DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Luns, 25 de febreiro de 2008 Páx. 3.097

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de danza que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo VI do título I, fixa as características básicas das ensinanzas profesionais de danza, dentro das ensinanzas artísticas, cuxa finalidade é proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais, e concretamente o seu artigo 50 condiciona a obtención do título profesional de danza á superación das ensinanzas profesionais correspondentes.

O Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os elementos básicos dos documentos de avaliación así como o libro de cualificacións.

O Decreto 204/2007, do 11 de outubro, establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza. Esta norma dispón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de avaliación, promoción e permanencia do alumnado destas ensinanzas, que a avaliación das ensinanzas profesionais se levará a cabo tendo en conta os obxectivos e os criterios de avaliación establecidos no currículo, que a avaliación da aprendizaxe deste alumnado será continua e integradora, aínda que diferenciada segundo as materias do currículo, e que o profesorado avaliará tanto a aprendizaxe do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

En consecuencia, procede que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aprobe as normas que rexerán a avaliación e a cualificación das ensinanzas profesionais de danza en aplicación do disposto no Decreto 204/2007, do 11 de outubro.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso da habilitación que lle confire a disposición derradeira primeira do Decreto 204/2007, do 11 de outubro,

DISPÓN:

Capítulo I

Da natureza e desenvolvemento da avaliación nas ensinanzas profesionais de danza

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de danza, de acordo co establecido no Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza.

2. Esta disposición será de aplicación nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa autorización para a impartición destas ensinanzas.

Artigo 2º.-Disposicións xerais na ordenación da avaliación nas ensinanzas profesionais de danza.

1. A avaliación dos alumnos e das alumnas será continua e integradora, aínda que diferenciada, segundo as distintas materias do currículo, razóns polas que se require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas para as distintas materias do currículo.

2. Na avaliación das aprendizaxes do alumnado, que se realizará por materias, o profesorado considerará o conxunto das disciplinas do correspondente curso, así como a madureza académica do alumnado en relación cos obxectivos xerais das ensinanzas de danza establecidos no currículo e as súas posibilidades de progreso en estudos posteriores.

3. O referente para avaliar as aprendizaxes do alumnado serán os obxectivos educativos do grao e os de cada unha das diferentes disciplinas, así como os criterios de avaliación que para cada materia se establezan no proxecto educativo do centro. Este proxecto deberá enmarcarse no disposto no Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza.

4. Así mesmo, na avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado consideraranse as características propias deste e o contexto sociocultural do centro. A avaliación terá un carácter formativo e orientador do proceso educativo e proporcionará unha información constante que permita mellorar tanto os procesos coma os resultados da intervención educativa.

5. O alumnado ten dereito a ser avaliado conforme criterios de plena obxectividade, así como a coñecer os resultados das súas aprendizaxes, para que a información que se obteña, a través dos procedementos informais e formais de avaliación, teña valor informativo e o comprometa na mellora da súa educación. Nesta liña, os centros docentes farán públicos os criterios de avaliación comúns e os propios de cada materia que se aplicarán para a avaliación das aprendizaxes, a promoción do alumnado e a obtención da titulación, e o alumnado poderá solicitar ao profesorado responsable das distintas materias aclaracións verbo das avaliacións que se realicen para a mellora do seu proceso de aprendizaxe.

6. Así mesmo, o alumnado ten dereito a coñecer os procedementos formais da avaliación, a súa natureza, aplicación e criterios de corrección.

Artigo 3º.-Sesións de avaliación.

1. As sesións de avaliación e cualificación son as reunións do conxunto de profesoras e profesores do respectivo grupo de alumnado que, coordinadas polo titor ou titora, son realizadas co obxecto de contrastar as informacións proporcionadas polo profesorado das distintas materias para valorar dunha maneira colexiada o progreso do alumnado.

2. Realizaranse tantas sesións de avaliación e cualificación por curso como se estableza no proxecto educativo do centro, cun mínimo de tres, coincidindo a última coa avaliación final ordinaria.

3. As sesións de avaliación utilizarán como instrumento básico as informacións e cualificacións que sobre cada alumno ou alumna, e sobre o grupo, acheguen os profesores e profesoras das distintas materias.

4. A avaliación, supervisada pola xefatura de estudos, realizaraa o conxunto do profesorado do alumno ou da alumna coordinado polo profesor ou a profesora que desempeñen a titoría. Este profesorado actuará de xeito integrado ao longo do proceso de avaliación e na adopción de decisións resultantes do devandito proceso.

5. O titor ou titora redactará a acta do desenvolvemento das sesións de avaliación e cualificación, na cal farán constar os acordos acadados e as decisións adoptadas. Esta acta será asinada polo profesorado presente na sesión co visto e prace do xefe ou xefa de estudos.

6. Os resultados da avaliación final das materias que compoñen o currículo expresaranse mediante a escala numérica de 1 a 10 sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco, e negativas as inferiores a esta cifra.

7. Nas sesións de avaliación acordarase tamén a información que, de acordo co que dispoña o proxecto educativo do centro e co recollido nesta orde, deba transmitirse a cada alumno ou alumna e, de ser o caso, ao seu pai, nai ou titores legais sobre o proceso persoal de aprendizaxe seguido.

Artigo 4º.-Avaliación final e proba extraordinaria.

1. Rematado o período lectivo, na última sesión de avaliación e cualificación no mes de xuño, o profesorado emitirá a cualificación final despois de facer a valoración das aprendizaxes específicas das distintas materias e da madureza académica acadada polo alumnado en relación cos obxectivos xerais das ensinanzas de danza, e no marco do proceso de avaliación continua levado a cabo.

2. A valoración do progreso do alumnado, expresada nos termos descritos no artigo anterior, figurará na acta de avaliación, no expediente académico do alumno ou alumna e no seu libro de cualificacións.

3. Para o alumnado con avaliación negativa, o profesor ou profesora da materia elaborará un informe sobre os obxectivos e contidos non acadados e coa proposta de actividades de recuperación.

4. O alumnado que non obtivese avaliación positiva nunha ou en varias materias poderá presentarse á proba extraordinaria que os centros organizarán durante os primeiros cinco días hábiles de setembro. As cualificacións correspondentes a esta proba consignaranse na correspondente acta de avaliación, no expediente académico do alumno ou alumna e no seu libro de cualificacións.

5. Se o alumno ou alumna non comparece á proba extraordinaria dalgunha materia, reflectirase como non presentado (NP), que terá, para todos os efectos, a consideración de cualificación negativa.

6. As cualificacións das materias pendentes de cursos anteriores consignaranse, igualmente, na correspondente acta de avaliación, no expediente académico do alumno ou alumna e no seu libro de cualificacións.

Capítulo II

Da información, comunicación e procedemento de reclamación dos resultados da avaliación

Artigo 5º.-Información e comunicación dos resultados da avaliación.

1. Despois de cada sesión de avaliación, a persoa que exerza a titoría informará por escrito os pais, nais ou titores legais, así como os alumnos e as alumnas sobre o seu aproveitamento académico, e sobre a evolución do proceso educativo cando as circunstancias o aconsellen. Para tal efecto, os titores ou titoras requirirán, de ser o caso, a colaboración dos restantes membros do equipo docente.

2. Ao remate do curso, informaranse por escrito o alumnado e os seus pais, nais ou titores legais, no caso de menores, acerca dos resultados da avaliación final. A dita información incluirá, cando menos, as cualificacións obtidas nas distintas materias cursadas, a decisión respecto da súa promoción ao curso seguinte e as medidas adoptadas, de ser o caso, para que o alumnado acade os obxectivos establecidos en cada unha das materias, segundo os criterios de avaliación correspondentes.

3. Coa finalidade de garantir o dereito dos alumnos e das alumnas a que o seu rendemento escolar sexa avaliado conforme criterios obxectivos, os centros darán a coñecer nas programacións das diferentes materias os obxectivos, contidos e criterios de avaliación establecidos como requisitos mínimos exixibles para obter unha cualificación positiva.

Artigo 6º.-Procedemento para formular reclamacións sobre os resultados finais da avaliación.

1. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento sexa avaliado conforme criterios obxectivos, o interesado ou interesada ou os seus representantes legais poderán reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de cinco (5) días, contra as cualificacións finais ou da proba extraordinaria, cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta en relación cos obxectivos e contidos da materia sometida a avaliación e co nivel previsto na programación polo órgano didáctico correspondente.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na mesma programación didáctica.

2. No suposto de reclamación contra as cualificacións finais ou da proba extraordinaria, o director ou directora do centro someteraas ao departamento correspondente, que poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada.

3. No suposto de que o departamento desestime a reclamación, o interesado ou interesada poderá instar para que a dirección remita o expediente á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, logo do informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, ditará a resolución procedente.

4. Co obxecto de evitar atrasos na resolución das reclamacións que puidesen prexudicar os interesados, deberanse observar os seguintes prazos:

a) O director ou directora deberá resolver a reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.

b) No caso de ter que enviar o expediente á delegación provincial, tramitarase no prazo de 48 horas.

c) O delegado ou delegada provincial recibirá o informe da Inspección Educativa e resolverá no prazo máximo de dez (10) días naturais, desde a entrada do expediente na delegación provincial.

5. Contra a resolución do delegado ou delegada provincial poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

Da promoción e da permanencia do alumnado

Artigo 7º.-Promoción.

1. O alumnado pasará ao curso superior cando teña superadas as materias cursadas ou teña avaliación negativa, como máximo, en dúas materias. A cualificación negativa en tres ou máis materias correspondentes a un ou varios cursos impedirá a promoción do alumnado ao curso seguinte.

2. No suposto de materias pendentes referidas á práctica da danza, a súa recuperación deberá realizarse na clase do curso seguinte, se forma parte del. No resto dos casos, o alumnado deberá asistir ás clases das materias non superadas no curso anterior.

3. O alumnado que ao remate do sexto curso tiver pendente de avaliación positiva tres ou máis materias, deberá repetir o curso na súa totalidade. Cando a cualificación negativa se produza nunha materia ou en dúas, só cumprirá que curse as materias pendentes.

4. En relación coa alínea anterior, os centros poderán, segundo as súas dispoñibilidades, autorizar a asistencia do alumnado con unha ou dúas materias pendentes ás clases das materias xa superadas.

Artigo 8º.-Permanencia.

1. O límite de permanencia máxima nas ensinanzas profesionais de danza será de oito anos, con carácter xeral. O alumno ou a alumna non poderá permanecer máis de dous anos no mesmo curso, bardante no sexto curso.

2. Con carácter excepcional poderase autorizar a ampliación nun ano de permanencia no grao profesional en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración. Correspóndelle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais outorgar a correspondente autorización, logo da solicitude do alumnado, xunto cos informes favorables da dirección do centro e da Inspección Educativa.

3. En calquera caso, a permanencia nas ensinanzas profesionais non poderá superar os nove anos, incluído o da ampliación excepcional concedida.

Capítulo IV

Dos documentos de avaliación

Artigo 9º.-Disposicións xerais sobre os documentos de avaliación.

1. Son documentos de avaliación nas ensinanzas profesionais de danza: as actas de avaliación, o expediente académico persoal, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións.

2. Cubrir, custodiar e arquivar os documentos de avaliación é responsabilidade do secretario ou secretaria do centro. Os ditos documentos conservaranse no centro, mentres este exista. As delegacións provinciais proverán as medidas necesarias para a súa conservación ou traslado no caso da supresión do centro.

Artigo 10º.-As actas de avaliación.

1. As actas de avaliación expediranse para cada un dos cursos das ensinanzas profesionais de danza e comprenderán a relación nominal do alumnado que compón o grupo e os resultados da avaliación, e cubriranse ao remate do período lectivo ordinario e da convocatoria da proba extraordinaria.

2. Así mesmo, expediranse actas de avaliación das materias pendentes por curso ao remate do período lectivo ordinario e da convocatoria da proba extraordinaria.

3. As actas de avaliación incluirán tamén as decisións sobre promoción ao curso seguinte e, se é o caso, a permanencia dun ano máis no curso ou ciclo, de acordo coas normas que regulan este suposto.

4. Nas actas correspondentes ao sexto curso das ensinanzas profesionais de danza farase constar a proposta de expedición do título profesional na especialidade correspondente cando se superasen todas as materias.

5. As actas de avaliación finais, asinadas por todo o profesorado do grupo e o secretario ou secretaria, co visto e prace da dirección, serán arquivadas e custodiadas na secretaría do centro docente. Unha copia das actas finais de cada grupo remitiráselle ao Servizo Provincial de Inspección Educativa. Os centros autorizados remitiranlle un exemplar das actas finais ao conservatorio a que estean adscritos.

6. As actas de avaliación axustaranse ao modelo e características que se determinan no anexo I desta orde.

Artigo 11º.-O expediente académico persoal.

1. O expediente académico persoal do alumnado incluirá os datos de identificación do centro docente, os do alumno ou alumna e a información relativa ao proceso de avaliación. O seu deseño básico axustarase ao modelo que figura no anexo II desta orde.

2. O expediente académico dos alumnos e das alumnas que accedan ás ensinanzas de danza deberá ser cuberto e permanecer no centro no cal estea matriculado o alumno ou alumna e ata que remate os seus estudos.

Artigo 12º.-O informe de avaliación individualizado.

1. Cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro confeccionarase un informe de avaliación individualizado que será elaborado polo titor ou titora a partir dos datos facilitados polo profesorado das distintas materias do curso, e conterá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de desenvolvemento das capacidades enunciadas nos obxectivos específicos da especialidade dancística do alumno ou alumna, así como sobre o grao de asimilación dos seus contidos.

b) Apreciación sobre o grao de desenvolvemento das capacidades enunciadas nos obxectivos específicos das restantes materias que configuran o currículo da especialidade do alumno ou alumna, así como sobre o grao de asimilación dos seus contidos.

c) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe no caso de que se tivesen emitido.

2. Así mesmo, en calquera momento os conservatorios e centros autorizados de danza poderán emitir, por petición dos interesados, certificación dos estudos realizados na cal se especifiquen as materias cursadas e as cualificacións obtidas. A certificación irá asinada polo secretario ou secretaria do centro e visada pola dirección.

3. O informe de avaliación individualizado axustarase ao modelo e características que se determinan no anexo III desta orde.

Artigo 13º.-O libro de cualificacións.

1. O libro de cualificacións das ensinanzas profesionais de danza é o documento oficial que reflicte as cualificacións e as decisións relativas ao progreso académico do alumnado; ten valor acreditativo dos estudos realizados e posibilita a mobilidade do alumnado entre centros onde se cursen os estudos correspondentes ao grao profesional.

2. O libro de cualificacións axustarase ao modelo establecido no anexo III do Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 14º.-Solicitude do libro de cualificacións.

1. As direccións dos conservatorios remitiranlle ao Servizo Provincial de Inspección Educativa, ao longo do mes de outubro, unha relación por orde alfabética do alumnado para o que se solicita o libro de cualificacións.

2. As direccións dos centros autorizados presentarán a relación a que se refire o punto anterior no conservatorio profesional a que estean adscritos. O director ou directora do conservatorio deberá remitirllas, co seu visto e prace, ao Servizo Provincial de Inspección Educativa.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enviaralles cada ano ás delegacións provinciais o número de exemplares de libros de cualificacións que se consideren necesarios. Nos libros figurará a serie e o número que correspondan.

Artigo 15º.-Rexistro do libro de cualificacións.

1. Os correspondentes servizos provinciais de Inspección Educativa rexistrarán os libros de cualificación, do seu ámbito territorial, atribuíndo cada libro a un alumno ou alumna e asignándolle un número de rexistro con carácter provincial, que constará de dúas partes separadas por un guión: a primeira parte conformarase co número que corresponda empezando, para cada curso escolar, polo número 1 e seguindo correlativamente ata rematar polo último dos libros rexistrados para ese curso académico; a segunda parte conformarase coas dúas últimas cifras correspondentes ao ano en que se solicita o libro.

2. Unha vez rexistrados os libros de cualificación, remitiránselles aos respectivos conservatorios acompañados dunha relación para o seu arquivo no centro. No caso dos centros autorizados, a dita relación enviarase por duplicado.

3. Os conservatorios profesionais arquivarán a relación referida ao seu alumnado, así como, de ser o caso, un dos exemplares da relación correspondente a cada un dos centros autorizados que teñan adscritos, e remitiranlles o exemplar restante, para o seu arquivo, aos ditos centros.

4. Os servizos provinciais de Inspección Educativa enviaranlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ao longo do mes de decembro de cada ano, un impreso no cal se recolla o número de libros de cualificación rexistrados, así como a previsión do número de exemplares que se consideren necesarios para o curso seguinte.

Artigo 16º.-Formalización do libro de cualificacións.

1. Correspóndelle ao conservatorio profesional no cal o alumno ou alumna estea matriculado, ou a aquel a que estivese adscrito o centro autorizado en que o alumno ou alumna cursa os seus estudos, cubrir o libro de cualificacións.

2. O libro de cualificacións levará as sinaturas fidedignas das persoas que correspondan identificadas polo seu cargo, facendo constar debaixo delas o nome e os apelidos do asinante.

3. No libro de cualificacións consignaranse os resultados da avaliación, facendo constar as cualificacións obtidas nas distintas materias. Tamén se consignarán nas correspondentes epígrafes do libro as decisións de promoción, a ampliación excepcional de permanencia cando proceda, así como que o alumno ou alumna reúne as condicións necesarias para que lle sexa expedido o título profesional na especialidade cursada.

4. O libro de cualificacións referirase aos estudos cursados dentro dunha única especialidade. No caso do alumnado que curse máis dunha especialidade, cubrirase un libro de cualificacións por cada especialidade cursada, indicándose, se é o caso, nas páxinas de estudos previos de grao profesional noutras especialidades, as materias comúns superadas e as cualificacións obtidas.

5. As correccións que procedan en caso de erro salvaranse mediante dilixencia coa sinatura do secretario ou secretaria, na mesma páxina, se é posible, ou nas páxinas reservadas para observacións.

6. O libro de cualificacións entregaráselle ao alumnado ao rematar os estudos. Cubrirase a parte correspondente do libro e do expediente académico e deixarase constancia desta entrega no centro mediante a sinatura de recepción do alumno ou alumna.

Capítulo V

Da mobilidade do alumnado

Artigo 17º.-Traslado de expediente.

1. Cando o alumno ou a alumna se traslade de centro docente para proseguir os seus estudos, o centro de orixe remitirá ao de destino, por petición deste, o libro de cualificacións acreditativo de que os datos que contén concordan co expediente que consta no centro.

2. O centro docente de destino abrirá o correspondente expediente académico persoal, e a matriculación do alumno ou alumna adquirirá carácter definitivo unha vez recibido o libro de cualificacións cuberto polo centro de orixe.

3. Será necesario o traslado do libro de cualificacións das ensinanzas profesionais de danza nos casos que a seguir se sinalan:

a) Traslado do alumnado dun conservatorio profesional a outro.

b) Traslado do alumnado dun centro autorizado a outro que estivese adscrito a un conservatorio profesional diferente.

c) Traslado do alumnado dun conservatorio profesional a un centro autorizado adscrito a un conservatorio profesional diferente.

d) Traslado do alumnado dun centro autorizado a un conservatorio profesional diferente daquel ao cal estivese adscrito o dito centro.

Capítulo VI

Da titulación das ensinanzas profesionais de danza

Artigo 18º.-Titulación.

1. O alumnado que supere as ensinanzas profesionais de danza obterá o título profesional de danza, onde constará a especialidade cursada.

2. Para realizar a proposta da expedición do título profesional de danza na correspondente especialidade será necesario que os alumnos e as alumnas obteñan avaliación positiva en todas as materias do grao profesional.

Capítulo VII

Avaliación do proceso de ensino e da práctica docente

Artigo 19º.-Avaliación dos procesos de ensino e da práctica docente.

O profesorado avaliará, nas sesións de avaliación do seu grupo, os procesos de ensino e a súa práctica docente en función da súa adecuación co alumnado, así como co logro dos obxectivos do grao e das materias. Esta avaliación incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A adecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación ás características e necesidades do alumnado.

b) As aprendizaxes acadadas polo alumnado.

c) As medidas de atención á diversidade aplicadas.

d) A programación e o seu desenvolvemento, a organización da aula, o aproveitamento dos recursos do centro e os procedementos de avaliación do alumnado.

Disposición adicional

Única.-Incorporación do alumnado con materias pendentes procedente doutras comunidades autónomas.

O alumnado que se incorpore aos estudos de danza, procedente doutra comunidade autónoma, incorporarase ao curso que lle corresponda segundo o número de materias que teña pendentes do plan de estudos da comunidade autónoma de procedencia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Vixencia dos libros de cualificación conforme a Orde do 17 de novembro de 1997 (Boletín Oficial del Estado do 28 de novembro) pola que se establecen os elementos básicos dos informes de avaliación do grao medio das ensinanzas de danza así como os requisitos formais derivados do dito proceso que sexan precisos para garantir a mobilidade do alumnado.

De conformidade co establecido no Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ao alumnado que, a partir do curso escolar 2007-2008, se incorpore á nova ordenación nos cursos 1º, 2º, 3º e 4º das ensinanzas profesionais de danza seralle de aplicación o establecido nesta orde. Para estes efectos, a vixencia dos libros de cualificación do grao medio, conforme a Orde do 17 de novembro de 1997 (Boletín Oficial del Estado do 28 de novembro) pola que se establecen os elementos básicos dos informes de avaliación do grao medio das ensinanzas de danza así como os requisitos formais derivados do dito proceso que sexan precisos para garantir a mobilidade do alumnado, e para efectos de acreditación dos estudos realizados, deberá redactarse neles, na páxina que corresponda ao último curso, a dilixencia de peche e inutilizaranse as páxinas restantes.

A citada dilixencia, asinada pola secretaria ou secretario do centro e co visto e prace do director ou a directora, consignarase nos seguintes termos: dilixencia para facer constar que este libro de cualificacións queda pechado de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Orde do 11 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de danza que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Segunda.-Solicitude dos libros de cualificación no curso escolar 2007-2008.

En relación co alumnado que se incorporou no curso 2007/2008 ás ensinanzas do novo sistema educativo, as direccións dos conservatorios profesionais solicitarán os libros de cualificacións correspondentes no prazo dun mes contado a partir da data de publicación desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar as medidas necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "03900D001P009.PDF"

E para que conste onde lle conveña ao interesado, expido esta orde co visto e prace do/a director/a deste centro e co seu cuño, en _____ o __ de ______ de 20 __

Ver referencia pdf "03900D002P015.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA