DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 11 de marzo de 2008 Páx. 4.135

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior, previsto na Resolución do 1 de febreiro de 2008.

Mediante Resolución do 1 de febreiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 29, do 11 de febreiro), a Secretaría Xeral de Emigración convoca e regula, para o exercicio 2008, o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior.

A publicación desta resolución con case un mes de antelación á realizada no exercicio 2007 está a dificultar a presentación de solicitudes naqueles países de Latinoamérica para os que o mes de febreiro é de escasa actividade laboral e se encontran en períodos vacacionais.

En consecuencia, e á vista do número mínimo de solicitudes presentadas e rexistradas nas entidades colaboradoras, co fin de facilitarlles aos interesados a presentación das solicitudes e acompañar a documentación correspondente e de conformidade co establecido no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o secretario xeral de Emigración, en virtude das competencias que ten atribuídas,

ACORDA:

Artigo único.-Ampliar, ata o 18 de marzo de 2008, o prazo de presentación de solicitudes para as axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior reguladas na Resolución do 1 de febreiro de 2008.

Contra este acordo de ampliación do prazo non cabe recurso ningún, de acordo co disposto no artigo 49.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2008.

Manuel Luís Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración