DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 05 de marzo de 2008 Páx. 3.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de febreiro de 2008 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a asociacións de estudantes universitarios para o curso académico 2007/2008.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo, DOG do 8 de abril.

Pola súa parte, a Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo e a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, no seu artigo 46.2º, recoñécelles aos estudantes o dereito de asociación no ámbito universitario.

Nesta liña, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera conveniente estimular o asociacionismo no ámbito universitario, así como prestar apoio ás actividades de carácter formativo e científico organizadas polas asociacións de estudantes deste nivel do ensino como un modo de potenciar o dinamismo da universidade e o papel activo dos estudantes.

En consecuencia, co fin de poñer en práctica esta tarefa, dentro das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as experiencias das convocatorias pasadas, convócanse axudas destinadas ás asociacións estudantís universitarias de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse axudas para as asociacións de estudantes das tres universidades galegas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo de apoiar actividades que favorezan o asociacionismo no ámbito universitario, así como potenciar aqueloutras actividades de carácter formativo e científico que as devanditas asociacións organicen.

2. As actividades concretas para as que pode solicitar axuda son as seguintes:

a) Actividades que teñan por obxecto o fomento e a difusión da lingua e da cultura galega nas universidades.

b) Actividades relacionadas con proxectos de sensibilización social e de cooperación para o desenvolvemento.

c) Actividades relacionadas coa acollida de estudantes universitarios de fóra de Galicia.

d) Actividades que teñan como finalidade a formación e mellora das condicións de estudo, e as que relacionan ao estudante universitario co mundo do traballo e o seu futuro profesional.

e) A organización de reunións e congresos científicos, humanísticos ou formativos, sempre que a finalidade do congreso ou reunión estea directamente relacionada cos obxectivos da asociación e co obxectivo desta convocatoria.

3. As actividades propostas deberán repercutir directamente no ámbito estudantil universitario e ser realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, non podendo subvencionarse as actividades diferentes das sinaladas nos puntos anteriores, quedando excluídas as que propoñan viaxes turísticas e as que teñan finalidade partidista, sindical, relixiosa ou lucrativa.

Artigo 2º.-Orzamento e contía das axudas.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, por un importe global de 28.000 euros.

2. A contía máxima da axuda que poderá recibir a asociación pola actividade realizada non poderá superar os 3.000 euros.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poden solicitar estas axudas as asociacións de estudantes das tres universidades do SUG que cumpran os seguintes requisitos:

1. Acreditar estaren dadas de alta como asociación de estudantes no rexistro dunha das universidades do SUG.

2. Non teren ánimo de lucro.

3. Estaren constituídas por estudantes en activo, quedando, polo tanto, excluídas as asociacións de antigos alumnos.

4. Que as súas actividades sexan realizadas na comunidade autónoma, se desenvolvan preferentemente no seo da comunidade universitaria e repercutan directamente nos seus estudantes.

Artigo 4º.-Período das actividades.

A actividade para a que se solicite a axuda será realizada durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2008, ambos os dous días incluídos.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Só se poderá solicitar unha actividade por asociación.

2. A solicitude, segundo o modelo ED 403A que se publica como anexo á presente orde, asinada polo presidente ou representante legal da asociación, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Subdirección Xeral de Universidades, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben, en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en correos en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Tamén poderán presentarse en calquera dos rexistros oficias das universidades do Sistema Universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do CIF da asociación.

b) Documento acreditativo de estar dada de alta como asociación de estudantes nunha das universidades do SUG.

c) Copia dos estatutos da asociación e, se e o caso, do seu regulamento.

d) Copia do DNI, NIF ou pasaporte do representante legal da asociación que solicita la axuda e documento que acredite as facultades outorgadas como representante legal desta (nomeamento, poderes, etc.).

e) Memoria das actividades realizadas pola asociación no último ano, co visto e prace do vicerreitor ou vicerreitora competente en materia de estudantes da universidade en que estea inscrita a asociación.

f) Memoria xustificativa da actividade para a que se solicita a axuda, co visto e prace do vicerreitor/a competente en materia de estudantes, en que se especifique claramente: nome ou razón social da asociación, número de estudantes asociados, denominación da actividade para a que se solicita axuda, obxectivos que se desexan acadar, adecuación da actividade ao obxecto da convocatoria, descrición da actividade, datas de realización, orzamento detallado desagregado por partidas básicas de ingresos e gastos que comporta a actividade, número de estudantes universitarios que se prevé que participarán na actividade, resultados previstos ou repercusión que se considera que pode ter a actividade no ámbito estudantil universitario e calquera outra observación que a asociación considere que se debe ter en conta á hora de valorar a petición, podendo engadir canta documentación de apoio considere necesaria.

No caso de que actividade comporte a edición de publicacións ou publicidade deberán achegar coa memoria exemplares delas.

O modelo normalizado de memoria xustificativa da actividade poderá obterse nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG (Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, así como no portal educativo http://www.edu.xunta.es

g) Unha declaración xurada do conxunto de todas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome da asociación e de dous dos seus representantes legais, en que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Non terá que achegar os documentos especificados nas letras a) e c) a asociación que os presentara con anterioridade perante a dirección xeral con competencias en universidades, sempre que non transcorresen máis de 5 anos desde a súa presentación e estivesen admitidos como válidos, e non fosen obxecto de ningunha modificación desde esa data. Neste suposto, a asociación solicitante terá que especificar por escrito a data en que foron presentados.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes, exporanse as listaxes provisionais das solicitudes admitidas e as excluídas con motivos de exclusión no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es. Tamén poderán consultarse nas delegacións provinciais da citada consellería e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas.

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 29 de abril. Os interesados dispoñerán dun prazo de reclamación comprendido entre o día 30 de abril ata o 13 de maio, ambos os dous incluídos, para emendar erros e falta de documentación, que presentarán ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, presentando a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

-Presidente: o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

-Vogais: o membro do equipo do goberno da Universidade da Coruña, responsable da materia.

O membro do equipo do goberno da Universidade de Santiago de Compostela, responsable da materia.

O membro do equipo do goberno da Universidade de Vigo, responsable da materia.

O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 9º.-Selección e contía.

A selección das asociacións de estudantes ás que se lles concederá a axuda será realizada pola comisión avaliadora, segundo a memoria de actividades presentada, conforme o artigo 5º.3 f) desta orde e sempre que tales actividades sexan das especificadas no artigo 1º da convocatoria, en orde directamente proporcional á puntuación obtida no punto 1º dos criterios establecidos a continuación:

Criterios:

1. Interese formativo, científico e social da actividade que se pretende realizar, que deberá repercutir directamente no ámbito estudantil: ata 4 puntos.

2. Alcance interuniversitario da actividade (considerarase alcance interuniversitario cando a actividade estea deseñada e dirixida por e para alumnos de máis dunha universidade): ata 2 puntos.

3. Número de estudantes universitarios destinatarios da actividade: ata 1,5 puntos.

4. Grao de implicación dos estudantes universitarios na organización e desenvolvemento da actividade: ata 1,5 puntos.

5. Memoria resumida da asociación e memoria resumida de actividades: ata 1 punto.

Para determinar a contía, a comisión avaliadora, tendo en conta a prioridade outorgada de acordo coa puntuación obtida no punto 1º, aplicará os demais criterios asignándolle a cantidade de 150 euros por cada 0,50 puntos obtidos, ata o límite do orzamento dispoñible.

No caso de posuír a mesma puntuación, terán preferencia para a concesión da axuda aquelas memorias que obteñan unha maior puntuación nos puntos 1 e 2 dos criterios.

A comisión avaliadora poderá solicitar, se o coida necesario, documentación complementaria en relación co proxecto para o que se solicita a axuda, así como propor unha relación de suplentes integrada polas solicitudes que non se outorgaron, e ordenada segundo a puntuación acadada.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, debendo entenderse desestimadas de non ditarse resolución expresa neste prazo.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.

Artigo 11º.-Aceptación da axuda.

1. A aceptación da axuda formalizarase mediante documento normalizado, asinado polo presidente ou representante legal da asociación, en que se comprometerá a cumprir os requisitos e obrigas fixadas na convocatoria e que presentará no prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de concesión no DOG.

O modelo normalizado de aceptación poderá obterse nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG (Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, así como no portal educativo http://www.edu.xunta.es.

2. Os solicitantes que renuncien á axuda poderán ser substituídos pola Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo coa relación de suplentes, se a houbese, que se estableza na resolución. Entenderase por renuncia cando o beneficiario non presente o documento de aceptación ou o resto da documentación requirida no prazo e condicións que se sinalan nesta orde.

Artigo12º.-Pagamento.

1. O presidente ou representante legal da asociación deberá presentar diante do vicerreitorado competente en materia de estudantes unha memoria do cumprimento da actividade subvencionada en que se detallen os gastos realizados na súa execución, acompañada das correspondentes facturas e documentos xustificativos de pagamento.

2. O importe da axuda será realizado en dous pagamentos á universidade correspondente, que procederá a ingresar a contía adxudicada á asociación beneficiaria.

O primeiro pagamento, correspondente ao 70% do total concedido, tramitarase unha vez resolta a convocatoria e formalizada a aceptación por parte da asociación beneficiaria. O 30% restante farase cando a universidade, antes do 15 de novembro de 2008, acredite perante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia a realización efectiva da actividade mediante unha certificación do secretario ou xerente desta, á que se acompañará unha relación de gastos e pagamentos.

As universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, asinantes do convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con data do 3 de marzo de 2005, en que se regulan as condicións e obrigas adquiridas por estas, asumen as recollidas no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 13º.-Incompatibilidades.

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, punto 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión destas axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións concedidas para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos ou privados que superen o custo da actividade subvencionada, dará lugar á modificación da resolución de concesión, debendo a asociación beneficiaria proceder ao reintegro das cantidades percibidas.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. O presidente ou representante legal da asociación de estudantes será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, asinará a solicitude e asumirá todas as responsabilidades do destino da axuda.

2. As asociacións beneficiarias, polo só feito de solicitar esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o resultado desta, así como a cumprir as obrigas seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da axuda, sen que caiba cambio ou modificación ningunha do obxecto e da finalidade para a que foi concedida. En calquera caso, toda incidencia que supoña modificación do programa inicial da actividade deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

b) Presentar diante da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia- Subdirección Xeral de Universidades, dentro do prazo que se establece no artigo 11º anterior, o documento normalizado de aceptación

c) Acreditar diante do equipo do goberno responsable da materia da universidade correspondente, unha vez rematada a actividade, unha memoria económica do cumprimento da actividade con toda a documentación xustificativa.

d) Comunicar por escrito, á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia-Subdirección Xeral de Universidades, a renuncia á axuda tan pronto como se produza a causa que determine esta renuncia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes da calquera Administración ou ente público ou privado.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente.

3. A asociación beneficiaria fará constar, sempre que sexa posible, nas publicacións e materiais que se utilicen para a difusión das actividades subvencionadas a seguinte expresión co apoio da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia “

4. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 33 da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas. A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultáse o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04600D001P008.PDF"