DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 10 de marzo de 2008 Páx. 4.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases que rexen as axudas ao alumnado de niveis non-universitarios para a adquisición dun ordenador persoal durante o ano 2008 e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio das competencias e funcións en materia de políticas educativas, debe potenciar as novas tecnoloxías da información e comunicación co obxectivo de contribuír á creación de mellores condicións para o desenvolvemento económico, social e cultural, e á mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Para lles facilitar o uso das novas tecnoloxías a aqueles colectivos que teñan menor posibilidade de acceso a elas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou durante os anos 2006 e 2007 axudas que tiveron como finalidade proporcionarlles axudas aos alumnos de niveis non universitarios para a adquisición de equipamentos informáticos co obxecto de incrementar o número de fogares na comunidade autónoma que dispoñen de equipamento informático adecuado.

Tendo en conta o volume da actividade administrativa que deriva das competencias que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na tramitación destas axudas, e coa finalidade de acadar unha maior axilización no trámite e resolución delas, aconsellan delegar no titular da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais determinadas competencias legalmente atribuídas á conselleira, todo iso en beneficio tanto da Administración como dos administrados.

Esta nova convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de 2.666 axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ao alumnado de niveis non universitarios que adquiran un ordenador persoal no ano 2008.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará as anteditas axudas con cargo á partida orzamentaria 09.03.423B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cun total orzamentario de 799.800 €.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as axudas os pais, nais ou titores legais do alumnado que reúna os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a no ano escolar 2007-2008 nun centro educativo sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera dos cursos de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, ou equivalentes no caso do alumnado con necesidades educativas específicas.

b) Adquirir ou ter adquirido un ordenador persoal de primeira man, de escritorio ou portátil, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de setembro de 2008. O ordenador persoal de escritorio estará composto, como mínimo, pola CPU, un teclado, un rato e unha pantalla.

c) Ser o único membro da unidade familiar para o cal se solicita a axuda.

d) Non ter recibido esta axuda a unidade familiar en anteriores convocatorias.

e) Que os ingresos familiares anuais non superen os 25.000 euros, calculados segundo se indica no artigo 5º, punto 2 desta orde.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Os que desexen optar á axuda deberán completar, en liña, a solicitude e anexos que como formulario electrónico se atoparán na páxina web: http://www.edu.xunta.es/axudasord, ou ben presentar os anexos desta orde debidamente cubertos. Posteriormente, e sempre antes de que remate o prazo establecido no punto 2 deste artigo, presentarán esa mesma solicitude impresa e anexos, debidamente asinados, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo San Caetano, s/n, código postal 15781, en Santiago de Compostela), ou ben por calquera dos medios previstos para a presentación de instancias no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación.

De acordo co establecido no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, naquelas solicitudes en que non se acheguen os requisitos sinalados, requirirase do interesado que nun prazo de dez días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente, nos termos previstos no dito artigo.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os solicitantes deberanlle consentir expresamente á Administración concedente incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

4. Ás solicitudes achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante (pai, nai ou titor legal) ou, de ser o caso, do NIE (número de identidade de estranxeiro).

b) Fotocopia compulsada do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar (pai, nai, fillos menores de dezaoito anos e fillos de dezaoito ou máis anos con algunha minusvalidez). No caso de non ter libro de familia terá que presentarse un documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos (certificado de convivencia do concello).

c) Autorización do solicitante e doutros membros da familia cuxos ingresos son computables para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder recadar datos de carácter tributario ou económicos que fosen legalmente pertinentes á Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF). A autorización cubrirase segundo o modelo que figura no anexo III. Na medida en que, a través deste sistema, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida dispoñer das ditas informacións, non se lles exixirá aos interesados a achega individual de certificacións expedidas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, nin a presentación, en orixinal, copia ou certificación, das súas declaracións tributarias.

d) Declaración responsable do solicitante de percibir ou non outro tipo de bolsa ou axuda das administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicas, para a adquisición de ordenadores, segundo modelo do anexo II.

e) Fotocopia compulsada do certificado de minusvalidez no caso de que algún membro da unidade familiar teña esa condición. Na referida certificación deberá constar o grao de minusvalidez, que terá que ser do 33% ou superior.

f) Documento orixinal, facilitado pola entidade bancaria, acreditativo da existencia dunha conta bancaria aberta a nome do solicitante (pai, nai ou titor legal), en que conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

g) Declaración responsable de que o solicitante e o beneficiario non incorren nos supostos previstos nos puntos 2º e 3º, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo IV.

Os que presentaron na convocatoria anterior os documentos correspondentes ás alíneas a), b), e) e f) e non resultaron beneficiarios da axuda estarán exentos de presentalos sempre que o fagan constar por escrito no momento de realizar a solicitude.

Artigo 5º.-Criterio de valoración.

1. O criterio de valoración que se terá en conta para conceder estas axudas será o do nivel de ingresos da unidade familiar, ordenados de menor a maior.

2. Os ingresos determinantes do dereito á axuda estarán referidos aos ingresos familiares, que se fixarán en función da contía, en número de veces o salario mínimo interprofesional, corrixida segundo se establece no punto 4º deste artigo, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38, 39 e 40, respectivamente, do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración (ou declaracións) presentada por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude de axuda. Para tal efecto, atenderase ao importe comprobado pola Administración tributaria. Se o representante legal ou os membros da unidade familiar do solicitante non presentasen declaración, por non estaren obrigados a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante a información de

carácter tributario ou económico facilitada pola Administración tributaria, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38, 39 e 40, respectivamente, do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo.

Para efectuar o cálculo dos ingresos anuais partirase, como se mencionou anteriormente, da contía da parte xeral e especial da renda. A operación consistirá en sumar os recadros 476+479 da declaración da renda, restarlle a contía do recadro 490, e o resultado multiplicalo polo coeficiente corrector que se indica no punto 4º deste artigo.

3. Para os efectos desta orde, enténdese por ingresos familiares os referidos á unidade familiar tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas. As referencias á unidade familiar para efectos de ingresos se fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. Aos ingresos familiares aplicaráselles un coeficiente multiplicativo corrector, en función do número de membros da unidade familiar:

Número de menbros

da unidade familiar Coeficiente corrector

1 ou 2 1,00

3 0,97

4 0,93

5 0,88

6 ou máis 0,83

No caso de que algún membro da unidade familiar estea afectado con minusvalidez, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte a aquel ao cal lle correspondería sen esta consideración.

5. Todas estas circunstancias se valorarán unicamente no caso de que, da documentación que figura no expediente, se poida deducir claramente o seu contido, en virtude de certificacións orixinais ou copias compulsadas delas. En caso contrario, non se terán en conta para a adxudicación da contía destas axudas.

Artigo 6º.-Importe das axudas.

1. O importe de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados da adquisición dun ordenador persoal.

2. Estas axudas son compatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á adquisición de ordenadores, sen prexuízo do establecido na alínea d) do artigo terceiro.

3. O importe da axuda será de 300 €. En ningún caso o importe da axuda será tal que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do ordenador.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

A selección dos beneficiarios será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, que actuará de presidente.

-O xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

-O xefe do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

-Un representante da Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos.

Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica só para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados segundo o previsto no punto 4 do artigo c4º.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios fixados no artigo 5º desta orde, a comisión de avaliación publicará unha listaxe provisional de todos os solicitantes coa indicación de se se lles concede a axuda, se están na lista de espera ou se a solicitude está descartada, coa indicación de cal é o motivo. Esta listaxe publicarase no mesmo día na páxina web: http://www.edu.xunta.es/axudasord, no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na Consellería de Presidencia (Oficina de Atención ao Cidadán), e nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Abrirase un prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para a presentación de reclamación por parte dos solicitantes.

2. Rematado o prazo, a comisión de avaliación resolveraas e elevará un informe-proposta de adxudicatarios e unha lista de reserva ao director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que resolverá por delegación da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A resolución da solicitude de subvención será publicada no mesmo día na páxina web: http://www.edu.xunta.es/axudasord, no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na Consellería de Presidencia (Oficina de Atención ao Cidadán), e nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberase entender desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no

prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Pagamento.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, e logo da presentación do xustificante de ter adquirido o ordenador persoal e da declaración a que se refire o punto 3 do artigo 10º desta orde, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais efectuará a correspondente proposta de pagamento.

Artigo 10º.-Xustificación da axuda.

1. O período para xustificar estas axudas abranguerá ata o 6 de outubro de 2008 inclusive.

2. Os beneficiarios deberán xustificar a adquisición do ordenador persoal a través de factura orixinal ou fotocopia compulsada, que deberá estar a nome do solicitante ou do beneficiario. Na factura deberán figurar con detalle as características do ordenador adquirido.

3. Presentar, no momento da xustificación da axuda concedida e, en calquera caso, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a adquisición de ordenadores, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo II.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.

1. Xustificar os gastos da adquisición do ordenador persoal tal e como se establece no artigo 10º desta orde.

2. Comprometerse a manter o ordenador adquirido para a finalidade obxecto desta orde durante un período mínimo de catro anos.

3. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 12º.-Reintegro ou modificación da subvención.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos a que fai referencia o artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O procedemento de reintegro farase de acordo co artigo 37 e seguintes desa mesa lei.

Artigo 13º.-Renuncias.

Se, por calquera circunstancia, o beneficiario non puidese adquirir o ordenador persoal, deberá presentar antes do 6 de outubro de 2008 unha renuncia á subvención concedida.

Os destinatarios das axudas que renuncien a ela serán substituídos pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais de acordo coa lista de reserva.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase a competencia da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde; así como a resolución dos recursos de reposición.

Segunda.-En todo caso, a concesión das axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2008.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Terceira.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04900D004P012.PDF"