DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 04 de marzo de 2008 Páx. 3.666

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 21 de febreiro de 2008 pola que se crea a Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

Ao abeiro da Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, púñase en marcha o proceso do diálogo social en Galicia que culminaba, o 5 de febreiro de 2007, co asinamento do Acordo sobre un Novo Marco de Relacións Laborais.

Neste proceso de diálogo social analizábase a necesidade de adoptar medidas para alcanzar os obxectivos establecidos, medidas entre as que se atopa a revalorización e mellora do funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade e Social e a participación dos axentes sociais.

Por outra banda, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, de acordo co 149.1.7ª da Constitución española, recolle como competencia propia desta comunidade autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, asumíndose os servizos e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

Así mesmo, a Lei 42/1997, do 14 de novembro, ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social, configura esta como un servizo público ao que corresponde exercer a vixilancia do cumprimento das normas de orde social e exixir as responsabilidades pertinentes, así como o asesoramento e, de ser o caso, arbitraxe, mediación e conciliación nas ditas materias, que efectuará de conformidade cos principios do Estado social e democrático de dereito que consagra a Constitución española, e cos convenios número 81 e 129 da Organización Internacional do Traballo.

Pola súa banda, o Convenio número 81 da Organización Internacional do Traballo sinala no seu artigo 5 que a autoridade competente da Inspección de Traballo debería adoptar as medidas pertinentes para fomentar a colaboración dos funcionarios da inspección cos empregadores e traballadores ou as súas organizacións.

Neste sentido, a disposición derradeira primeira da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, establece que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas serán consultadas e poderán formular propostas sobre os obxectivos e programas do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, no ámbito da Administración do Estado e das comunidades autónomas, a través de órganos de representación de carácter consultivo de composición tripartita e paritaria. Para tal efecto, as comunidades autónomas, en función da súa capacidade de autoorganización, establecerán as correspondentes instancias de participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Trátase, polo tanto, de reforzar o sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social para mellorar a eficacia e eficiencia deste, a través da colaboración e cooperación interadministrativa así como da necesaria consulta e participación dos interlocutores sociais na definición dos obxectivos e programas da inspección dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e adscrición.

Créase a Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia como órgano colexiado asesor da Comisión Territorial da Inspección nesta comunidade autónoma, adscrito á Consellería de Traballo.

Artigo 2º.-Composición e estrutura.

A comisión estará integrada por representantes da administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, das organizacións empresariais e das organizacións sindicais máis representativas a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte composición:

1. Por parte da Administración:

-A persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

-A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

-A persoa titular da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

A excepción da Presidencia desta comisión, que será substituída segundo o indicado no punto 7 deste artigo, no caso de imposibilidade de asistencia por parte dos demais membros titulares, serán substituídos por funcionarios dos respectivos centros directivos.

2. Por parte das organizacións empresariais:

-Tres persoas en representación das organizacións empresariais máis representativas da comunidade autónoma.

3. Por parte das organizacións sindicais:

-Tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas da comunidade autónoma.

4. O mandato dos membros non natos na comisión, recollidos nos puntos 2 e 3 deste artigo, que terán os seus correspondentes suplentes, será de catro anos de duración, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de ser substituídos, titulares ou suplentes, durante o período aludido, por proposta da organización a que representen.

Estes membros, cos seus correspondentes suplentes, serán designados pola Consellería de Traballo por proposta das organizacións empresariais e sindicais máis representativas.

5. Desempeñará a Presidencia da comisión a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

6. Será secretario/a da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que prestará apoio técnico e administrativo á comisión.

7. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que desempeña a Presidencia da comisión será substituída de acordo coa seguinte orde: en primeiro lugar, pola persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e, en caso de ausencia desta, pola persoa titular da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

Artigo 3º.-Funcións.

A Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia coñecerá as actuacións que desenvolva a Inspección de Traballo e Seguridade Social no ámbito territorial da nosa comunidade autónoma e as súas funcións serán as de asesorar e formular propostas e informes en materia de:

-Deseño de estratexias para a actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

-Iniciativas, prioridades e obxectivos da Inspección de Traballo e Seguridade Social, campañas de inspección e demais actuacións inspectoras.

-Situación dos recursos humanos e materiais do sistema da inspección na comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Funcionamento.

A comisión actuará en Pleno, reuníndose, cando menos, dúas veces ao ano, logo de convocatoria da persoa que desempeñe a Presidencia e, con carácter extraordinario, por iniciativa do/a presidente/a ou por proposta de calquera das tres partes integrantes desta.

Artigo 5º.-Réxime xurídico.

Sen prexuízo do previsto nesta orde, o réxime xurídico e actuación da comisión axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Compensación económica por asistencia a reunións.

As organizacións sindicais e empresariais ou os seus representantes terán dereito á percepción dunha compensación económica por asistencia ás reunións da comisión, de conformidade co que se estableza no oportuno acordo do Consello da Xunta en aplicación do Decreto 144/2001, do 7 de xullo, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Artigo 7º.-Gasto público.

O funcionamento da comisión será atendido con cargo aos créditos orzamentarios da Dirección Xeral de Relacións Laborais, sen que isto supoña incremento do gasto público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o/a director/a xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo