DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2008 Páx. 2.887

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2008 pola que se convoca o curso: o Eidolocal: os servizos de xestión telemática entre as entidades locais e a Xunta de Galicia, para persoal ao servizo das entidades locais de Galicia.

De acordo coa orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se fixan criterios para a realización, coordinación e organización conxunta de actividades formativas para os membros e persoal das corporacións locais galegas en materias de administración pública a executar entre a Escola Galega de Administración Pública e a Dirección Xeral de Administración Local, e de conformidade co artigo 6.2º da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo.

RESOLVO:

Convocar o curso o Eidolocal: os servizos de xestión telemática entre as entidades locais e a Xunta de Galicia para persoal ao servizo das entidades locais de Galicia, cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración local de Galicia que se atopan en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos casos no anexo II. No caso dos funcionarios con habilitación de carácter estatal a situación de expectativa de destino equipárase para estes efectos á de servizo activo pero terán preferencia os funcionarios que se atopen nesta última situación fronte aos primeiros.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda.-Acceso ás actividades, datas e lugares de realización.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos e as preferencias exixidas para cada curso no anexo II. A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos centros directivos.

Os cursos realizaranse coa duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo II. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es.

Esta convocatoria estrutúrase en accións formativas de carácter xeral e específicas, referidas todas elas ás seguintes áreas: dirección e xerencia pública, economía e finanzas, recursos humanos, recursos materiais e tecnolóxicos, procesos de traballo, normativa e organización autonómica, específicas do sector competencial, idioma, coñecementos transversais e outros. As accións formativas de carácter xeral teñen por obxecto ofrecer un currículo básico horizontal que capacite os empregados públicos para realizar funcións e tarefas en calquera posto de traballo ao longo da súa carreira profesional. Correspóndese con funcións, coñecementos e habilidades que son xenéricas e constitúen as bases da organización e o funcionamento da administración. As accións formativas específicas comprenden o conxunto de actividades formativas cuxo obxectivo está directamente relacionado coa adaptación permanente ao posto de traballo que se desempeña e que inclúen contidos basicamente sectoriais que

afectan a competencias específicas.

Terceira.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, non sendo admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para enviar mensaxes aos candidatos.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas na alínea anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

-Ordenador con conexión á internet.

-Calquera navegador web co plugin de flash.

-Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 30 ou correo electrónico ao enderezo: local.egap@xunta.es, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de se encontraren varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de marzo de 2008.

h) O número máximo de cursos en que se pode solicitar participar nesta convocatoria limítase a cinco.

i) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nas mesmas datas.

Cuarta.-Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet: http://egap.xunta.es/matricula.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono: 981 54 63 40, ou fax: 981 54 63 30 ou enderezo de correo electrónico: matricula.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta.-Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 7, do 10 de xaneiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa sinalados no anexo II.

Para os efectos do previsto no punto segundo, punto 4ª da citada resolución o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 80% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 20% restante á antigüidade na Administración de acordo coa fórmula que se empregará que se publicará na páxina web da EGAP.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

b) Nos cursos que teñan varias edicións, terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que teña o seu posto de traballo nelas.

c) A EGAP poderá solicitar en calquera momento nos centros directivos dos cales dependan os solicitantes un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso nas accións formativas específicas.

d) Así mesmo, poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.

e) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

Sexta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxe telefónica a quen facilite os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación, non foron seleccionadas polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A EGAP solicitará, se é o caso, ao centro directivo en que está adscrita a persoa preseleccionada ou á xefatura de persoal da entidade correspondente a documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude así como a certificación de que a materia do curso ten relación co posto de traballo.

c) O persoal preseleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así o acredite documentalmente a persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente a causa que a produce, suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias durante o prazo dun ano contado desde a data de finalización do curso, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

d) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de admitidos ao curso. A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade en caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

e) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima.-Asistencia aos cursos.

Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Oitava.-Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) Outorgaráselle certificado de aproveitamento ao alumnado dos cursos que así o regulen na convocatoria e requirirá como mínimo cumprir control de asistencia establecido na actividade, desenvolvemento, avaliación da aprendizaxe mediante diferentes instrumentos segundo a actividade e superación do sistema de avaliación axeitado a cada actividade, do cal se terá coñecemento antes do comezo da actividade formativa. En caso de non superar as probas tampouco se facilitará certificado de asistencia.

c) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. A ausencia aínda xustificada superior ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

d) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

e) Para poder superar os cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

-Asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

-Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

-Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. En cada curso estimarase un tempo mínimo de seguimento homoxéneo nos contidos materiais que será comunicado polas titorías ao seu inicio.

O alumnado deberá superar unha proba final, de carácter presencial, que terá lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado nesa proba e cumprir os demais requisitos con anterioridade.

f) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Novena.-Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, para o que informará o grupo de traballo da Comisión Autonómica de Formación Continua. Así mesmo, corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

ANEXO II

Curso: o Eidolocal: os servizos de xestión telemática entre as entidades locais e a Xunta de Galicia

Código: LO08007.

Tipo: específico.

Área formativa: proceso de traballo.

1.-Obxectivos.

Formar o persoal da Administración local na utilización dos servizos de xestión telemática con sinatura dixital existentes no Eidolocal e sobre o mantemento e xestión dos seus propios usuarios do portal coa finalidade de facer completamente real o uso da internet como vía de comunicación entre a Administración autonómica, a Administración local e os cidadáns, é dicir, que o 100% das tramitacións e comunicacións poidan realizarse telematicamente.

2.-Destinatarios.

Prioritarios: persoal ao servizo da Administración local de concellos que estean actualmente adheridos ao convenio de colaboración entre a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións e que polo tanto dispón ou disporá en breve do Servizo do Portelo Único (ou de acceso á zona privada do Eidolocal).

Secundarios: persoal ao servizo da Administración local de concellos que non estea adherido ao convenio anteriormente citado, pero que estea interesado no coñecemento do funcionamento do portal.

3.-Desenvolvemento.

3.1. Número de edicións: 16.

3.2. Duración: sete horas cada edición.

3.3. Lugares: tres edicións en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra e catro edicións en Ourense.

Santiago de Compostela: aula de informática do 2º piso da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4.

A Coruña: aula de informática do edificio administrativo de Servizos Múltiples, praza Luís Seoane, s/n, planta baixa.

Lugo: aula de informática do edificio administrativo. Rolda da Muralla, 70, baixo 2ª.

Ourense: aula de informática da delegación de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Avda. da Habana, 79, 7ª planta.

Pontevedra: aula de informática da delegación de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Rúa Benito Corbal, 47. Planta baixa.

3.4. Datas:

-Santiago de Compostela:

1ª edición: 8 de abril.

2ª edición: 9 de abril.

3ª edición: 10 de abril.

-A Coruña:

1ª edición: 21 de abril.

2ª edición: 22 de abril.

3ª edición: 23 de abril.

-Lugo:

1ª edición: 14 de abril.

2ª edición: 15 de abril.

3ª edición: 16 de abril.

-Ourense:

1ª edición: 14 de abril.

2ª edición: 15 de abril.

3ª edición: 28 de abril.

4ª edición: 29 de abril.

-Pontevedra:

1ª edición: 28 de abril.

2ª edición: 29 de abril.

3ª edición: 30 de abril.

3.5. Horarios: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

3.6. Prazas: 10 por edición.

4.-Contido.

O Eidolocal: portal dos concellos de Galicia na internet. A xestión de usuarios. As principais opcións do portal que facilitan as xestións telemáticas entre a Xunta de Galiciae as administracións locais: os envíos telemáticos de anuncios ao Diario Oficial de Galicia, envío de documentación á Dirección Xeral de Administración Local (actas, estatutos, autorizacións, orzamentos,…), a solicitude telemática de subvencións e outros procedementos. O certificado dixital: características, obtención, seguridade, utilización e renovación. A sinatura dixital de documentos.

5.-Criterios de selección.

A selección dos participantes farase establecendo as seguintes prioridades:

1. Persoal das corporacións locais da comunidade autónoma, que pertenza a un concello actualmente adherido ao convenio de colaboración, asinado o 15 de febreiro de 1996 e á posterior addenda a el, asinada o 17 de setembro de 2001, entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións, o que permite o acceso aos servizos de consulta e xestión administrativa proporcionados polo portal.

No caso de que nunha provincia ou en Santiago de Compostela o número de solicitantes supere o número de prazas ofertadas (30 para Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra e 40 para Ourense), establecerase a seguinte prioridade:

a) Persoal dado de alta como usuario do Eidolocal que realiza ou realizará a través do portal algunha das seguintes tarefas, establecéndose a preferencia en función da seguinte orde:

1. Tramitación electrónica de expedientes.

2. Envíos á Dirección Xeral de Administración Local.

3. Envíos ao Diario Oficial de Galicia.

4. Xestión de usuarios.

5. Resto de usuarios.

En caso de igualdade de condicións establecerase a preferencia en función da antigüidade de adhesión do seu concello ao convenio (data de publicación no Diario Oficial de Galicia do comezo da actividade como Servizo de Portelo Único, do máis antigo ao mais recente), admitíndose en principio, un representante por cada concello e en función do número de prazas: 2 representantes, 3, etc. ata cubrir todas as prazas.

b) Persoal dado de alta como usuario do Eidolocal. Establecerase a preferencia en función da antigüidade de adhesión do seu concello ao convenio (data de publicación no Diario Oficial de Galicia do comezo da actividade como Servizo de Portelo Único, do máis antigo ao máis recente), admitíndose en principio, un representante por cada concello e en función do número de prazas: 2 representantes, 3, etc. ata cubrir todas as prazas.

2. Persoal das corporacións locais da comunidade autónoma que pertenza a un concello que non estea adherido ao convenio anteriormente citado, pero que estea interesado no coñecemento da funcionalidade do portal.

No caso de que nunha provincia ou en Santiago de Compostela o número de solicitantes supere o número de prazas ofertadas (30 para Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra e 40 para Ourense), establecerase a prioridade en función do especificado na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG nº 7, do 10 de xaneiro).