DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 10 de marzo de 2008 Páx. 4.059

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de febreiro de 2008 pola que se clasifica como mixta a Fundación Puro Cora.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Puro Cora con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. Blanca García Montenegro, na súa calidade de presidenta do padroado da fundación presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Puro Cora foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día vinte de decembro de dous mil sete ante o notario José Antonio Caneda Goyanes co número de protocolo novecentos vinte e oito por Blanca García Montenegro, José Ricardo de Cora Paradela, Blanca de Cora García, Antonio de Cora García e Diego de Cora García, que interveñen todos no seu propio nome e dereito e José Ricardo de Cora Paradela que intervén ademais en representación de Jóse Vincius de Cora Sierto e Gonzalo de Cora Sierto.

3. A fundación no artigo seis dos estatutos establece como fins, entre outros, os seguintes:

-Contribuír ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.

-A formación permanente dos profesionais da comunicación e da educación e, especialmente, dos que desenvolven o seu traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Fomentar a investigación e desenvolvemento de tecnoloxía vencellada ao sector da comunicación e ao resto de sectores da sociedade galega.

-Contribuír á defensa e difusión da lingua e cultura galegas nos medios de comunicación.

-Outorgar axudas e bolsas para a formación de alumnos e titulados de calquera das ramas da información e aqueloutras especialidades relacionadas con este ámbito.

-Organizar premios literarios, periodísticos, e eventos vinculados ao sector da comunicación, así como realizar todo tipo de publicacións destinadas a lograr os fins que quedan relatados.

-Aquelas actividades tendentes a mellorar e prestixiar o sector da comunicación e cultural en Galicia.

-Difundir o respecto ao ambiente.

-Promover accións para a mellora económica de Galicia.

4. O padroado da fundación estará integrado por Blanca García Montenegro como presidenta, José Ricardo de Cora Paradela como vicepresidente, Blanca de Cora García como secretaria e Antonio de Cora García, Diego de Cora García, José Vincius de Cora Sierto e Gonzalo de Cora Sierto como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como mixta da Fundación Puro Cora dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil oito.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Puro Cora adscribíndoa á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza