DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 10 de marzo de 2008 Páx. 4.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2008 pola que se convocan tres cursos de especialización sobre salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de tres cursos de especialización sobre salvamento e socorrismo acuático, que deberán desenvolverse conforme coas seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorrismo acuático de persoas en situacións difíciles.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos integrantes dos servizos de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, de bruzos e de costas.

Desenvolvemento.

1. Prazas: 30.

2. Duración: 80 horas lectivas.

3. Lugar: determinarase en función da localización dos/as solicitantes que superen as probas de acceso.

4. Datas: confirmaranse coa suficiente antelación ao seu inicio.

Proba de acceso.

Todos os aspirantes pasarán unha proba selectiva para optar á realización do curso. Esta proba, en que se avaliará o dominio de natación nos tres estilos, así como nadar 200 metros estilo libre, farase na piscina da Academia Galega de Seguridade Pública no día e na hora que oportunamente e coa suficiente antelación se lles comunicará aos interesados.

Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou enviar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 28 de marzo de 2008.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade e co selo desta. Estes requisitos serán indispensables para ser admitidos no curso.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 886 20 61 21, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

Trataranse diversos temas relacionados cos seguintes puntos:

a) Introdución. Conceptos xerais.

b) Salvamento e socorrismo acuático.

c) Técnicas de extracción de accidentados. Salvamento acuático en espazos naturais.

d) Primeiros auxilios. Soporte vital básico. Soporte vital básico pediátrico. Traumatismos. Picaduras e mordeduras. Lesións por axentes externos.

e) Proba de avaliación e superación do curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o 21 de abril na páxina web: http:// agasp.xunta.es.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2008.

P.S. (Disposición primeira, Orde 31-1-2008,

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

Mª Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "04900D012P035.PDF"