DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 05 de marzo de 2008 Páx. 3.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de febreiro de 2008 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo, DOG do 8 de abril. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, DOG do 16 de agosto, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Nesta liña, con esta orde preténdese continuar a política de bolsas e axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares, destinadas a estudantes universitarios; razón pola que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria debe apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa formación académica e científica, tanto no contorno dos centros e das universidades do sistema universitario de Galicia como en calquera outro lugar en que se produzan eventos, congresos, simposios, seminarios e calquera outro tipo de

acontecementos que poidan contribuír a dita formación.

Finalmente, procede indicar que as axudas convocadas por esta orde son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao alumnado universitario matriculado nunha das tres universidades do sistema universitario de Galicia durante o curso 2007/2008 e destinadas a sufragar parte dos gastos ocasionados pola asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares relacionados coas materias obxecto de estudo na titulación cursada.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cunha contía global de 53.000 euros. Esta cantidade poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3º.-Período.

As actividades para as que se solicita a axuda terán que ser realizadas durante o curso académico 2007/2008.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2007/2008, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia, no derradeiro curso dunha titulación de primeiro ciclo; no segundo ciclo de titulacións de ciclo longo, na etapa de formación do terceiro ciclo, ou nun programa oficial de posgrao conducente ao título de máster.

b) Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou nos que restan para adquirir a titulación.

c) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1 punto, calculada cos parámetros publicados por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de marzo de 2005, DOG do 23 de marzo. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno multiplicarase por un coeficiente corrector de 1,35 puntos.

d) Asistir a un congreso, seminario, simposio ou similar, organizado por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico no que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto dos estudos que están a realizar.

e) Que as actividades teñan unha duración mínima de 24 horas acreditadas pola entidade organizadora.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo ED432A que se publica como anexo a esta orde, asinadas polo/a solicitante poderán presentarse:

a) No rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

b) Nos rexistros oficiais das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

c) Nas oficinas de correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación.

a) Copia do DNI do/a solicitante.

b) Certificación académica completa ou copia compulsada en que se fará constar a nota media simple do expediente académico, calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005, entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do 23 de marzo de 2005 por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005. O alumnado que estea cursando estudos de 2º ciclo, por acceder desde unha titulación de 1º ciclo, deberá enviar ademais a certificación académica dese 1º ciclo.

Os/as alumnos/as de 3º ciclo que estean cursando o segundo ano da etapa de formación deberán presentar, ademais da devandita certificación académica, o certificado das cualificacións do 1º ano de 3º ciclo.

O alumnado que curse por primeira vez un programa oficial de posgrao conducente ao título de máster deberá presentar igualmente a certificación académica da titulación que lle dá acceso a estes estudos, coa expresión da súa nota media.

c) Xustificante da matrícula correspondente ao curso 2007/2008 nunha universidade do SUG.

d) Orixinal ou copia do programa das actividades do evento ao que desexa asistir, no que deberán figurar as horas de duración , lugar e data de celebración.

e) Declaración xurada do solicitante en que faga constar a vinculación existente entre as materias obxecto de estudo e as actividades ás que se quere asistir.

f) Declaración xurada do solicitante de non percibir ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública ou privada para a actividade obxecto desta orde, documento co que se entenderá cumprido o requisito exixido previo o pagamento.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado en que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

h) Resumo da comunicación, póster ou achega ao congreso, simposio, seminario ou similar que, de ser o caso, presente o/a solicitante.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas cos motivos de exclusión no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es, tamén poderán consultarse nas delegacións provinciais da citada consellería e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas.

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 7 de maio. Os interesados dispoñerán dun prazo de reclamación comprendido entre o día 8 ata o 19 de maio de 2008, ambos os dous incluídos, para emendar erros e falta de documentación que presentarán ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión integrada por:

Presidente: o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:

-O/A titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

-O/A titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade da Coruña.

-O/A titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Vigo.

-O/A xefe/a do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que actuará con voz e voto.

2. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 8º.-Selección.

1. A selección será realizada pola comisión avaliadora en atención á cualificación obtida polo/a alumno/a en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico. No caso de posuír a mesma nota media de expediente académico, terán preferencia para a concesión da axuda aqueles/as alumnos/as que participen no evento, mediante a presentación de comunicación, póster ou similar.

2. A comisión, tendo en conta a prioridade outorgada de acordo coa puntuación do expediente académico, aplicará os criterios establecidos no artigo 9º para determinar a contía que corresponda a cada alumno beneficiario ata o límite do orzamento dispoñible.

3. Así mesmo, a comisión elaborará unha lista de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na que figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da bolsa.

4. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuren na lista de candidatos suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter asistido ao evento, sinalada no artigo 11º, antes do 10 de outubro de 2008.

Artigo 9º.-Criterios para a determinación da contía.

1. A contía para percibir determinarase atendendo aos seguintes criterios:

Ver referencia pdf "04600D002P013.PDF"

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario non poderá superar os 900 euros.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constarán tres relacións: unha, na que se incluirá ao alumnado que resulte adxudicatario das axudas; outra segunda, en que se incluirá ao alumnado ao que lle sexa denegada a axuda por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria; e unha terceira, en que se incluirá ao alumnado que reunindo os requisitos exixidos non acadaron un número de orde que lles permita obter a axuda. Os alumnos incluídos nesta última relación quedarán ordenados de acordo coas súas puntuacións e constituirán a lista de suplentes coa que se irán substituíndo, por rigorosa orde, os alumnos adxudicatarios que por calquera causa non participen no programa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado.

3. Os solicitantes aos que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. Os adxudicatarios que figuran na listaxe de concedidos así como os da listaxe de suplentes, se os houbera, presentarán na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, no prazo máximo de 10 días naturais posteriores á publicación da orde de resolución no DOG, no caso de terse celebrada a actividade antes da dita publicación e, en todo caso, antes do 10 de outubro de 2008, os documentos xustificativos seguintes:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia á actividade para a que lle foi concedida a axuda e, se é o caso, de presentación da comunicación, póster ou similar, traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no que se especifique lugar e datas de realización.

b) No caso de terse producido variación nos datos achegados na declaración xurada de axudas presentada coa solicitude, deberá achegar una nova declaración en que consten os cambios producidos.

2. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os solicitantes, polo feito de solicitar esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Remitir á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no antedito artigo 11º.

b) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine dita renuncia.

c) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2ºc) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para adoptar os actos e medidas necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04600D002P013.PDF"