DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 10 de marzo de 2008 Páx. 4.067

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos nas convocatorias de xuño e de setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 2 de abril de 2002 (DOG do 25 de abril), pola que se establecen as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos, establece no seu artigo 4 que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente as citadas probas, e no seu artigo 3 que a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais autorizará os centros nos que se realicen as probas por proposta da delegación provincial correspondente.

En consecuencia, e en relación coa convocatoria das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2008, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2008 conforme se indica nas epígrafes seguintes:

I. Condicións dos aspirantes.

1. Poderanse inscribir para a realización das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria aquelas persoas que teñan cumpridos 18 anos con anterioridade ao 31 de decembro do ano 2007.

2. Os alumnos matriculados de forma oficial nas ensinanzas de adultos de nivel III, nas modalidades presencial ou a distancia, para facer a inscrición nas probas libres deberán presentar ante a dirección do centro a renuncia ao dereito a ser avaliado pola matrícula oficial. A renuncia realizarase con anterioridade á presentación da solicitude de matrícula nas probas libres, xuntando copia da devandita renuncia á solicitude. O incumprimento deste requisito leva á perda do dereito a ser avaliado na proba libre.

3. Para a realización das probas, os aspirantes acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

II. Contidos da proba.

1. As áreas constitutivas da proba están integradas nos seguintes grupos:

a) Grupo lingüístico. Comprenderá exercicios das áreas de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira.

b) Grupo científico-tecnolóxico. Comprenderá exercicios das áreas de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía.

c) Grupo de ciencias sociais. Comprenderá exercicios das áreas de ciencias sociais, xeografía e historia, música e educación plástica e visual.

2. Cada delegación provincial, dous días antes da data de realización das probas, enviará un funcionario acreditado para recoller os protocolos de exames na Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Unha vez recibidos, en presenza do delegado provincial e do xefe do Servizo Provincial de Inspección, ou dos funcionarios nos que deleguen, os protocolos serán entregados aos presidentes das distintas comisións avaliadoras que actúen na provincia.

3. As delegacións provinciais adoptarán todas as medidas necesarias para que en ningún caso poida ser coñecido o contido das probas antes da súa aplicación.

III. Sedes nas que se realizarán as probas.

1. Provincia da Coruña:

-Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero, 3. A Coruña.

-Centro EPA de Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n. Ferrol.

-IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n. Santiago de Compostela.

2. Provincia de Lugo:

-Centro EPA de Albeiros, parque da Milagrosa, s/n. Lugo.

3. Provincia de Ourense:

-Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4. Ourense.

4. Provincia de Pontevedra:

-Centro EPA Artes e Oficios, rúa Marqués de Valterra, 8 -1º. Vigo.

-Centro EPA de Pontevedra, Avda. de Buenos Aires, s/n. Pontevedra.

IV. Matrícula.

1. A solicitude de matrícula axustarase ao modelo que figura no anexo I e efectuarase na secretaría do centro onde se desexen realizar as probas.

2. Os prazos de matrícula serán:

-Proba de xuño: do 15 ao 26 de maio, ambos os dous incluídos.

-Proba de setembro: do 1 ao 4 de setembro, ambos os dous incluídos.

3. Cada delegación provincial, a través dos medios de comunicación, dará coñecemento público dos prazos, os centros para a matrícula e as datas das probas dispostas nesta resolución.

4. O día seguinte ao do pechamento da matrícula de cada convocatoria, os directores dos centros nos que se realizou a matrícula deberán comunicar por fax ás respectivas delegacións provinciais e á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais o número de aspirantes que solicitan a realización da proba.

5. As persoas matriculadas para a convocatoria do mes de xuño, se non superan a totalidade dos grupos da proba, consideraranse matriculadas para a convocatoria de setembro sen que teñan que presentar nova documentación.

V. Data e normas de realización.

1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 17 de xuño e 11 de setembro para as respectivas convocatorias.

2. A sesión da mañá terá dúas partes; na primeira, de 9.30 horas a 12.30 horas, realizaranse as probas do grupo científico-tecnolóxico; na segunda, de 12.30 horas a 14.00 horas, realizaranse as probas do grupo de ciencias sociais.

Na sesión da tarde, de 16.00 a 19.45 horas, realizaranse as probas do grupo lingüístico. A sesión da tarde dará comezo ás 16.00 horas e comprenderá os exercicios de:

a) Lingua galega e literatura.

a.1) Exercicio de redacción.

A comisión avaliadora elixirá un tema para llelo propor aos aspirantes. O tema elixido debe ter preferentemente un contido de tipo social ou cultural e de ampla difusión local, autonómica, nacional ou internacional.

Na valoración da redacción que realicen os aspirantes terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, a presentación do tema e o dominio da ortografía.

O tempo para a realización será de tres cuartos de hora como máximo.

a.2) Cuestións de lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

b) Lingua castelá e literatura.

b.1) Exercicio de redacción.

Aterse ao disposto no punto a.1 para a lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

b.2) Cuestións de lingua castelá e literatura.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

c) Lingua estranxeira.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

VI. Avaliación e puntuación das probas.

1. A avaliación das probas correspóndelle ao equipo de profesores que compoña o tribunal. Estes profesores actuarán de maneira colexiada para establecer a cualificación de cada un dos grupos de áreas que integran as probas.

2. Unha vez avaliados os tres grupos de áreas e no caso de que un alumno fose avaliado negativamente nun grupo, o tribunal poderá revisar novamente se se acadaron, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa nese grupo e modificar a nota proposta en sentido positivo.

Entenderanse acadados os obxectivos cando, a xuízo do tribunal, o aspirante amose un grao de adquisición das capacidades que lle permita incorporarse ao mundo laboral, así como proseguir a aprendizaxe ao longo da vida. O tribunal poderá, cando o considere oportuno, convocar os aspirantes a unha entrevista que sirva para aclarar posibles dúbidas sobre a valoración dese grupo de áreas.

3. Aqueles aspirantes para os que o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria por non teren acadados os obxectivos xerais desta etapa nun grao suficiente, conservarán para sucesivas convocatorias as cualificacións positivas obtidas nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaínte nos distintos grupos de áreas superados. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais en sucesivas convocatorias, polo que non será necesario que o/a alumno/a volva realizar as probas dos grupos superados para proceder á proposta do título de graduado en educación secundaria.

4. Os aspirantes que acrediten ter superada algunha área nas probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria anteriores ao ano 2002 quedarán eximidos da realización da proba naquelas áreas avaliadas positivamente, axustando de forma porcentual a cualificación do apartado VI, epígrafes 7 e 8, desta resolución.

5. Os aspirantes que acrediten ter superadas algunhas áreas do 4º curso de educación secundaria obrigatoria, ou módulo número catro nos diferentes ámbitos de educación secundaria de adultos recollidos no anexo III, quedarán dispensados da realización da proba naqueles grupos de áreas avaliadas positivamente axustando, de forma porcentual, a cualificación do punto VI, epígrafes 7 e 8, desta resolución.

6. Durante o período de matrícula, os alumnos aspirantes poderán presentar no centro que corresponda a solicitude de exención de lingua galega para os efectos de que non sexa obxecto de avaliación nesa convocatoria.

Para solicitar a exención da materia de lingua galega utilizarase o modelo que figura no anexo II desta resolución, no que se expresará a razón pola que se solicita a exención das previstas no artigo 15.1º do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

As solicitudes presentaranse no centro onde o alumno solicite a matrícula e acreditaráse a procedencia doutra comunidade ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá. Os alumnos procedentes doutra comunidade autónoma presentarán, ademais, copia cotexada da documentación na que se acrediten os últimos estudos realizados.

O director do centro, de conformidade co artigo 16.2º do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, resolverá sobre a concesión ou a denegación, fará pública tal circunstancia no taboleiro de anuncios e comunicarallo ao presidente do tribunal que corresponda, polo menos tres días antes da data de realización da proba.

Contra a resolución do director do centro cabe interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. A cualificación de cada grupo de áreas outorgarase de acordo coa seguinte escala:

Ver referencia pdf "04900D006P019.PDF"

10. Cualificación global da proba.

a) Unha vez avaliada a proba, no prazo de dez días, o presidente do tribunal fará pública a lista provisional de alumnos avaliados coas cualificacións obtidas no taboleiro de anuncios do centro no que realizou a proba.

b) Contra a cualificación provisional da proba, o alumnado poderá presentar reclamación ante o presidente do tribunal no prazo de dous días posteriores ao da publicación das listas provisionais.

c) Transcorrido o prazo de reclamacións, os alumnos que aproben os tres grupos teñen superada a proba.

d) Contra a cualificación definitiva da proba poderase interpor recurso de alzada ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda, no xeito previsto no artigo 114/115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

e) Para os efectos da tramitación do título de graduado en educación secundaria, os candidatos serán propostos, polo tribunal que corresponda, a través do centro no que se realizou a proba, e a denominación do centro figurará no título correspondente.

VII. Tribunais.

1. Os tribunais estarán constituídos por un inspector ou unha inspectora de educación como presidente e catro vogais profesores do corpo de educación secundaria, preferentemente de educación de adultos, designados polo delegado provincial, correspondéndolle un especialista para cada grupo nas áreas ou materias que compoñen as probas.

2. Á vista do número de alumnos matriculados, as delegacións provinciais poderán nomear máis dun tribunal para cada unha das sedes autorizadas.

3. No caso de que a delegación provincial nomee máis dun tribunal para unha mesma sede, a delegación establecerá os centros nos que actuará cada tribunal e o centro receptor da matrícula ordenará os alumnos solicitantes por orde alfabética e distribuiraos de forma proporcional para cada tribunal.

4. Cando se presenten alumnos con necesidades educativas especiais, no caso que o soliciten, os tribunais adoptarán as medidas que se estimen oportunas para facilitar a realización da proba.

5. Os membros do tribunal poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación das convocatorias de xuño e setembro conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Logo de realizada a proba, os presidentes dos tribunais cubrirán a ficha estatística que se xunta como anexo IV e remitiranlla ao xefe do Servizo Provincial de Inspección. As devanditas fichas, co visto e prace do inspector xefe, enviaranse á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais antes do próximo 4 de xullo, para a convocatoria de xuño, e antes do 30 de setembro para a convocatoria de setembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tendo en conta que unha porcentaxe moi elevada dos militares profesionais de tropa e mariñeiría da Comunidade Autónoma de Galicia que están a preparar as probas nos seus respectivos acuartelamentos, non poden participar na realización destas nas datas ordinarias de convocatoria por estar a navegar ou participando en misións no exterior, manobras ou servizos propios das Forzas Armadas, a data ordinaria de celebración da proba de xuño para este colectivo adiántase ao día 27 de marzo. A devandita proba realizarase no centro IES Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.

Segunda.-Neste centro só se poderán matricular para a realización desta proba os militares profesionais de tropa e mariñeiría destinados nos acuartelamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de matrícula para este alumnado será os días 12, 13 e 14 de marzo.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

Ver referencia pdf "04900D006P019.PDF"