DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2008 Páx. 2.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado no ano 2008.

A Orde do 27 de decembro de 2000 da Consellería de Industria e Comercio e as súas modificacións, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguranza industrial, establece no seu artigo 5 que a convocatoria de exames se publicará anualmente, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de industria.

En virtude da citada competencia,

RESOLVO:

Convocar os exames ordinarios que se celebrarán no ano 2008 para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto da convocatoria é a obtención de carnés profesionais nas seguintes especialidades:

-Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

-Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Segunda.-Datas e lugares de realización dos exames. Tribunais cualificadores.

2.1. As probas comezarán ás nove horas nos lugares e locais que se indicarán nas listas definitivas de admitidos e excluídos.

2.2. Os membros dos tribunais cualificadores e as datas en que se realizarán os exames serán os que se indican a seguir:

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría A: 26 de maio e 17 de novembro.

Tribunal nº 1.

Presidente: Antonio de la Hera Roldán.

Suplente: Juan Luis Ecenarro Tomé.

Secretaria: María del Carmen da Costa Picón.

Suplente: Pilar Aurora Rodríguez Rielo.

Vogal A Coruña: Isidoro Martínez Arca.

Vogal suplente: Julián Lucas Ramírez.

Vogal Lugo: Fernando Mailoc López García.

Vogal suplente: Isabel Romero Vázquez.

Vogal Ourense: Alfonso Tomás Paz Doniz.

Vogal suplente: Juan Ramón Velasco González.

Vogal Pontevedra: Eugenio Fernández Piñeiro.

Vogal suplente: Ángel Merino Cachaperín.

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría B: 28 de maio e 24 de novembro.

O tribunal cualificador estará formado polos mesmos membros que o tribunal nº 1.

2.3. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no eido da presente convocatoria. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

Terceira.-Requisitos dos aspirantes.

Para ser admitidos á realización das probas, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de estudos primarios.

b) Ter cumpridos 18 anos no momento de realizar a solicitude do curso que se cita na alínea c).

c) A superación dun curso teórico-práctico impartido por unha entidade acreditada pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

d) Superar un exame médico, psicotécnico e físico, específico para este tipo de actividades, que inclúe exame sobre agudeza visual, sentido da orientación, equilibrio e agudeza auditiva.

Estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Cuarta.-Solicitudes e documentación.

4.1. Os aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia dirixida ao delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria que corresponda, segundo o modelo que figura no anexo.

4.2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación e Industria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. Xunto coa solicitude modelo será preciso presentar a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do documento nacional de identidade.

b) Dúas fotografías tamaño carné.

c) Documento que demostre a superación dun exame médico, psicotécnico e físico, específico para este tipo de actividades, que inclúa exame sobre agudeza visual, sentido da orientación, equilibrio e agudeza auditiva.

d) Copia cotexada do certificado de asistencia e superación do curso teórico-práctico impartido por unha entidade acreditada pola Consellería de Innovación e Industria.

e) Copia cotexada do título de estudos primarios.

f) Comprobante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas en concepto de dereitos de exame (clave 32.07.01, importe 37,62 €) debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

Quinta.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para a realización dos exames para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará no 28 de marzo para a convocatoria de maio e 15 de setembro para a convocatoria de novembro.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a lista provisoria de admitidos e excluídos nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais. Esta lista tamén se poderá consultar no teléfono de información da Consellería de Innovación e Industria (981 54 43 41) e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

6.2. Os aspirantes excluídos, así como os que non figuren nas relacións de admitidos nin excluídos, disporán de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da devandita publicación no taboleiro de anuncios da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria para a corrección de defectos.

Sétima.-Desenvolvemento dos exames.

7.1. Os exames constarán de dúas partes:

Primeira parte.- Estará constituída por un exercicio teórico escrito, consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal sobre as materias regulamentarias establecidas para cada especialidade. Esta parte desenvolverase nas datas que se recollen na base segunda desta resolución.

Segunda parte.- Poderá consistir, segundo determine o tribunal, nun suposto práctico escrito ou nunha proba práctica co guindastre móbil autopropulsado.

No caso do suposto práctico escrito, versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requirimentos prácticos establecidos para cada especialidade, e os candidatos poderán utilizar a instrución técnica complementaria <> do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados. Neste caso, esta parte desenvolverase o mesmo día que a parte teórica, nas datas que se recollen na base segunda desta resolución.

No caso da proba práctica co guindastre móbil autopropulsado, o tribunal determinará o contido e condicións da súa realización. Ademais, neste caso, o tribunal determinará e publicará a data en que os aspirantes inscritos realizarán o exame práctico, que será distinta á data en que realizarán o exame teórico.

7.2. Para a realización do exame os candidatos deberán ir provistos, para cada exercicio, do seu documento nacional de identidade, lapis, goma de borrar e bolígrafo negro.

Oitava.-Cualificación dos exames.

8.1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da dita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión nº de respostas correctas-(nº de respostas incorrectas/3).

8.2. Os exames cualificaranse como aptos ou non aptos. Para ser considerado apto deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Novena.-Lista de aprobados.

O tribunal cualificador publicará a relación provisoria de aprobados por provincias e dará traslado desta as catro delegacións provinciais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios. Esta relación tamén se poderá consultar no teléfono de información da Consellería de Innovación e Industria (981 54 43 41) e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Os interesados disporán dun prazo de 10 días naturais desde a publicación da relación provisoria de aprobados para formularen reclamacións ante o tribunal. Finalizado o prazo, o tribunal enviará proposta das listas de aprobados ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, que as elevará a definitivas mediante resolución e dará traslado delas ás catro delegacións provinciais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios. Contra a dita resolución poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes a partir da publicación nos taboleiros de anuncios.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recuso de alzada perante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes desde a súa publicación.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2008.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Ver referencia pdf "03700D005P032.PDF"