DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 10 de marzo de 2008 Páx. 4.080

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2008 pola que se convocan tres xornadas prácticas na loita contra incendios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de tres xornadas prácticas na loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme coas seguintes bases:

Obxectivos.

Xornadas de actualización e reciclaxe na loita contra os incendios para os integrantes dos servizos de protección civil que teñen certa experiencia neste sector, poñendo ao día os coñecementos e habilidades precisas para actuar de maneira correcta ante os eventos producidos polo lume.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico de Protección Civil e o curso de 2º nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais e que non realizasen o curso de especialización contra incendios, que se desenvolve na sede do Centro de Instrución e Seguridade Interior da Armada (CISI) en Ferrol.

Desenvolvemento.

1. Prazas: 20.

2. Duración: cada unha das xornadas terá unha duración de dous días, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

3. Datas: 5-6, 7-8 e 12-13 de maio de 2008.

Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou enviar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 28 de marzo de 2008.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade de protección civil e co selo desta. Estes requisitos serán indispensables para ser admitidos nas xornadas.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax 886 20 61 21, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

Nelas trataranse os seguintes temas:

1. Equipamentos de protección térmica.

2. Extinción de incendios clase A-B.

3. Manexo de equipamentos ERA.

4. Rede contra incendios:

a) Conexión/desconexión; tendido/pregado.

b) Construción de liñas de extinción con mangueiras de diferentes tipos e diámetros, liñas de distribución, protección e ventilación. Montaxe de diferentes sistemas de xeración de escuma. Manexo de diferentes clases de espumóxeno, asesorando das súas vantaxes e inconvenientes.

c) Prácticas estáticas con presión de auga, adestrando na composición de equipos de extinción.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 17 de abril na páxina web http:// agasp.xunta.es.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades da xornada. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto na xornada.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de febreiro de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1-2008,

DOG 23, do 1 de febreiro)

Mª Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "04900D010P032.PDF"