DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 05 de marzo de 2008 Páx. 3.762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo subscrito polas partes asinantes do convenio colectivo extraestatuario do sector da lousa das provincias de Ourense e Lugo.

Visto o texto do acordo subscrito, con data 17 de xaneiro de 2008, entre o representante de UGT e secretario de organización de FIA-UGT-Ourense, e o presidente e representante da Asociación Galega de Pizarristas, asinantes do convenio colectivo extraestatutario do sector da lousa das provincias de Ourense e Lugo, relativo á revisión salarial para o ano 2007, e de conformidade co disposto no artigo 60 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), así como a teor do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, en relación co Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e demais normas de xeral e pertinente aplicación.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito acordo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2008.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

En Sobradelo de Valdeorras, o dezasete de xaneirode dous mil oito, reunidas as partes asinantes do convenio colectivo de traballo do sector da lousa de Ourense e Lugo 2005-2007: acordo UGT-AGP, co fin de aplicar, se procede, a revisión do índice de prezos ao consumo (IPC) do ano 2007 e comparecendo José Paradelo Árias, secretario de organización de FIA-UGT-Ourense e Jesús Vidal Corcoba, na súa calidade de presidente e en representación da Asociación Gallega de Pizarristas, adóptanse os seguintes acordos:

1. Coñecida a taxa anual de índice de prezos ao consumo (IPC) no día 31 de decembro de 2007, que foi do 4,2%, en virtude do estipulado no artigo 13 do referido convenio, procede aplicar revisión salarial do 1,2%, para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2007, ambos inclusive.

2. Xúntase a táboa salarial revisada do citado período

Ver referencia pdf "04600D004P018.PDF"

Notas: os salarios establecidos no grupo 5º para rachador, cortador, embalador e descargador de carros aplicaranse a aqueles traballadores que leven seis meses no desempeño do oficio; ata tal data o seu salario será o establecido para o auxiliar de oficios. Así mesmo, o salario establecido para o labrador aplicarase a aqueles traballadores que leven máis de dous anos no desempeño do oficio, xa que ata un ano o seu salario será o establecido para un cortador e de un a dous años, o seu salario será o seguinte: salario base: 27,65 euros; complemento de asistencia: 11,68 euros; e salario/mes: 1.074,68 euros.

O establecido nesta epígrafe sobre salarios leva consigo a aplicación dos respectivos grupos de cotización á Seguridade Social, en función deste.

Os traballadores menores de 17 anos e os de 17 anos terán, respectivamente, os salarios seguintes: salario base 25,78 e 26,01 euros; complemento de asistencia: 2,23 e 3,40 euros; salario/mes: 820,23 e 851,66 euros.