DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 04 de marzo de 2008 Páx. 3.664

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 35/2008, do 21 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de mobilizar as superficies agrarias útiles improdutivas, favorecendo deste xeito o redimensionamento das explotacións, creou unha sociedade pública como medio propio instrumental, aprobándose polo Decreto 182/2007, do 6 de setembro, os estatutos da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia.

Tendo en conta que o seu obxecto social consiste principalmente na xestión dos bens e dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia e que a lexislación mercantil impide que se empreguen termos ou expresións que induzan a erro no tráfico mercantil sobre a propia identidade da sociedade e sobre a clase e natureza dela, resulta preciso modificar a súa denominación así como determinados preceptos estatutarios co fin de adecualos a aqueles criterios mercantís.

Xa que logo, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia; así como nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma, de acordo igualmente co Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a denominación da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia pola de Sociedade Anónima Xestora Bantegal.

Artigo 2º

Substitúese na redacción dos estatutos desta sociedade aprobados polo Decreto 182/2007, do 6 de setembro, a expresión empresa pública pola de sociedade pública.

Artigo 3º

Os artigos 1, 2, 4, 12, 33, 35 e 50 dos estatutos da Sociedade Anónima Xestora Bantegal quedan como segue:

Título I

Denominación, obxecto, duración e domicilio

Artigo 1º.-Denominación e normativa.

1. Coa denominación Sociedade Anónima Xestora Bantegal, constitúese unha sociedade pública autonómica das previstas no artigo 12.1º a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, que se rexerá ademais pola Lei de sociedades anónimas, polos presentes estatutos e polas disposicións legais que en cada momento lle sexan aplicables.

2. Para o desenvolvemento da súa actividade, esta sociedade pública está suxeita sempre ao disposto na sección terceira do capítulo segundo do título primeiro da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación e a calquera outra disposición que lle sexa aplicable polo seu propio carácter público. Na súa actuación contractual estará suxeita ao disposto na lexislación básica sobre contratación administrativa para as sociedades públicas.

3. Así mesmo, seralle aplicable a normativa relativa á transparencia de relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas dependentes delas.

Artigo 2º.-Obxecto social.

1. A Sociedade Anónima Xestora Bantegal, como medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da comunidade autónoma, ten como obxecto social a xestión dos bens e dos dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia, e está obrigada a realizar os traballos que se lle encomenden, nas materias que constitúan o seu obxecto social e, especialmente, nas que sexan urxentes ou se lle ordenen como consecuencia de situacións de emerxencia.

2. Encoméndaselle, ademais, á Sociedade Anónima Xestora Bantegal a realización da función de servizo de transmisión dos bens e os dereitos integrantes do Banco de Terras de Galicia mediante os réximes de adxudicación establecidos na Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

3. A Sociedade Anónima Xestora Bantegal manterá unha relación permanentemente actualizada, con indicación da procedencia dos bens, da titularidade e do seu destino actual, de todos aqueles inmobles e dereitos reais que integren o Banco de Terras de Galicia. Para estes efectos, poderá elaborar e xestionar sistemas de información territorial e cartográfica, así como elaborar e xestionar bases de datos de prezos e valores da terra e desenvolver labores de apoio á planificación e xestión territorial, servizo de almacenamento, produción e elaboración de datos gráficos e alfanuméricos, produción de cartografía básica e temática, homoxénea e adaptada ás necesidades dos usuarios, así como a investigación e desenvolvemento de diferentes materias no marco de proxectos concretos e aplicación de metodoloxías especialmente deseñadas.

4. Serán tamén funcións da Sociedade Anónima Xestora Bantegal:

a) Xestionar e actualizar a información cartográfica, territorial, parcelaria e agronómica de Galicia e as súas bases de datos que sexan necesarias para o correcto, áxil e eficaz desenvolvemento dos seus cometidos.

b) A xestión cautelar dos montes veciñais en man común nos supostos en que sexa declarada a situación de grave abandono ou degradación, ou por extinción ou desaparición da comunidade de veciños titular do monte, de forma provisional ata que, se é o caso, se reconstitúa a comunidade, de acordo coa súa normativa específica.

c) Asegurar a administración dos bens e dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia, exercendo todas as competencias necesarias e, en particular, as de conservación, defensa da integridade, inspección, dirección e control destes bens.

d) Facer o seguimento do mercado de terras en Galicia, e elaborar os estudos que sobre este poidan resultar de utilidade para favorecer a mobilidade das terras, coñecendo as condicións de oferta e demanda, prezos e valores deste mercado.

e) Realizar os necesarios labores de asesoramento, intermediación e xestión para facilitar o acceso á terra daquelas explotacións que queiran incrementar a súa base territorial, así como daquelas persoas que queiran incorporarse á actividade agrogandeira, ou ben teñan vontade de allear as súas propiedades mediante venda, permuta ou cesión en calquera fórmula.

f) Velar pola conservación do contorno ecolóxico dos predios que integran o Banco de Terras de Galicia, exixindo especialmente unha explotación racional dos seus recursos naturais.

g) Prestación de servizos e realización de informes e estudos relacionados co obxecto social e que, se é o caso, sexan solicitados polos departamentos da Administración autonómica e por outras administracións públicas.

h) Edición de libros, revistas, folletos, vídeos e outros análogos, relacionados coas súas actividades.

5. Dada a súa condición de medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, as relacións da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e, de ser o caso, das súas filiais con aquela teñen natureza instrumental e non contractual, polo que, en consecuencia, son de carácter interno, subordinado e dependente.

Artigo 4º.-Comezo de operacións.

A Sociedade Anónima Xestora Bantegal dará comezo ás súas operacións o mesmo día do outorgamento da escritura fundacional.

Título III

Órganos da Sociedade Anónima Xestora Bantegal

Artigo 12º.-Goberno e administración.

Os órganos da sociedade son a Xunta Xeral de Accionistas e o Consello de Administración coas facultades que a unha e outro lles son asignadas nestes estatutos e na lei.

Artigo 33º.-Delegación de facultades.

O Consello de Administración, co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, poderá nomear de entre os seus membros unha comisión executiva ou un ou máis conselleiros delegados, en que delegará, salvo as limitacións establecidas na lei, todas ou aquela parte das súas facultades que crea convenientes para a mellor marcha dos asuntos sociais, sen prexuízo dos apoderamentos que, se é o caso, lle poida conferir ao director xerente.

En ambos os casos o consello determinará, de modo expreso, se o uso da firma social corresponde a todos os conselleiros elixidos ou a algún deles, e se é solidaria ou mancomunada esta facultade.

A remoción das facultades delegadas polo consello levarase a efecto mediante o voto maioritario dos conselleiros asistentes á reunión en que tal cuestión se trate.

Así mesmo, o Consello de Administración poderá conferir toda clase de poderes, incluso a favor de persoas estrañas á sociedade pública, coas atribucións que coide convenientes.

Artigo 35º.-Retribucións.

O cargo de administrador non será retribuído, sen prexuízo das axudas de custo que lle poidan corresponder pola asistencia a cada unha das reunións do órgano de administración.

Artigo 50º.-Patrimonio e recursos económicos.

1. Constitúen o patrimonio da sociedade pública, os bens que lle sexan adscritos para o cumprimento dos seus fins e os bens e dereitos de calquera natureza que produza ou adquira con cargo aos seus recursos propios.

2. De acordo co establecido no artigo 7.2º da Lei 7/2007, do 21 de maio, atribúeselle á Sociedade Anónima Xestora Bantegal a titularidade dos bens inmobles patrimoniais constituídos polas masas comúns e polos predios sobrantes das adxudicacións dos lotes de substitución que, na data de entrada en vigor desta lei, figuren no Inventario do Patrimonio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da súa devolución ao patrimonio autonómico para o caso de incumprimento dos fins para que foron atribuídos ou de disolución da sociedade pública.

Igualmente, as masas comúns e os predios sobrantes das adxudicacións dos lotes de substitución daquelas zonas de concentración parcelaria que adquiran firmeza con posterioridade á entrada en vigor desta lei incorporaranse ao patrimonio da Sociedade Anónima Xestora Bantegal logo de transcorrer un ano desde que adquiran firmeza, sen prexuízo da adxudicación que deses predios se realice, por decisión do órgano competente en materia de agricultura, como consecuencia de actas complementarias ou de rectificación da reorganización da propiedade posteriores a esa data.

3. Aqueloutros bens da comunidade autónoma distintos dos descritos no artigo 7.2º da Lei 7/2007 que poidan ser adscritos ou cedidos en uso á sociedade pública conservan a súa titularidade e cualificación xurídica orixinais, correspondéndolle a ela administralos e explotalos consonte a normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os recursos económicos da sociedade pública estarán constituídos:

a) Polas asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos e outros entes dependentes.

b) Polas subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle conceda calquera persoa pública ou privada.

c) Polo rendemento do seu patrimonio.

d) Polos ingresos obtidos por operacións de crédito, que en todo caso se axustaran ao réxime de autorizacións previstas na normativa reguladora de réxime financeiro e orzamentario.

e) Polas remuneracións derivadas da prestación de servizos ou pola realización de actuacións que lle sexan encomendadas, de conformidade co seu obxecto social pola Administración galega, os seus organismos autónomos ou entes dependentes, ou, se é o caso, calquera outra Administración pública.

f) Por calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para ditar os acordos necesarios para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda