DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 06 de marzo de 2008 Páx. 3.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convocan e se regulan as axudas correspondentes ao programa Volver á casa para residentes no exterior durante o ano 2008.

A Secretaría Xeral de Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma a que lle corresponde, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral de Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual, a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase a presente resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxes a Galicia Volver á casa, a través do cal emigrantes galegos e fillos de emigrantes galegos maiores de 55 anos, poidan viaxar a Galicia a custo reducido que lles permitan estreitar vínculos cos seus familiares residentes aquí.

En virtude do exposto e no exercicio das competencias atribuídas na disposición adicional 2ª do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de acordo co establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e no uso das facultades que a Secretaría Xeral de Emigración ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto convocar as axudas correspondentes ao programa Volver á casa orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2º.-Características.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60% do custo da viaxe a Galicia. Farase cargo do 80% naqueles países en que a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade no 2008 non supere os 2.110 € anuais. O resto do importe da pasaxe será aboado polo beneficiario.

2. A condición de beneficiario deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.

3. Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de tres meses, sendo pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivados da súa estadía en Galicia.

4. Os beneficiarios deberán ingresar na axencia de viaxes designada, o importe do billete que lle corresponda, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para a realización da viaxe. Entenderase que os que non cumpran con este requisito desisten da súa solicitude.

5. O programa realizarase preferentemente no mes de xuño.

6. A Secretaría Xeral de Emigración xestionará o desprazamento dos beneficiarios.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter cincuenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Ser válido por si mesmo e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos cales poidan residir durante a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español fixado en 2008 para o país de residencia. Estes importes aparecen reflectidos no anexo III desta resolución. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarios as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa indicados no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. Tamén poderán ser solicitantes os fillos de emigrantes galegos que teñan a condición de galego e que cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.5, 1.6, 1.7 e 1.8 deste artigo.

Artigo 4º.-Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2008, do seguinte modo:

Países Nº de prazas

Arxentina 200

Brasil 29

Cuba 22

Uruguai 55

Venezuela 26

Outros países 4

Total 336

Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que nalgún país non se cubrise algunha das cotas anteriores. Neste caso as prazas vacantes distribuiranse entre os países que teñan asignadas inicialmente máis de 50 prazas. O aumento de prazas nestes países non poderá superar, tras a redistribución, o 15% das asignadas inicialmente.

O 90% das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 3º.1 e o 10% restante ás persoas que cumpran os requisitos do artigo 3º.3. Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que non se cubrise algunha das cotas anteriores.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Poderanse organizar outras edicións deste programa, en caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se indican a continuación:

1. Consideraranse como criterios preferentes de selección, nesta orde:

a) Non participar en anos anteriores neste programa.

b) O tempo transcorrido sen beneficiarse do programa.

c) A maior idade.

2. A selección dun solicitante emigrante galego levará consigo a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 3º.

3. A selección dun solicitante fillo de emigrante galego levará consigo, de ser así mesmo solicitante e cumprir os requisitos, a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Neste suposto só deberá cumprir o requisito de idade un dos solicitantes.

Artigo 6º.-Documentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade español en vigor do solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten no programa por aplicación do punto 3 do artigo 3º, deberán acreditar ser fillos de emigrante galego e ter a condición de galego mediante a vinculación cun concello galego.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme o solicitante é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

j) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo I).

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante emigrante galego por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo I).

Artigo 7º.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos en común chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Lugar de presentación.

9.1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38. 4 º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

9.2. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, procédese á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ao cidadán.

Os interesados que non posúan certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:

* En Brasil:

-Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

-Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instr. de Säo Paulo.

-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

-Federación de Sociedades Gallegas en La Habana.

* En Uruguai:

-Unión de Sociedades Gallegas de Montevideo.

* En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior, deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos cinco días seguintes ao fin do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos, elaborarase a lista provisional de admitidos e excluídos, indicando as causas de exclusión. Esta lista será publicada, no prazo máximo de 90 días desde o fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http:www.galiciaaberta.com), e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e das entidades colaboradoras citadas no artigo 9º.2.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com para formular as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistido da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de admitidos e excluídos que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http:www.galiciaaberta.com) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e das entidades colaboradoras citadas no artigo 9.2.

2. Crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidido polo subdirector xeral de Programas Sociais, ou persoa en que delegue, e composta polo xefe do servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión que se elevará ao secretario xeral de Emigración, para a súa resolución.

4. Unha vez realizada a selección de beneficiarios o secretario xeral de Emigración ditará as correspondentes resolucións, publicando na páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios e reservas.

5. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas aos correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

6. Para ser beneficiarios deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.

7. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os beneficiarios correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como as actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral de Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeneral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Agás nos casos indicados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios, polo que, a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina www.galiciaaberta.com.

4. A prestación da asistencia sanitaria dos beneficiarios será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Incompatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas outorgadas ao amparo desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para c omprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao consello de contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Aplicación orzamentaria.

Os gastos financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07 (actuacións derivadas da Lei de galeguidade). O crédito inicialmente destinado para esta finalidade é de 230.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 14º.-Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Ver referencia pdf "04700D005P057.PDF"