DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 06 de marzo de 2008 Páx. 3.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 28 de decembro de 2007, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas, as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Artigo 1º.-Obxecto.

1.1. Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de tres liñas de financiamento subsidiado para facilitar o acceso ao financiamento nos investimentos das microempresas, dos emprendedores e das Pemes que melloren a súa competitividade:

Liña 1-Microempresas: créditos para financiar investimentos nas microempresas galegas.

Liña 2-PEME Xove: créditos para financiar investimentos en proxectos emprendedores galegos.

Liña 3-PEME Competitiva: créditos para financiar investimentos que permitan mellorar a competitividade das Pemes galegas.

1.2. Non poderán concorrer no financiamento dun mesmo proxecto préstamos das distintas liñas de financiamento recollidas nestas bases.

Artigo 2º.-Beneficiarios das liñas de crédito.

2.1. Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases:

2.1.1. Liña 1-Microempresas: aquelas empresas con domicilio fiscal en Galicia que teñan a consideración de microempresas segundo a definición da Comisión Europea, feita pública para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG número 11, do 18 de xaneiro de 2005), e que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2.1.2. Liña 2-PEME Xove: aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición da Comisión Europea, feita pública para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG número 11, do 18 de xaneiro de 2005), que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia, sexa en forma de persoa física ou calquera forma de persoa xurídica de obxecto empresarial e que, ademais, non estean desenvolvendo a mesma actividade para a que solicita o financiamento nun prazo superior a dous anos contados desde a data de presentación no Igape, directamente ou mediante a súa participación no capital doutra sociedade que desenvolvese a mesma actividade.

2.1.3. Liña 3-PEME Competitiva: aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición da Comisión Europea, feita pública para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG número 11, do 18 de xaneiro de 2005), que estean exercendo en Galicia por un período superior a dous anos algunha das actividades recollidas no anexo II destas bases, sexa en forma de persoa física ou calquera forma de persoa xurídica de obxecto empresarial.

2.2. Para os efectos de acreditar a data de inicio de actividades nas liñas 2 e 3, poderaase considerar a alta no imposto de actividades económicas ou declaración censual.

2.3. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberase nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.4. Os solicitantes terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2.5. Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.6. Non poderán ser beneficiarias das liñas de financiamento recollidas nestas bases as empresas en crise, de acordo coa definición das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DO C 244, do 1-10-2004).

Artigo 3º.-Actividades obxecto de financiamento.

3.1. Para as operacións das liñas 1 e 2, establecidas no artigo anterior, poderán ser obxecto de financiamento ao abeiro destas bases todas as actividades económicas, agás:

a) As actividades relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e investimentos vinculados á actividade de exportación.

b) As actividades do sector do carbón.

3.2. Para as operacións da liña 3 establecidas no artigo anterior, a beneficiaria deberá desenvolver algunha das actividades recollidas no anexo II a estas bases.

Artigo 4º.-Características dos proxectos de investimento.

4.1. Obxecto do financiamento. O proxecto investidor deberá consistir na adquisición de activos a terceiros.

4.2. Conceptos financiables.

4.2.1. Con carácter xeral, serán financiables os seguintes conceptos de gasto, que se materialicen en:

a) Inmobilizado material de primeiro uso, agás a adquisición de terreos e edificacións:

-Reforma e axeitamento de locais.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea.

-Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

b) Inmobilizado inmaterial novo adquirido a terceiros: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de franquías, e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado e que queden definitivamente incorporados a aquel.

4.2.2. Non se poderán financiar os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as achegas que se lles realizarán ás sociedades de garantía recíproca.

4.2.3. Nas operacións acollidas á liña 1 serán financiables, ademais, bens usados.

4.2.4. Nas operacións acollidas á liña 2, poderanse financiar tamén bens usados, e ademais:

-A adquisición de terreos e edificacións.

-Os aprovisionamentos e gastos necesarios para a posta en marcha do proxecto, incluíndo gastos de establecemento, cun máximo do 20% do importe financiable.

4.2.5. Nas operacións acollidas á liña 3, poderanse financiar, ademais, os investimentos en investigación e desenvolvemento (persoal, materiais, colaboracións externas con institucións tecnolóxicas e outros centros, custos de materiais para probas e ensaios, e outros custos indirectos), cun máximo do 25% do importe financiable.

4.2.6. Segundo o establecido na disposición adicional segunda d) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, os beneficiarios das operacións acollidas a estas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante un prazo mínimo de cinco anos desde a súa adquisición. Considerarase que se cumpre esta condición no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, e non poderán obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

Artigo 5º.-Importe das operacións.

O importe das operacións que se formalicen ao abeiro destas bases con destino ao financiamento dos conceptos sinalados no artigo 4º anterior será:

5.1. Nas operacións acollidas á liña 1: máximo de 25.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro da liña non poderá superar os 25.000 euros.

5.2. Nas operacións acollidas ás liñas 2 e 3: mínimo de 25.000 euros e máximo de 120.000 €. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro de cada unha destas liñas non poderá superar os 120.000 euros.

5.3. O importe dos préstamos subvencionables acollidos a estas bases poderá acadar:

-Ata o 100% dos investimentos financiables, cando se financien con operacións da liña 1.

-Ata o 90% dos investimentos financiables, cando se financien con operacións da liña 2.

-Ata o 75% dos investimentos financiables, cando se trate de operacións da liña 3.

Artigo 6º.-Prazos de realización dos investimentos, de disposición e de reembolso e amortización anticipada da operación financeira.

6.1. De acordo con estas bases, poderán ser financiados os investimentos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2008.

O número de disposicións e/ou a súa contía mínima poderase pactar libremente entre a entidade financeira e o prestameiro.

Previamente á utilización dos fondos da conta específica, a entidade financeira requiriralles aos prestameiros a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento.

A disposición dos fondos aboados do préstamo e a realización total dos investimentos deberanse efectuar antes da primeira amortización do préstamo, para o que o prestameiro solicitará a carencia de amortización necesaria dentro do límite dun ano desde a formalización do préstamo. Se existisen fondos pendentes de utilizar na conta específica unha vez transcorrido este período, deberán destinarse a amortizar o principal do préstamo, e non se computarán para efectos de préstamo subvencionable.

6.2. O prazo de reembolso ás entidades financeiras das operacións acollidas a estas bases será de cinco anos nas operacións da liña 1, e entre cinco e sete anos nas liñas 2 e 3, incluído ata un ano de carencia na amortización do principal en todas as liñas, períodos aos cales se poderán engadir os días que transcorran desde a formalización ao último día do trimestre ou mes en que se produza a amortización.

6.3. A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, por vontade do beneficiario. As amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o beneficiario, aplicaranse a reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes.

Artigo 7º.-Tipo de xuro e comisións das operacións.

7.1. Liña 1: o tipo de xuro nominal anual para as operacións acollidas a estas bases será fixo:

a) Para aquelas operacións que se formalicen no primeiro semestre de 2008, do 4,90%.

b) Para as operacións que se formalicen a partir do 1 de xullo de 2008 calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de doce (12) meses correspondentes ao mes de maio de 2008, engadíndolle un diferencial de 0,20 puntos. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto. Este tipo de xuro seralles comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

7.2. Liñas 2 e 3: o tipo de xuro nominal anual variará por semestres naturais e determinarase de acordo coas seguintes normas:

a) Para o primeiro semestre do ano 2008, o tipo de xuro nominal será do 5,05%.

b) Para cada un dos restantes semestres naturais, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será o resultante de engadirlle ao tipo de referencia definido no parágrafo seguinte o tipo adicional de 0,40 puntos.

c) Para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de seis (6) meses correspondentes ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de seis (6) meses correspondentes ao mes de maio do mesmo ano.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre seralles comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

7.3. Para os efectos destas bases, enténdese por euribor (Euro Interbank Offered Rate = tipo interbancario ofrecido en euros) a media das cotizacións proporcionadas polo grupo euribor das asociacións internacionais euribor FBE e euribor ACI, eliminando valores extremos, ás 11.00 da mañá hora de Bruxelas, por operacións de depósito interbancario a un prazo de seis (6) ou doce (12) meses, segundo corresponda, e publicado na páxina web do Banco de España.

7.4. Se o euribor ao prazo correspondente deixase de determinarse, aplicarase, en primeiro lugar, o índice de referencia que legalmente o substitúa, e en segundo lugar, en defecto de normativa ao respecto, para as operacións das liñas 2 e 3, o tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coas seguintes normas:

a) Para o primeiro semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública, de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de maio do mesmo ano.

b) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de restarlle ao tipo de referencia 0,25 puntos.

7.5. Comisións. As entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas non lles repercutirán aos prestameiros e avalados ningún tipo de gasto ou comisión derivados das operacións aprobadas en aplicación destas bases. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

7.6. Achegas ás SGR. Os prestameiros deberán realizar, se é o caso, a achega para adherirse á sociedade de garantía recíproca que corresponda.

7.7. Garantías da operación. As operacións formalizadas ao abeiro destas bases contarán co aval dunha sociedade de garantía recíproca polo 80% do importe do financiamento. As sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras pola parte non avalada polas citadas SGR, non requirirán outra garantía adicional máis que as persoais da/s propia/s persoa/s que promovan ou desenvolvan a actividade empresarial e os seus socios, podendo figurar tamén como avalistas os cónxuxes ou parellas de feito.

Artigo 8º.-Axuda do Igape.

8.1. Por cada operación aprobada ao abeiro destas bases reguladoras, o Igape aboaralles ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca asinantes do convenio o 8,25% do importe do préstamo subvencionable, dos cales 5 puntos porcentuais serán aboados á entidade financeira e 3,25 á sociedade de garantía recíproca, ambas as achegas cun mínimo de 250 € por operación, en concepto de axuda indirecta ao prestameiro.

8.2. O Igape procederá ao pagamento das subvencións correspondentes, directamente ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca, dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.

Artigo 9º.-Compatibilidade e límite de axuda.

9.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada -agás os límites establecidos no artigo 1.2. destas bases-, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

9.2. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen no sector primario pesqueiro este límite será de 30.000 €, respectando o Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 337/2007). Para a produción primaria dos produtos agrícolas que figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea, as axudas destas bases respectarán o Regulamento

(CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007), sendo o referido límite de 7.500 €.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes e concesión da axuda financeira.

10.1. Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

10.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

10.3. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación.

10.4. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

10.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10.6. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG número 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 164/2005.

10.7. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no cal desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

10.8. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ao interesado, quen poderá volver a presentala unha vez que se cubra correctamente.

10.9. Traslado de solicitudes á entidade financeira e á sociedade de garantía recíproca.

O Igape remitirá o cuestionario da solicitude cursada á entidade financeira designada polo interesado e á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco e remisión da súa posición ao Igape. A entidade financeira formulará a súa posición dentro dos quince (15) días hábiles seguintes ao da recepción do cuestionario de solicitude e, no caso de que acepte a operación, remitiralle todos os antecedentes á SGR, quen formulará a súa posición no prazo de quince (15) días hábiles seguintes ao do traslado da solicitude pola entidade financeira. No caso de non recibir resposta pola entidade financeira ou a SGR no citado prazo, o Igape entenderá que a operación foi denegada.

Artigo 11º.-Resolución.

11.1. Unha vez que a entidade financeira e a sociedade de garantía recíproca formulen a súa posición de conformidade co establecido no convenio de colaboración que para tal efecto se asine, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

11.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia e o importe efectivo da subsidiación equivalente para o beneficiario, que o Igape lles aboará á entidade financeira e á sociedade de garantía recíproca por esta operación.

11.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

11.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

Artigo 12º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

12.1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda.

12.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

12.3. Será causa de denegación da axuda a falta de comunicación pola entidade financeira ou a SGR da súa posición respecto a aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto quince (15) días hábiles para cada entidade, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 13º.-Publicación.

13.1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nos citados medios.

13.2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía publicarán, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 14º.-Formalización da operación financeira.

O prazo para a formalización da operación financeira vencerá aos dous (2) meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape. Transcorrido o dito prazo sen que se formalizase o préstamo, decaerá o expediente de concesión de axuda. Para o cómputo destes prazos observarase a información de seguimento remitida polas entidades financeiras.

Non obstante, e mentres o Igape non lles notifique o contrario ás sociedades de garantía recíproca asinantes e ás entidades financeiras, poderanse formalizar operacións anticipadamente á resolución de concesión do Igape, co límite global de operacións formalizadas pendentes de resolución para cada sociedade de garantía recíproca de 1.000.000 € para cada una das liñas.

Nestes supostos de formalización anticipada, no caso de que as condicións formalizadas da operación non coincidan cos termos da resolución do Igape, deberá procederse á oportuna adaptación mediante anexo á póliza, modificando as condicións para quedar axustadas á resolución. En caso de denegación da axuda por parte do Igape, a entidade financeira poderá incrementar os tipos de xuro establecidos nestas bases ata en 2 puntos, e a sociedade de garantía recíproca establecerá as correspondentes comisións de aval.

Artigo 15º.-Liquidación da subsidiación.

15.1. Requisitos previos á solicitude de fondos.

Previamente á utilización dos fondos do préstamo, a entidade financeira comprobará a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento para realizar o seu pagamento, e achegando tamén o beneficiario os xustificantes (transferencias, cheques nominativos, ou otros medios de pagamento, etc.) que acrediten o pagamento da totalidade do investimento subvencionable.

O prazo máximo para xustificar ante a entidade financeira a execución do investimento e o seu pagamento, e solicitar a liquidación da subsidiación será de dez (10) días hábiles contados desde a finalización do prazo establecido para a finalización dos investimentos.

15.2. Solicitude de cobramento.

Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural as entidades financeiras remitiranlle ao Igape:

15.2.1. A través da extranet:

a) Unha relación daquelas operacións formalizadas ao abeiro destas bases cunha disposición de fondos completa que conste xustificada conforme a súa finalidade, ou de ser o caso, a renuncia expresa á parte non xustificada que non será subvencionada.

b) A liquidación dos importes que lles corresponde percibir, segundo o establecido no artigo 8º.1 destas bases.

15.2.2. En orixinal:

a) A solicitude de cobramento asinada polo titular segundo o anexo III.

15.3. Todo isto sen prexuízo da información que o Igape puidese requirir das entidades financeiras para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do exercicio.

15.4. Esta documentación servirá, así mesmo, de base para a liquidación ás sociedades de garantía recíproca avalistas dos importes que lles correspondan conforme o artigo 8º.1 destas bases.

15.5. Transferencia de fondos ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca.

O Igape procederá ao pagamento das subvencións correspondentes, directamente ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca, dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.

15.6. En calquera caso o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido nos puntos 4º e 7º do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Modificacións.

16.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

16.2. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

16.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

16.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non lles cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

16.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no que se lles dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 17º.-Perda da subvención.

17.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade financeira e sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se deben acadar os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado CE, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

17.2. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

17.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superase o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades que se reintegrarán terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para recobramento, de ser o caso, a vía de constrinximento.

17.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e será competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes ao día da súa notificación, e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte ao día da súa notificación.

17.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 18º.-Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de perda da subvención.

As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape non aboe a subvención debido á súa perda por incumprimento de condicións.

Artigo 19º.-Control.

Tanto as entidades financeiras, e as sociedades de garantía recíproca adheridas, como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control efectuadas por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 20º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

20.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

20.2. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

20.3. Formalización da adhesión ao convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades suficientes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

20.4. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V a estas bases.

Artigo 21º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2008. No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 22º.-Dotación orzamentaria.

22.1. Importe máximo de operacións.

O importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras que subscriban este convenio no período de vixencia elévase a 20.000.000 euros para a liña 1, 10.000.000 euros para a liña 2 e 10.000.000 euros para a liña 3. Tanto o importe global da liña como as anualidades programadas poderán ser ampliados no caso de existencia de créditos adecuados e suficientes. Así mesmo, os créditos asignados a cada liña poderán ser redistribuídos en función do volume de solicitudes.

22.2. Dotación orzamentaria.

Os créditos para financiar os compromisos derivados destas bases financiaranse, con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E1/13/01.656701, cun crédito plurianual de 400.000 € para o exercicio 2008 e de 600.000 € para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E1/13/01.656702, cun crédito plurianual de 260.000 € para o exercicio 2008 e de 390.000 € para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E1/13/02.656701, cun crédito plurianual de 200.000 € para o exercicio 2008 e de 300.000 € para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E1/13/02.656702, cun crédito plurianual de 130.000 € para o exercicio 2008 e de 195.000 € para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E4/13/01.656701, cun crédito plurianual de 200.000 € para o exercicio 2008 e de 300.000 € para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E4/13/01.656702, cun crédito plurianual de 130.000 € para o exercicio 2008 e de 195.000 € para o

exercicio 2009. Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas, poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "04700D015P082.PDF"