa artesán mozo ou muller,-5 puntos.

6. Compromiso de utilización da lingua galega en todas as actuacións e nos elementos que proceda das actividades subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinada, do modelo que se inclúe como anexo VI, -5 puntos.

7. Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria, -2 puntos.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de avaliación formulará a proposta de resolución que se elevará a través do órgano instrutor ao conselleiro ou, de ser o caso, ao delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

2. O conselleiro ou, de ser o caso, o delegado provincial, á vista da proposta de resolución, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, a actuación que se subvenciona e o importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta e, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dictase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria ou, de ser o caso, ante a delegación provincial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria ou, de ser o caso, polo delegado provincial logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia ao interesado no termos previstos no artigo 10.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas dos interesados.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ao 15 de setembro de 2008, inclusive, ante a Dirección Xeral de Comercio, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

b) No caso de se acolleren ás axudas á contratación, o mantemento dos postos de traballo creados por un período mínimo dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do primeiro e último trimestre do ano 2009, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito, así como o correspondente TC2.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os mesmos requisitos que o traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado polo empresa beneficiaria á Consellería de Innovación e Industria, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención.

c) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

d) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2º destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

h) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. As entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria, Dirección Xeral de Comercio.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

l) No caso de que as xestións de comprobación de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario teña débedas dalgún tipo das recollidas nel, requirirase o solicitante ou beneficiario que regularice a súa situación e presente por si mesmo o/s correspondente/s certificado/s de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e/ou sociais.

m) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención, o beneficiario presentará na respectiva delegación provincial ou nos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 31 de outubro de 2008, inclusive.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, presentarase por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria en que se describa a realización do investimento, na cal deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servizos prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Unha relación clasificada da actividade para a que se solicita a axuda, desagregada por epígrafes e dos gastos e investimentos, segundo o anexo III.

c) No caso de creación de novos obradoiros, copia da solicitude de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

d) Xustificantes dos investimentos, facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalentes no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidos dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Acompañarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificándose, se é o caso, o tipo de cambio aplicado).

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudos ou proxectos, entregarase, ademais, un exemplar destes.

f) A xustificación para efectos de asistencia a feiras ou programas formativos farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espazo da feira, tendo que presentar igualmente a documentación mencionada no parágrafo anterior.

g) Para as actuacións acollidas as letras g) ou h) do artigo 2º das bases reguladoras desta orde, presentarase copia dos contratos e dos boletíns de cotización e relación nominal de traballadores da Tesouraría da Seguridade Social. Para aqueles proxectos acollidos á letra h) desta orde de axudas, o beneficiario achegará os correspondentes recibos das cotas satisfeitas á Seguridade Social. Para o resto das mensualidades recollidas na resolución de concesión de axudas e correspondentes sempre ao ano 2008, o beneficiario presentará compromiso de mantemento do período de cotización, debendo ademais presentar durante o primeiro trimestre do ano 2009, e ante a Consellería de Innovación e Industria, a xustificación de pagamento das mensualidades non xustificadas.

h) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

i) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, en que conste: código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de conta corrente.

j) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

k) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

l) No caso de que tras realizar a Consellería de Innovación e Industria de oficio a consulta telemática para solicitar as certificacións de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, dese como resultado que o beneficiario teña débedas dalgún tipo das mencionadas, requirirase este para que regularice a súa situación e presente por si mesmo o/s correspondente/s certificado/s de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e/ou sociais. A devandita consulta telemática realízase con anterioridade á tramitación da proposta de pagamento das axudas, se é o caso, de acordo co establecido no artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado polo beneficiario.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 3.3.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións regulamentadas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non disposto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na Lei 9/2007, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "05000D003P023.PDF"

Ver referencia pdf "05000D004P037.PDF"