DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 06 de marzo de 2008 Páx. 3.911

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2008 pola que se convocan as xornadas Cumprindo con Europa: a contratación pública de hoxe.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2008, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo das Rexións as xornadas Cumprindo con Europa: a contratación pública de hoxe, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O Estado español acaba de aprobar a Lei de contratos do sector público, norma co que quere dar cumprimento -aínda que sexa con atraso- aos mandatos europeos.

Europa adoptou en 2004 un paquete de medidas lexislativas que simplificaban e modernizaban a contratación pública europea e que pretendían abrir o mercado único, garantindo a competencia entre empresas, un mellor uso do diñeiro público e a mellora da calidade dos servizos prestados. O 31 de xaneiro do 2006 vencía o prazo para que os Estados membros adaptasen as súas lexislacións aos mandatos das novas directivas europeas en materia de contratos públicos, pero son moitos os estados que o fixeron con atraso.

As novas directivas, e con elas a nova lei española, perseguen principalmente dous obxectivos: primeiro simplificar e clarificar o sistema lexislativo existente ata a data e segundo, adaptalo ás novas necesidades públicas nun contexto económico cambiante como consecuencia da liberalización das telecomunicacións, ou a transición a unha nova economía. Co fin de asegurar a transparencia dos procedementos de adxudicación e de combater os ataques ao ambiente, as políticas antisociais e a corrupción e o crime organizado, a nova lexislación europea incluíu tamén medidas deseñadas para clarificar os criterios de selección de licitadores. Inclúense ademais as pautas para avanzar en Europa cara a unha contratación electrónica que substitúa a do método clásico ou de papel, pretendendo así orientar a contratación administrativa tradicional cara á contratación electrónica.

O obxectivo principal destas xornadas é presentar e explicar as directivas sobre contratación pública dun xeito claro e accesible, e analizar a nova Lei de contratos do sector público do Estado á luz destas directivas e da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas. Tratarase a importancia da contratación pública en Europa, a evolución do dereito comunitario, a súa transposición en España por medio da recentemente aprobada nova Lei de contratos do sector público e os cambios que todo iso está implicando para os xestores públicos de todos os ámbitos. Ofreceránselles aos participantes, desde unha óptica eminentemente práctica, os aspectos máis relevantes da nova lexislación e a súa posta en práctica na primeira década do século XXI.

2. Contido.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A importancia da contratación pública en Europa.

-Principais novidades da nova Lei de contratos do sector público: análise á luz do dereito comunitario.

-O elemento subxectivo e obxectivo na contratación:

Os suxeitos contratantes na nova lei; alcance do concepto do poder adxudicador.

Depuración conceptual dos tipos de contratos.

-Problemática práctica que supón o cumprimento das directivas comunitarias; análise crítica dalgunhas novidades destacables da Lei de contratos do sector público.

-O procedemento de selección e os criterios de adxudicación.

-A directiva de recursos: ¿cara a un axeitado sistema de garantías?

-O marco normativo da contratación pública electrónica: situación actual. A experiencia en Galicia.

-A sinatura electrónica: unha lección para escépticos.

-E-contratación: as experiencias de Galicia e o País Vasco.

-O futuro: as directivas comunitarias en preparación. a súa incidencia na lexislación española

-Mesa redonda da práctica diaria da contratación: ¿cumprimos con Europa?

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia, da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: de mañá e tarde.

-Local e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela, os días 26 e 27 de marzo de 2008.

5. Inscrición.

-O prazo de inscrición finaliza o 24 de marzo de 2008.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración

Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

6. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "04700D012P079.PDF"