DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.135

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 29 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a incentivación da demanda comercial (liña INCEN), fomento da cooperación empresarial e da calidade (liña COOP) e desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos de Galicia e eixes comerciais (liña MECCA), en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria (IN219A).

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente desempeñou no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, o Plan de renovación e mellora do comercio galego inclúe un programa específico: pulo do asociacionismo comercial e das integracións estratéxicas, no cal se recolle un conxunto de medidas entre as que cabe suliñar:

-Incentivación da demanda comercial para potenciar a implantación de novas fórmulas de distribución comercial desenvolvidas polos comerciantes, mellorar a loxística do comercio así como acadar unha imaxe máis competitiva do comercio galego polo miúdo.

-Cooperación empresarial para mellorar a competencia nos mercados de distribución e fomentar a creación e desenvolvemento de organizacións comerciais que supoña unha alternativa real de compra para os consumidores e de distribución para os produtores, xunto coa promoción da calidade no comercio mediante un distintivo propio de calidade do comercio galego.

-Revitalización de centros comerciais abertos e eixes comerciais como unha das iniciativas que poidan facilitar a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como do urbanístico, contribuíndo a evitar a despoboación que nos últimos anos se está a producir nos centros urbanos.

Desde o convencemento de que a incentivación do asociacionismo comercial é a mellor forma de aplicar as medidas recollidas no Plan de renovación e mellora do comercio galego e de afrontar unha renovación comercial que en moitos casos supera o ámbito das solucións individualizadas que poidan aplicar os propios comerciantes.

En consecuencia co exposto, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes articulando tres liñas de axudas: a liña INCEN para a incentivación da demanda comercial, a liña COOP para o fomento da cooperación empresarial e a calidade, e a liña MECCA para o desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos, eixes comerciais e mercados de abastos, dando así resposta ao contido do Plan de renovación e mellora do comercio galego.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria destinadas para as seguintes liñas de axuda:

-INCEN de incentivación da demanda comercial/actividade comercial.

-COOP para accións de integración de estratexias conxuntas, cooperación empresarial e fomento da calidade.

-MECCA para o desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos, eixes comerciais e mercados de abastos.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita subvención para o ano 2008.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude individualizada, distinguindo a liña de actuación que se solicita, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. A través da solicitude proporciónanselle á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderanse exercer os dereitos de acceso, cancelación rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de abril de 2008, ambos os dous incluídos.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código (IN219A), poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), no seu punto de «axudas» e na «oficina virtual».

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 54 54 17, 981 54 55 57.

c) O enderezo electrónico dxcomercio@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a incentivación da demanda comercial (liña INCEN), fomento da cooperación empresarial e da calidade (liña COOP) e desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos de Galicia e eixes comerciais (liña MECCA), en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego (IN219A)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto as seguintes liñas:

-INCEN de incentivación da demanda comercial.

-COOP para accións de integración de estratexias conxuntas, cooperación empresarial e fomento da calidade.

-MECCA para o desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos, eixes comerciais e mercados de abastos.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro de cada liña de axudas as recollidas nos puntos 3.1, 3.2 e 3.3 deste punto, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2008 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

Non obstante, en función da súa especial natureza, tamén se considerarán actuacións subvencionables:

-Na liña INCEN aquelas actuacións que se inicien no mes de decembro do ano 2007 e teñan continuidade ininterrompida no exercicio 2008.

-Na liña MECCA aquelas actuacións realizadas a partir da data de finalización do prazo límite para a xustificación dos investimentos da orde de convocatoria do exercicio anterior (Orde do 3 de abril de 2007; DOG nº 70, do 11 de abril) e ata o 31 de decembro de 2007.

3.1. Liña INCEN.

a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de publicidade que responda a un plan de medios de comunicación preestablecido, orzado e dimensionado ao ámbito de influencia da entidade solicitante.

b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de elaboración de material promocional como catálogos, folletos, carteis, bolsas ou similares.

c) Actuacións que teñan por finalidade a incentivación da demanda comercial e redunden nunha mellora da distribución e desenvolvemento da actividade comercial.

3.2. Liña COOP.

a) Proxectos de creación de agrupacións e central de compras e servizos, estudos previos sobre a súa viabilidade, e plans de acción realizados por empresas especializadas avaladas polo seu curriculum e experiencia na materia, que deberá demostrar documentalmente.

b) A posta en funcionamento e a consolidación de agrupacións e centrais de compras e servizos, a través de investimentos en equipamento, mellora da loxística e das comunicacións que teñan repercusión nos comerciantes vinculados ao proxecto.

c) A creación de redes de comunicación que posibiliten a interconexión en rede das asociacións entre si ou cos seus comerciantes, así como con outros organismos ou centros de xestión directamente relacionados co sector da distribución comercial, e que fomenten o labor de asesoramento, e a posta en funcionamento de plataformas que faciliten o comercio electrónico.

d) Proxectos de investigación, información, difusión e sensibilización que teñan por obxecto a obtención de coñecementos no sector comercial, e inclúan propostas de actuación concretas que repercutan positivamente na modernización do comercio de Galicia. Os ditos proxectos deberan vir acompañados pola documentación que avale o grupo de investigación, currículo e experiencia.

e) Actuacións formativas específicas para os comerciantes: cursos de formación, actividades de información e orientación comercial, organización de conferencias, congresos, xornadas técnicas ou mesas redondas que aborden aspectos fundamentais da distribución comercial, ou afonden en temas monográficos que contribúan a sensibilizar os comerciantes para a súa adaptación á evolución do sistema distributivo.

f) Actuacións para a creación de integracións estratéxicas a nivel galego que promovan o desenvolvemento dos proxectos amparados polos centros comerciais abertos ou eixes comerciais.

g) Realización de actividades que contribúan á mellora da capacitación técnica e profesional do sector comercial, a través da realización de xornadas, mesas redondas, conferencias, congresos, e cursos que aborden e afonden en aspectos fundamentais sobre a implantación dun distintivo de calidade do comercio galego.

h) Proxectos conxuntos para a implantación do distintivo de calidade do comercio galego, ou para o seu mantemento ou renovación, nun mínimo de 50 establecementos comerciais retallistas sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, cuxos participantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

h.1) As pemes comerciais participantes no proxecto conxunto levado a cabo polo organismo intermedio beneficiario teñen que cumprir indispensablemente os requisitos fixados na norma UNE 175001, acreditando o seu cumprimento a través do certificado emitido por unha entidade avaliadora da conformidade, acreditada pola ENAC como entidades de certificación de sistemas de calidade.

h.2) Cumprimento de, polo menos, oito dos nove requisitos exixidos pola Dirección Xeral de Comercio que a continuación se describen:

-Coñecemento do comerciante e dos seus traballadores da normativa vixente en materia de comercio, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, a través da participación en cursos e xornadas organizadas para o efecto.

-Non ter sido sancionado en materia de comercio nos últimos tres anos.

-Utilización da lingua galega na sinalización interior e exterior do establecemento comercial así como na páxina web, de ser o caso.

-Adhesión ao sistema arbitral de consumo.

-Estar integrados nunha asociación de comerciantes ou de empresarios que conten entre os seus asociados cun alto número de comerciantes.

-Implantación na empresa das medidas de conciliación da vida laboral e familiar.

-Existencia dun plan de prevención de riscos laborais de conformidade co establecido na Lei 31/1995, de seguridade e hixiene no traballo, pola que se regula a prevención de riscos laborais.

-Adopción de medidas para a supresión de barreiras arquitectónicas no local comercial.

-Medidas de aforro enerxético e ambientais.

h.3) No caso de mantemento ou renovación do distintivo de calidade do comercio galego, este ten que ter sido concedido ao comercio retallista dentro do prazo de tres anos anteriores ao da solicitude de subvención, contado desde a primeira concesión do dito distintivo.

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, adscrita á Consellería de Innovación e Industria (en diante, Fundación para o Fomento da Calidade), verificará o cumprimento dos requisitos anteriormente referidos e procederá, de ser o caso, a conceder, manter, renovar ou revogar o correspondente distintivo de calidade do comercio galego.

Os solicitantes das axudas terán que presentar, antes do 30 de agosto de 2008, perante a Dirección Xeral de Comercio, o certificado da norma UNE 175001, xunto coa petición de verificación, por parte da Fundación para o Fomento da Calidade, do cumprimento dos requisitos referidos no punto 4.2.

3.3. Liña MECCA.

a) A potenciación e consolidación de centros comerciais abertos a través das seguintes actuacións:

-Unidades xerenciais dependentes directamente do centro comercial, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.3º, sen que o custo do asesoramento externo poida ser superior ao 25% do total da unidade xerencial.

-Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos aos clientes que supoñan unha vantaxe para estes.

-Sinalización comercial.

-Actividades de formación.

-Promoción e animación comercial.

Ningunha das accións que integran o proxecto poderá superar o 40% do orzamento total presentado.

b) Actuacións en eixes comerciais, concentracións comerciais, cabeceiras de comarcas, zonas urbanas comerciais, centros comerciais de barrio e nos espazos de interese comercial que non responden ao modelo de centro comercial aberto, que constitúen tamén unha forma de centralidade comercial e prestan un indubidable servizo en canto á diversificación da oferta e satisfacción das necesidades cotiás da poboación residente, a través de actuación de formación, promoción e publicidade comercial, e instalacións e equipamentos.

Ningunha das accións que integran o proxecto poderá superar o 40% do orzamento total presentado.

c) Actuacións en mercados de abastos, sempre e cando o proxecto responda a un plan integral que resolva a problemática estrutural e funcional do propio mercado.

c.1) Investimentos dirixidos á transformación estrutural dos mercados de abastos en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes.

c.2) Investimentos tanto no seu acondicionamento e equipamento como realización de accións de fidelización, promoción comercial, sinalización e actividades formativas.

4. Todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro desta orde de axudas deberán estar dirixidas directamente aos comerciantes e ter unha duración máxima de 50 horas. Cada curso deberá ter un mínimo de dez (10) alumnos, salvo nos concellos con poboación inferior a 10.000 habitantes, que poderán ser de seis (6) alumnos. Os honorarios subvencionables dos profesores non poderán ser superiores aos 60 euros á hora; así mesmo, subvencionarase unicamente o material didáctico editado e os manuais elaborados polas academias e profesorado que imparte os cursos.

As cifras de poboación referidas estarán de acordo co establecido no Real decreto 1683/2007, do 14 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2007.

5. Todas as actuacións de sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos deben estar, polo menos, en galego. Esta norma aplicarase en todos os establecementos comerciais, agás nos nomes comerciais ou nos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubitable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2008 e a data límite establecida no artigo 17 destas bases reguladoras, coa excepción dos gastos efectuados en 2007 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Segundo o artigo 29.8º da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En concreto, quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

7.1. Liña INCEN.

a) Investimentos relativos á adquisición de bens inmobles e/ou o mantemento e aluguer de locais.

b) Custos de contratación de persoal.

c) Custos de mailing, mostras, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

7.2. Liña MECCA.

a) Regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.781.1 Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas, cun importe máximo de 6.500.000 euros para o ano 2008, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

2. Investimentos máximos subvencionables e contía da subvención segundo liñas de axudas:

2.1. Liña INCEN.

a) A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

2.2. Liña COOP.

a) O investimento máximo subvencionable establecido para cada unha das actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.2, alíneas a), b), c), d), e) e f) é de 30.000 euros.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

b) O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.2, alínea g), desta liña é de 30.000 euros.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 70% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

c) O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.2, alínea h), desta liña é:

-No caso daqueles establecementos comerciais que pretendan implantar o distintivo de calidade do comercio galego e que aínda non teñan implantada a norma UNE 175001 con anterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en concepto de gastos de consultoría e certificación para a implantación da norma UNE 175001 e custos de consultoría relativos á implantación dos requisitos de mellora exixidos no artigo 1º, punto 3.2, alínea h.2, 2.000 euros por cada comercio retallista que forme parte do proxecto.

-No caso daqueles establecementos comerciais que pretendan implantar o distintivo de calidade do comercio galego e que xa teñan implantada a norma UNE 175001 con anterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou ben xa teñan implantado o distintivo de calidade do comercio galego, en concepto de custos de consultoría relativos á obtención, mantemento ou renovación do distintivo de calidade do comercio galego, 350 euros, IVE excluído, por cada comercio retallista que forme parte do proxecto; e en concepto de custos de auditoría relativos mantemento ou renovación da norma UNE 175001, 350 euros, IVE excluído, por cada comercio retallista que forme parte do proxecto.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 70% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio, no caso da obtención, mantemento ou renovación do distintivo de calidade, tras a verificación do cumprimento dos requisitos administrativos por parte da Fundación para o Fomento da Calidade, e, noutro caso, ata o 50% do investimento máximo subvencionable.

2.3. Liña MECCA.

a) O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.3, alínea a), desta liña é de 150.000 euros.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

b) O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.3, alínea b), desta liña é de 100.000 euros.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

c) O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1º, punto 3.3, alínea c), desta liña é de 100.000 euros.

A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable, aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

Non obstante, para as actuacións contidas nas alíneas a) e b) da liña MECCA do artigo 1º, punto 3.3, destas bases, realizadas nas provincias de Lugo e Ourense, así como nos concellos de menos de 20.000 habitantes das provincias da Coruña e Pontevedra, a porcentaxe da subvención poderá acadar ata o 70% do investimento máximo subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

As cifras de poboación referidas estarán de acordo co establecido no Real decreto 1683/2007, do 14 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2007.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 90% do investimento.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

1. Beneficiarios da liña INCEN.

As asociacións de comerciantes, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e supere o municipal, ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais co mesmo ámbito de actuación, sen fins de lucro, que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

2. Beneficiarios da liña COOP.

As asociacións de comerciantes, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos intermedios, entendéndose por tales as organizacións públicas, semipúblicas ou privadas sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que presten habitualmente servizos de apoio ás pequenas e medianas empresas comercias.

3. Beneficiarios da liña MECCA.

As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais co mesmo ámbito de actuación, sen fins de lucro, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en:

-Centros comerciais abertos.

-Eixes comerciais.

-Mercados de abastos.

Para os efectos desta liña, terán a consideración de centros comerciais abertos os espazos comerciais que, estando situados na Comunidade Autónoma de Galicia e constituídos segundo o previsto no artigo 4.2º a) desta orde, conten en todo caso cunha xerencia profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:

-Ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral. En ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno.

-Prestar servizos de atención aos usuarios cun horario mínimo diario de seis (6) horas.

-Acreditar a asistencia aos cursos formativos que en materia de xestión de CCA promova a Dirección Xeral de Comercio.

Ademais, deberán cumprir polo menos catro dos seguintes cinco requisitos mínimos:

a) Estar en concellos con poboación superior os 10.000 habitantes, de acordo co establecido no Real decreto 1683/2007, do 14 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2007.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve debe haber polo menos 100 comercios.

c) Contar como adheridos polo menos co 50% dos comercios existentes na súa delimitación territorial.

d) Presentar un alto grao de densidade e variedade comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila, percibida pola poboación como a zona natural e tradicional de compras.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

As solicitudes presentadas como proxectos en centros comerciais abertos, que conforme a definición destes dada no artigo 3º, punto 3, destas bases non cumpran os requisitos establecidos, serán tramitadas de oficio como actuacións en eixes comerciais.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante, acompañado do documento nacional de identidade.

c) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e as características dos participantes e beneficiarios.

d) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, e factura pro forma da actividade ou adquisición que se vai subvencionar, presentada por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberá achegar na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

f) Certificado expedido polo secretario ou representante da entidade que acredite o número de socios ou asociados, dos cales se achegará relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome do titular e do establecemento, actividade principal a que se dedica, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

g) Declaración expresa sobre a concesión, ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

h) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

i) Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo V, de ser o caso.

j) Formalización polos centros comerciais abertos do anexo VI, relativo ás unidades xerenciais, acompañado da documentación que nel se sinala. Este requisito é específico da liña MECCA.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia esta epígrafe.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2º resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Un/unha xefe/a de servizo.

b) Un/unha xefe/a de sección.

c) Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Comercio.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A rigorosidade do proxecto, coherencia na súa estrutura, adecuación dos obxectivos e implicación dos comerciantes no proxecto. Ata 8 puntos.

b) A maior achega financeira da entidade solicitante en relación ao investimento subvencionable. Ata 7 puntos.

c) As actuacións que proporcionen un maior efecto demostración e se presenten relacionadas con instrumentos de planificación urbana. Ata 7 puntos. Este criterio é específico para a liña MECCA.

d) O alcance da actuación, atendendo tanto á difusión como á representatividade da entidade e, de ser o caso, ao número de membros aos cales se dirixe o proxecto en cuestión. Ata 6 puntos.

e) O grao de execución e, de ser o caso, o de cumprimento das axudas ou subvencións concedidas en exercicios anteriores en materia de comercio, así como a experiencia no desenvolvemento de actuacións similares. Ata 5 puntos.

f) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas e privadas no desenvolvemento do proxecto. Ata 4 puntos.

g) A participación de patrocinadores no financiamento. Ata 3 puntos.

h) O compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación do modelo que se inclúe como anexo V, debidamente asinado. Ata 2 puntos.

i) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria. 1 punto.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, que deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da totalidade da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, en que se lles dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 10º destas bases.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2º destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza, e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega na forma que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas na alínea 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 16º.-Subcontratación.

Permítese a subcontratación polo beneficiario das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2008:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2º d), deberá xustificarse expresamente nunha memoria, cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, débese entregar un exemplar de cada un deles.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante lle denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

g) No caso dos solicitantes que presenten proxectos para a implantación ou mantemento dun distintivo de calidade do comercio galego deberán, ademais, presentar a acreditación da súa obtención ou renovación.

h) No caso de realización de accións formativas, deberán achegar a seguinte documentación: programa detallado do curso así como a súa duración, curriculum do persoal docente, número e identificación dos participantes.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado polo beneficiario, para o cal se lle unirá a documentación da xustificación certificación expedida pola entidade bancaria en que conste o díxito de control, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.3º.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na devandita lei; o Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "05000D002P007.PDF"