DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 06 de marzo de 2008 Páx. 3.908

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2008 pola que se convoca un curso sobre tutela xurídica do dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, en colaboración co Concello de Vigo, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello de Vigo, anúnciase a realización dun curso sobre tutela xurídica do dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O coñecemento dos bens xurídicos protexidos, as facultades a través das cales se garanten e as vías de protección duns dereitos, cada vez máis expostos á súa invasión por mor das novas tecnoloxías. Así mesmo, tamén se pretende o coñecemento do réxime xurídico da utilización das videocámaras polas forzas e corpos de seguridade nas súas tarefas de prevención da seguridade cidadá e persecución dos delitos.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros do corpo de policía local, funcionarios de carreira, do Concello de Vigo, para os que se reserva un mínimo dun 50% das prazas, cubrindo o resto con solicitantes doutros corpos de policía local que cumpran os mesmos requisitos, tendo preferencia os dos concellos próximos a Vigo.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

40 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 17 de marzo ás 14.00 horas.

3. As instancias dos solicitantes que non pertenzan ao Concello de Vigo, deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública (fax: 886 20 61 22): avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello de Vigo deberán facer a súa solicitude a través da Academia de Formación de Policía Local do Concello de Vigo.

Datas.

O curso desenvolverase durante os días 24, 25, 26, 27 e 31 de marzo de 2008.

O horario será de 17.00 a 21.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

Tema I.-A teoría constitucional da protección da honra, a intimidade e a propia imaxe. Desenvolvemento da protección ante os xulgados do social.

Tema II.-A perspectiva civil, ámbito de aplicación das accións que o derivan da LO 1/1982.

Tema III.-A Lei de protección de datos de carácter persoal, con especial referencia aos emanados da Administración.

Tema IV.-A perspectiva desde a Lei de xurisdición contencioso-administrativa e o seu especial desenvolvemento nas accións que derivan desta orde.

Tema V.-A perspectiva penal. Os delitos. As probas e a súa construción lícita. A videovixilancia.

Selección.

Os membros do corpo da Policía Local do Concello de Vigo serán seleccionados pola Xefatura da Policía Local do Concello de Vigo, e aos restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da AGASP (non ter feito este curso, menor número de cursos, antigüidade, grupo de pertenza, etc.).

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 18 de marzo a partir das 14.00 horas, pola Academia Galega de Seguridade Pública, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 20 61 09/10/18/24 (AGASP) e na páxina web http://agasp.xunta.es.

Lugar.

O curso desenvolverase na aula de formación da Policía Local do Concello de Vigo.

Certificado de asistencia

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello de Vigo, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de febreiro de 2008.

P.S. Disp. 1ª Orde do 31 de xaneiro de 2008

(DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "04700D010P076.PDF"