DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2008 Páx. 2.846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 8 de febreiro de 2008 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma Galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos no momento da entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio de Economistas de Pontevedra acordou, en asemblea xeral celebrada o 23 de marzo de 2007, a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio de Economistas de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Economistas de Pontevedra

-Título I. Do colexio. Capítulo I.-Disposicións xerais. Capítulo II.-Fins e funcións.

-Título II. Dos colexiados. Capítulo I.-Da incorporación. Capítulo II.-Dereitos e deberes dos colexiados. Capítulo III.-Da perda da condición de colexiado.

-Título III. Dos órganos do colexio. Capítulo I.-Denominación. Capítulo II.-Asemblea de colexiados. Capítulo III.-A xunta de goberno.

-Título IV. Eleccións. Capítulo I.-Do proceso electoral.

-Título V. Das comisións colexiais. Capítulo I.-Das comisións de traballo.

-Título VI. Do réxime económico e financeiro. Capítulo I.-Dos recursos económicos.

-Título VII. Premios e sancións. Capítulo I.-Premios. Capítulo II.-Réxime disciplinario.

-Título VIII. Do réxime xurídico dos actos e a súa impugnación. Capítulo I.-Do réxime xurídico dos actos e a súa impugnación.

-Título IX. Do voto de confianza e a moción de censura. Capítulo I.-Do voto de confianza. Capítulo II.-Da moción de censura.

-Título X. Da disolución e liquidación do colexio.

-Disposición derradeira.

Título I

Do colexio

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Personalidade xurídica e capacidade de obrar.

O Colexio de Economistas de Pontevedra é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que se rexe por estes estatutos e pola lexislación vixente en materia de colexios profesionais, especialmente pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de polas disposicións que regulan a profesión de economista e a súa organización profesional.

A súa estrutura interna e o seu réxime de funcionamento réxense por principios democráticos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial e domicilio.

O Colexio de Economistas de Pontevedra ten o seu domicilio na rúa Colón, 29-2º dereita, da cidade de Vigo. O domicilio pode ser cambiado por decisión da xunta xeral.

O seu ámbito territorial comprende a provincia de Pontevedra, podendo no seu caso modificar este ámbito con suxeición ao establecido nos artigos 11.5º, 14 e 15 da Lei de colexios profesionais de Galicia. A ampliación do ámbito territorial deberá ser ratificada na xunta xeral extraordinaria do Colexio de Economistas de Pontevedra, que se convoque para tal fin.

O Colexio de Economistas de Pontevedra deberá establecer relacións con outros colexios ou consellos autonómicos ou estatais de colexios e con outras organizacións da mesma profesión e con institucións de ensino, a través da formalización de acordos entre as entidades interesadas.

Artigo 3º.-Integrantes.

Poderán ser integrantes do colexio, sen ningunha limitación, todas aquelas persoas que posúan a titulación adecuada para o exercicio da profesión e non teñan ningún impedimento legal.

A admisión dos integrantes efectuarase de acordo coas normas contidas nestes estatutos.

Capítulo II

Fins e funcións

Artigo 4º.-Fins e funcións.

1. Fins.

O colexio ten como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión de economista dentro do marco legal correspondente, a representación de quen exerza a citada profesión e a defensa dos intereses profesionais das persoas colexiadas.

Ademais, terá os seguintes fins:

Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de economista.

Acadar a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a súa formación e perfeccionamento.

Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio da profesión.

Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

2. Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins, o colexio exercerá as funcións encomendadas pola lexislación básica do Estado, e como propias as seguintes:

Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión.

Ordenar no marco da súa competencia a actividade dos colexiados, velando pola súa ética e dignidade profesional así como conciliando os seus intereses co interese social e cos intereses da cidadanía.

Exercer a potestade disciplinaria sobre os profesionais colexiados nos termos establecidos pola lexislación vixente e por estes estatutos.

Exercer as accións legais e adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal.

Establecer baremos de honorarios a modo de orientación.

Establecer e exixir as contribucións económicas dos colexiados.

Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

Organizar actividades dirixidas á formación e ao perfeccionamento profesional dos colexiados.

Participar de forma activa coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos planos de estudo e na súa preparación.

Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión.

Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados.

Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos de colexios.

Emitir informes sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia ou o Estado e que afecten os profesionais integrados no colexio ou que se refiran aos fins ou funcións encomendados a este.

Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia ou do Estado cando estes o requiran ou cando así se estableza na normativa vixente, e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, para os efectos e nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos nos cales se susciten cuestións que afecten a materias da súa competencia profesional.

Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

Garantir a prestación da función polos profesionais colexiados.

Actuar como árbitro nos conflitos entre os colexiados e terceiros, cando así o soliciten ambas as partes.

Procurar que os seus membros gocen, en canto ao exercicio da profesión, das liberdades, garantías e consideracións que lles son debidas, así como cooperar cos colexiados no referente aos deberes que lles impoñen as normas que regulan o exercicio da profesión.

Constituír tribunais arbitrais no seo do colexio para dirimir cuestións entre partes que se sometan á decisión daqueles, ao amparo da lexislación vixente.

Aqueloutras funcións que repercutan en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e que se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

Título II

Dos colexiados

Capítulo I

Da incorporación

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderá pertencer ao colexio toda persoa que o solicite, acepte as súas normas e obrigas, achegue a documentación exixida e acredite:

Ser español ou estranxeiro legalmente habilitado para o exercicio da profesión en España.

Estar en posesión dos títulos de doutor/a ou licenciado/a en Ciencias Políticas e Económicas (sección de Económicas), en Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais (sección de Económicas e Comerciais), en Ciencias Económicas e Empresariais, en Economía, en Administración e Dirección de Empresas, en Investigación e Técnicas de Mercado, en Ciencias Actuariais e Financeiras, de Intendente Mercantil ou de Actuario ou outro título superior do Estado español ou doutros estados membros da Unión Europea legalmente homologado con algúns dos anteriores segundo disposicións vixentes que supoñan a obtención dos coñecementos académicos para exercer as funcións propias da profesión de economista, recoñecidas no Real decreto 871/1977, do 26 de abril, e demais normas que as complementen, modifiquen ou substitúan.

Artigo 6º.-Obrigatoriedade da colexiación.

A colexiación será obrigatoria para o exercicio da profesión de economista en calquera das súas formas. Os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada, no desempeño da cal soamente os profesionais colexiados poderán utilizar a denominación de economista, debendo noutro caso limitarse á titulación académica que corresponda.

Artigo 7º.-Denegación da incorporación.

A incorporación ao colexio seralle denegada ao solicitante sempre que este concorra nalgunha das seguintes circunstancias:

Atoparse legalmente impedido para o exercicio da profesión.

Ter sido condenado, por sentenza firme, e sen que fora rehabilitado posteriormente, a penas que son motivo de baixa no colexio, conforme o previsto nestes estatutos.

Ter sido expulsado doutro colexio por sentenza firme ou suspendido no exercicio da profesión, sen que transcorrera o prazo da suspensión.

Non reunir os requisitos exixidos no artigo 5º destes estatutos.

Artigo 8º.-Suspensión temporal da decisión de ingreso.

Suspenderase temporalmente a adopción de acordos sobre a incorporación:

Se o peticionario non cumpriu todos os requisitos que exixen os estatutos.

Se non satisfixo noutros colexios, neste ano ou nos últimos cinco anos, as cotas regulamentarias.

Por un prazo máximo de dous meses, se a xunta de goberno considera precisas novas comprobacións.

Artigo 9º.-Recursos contra os acordos en materia de solicitudes de ingreso.

A xunta de goberno, unha vez practicadas as dilixencias e recibidos os oportunos informes, aprobará, suspenderá ou denegará as solicitudes de incorporación dentro de noventa días. A denegación notificaráselle ao interesado expresando as razóns en que se fundamente. Estes acordos son susceptíbeis do recurso de alzada previsto no artigo 31.1º da Lei de colexios profesionais de Galicia.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 10º.-Dereitos dos colexiados.

Son dereitos do colexiado:

De defensa polo colexio, ante as autoridades, entidades, empresas ou particulares no seu exercicio profesional, ou con motivo desta.

De representación e apoio polo colexio nas súas xustas reclamacións e nas negociacións motivadas por diferenzas que xurdan con ocasión do exercicio profesional.

Exercer as funcións propias do economista incluídas na clasificación uniforme de ocupacións da Oficina Internacional do Traballo (OIT) aprobada por España, e de acordo co estatuto profesional, sexa individualmente ou asociado con outros profesionais, coas únicas limitacións derivadas do cumprimento dos requisitos que lle exixan normas legais de rango superior, para o desempeño destas funcións. Para que sexa recoñecido o exercicio profesional, esta deberá cumprir os requisitos que se establezan mediante unha norma regulamentaria e constar inscrita na corporación.

Elixir e ser elixido para ocupar cargos nas xuntas de goberno e en calquera órgano electivo que corresponda no seo do colexio, agás as limitacións que se establezan neste estatuto para elixir e ser elixido.

Utilizar os servizos colexiais de acordo ás condicións establecidas para estes.

Comisionar o colexio a través dos servizos de asesoría xurídica se existen nel, para o cobramento de soldos, remuneracións ou minutas reportadas no exercicio da profesión de economista.

Ser informado periodicamente da marcha do colexio por medio de follas informativas, boletíns, sesións informativas, xuntas xerais ou outros medios que estableza a xunta de goberno.

Participar nos labores de cultura e no goce das facultades ou prerrogativas do colexio que se lle recoñezan.

Celebrar reunións de carácter colexial nas dependencias do colexio, logo de autorización da xunta de goberno.

Promover a constitución de comisións de carácter interno, sen prexuízo de que a representatividade ao exterior destas comisións deba recaer nos órganos de goberno, e podendo serlle conferida ao promotor se estes órganos o estiman conveniente.

Ser respondido no prazo dun mes en relación coas suxestións, propostas, preguntas, aclaracións ou queixas que formule por escrito á xunta de goberno.

Artigo 11º-Deberes dos colexiados.

Son deberes do colexiado:

Exercer a profesión de economista, ben sexa individualmente ou baixo calquera outra forma xurídica, conforme a normas deontolóxicas e técnicas correctas.

Cumprir fielmente canto se dispón neste estatuto e nas normas complementarias.

Acatar as resolucións ditadas polos órganos do colexio, sen prexuízo dos recursos pertinentes.

Comparecer ante a xunta de goberno ou os seus delegados, cando así lles fose requirido, agás no caso de indisposición ou causa xustificada.

Participarlle á xunta de goberno, dentro do prazo de trinta días, os cambios de enderezo e veciñanza.

Asistir ás xuntas xerais cando residan no domicilio do colexio, agás escusa admisible. Cando os órganos colexiais competentes acorden a súa celebración en localidade distinta do domicilio social do colexio, esta obriga compételles aos colexiados que residan na citada localidade.

Aboar, dentro do prazo regulamentario, as cotas e taxas que proceda.

Desempeñar os cargos para os que foran elixidos e as comisións que o colexio lles encomende.

Gardar a todos os compañeiros consideración e respecto.

Capítulo III

Da perda da condición de colexiado

Artigo 12º-Perda da condición de colexiado.

A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que así o implique.

d) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

e) Por perda das condicións requiridas para o ingreso.

f) Por falta de pagamento da primeira cota ou de cotas atrasadas correspondentes a tres períodos. Para este efecto o colexio cursará unha notificación de requirimento por correo certificado, servizo de mensaxaría ou equivalente, ao domicilio comunicado polo colexiado. De non facerse efectivos os importes correspondentes, ou de non xustificarse documentalmente a situación de forza maior, producirase a baixa do colexiado, quen poderá, de ser o caso, solicitar novamente o seu ingreso satisfacendo as cotas pendentes.

g) Por ter sido condenado a pena superior a seis anos de duración ou a inhabilitación conforme o disposto no Código penal. Unha vez finalizada a condena deberá comunicar tal feito, achegando xustificación acreditativa á xunta de goberno, a cal procederá a dar de alta o colexiado sen que teña que aboar as cotas correspondentes ao período da condena, pero si as que medien entre a finalización desta e a súa solicitude de reincorporación.

Título III

Dos órganos do colexio

Capítulo I

Denominación

Artigo 13º-Denominación.

Os órganos de goberno do Colexio de Economistas de Pontevedra son a asemblea, a xunta de goberno e o decano-presidente.

Capítulo II

Asemblea de colexiados

Artigo 14º-Definición.

O órgano supremo do colexio é a asemblea, composta por todos os colexiados convocados á xunta xeral.

A asemblea asume todas as competencias colexiais, ben que a xunta de goberno exercerá as propias con independencia funcional da asemblea.

As reunións da asemblea de colexiados poden ser ordinarias e extraordinarias.

Artigo 15º-Asistencia.

Todos os colexiados teñen o dereito e o deber de asistir con voz e voto ás reunións das asembleas.

Os colexiados poden facerse representar por outro colexiado expresa e nominativamente designado para o efecto. As delegacións de voto poden obterse do colexio até o día anterior ao sinalado para a xunta xeral, para o que os servizos administrativos cotexarán a sinatura do colexio autorizante co seu DNI ou tarxeta de sinatura en poder do colexio, que deberá ser mostrada polo representante designado á presidencia da xunta xeral no acto de constitución desta.

O representante designado emitirá libremente o seu voto e o correspondente ás representacións outorgadas ao seu favor tanto se é votación nominal como secreta. Non poderán acumularse máis de cinco delegacións de voto a favor da mesma persoa.

Non será admisible a representación para as eleccións a xunta de goberno, debendo neste caso seguirse os procedementos de voto persoal ou por correo establecidos para este suposto.

Artigo 16º-Convocatoria.

A convocatoria de xunta xeral terá que realizarse por escrito e con indicación da orde do día, con antelación mínima de trinta días naturais, prazo que poderá abreviarse a oito días para as extraordinarias, se existen razóns de urxencia que así o aconsellen.

A partir da remisión da convocatoria aos colexiados, estarán á súa disposición na sede colexial os antecedentes e documentos relativos aos acordos comprendidos na orde do día.

Até quince días antes da celebración da xunta xeral, e autorizadas coa sinatura de dez colexiados como mínimo, poderán presentarse proposicións, rogos ou preguntas para ser sometidas á deliberación e decisión da asemblea, salvo que sexa sobre cuestións que exixan outro número de colexiados nestes estatutos. O expresado neste parágrafo non será aplicable ás xuntas xerais extraordinarias convocadas con carácter de urxencia.

Nos cinco días seguintes á finalización deste prazo, a xunta de goberno trasladará aos colexiados a nova orde do día incluíndo as proposicións, rogos e preguntas mencionados no parágrafo anterior, xuntando o seu texto, ou dun resumo delas se fose considerado como suficiente pola xunta de goberno.

Artigo 17º-Constitución.

A asemblea quedará constituída en xunta xeral en primeira convocatoria cando concorran a maioría absoluta dos colexiados e, en segunda, calquera que sexa o número de asistentes. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá pasar cando menos media hora.

Artigo 18º-Adopción de acordos.

Correspóndelle ao decano-presidente ou ao membro da xunta de goberno que o represente, presidir a reunión da xunta xeral e dirixir os seus debates, concedendo o uso da palabra con suxeición á orde do día, e velar polo bo desenvolvemento da xunta. Poderá establecer o número de intervencións, a súa duración, as quendas a favor e en contra e o modo de deliberar e adoptar acordos.

Os acordos poderán adoptarse por votación a man alzada ou por votación nominal, aberta ou secreta, de acordo coa resolución que adopte a presidencia, oída a asemblea, segundo a transferencia e carácter dos acordos por asentimento, se consultada a asemblea non houbese oposición por parte de ningunha das persoas asistentes. Non poderán adoptarse acordos sobre cuestións que non constaran previamente na orde do día.

Os asistentes á xunta, ao seu remate, poderán facer constar por escrito as súas observacións sobre o desenvolvemento da sesión, uníndose estas á acta.

Os acordos adoptaranse, calquera que sexa o número de asistentes e salvo o disposto nestes estatutos para determinadas materias, por maioría de votos emitidos.

Artigo 19º-Reunións ordinarias.

A asemblea de colexiados debe reunirse ordinariamente dúas veces ao ano, debendo ter lugar a primeira no primeiro semestre do ano, e a segunda no último trimestre, logo de convocatoria realizada polo decano-presidente.

Na primeira coñecerase e resolverase sobre o informe das actividades desenvolvidas no exercicio anterior, a presentación das contas anuais do exercicio anterior, o informe dos auditores de contas e nomeamento dos auditores para o seguinte exercicio, e os rogos e preguntas que se fagan ou figuren na orde do día.

A segunda será para coñecer, discutir e aprobar, se procede, o orzamento para o seguinte exercicio que presenta a xunta de goberno, para a lectura e votación sobre as propostas ou ditames que se consignen na propia convocatoria e os rogos e preguntas.

Artigo 20º-Reunións extraordinarias.

A asemblea reunirase con carácter extraordinario por resolución da xunta de goberno, por propia iniciativa ou por solicitude do cinco por cento, como mínimo, dos colexiados, con expresión das causas que o xustifiquen e a orde do día para tratar nela.

A xunta xeral extraordinaria celebrarase o día sinalado con calquera que sexa o número de colexiados concorrentes a ela. Os acordos tomaranse por maioría dos votos emitidos.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:

A) Cando a xunta xeral extraordinaria trate da reforma dos estatutos, en cuxo caso se exixirá como quórum para solicitude un terzo dos colexiados; e para aprobación da proposta, a metade máis un dos votos dos asistentes ou representados, sen que nunca poida ser inferior ao número de votos do quórum sinalado para a solicitude.

B) Cando a xunta xeral extraordinaria trate da disolución do colexio, en cuxo caso se exixirá como quórum para solicitude un terzo dos colexiados; e para a aprobación da proposta de disolución dos terzos dos asistentes ou representados, sen que nunca poida ser inferior ao número de votos do quórum sinalado para a solicitude.

Artigo 21º-Validez dos acordos.

Os acordos son obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo de que, de ser o caso, poida interporse contra eles o recurso de alzada previsto no artigo 31.1º da Lei de colexios profesionais de Galicia.

Artigo 22º-Modificación dos estatutos.

Estes estatutos poderán ser modificados por acordo da xunta xeral extraordinaria celebrada para tal efecto, de acordo coas normas expresadas no artigo 20.

Cando a modificación dos estatutos veña imposta pola necesidade da súa adaptación á disposición legal que o exixa, será convocada xunta xeral extraordinaria, e os acordos serán válidos co voto favorable da maioría dos votos emitidos, sen que exista necesidade de quórum específico en segunda convocatoria.

Artigo 23º-Regulamento de réxime interior.

A xunta de goberno poderá desenvolver as disposicións destes estatutos no regulamento de réxime interior do colexio, que deberá ser presentado, para a súa aprobación, á asemblea de colexiados convocada en xunta xeral extraordinaria para tal efecto.

De ser o caso, este regulamento conterá as disposicións xerais que sexan aprobadas polos órganos colexiais en desenvolvemento destes estatutos, en canto a creación e funcionamento de comisións de traballo, quendas de actuación profesional, incompatibilidades, segredo profesional, sociedades profesionais, normativa profesional e de carácter deontolóxico, constitución e funcionamento dos distintos órganos e servizos do colexio.

Capítulo III

A xunta de goberno

Artigo 24º-Composición.

A xunta de goberno estará formada por un decano-presidente, un vicedecano-vicepresidente, un secretario, un vicesecretario, un tesoureiro, un contador-bibliotecario e oito vogais. O número de vogais poderá ser incrementado até un máximo de doce, logo de acordo da xunta xeral e en función de novas incorporacións de colexiados.

No caso de que se constituíran ceccións de acordo coa artigo 2º, o seu órgano de goberno será unipersoal, baixo a denominación de presidente. Os presidentes destas serán vogais natos da xunta de goberno, sen que se consideren computados entre os vogais a que se refire a epígrafe anterior, desempeñando a representación da xunta de goberno, por delegación expresa desta, no seu ámbito territorial correspondente.

A xunta de goberno poderá actuar en pleno ou por medio de comisión permanente. A potestade de actuar en pleno ou por medio de comisión permanente, deberá ser aprobada pola xunta de goberno, tendo vixencia este acordo unicamente durante o mandato da xunta de goberno que o aproba. De non ser proposta esta forma de actuación, considérase que a xunta de goberno actúa sempre en pleno, polo que neste caso, calquera referencia nestes estatutos á comisión permanente debe considerarse como feita á xunta de goberno.

O pleno estará integrado pola totalidade dos membros da xunta de goberno relacionados nos parágrafos primeiro e segundo deste artigo.

A comisión permanente da xunta de goberno estará integrada polo decano-presidente, vicedecano-vicepresidente, secretario e tesoureiro, podendo ser convocado calquera outro membro da xunta de goberno por decisión do decano-presidente ou vicedecano-vicepresidente, de ser o caso. A comisión permanente dá conta dos seus actos ao pleno da xunta de goberno, na seguinte reunión para a súa ratificación.

Polo desempeño dos seus cargos, os membros da xunta de goberno non percibirán ningunha retribución, salvo axudas de custo, quilometraxes e compensación de gastos derivados da súa xestión e por asistencia a xuntas, cuxas contías serán fixadas pola xunta de goberno.

Artigo 25º-Reunións da xunta de goberno.

A xunta de goberno reunirase cando sexa convocada polo decano-presidente, por propia iniciativa ou por petición de como mínimo a cuarta parte dos membros, sen que medie un prazo superior a tres meses entre dúas reunións.

Cando a convocatoria sexa por petición de como mínimo a cuarta parte dos seus membros, a data de realización non poderá exceder de dez días naturais a partir da data de entrada no colexio desta petición.

Será obrigatoria a asistencia ás xuntas. A falta non xustificada a tres sesións consecutivas, ou a cinco nun ano, estimarase como renuncia irrevogable ao cargo, procedéndose á súa substitución conforme o previsto no artigo 36º destes estatutos.

Nas convocatorias das xuntas de goberno farase constar o lugar, a data e a hora da celebración en primeira convocatoria, e o lugar, a data e a hora en segunda convocatoria. A segunda convocatoria terá que celebrarse, cando menos, media hora máis tarde que a primeira.

A xunta de goberno levará un libro en que constarán as actas das súas reunións. Estas actas estarán asinadas polo presidente desas reunións e máis polo secretario.

Artigo 26º-Adopción de acordos.

Para que a xunta de goberno poida adoptar validamente acordos será requisito indispensable que concorran, presentes ou representados, o cincuenta por cento dos seus membros, debendo ser un deles o decano-presidente ou o seu representante, e con asistencia do secretario ou de quen o substitúa.

Os acordos tomaranse por maioría de votos presentes ou representados. Para outorgar a representación a este defecto abondará cunha autorización escrita do ausente, que indique o membro da xunta que desempeñará a súa representación e a sesión da xunta para a que se outorgue. Un membro non poderá desempeñar máis de tres delegacións ou representacións de voto.

As propostas respecto ás que non haxa oposición entenderanse aprobadas por asentimento. Na acta consignarase se o acordo se adoptou por asentimento ou por votación, e neste caso se o foi por maioría ou por unanimidade. Nas actas consignaranse os asistentes e unha breve referencia ao tratado e aos acordos adoptados, someténdose a aprobación desa mesma ou da seguinte xunta. Os asistentes á reunión poderán solicitar a consignación dalgún extremo na acta, e o sentido do seu voto respecto dos acordos adoptados pola xunta.

Se non fose posible a obtención de acordos por falta de quórum, convocarase nova xunta de goberno no prazo máis breve posible.

Artigo 27º-Competencias.

A xunta de goberno asume a administración e dirección do colexio, por delegación de poder da xunta xeral, ben que é funcionalmente independente no desenvolvemento dos seus cometidos. Polo exposto, exercerá cantas facultades non se atopen expresamente atribuídas á xunta xeral.

En especial correspóndelle:

En relación aos colexiados:

1. Resolver sobre a admisión das persoas que desexen incorporarse ao colexio, podendo, en caso de urxencia, delegar esta facultade, cuxa decisión será provisional até que sexa sometido a ratificación da xunta.

2. Repartir equitativamente as cargas entre os colexiados, fixando as cotas ordinarias que procedan, así como os dereitos por utilización dos diferentes servizos.

3. Facilitarlles aos tribunais e autoridades a relación dos colexiados que sexan requiridos para intervir como peritos, constituíndo para tal efecto unha ou máis quendas de actuación profesional, de acordo coas normas de funcionamento que para tal efecto se aproben.

4. Asesorar os colexiados nas súas reclamacións fundadas como consecuencia do exercicio da profesión, dentro das posibilidades orzamentarias establecidas, podendo asumir a súa representación para tal efecto ante todo tipo de entidades públicas e persoas privadas.

5. Exercer a potestade disciplinaria.

6. Asumir, se así se aprobase, a xestión de cobro de honorarios profesionais debidos aos colexiados, podendo asumir por substitución procesual a súa representación nas condicións establecidas nos orzamentos anuais do colexio.

7. Establecer as normas que deben observar os colexiados no exercicio da profesión, nas materias a que se refire o artigo 11º a) destes estatutos mentres non se dita norma regulamentaria interior, ou ben, unha vez ditada, en aplicación e desenvolvemento desta; e interpretar con carácter xeral estes estatutos e demais normas colexiais.

8. Velar pola necesaria independencia no exercicio profesional dos economistas.

9. Actuar para que sexan cumpridas polos economistas as normas relativas ao exercicio profesional, tanto na consideración debida a outros colexiados, como no respecto dos destinatarios dos seus servizos profesionais.

10. Manter o nivel de calidade dos servizos profesionais dos economistas, fomentando a actualización dos seus coñecementos, e procurando os medios para impedirlle o exercicio da profesión de economista a quen careza da titulación e coñecementos requiridos en cada caso.

11. Convocar as xuntas xerais e a elección de cargos da xunta de goberno, e designar e substituír os conselleiros representantes do colexio ante o Consello Xeral de Colexios de Economistas.

12. Actuar como árbitro, por instancia das partes interesadas, nas diferenzas xurdidas en canto á execución ou retribución dos traballos profesionais realizados polos economistas.

13. Intentar conseguir o maior nivel de emprego dos economistas.

14. Crear as comisións precisas para o cumprimento dos fins colexiais, aprobando as súas normas de funcionamento.

15. Concertar acordos ou convenios de colaboración con todo tipo de entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos fins colexiais.

16. Resolver sobre a edición de publicacións, sexan de carácter unitario ou periódico, do colexio, e determinar os seus órganos de redacción e dirección, sempre que estas foran incluídas, expresa ou implicitamente, nos orzamentos anuais do colexio.

17. Desenvolver actividades de formación e especialización en materias de contido económico mediante calquera fórmula de xestión directa ou concertada con outras entidades, podendo promover a constitución de centros docentes ou institutos universitarios e participar nas súas actividades, coas únicas limitacións que poidan derivar da lexislación aplicable a elas.

En relación cos órganos públicos:

1. Defender os colexiados, cando o estime procedente e xusto, no desempeño das súas funcións da profesión ou con motivo delas.

2. Promover acerca das autoridades canto se considere beneficioso para os intereses da economía nacional, autonómica, provincial ou local.

3. Dirixir peticións ás autoridades conforme a legalidade vixente.

4. Participar na elaboración dos plans de estudos das facultades de ciencias económicas e empresariais.

5. Manter contacto permanente coas universidades, facilitándolles aos estudantes a información axeitada que poida servir para a resolución dos seus problemas profesionais.

6. Intervir na elaboración dos programas e designar, no caso de que así lle fose requirido ao colexio, vogais para os tribunais de oposicións que teñan que celebrarse no territorio da súa xurisdición, en que os títulos facultativos exixidos sexan os necesarios para ingresar no colexio, ben con carácter exclusivo, ben en concorrencia con outros títulos.

7. Fomentar a investigación das ciencias económicas.

8. Emitir as consultas sobre política económica que lle soliciten as autoridades e informar de palabra ou por escrito, en nome do colexio, en cantos proxectos ou iniciativas da Administración o requiran.

9. Concorrer en representación do colexio aos actos oficiais.

10. Solicitar o cesamento de quen exerza calquera cargo reservado aos economistas, sen estar colexiado.

11. Ditar as normas de carácter interno que xulguen convenientes, sempre e cando non contraveñan os estatutos.

En relación cos recursos económicos do colexio:

1. Administrar os recursos colexiais, o seu patrimonio e ingresos ordinarios e extraordinarios de calquera clase.

2. Someter á aprobación da xunta xeral o proxecto de orzamento anual do colexio, así como render as contas de cada exercicio económico.

3. Propoñer á xunta xeral o investimento dos fondos sociais.

A xunta de goberno poderá delegar calquera das súas atribucións nalgúns dos seus membros, de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 34º.

Como norma xeral, corresponderanlle á xunta de goberno cantas outras funcións se prevexan nestes estatutos e todas aquelas non sometidas de maneira explícita á xunta xeral. Esta, non obstante, asumirá automaticamente a competencia dos asuntos que na forma estatutariamente prevista sexan sometidos ao seu coñecemento, sen exclusión, podendo revogar, emendar ou modificar os actos dos restantes órganos sen prexuízo de terceiro.

Artigo 28º-Decano-presidente.

Correspóndelle ao decano-presidente, ou a quen o represente, a presidencia e dirección dos debates da xunta de goberno, con voto de calidade, dándolles cumprimento aos seus acordos. Cando esta non se atope reunida adoptará, se a urxencia do asunto así o exixise, as decisións necesarias dentro das competencias atribuídas á xunta de goberno, dándolle conta ao pleno desta ou á comisión permanente na seguinte sesión.

A comisión permanente da xunta de goberno reúnese por convocatoria do decano-presidente ou de quen asuma a súa representación, podendo adoptar os seus acordos nas materias que corresponden á competencia da xunta. Os acordos da comisión permanente, sen prexuízo da súa executividade, deberán ser sometidos a ratificación na seguinte reunión plenaria da xunta de goberno, salvo delegación expresa por parte desta de competencias determinadas na comisión permanente.

Ao decano-presidente, ou a quen estatutariamente asuma as súas funcións, corresponderalle a representación legal do colexio ante todo tipo de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nas actuacións externas que resulten necesarias ou convenientes para os fins do colexio, levando a cabo todo tipo de actos xurídicos, tanto unilaterais como bilaterais, comparecencias, outorgamentos e subscrición de calquera tipo de convenios, acordos, contratos e, en xeral, de calquera clase de documento público ou privado, naquelas materias que se atopen estatutariamente asignadas á súa competencia, ou que, aínda correspondendo a outros órganos, proceda levar a efecto, acreditando neste último caso a concorrencia do acordo en cuxo cumprimento intervén. De xeito particular, o decano-presidente poderá aceptar e recibir en nome do colexio, e para ser ingresados no seu patrimonio, subvencións e doazóns de entidades públicas ou privadas.

Artigo 29º-Vicedecano-vicepresidente.

Correspóndelle ao vicedecano-vicepresidente o exercicio das funcións que expresa e concretamente nel delegue o decano-presidente; a suplencia deste en caso de enfermidade, ausencia ou imposibilidade accidental do exercicio do cargo; así como a asunción das súas funcións, en caso de prosperar contra súa a moción de censura prevista no artigo 63º destes estatutos, até a designación dun novo decano-presidente no seguinte proceso electoral.

Artigo 30º-Secretario.

Correspóndelle ao secretario a recepción e tramitación de todas as solicitudes e comunicacións que se dirixan ao colexio, o libramento das certificacións que se soliciten, a responsabilidade sobre o libro rexistro colexial e demais documentos complementarios, a organización do arquivo do colexio, a tenza do selo e a redacción das actas das sesións de todos os órganos colexiais, que subscribirá co visto e prace do presidente.

As actas das sesións serán redactadas polo secretario actuante, ou quen o substitúa, dentro das vinte e catro horas seguintes á celebración de sesión do órgano de que se trate, quedando inmediatamente aprobados, con plena executividade, por efecto de subscrición polo secretario co visto e prace do presidente, sen prexuízo de que esa aprobación teña que ser referendada na sesión seguinte do órgano de que se trate.

Artigo 31º-Vicesecretario.

Correspóndelle ao vicesecretario a suplencia do secretario nos casos de enfermidade, ausencia e imposibilidade accidental e en auxilio das funcións propias daquel, e o exercicio das funcións que, expresa e concretamente, delegue nel o secretario.

Artigo 32º-Tesoureiro.

O tesoureiro recadará e conservará os fondos pertencentes ao colexio, pagando os libramentos que expida o decano-presidente coa toma de razón de contadoría. Levará os libros correspondentes e presentaralle á xunta de goberno as contas e o proxecto de orzamento que haxa de ser sometido á xunta xeral.

Artigo 33º-Contador-bibliotecario.

O contador-bibliotecario terá como funcións o coidado e atención da biblioteca, a formación e xestión dun catálogo de obras, a proposta de adquisición das que xulgue convenientes, así como a intervención das operacións de tesouraría.

Artigo 34º-Vogais.

Os vogais representarán na xunta de goberno as funcións que lles sexan encomendadas.

A orde de suplencias en caso de ausencia, enfermidade ou vacancia do decano-presidente, vicedecano-vicepresidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro e contador-bibliotecario, no non previsto expresamente, virá determinado pola mesma orde das vogalías.

Artigo 35º-Duración do mandato.

Os cargos da xunta de goberno serán elixidos para un mandato de catro anos mediante votación directa e secreta, en que terán o dereito e o deber de participar, na forma que máis adiante se especifica, todos os colexiados que no día da elección teñan unha antigüidade mínima de noventa días no colexio e estean ao día no pagamento das súas cotas.

No caso de elección do presidente dunha sección, terán o dereito e o deber de participar todos os colexiados do ámbito territorial da sección que teñan unha antigüidade mínima de noventa días no colexio e estean ao día no pagamento das súas cotas.

Artigo 36º-Cobertura de vacantes.

As vacantes que se produzan na xunta de goberno serán provistas até a expiración do seu mandato en virtude de acordo da mesma xunta de goberno, coas únicas limitacións que se expresan a continuación. A designación de quen substitúa ao decano-presidente debe recaer no vicedecano-vicepresidente, e a de secretario no vicesecretario. A designación dos cargos de vicedecano-vicepresidente, vicesecretario, tesoureiro e contador-biliotecario, deben recaer nos membros da xunta de goberno. A designación de quen substitúa os vogais recaerá en primeiro lugar nos vogais suplentes presentados na candidatura nas eleccións, e a continuación en calquera colexiado que cumpra os requisitos para ser elixido como membro da xunta de goberno.

No caso de que as vacantes sucesiva ou simultaneamente, exceptuando as cubertas polos vogais substitutos das candidaturas, afecten a máis da metade da dos membros inicialmente elixidos, procederase á convocatoria de eleccións anticipadas. Neste caso, os membros restantes procederán á iniciación do proceso electoral.

No caso de que as vacantes fosen a totalidade, os cesantes deberán proceder a convocar eleccións anticipadas, podendo ser obxecto de apertura de expediente sancionador en caso de que non o fagan. Neste último caso, o secretario técnico, xerente ou empregado de superior categoría do colexio convocará xunta extraordinaria no prazo de sete días para nomear unha xunta de goberno provisional e iniciar o proceso electoral. A xunta de goberno designada para este proceso electoral será a encargada de cualificar a infracción cometida pola xunta de goberno saínte no caso de que non convocase as eleccións.

No caso de finalización dos catro anos para os que foi elixida a xunta de goberno, o decano-presidente procederá a iniciar o proceso electoral coa convocatoria de eleccións.

Título IV

Eleccións

Capítulo I

Do proceso electoral

Artigo 37º-Iniciación e electores.

O proceso electoral iníciase co anuncio, por parte da xunta de goberno, da apertura do proceso electoral.

Iniciarase por algunha das seguintes causas:

Por terse cumprido o período de mandato establecido no artigo 35º.

Por térense producido, simultánea ou sucesivamente, vacantes en número superior ao cincuenta por cento dos membros da xunta de goberno, tal como especifica o artigo 36º.

Por propia iniciativa da xunta de goberno.

Por terse denegado a confianza de acordo co exposto no artigo 62º ou por ter sido aprobada a moción de censura que afecte a toda a xunta, nos termos previstos no artigo 63º dos estatutos.

Serán electores todos os colexiados que no día da elección teñan unha antigüidade mínima de noventa días e estean ao día de pagamentoo das súas cotas.

Artigo 38º.-Censo electoral.

O censo dos colexiados con dereito a voto para as eleccións dos membros da xunta de goberno porase de manifesto na secretaría do colexio dentro dos quince días seguintes ao anuncio das eleccións. Dentro dos cinco días inmediatos á exposición do censo poderán formularse as reclamacións oportunas, as cales serán resoltas pola xunta de goberno, no prazo máximo de tres días.

Artigo 39º-Elixibles.

Poderán ser elixidos para desempeñar calquera dos cargos da xunta de goberno os colexiados que, estando ao día no pagamento das cotas, teñan unha antigüidade dun ano. Para a elección do presidente dunha sección, o candidato deberá cumprir, ademais, o requisito de residencia no ámbito territorial desa sección.

Artigo 40º-Candidaturas.

As candidaturas á xunta de goberno deberán ser propostas por vinte ou máis electores, cunha antelación de cando menos trinta días naturais respecto ao día sinalado para a elección, que non será computado para estes efectos. É válida a concorrencia dos mesmos candidatos na súa presentación.

A proposta de candidatura deberá conter tantos candidatos como cargos se sometan á elección, ademais de, cando menos, dous suplentes. Así mesmo, deberá indicarse o nome e domicilio do seu representante, que deberá ser un dos candidatos, quen actuará en nome da candidatura e recibirá a notificación dos acordos relativos ao proceso electoral. De non efectuarse designación de representante, asumirá a representación da candidatura a persoa proposta para o cargo de secano-presidente.

A proclamación da candidatura efectuaraa a xunta de goberno dentro das corenta e oito horas seguintes á finalización do prazo de presentación, sempre que os presentados reúnan os requisitos.

Cando non resulte proclamada máis que unha soa candidatura, a proclamación equivale á elección dos seus integrantes para os cargos para os cales foran propostos.

As listas das candidaturas presentadas, e a documentación necesaria para o voto por correo, serán remitidas polos servizos administrativos do colexio a todos os colexiados cunha antelación de, como mínimo, quince días naturais respecto á data sinalada para as eleccións.

Os candidatos poden renunciar á súa proclamación até tres días antes da súa elección. No caso de que a renuncia corresponda a algún dos candidatos, e non á candidatura completa, ocupará o seu lugar o suplente que corresponda segundo a orde proposta.

Artigo 41º-Xunta electoral.

Correspóndelle á xunta electoral, constituída para o efecto, presidir todo o proceso electoral, resolvendo as reclamacións e incidencias relativas a este.

A xunta electoral estará integrada por un presidente, un secretario e dous vogais, sendo incompatible a súa elección coa de candidato, interventor ou representante dalgunha das candidaturas.

A elección dos integrantes da xunta electoral realizarase mediante sorteo entre os colexiados que figuran no censo, excluíndo aqueles que incorran na incompatibilidade mencionada no parágrafo anterior, no mesmo acto de proclamación das candidaturas, ao que serán convocados os representantes das candidaturas presentadas. Elixiranse suplentes para cada un dos cargos da xunta electoral no mesmo acto e condicións que os primeiramente elixidos. Os suplentes substituirán os titulares no caso de non aceptación, renuncia ou incapacidade para desempeñar o cargo.

Dentro das corenta e oito horas seguintes á súa elección convocarase os integrantes da xunta electoral para o acto de aceptación dos seus cargos e para a constitución do citado órgano. Unha vez constituída a xunta electoral, esta analizará as proclamacións de candidaturas efectuadas procedendo á súa ratificación ou rectificación, segundo procedera.

Artigo 42º-A mesa electoral.

Os membros da xunta electoral constituiranse en mesa electoral o día sinalado para a votación e no local sinalado na convocatoria. Os membros da mesa poderán ausentarse temporalmente da votación, mais sempre terán que estar presentes cando menos dous deles.

Artigo 43º-Votación e escrutinio.

Os colexiados poderán emitir persoalmente o seu voto durante o horario sinalado para a votación, que será de ao menos seis horas. Así mesmo, poderán emitir o seu voto por correo, enviando ao colexio a papeleta de votación contida nun sobre pechado, á súa vez contido noutro sobre asinado e pechado en que conste o nome e o número do colexiado remitente.

Os sobres de voto por correo seranlle facilitados polo colexio a todos os colexiados que o soliciten, de acordo cun modelo uniforme. Deberán ser recibidos no colexio ou na mesa electoral antes de finalizada a votación e despois da proclamación de candidatos. Todos os días, a unha hora preestablecida, procederase a rexistrar os sobres recibidos consignándolle o número que lle corresponda e levantarase certificación do número total. As sinaturas serán cotexadas por un membro da xunta de goberno, o secretario técnico ou un colexiado que para este labor se designe, uníndose a cada sobre a tarxeta de recoñecemento de sinatura, a cal poderá ser comprobada polos interventores e/ou pola mesa electoral o día da votación.

Cada candidatura poderá designar até tres interventores. Con independencia desta designación, os propios candidatos e o representante da candidatura, de ser o caso, poden actuar no proceso de votación. Un candidato, interventor ou representante de cada unha das candidaturas poderá asistir en todo momento con voz e sen voto ás sesións da mesa electoral, podendo formularlle a esta as súas peticións ou reclamacións, e facer constar en acta as mencións que estime necesarias, sen interromper o curso da votación.

A votación iniciarase á hora sinalada comprobando un membro da mesa o dereito do votante a participar na votación, así como que non exercese xa tal dereito para este proceso electoral. Se se cumpre o seu dereito e se non o exerceu con anterioridade no día da votación, introducirase dentro da urna a papeleta de votación contida no sobre facilitado a este respecto. Poderán habilitarse unha ou máis urnas, distribuíndo entre elas os electores por orde alfabética e permanecendo sempre a cargo de cada unha das urnas cando menos un membro da mesa electoral. Os electores terán á súa disposición en todo momento papeletas impresas cos nomes dos integrantes de cada unha das candidaturas, unha papeleta en branco para poder votar selectivamente algún ou algúns dos distintos candidatos, e sobres de votación para as conter.

Inmediatamente tras o remate da votación procederase á inclusión dos votos recibidos por correo. Un membro da mesa comprobará e confirmará o dereito do asinante a tomar parte na votación, así como que non exercera ese dereito con anterioridade no día da votación, abrirá o sobre exterior e entregará o sobre interior ao presidente da mesa ou outro membro desta, quen o introducirá pechado na urna. Unha vez finalizada a introdución dos votos por correo, procederán a exercer o seu dereito a voto os membros da mesa electoral.

Acto seguido procederase ao escrutinio abríndose o sobre de votación e léndose en voz alta o contido da papeleta. Serán nulos os sufraxios emitidos en modelo distinto do oficial, ou que teñan adicións, emendas ou alteracións que xeren dúbidas razoables en canto ao sentido da elección efectuada polo votante, ou cando conteña no sobre de votación papeletas de máis dunha candidatura. Cando no sobre se conteña máis dunha papeleta da mesma candidatura, considerarase como válido computando un só voto a favor desta.

Será válido o sufraxio cando conteña candidatos renunciados ou non proclamados, ben que computándolles o voto aos candidatos que subsistan.

Una vez concluído o escrutinio a mesa electoral proclamará o resultado, levantándose acta expresiva do desenvolvemento da votación, incidencias ou reclamacións formuladas polos electores, candidatos, membros da mesa e interventores das candidaturas, e a resolución adoptada pola mesa ao respecto, número total de electores, de sufraxios emitidos, de votos válidos, nulos e en branco, e o resultado final da elección para cada un dos candidatos. A acta será subscrita por un membro de cada candidatura ou o seu representante ou o seu interventor, e mais polos membros da mesa electoral, uníndose a ela as papeletas ou sobres de votación sobre os que se formulara expresamente algunha reclamación e se solicitara a súa unión á acta. Os demais votos computados sen incidencias serán destruídos polos servizos administrativos do colexio.

Artigo 44º-Reclamacións en materia electoral.

Correspóndelle á xunta electoral resolver en primeira instancia as controversias e incidencias do proceso electoral. Contra os acordos da xunta electoral poderá interporse recurso de alzada na forma prevista no artigo 31.1º da Lei de colexios profesionais de Galicia.

Transcorridos cinco días dende a interposición sen que recaia resolución expresa, entenderanse desestimados por silencio administrativo, quedando esgotada a vía corporativa. Os recursos interporanse ante a xunta electoral que os remitirá, xunto co seu informe, ao Consello Xeral de Colexios de Economistas dentro das vinte e catro horas seguintes.

Unha vez finalizados estes prazos, a xunta electoral levantará acta da finalización do proceso electoral, cesando nas súas funcións.

Artigo 45º-Propaganda electoral.

Logo de que o colexio lles facilite previamente o censo dos colexiados con dereito a voto, todas as candidaturas proclamadas poderán exporlle ao resto dos colexiados, na forma que xulguen conveniente, o seu programa electoral, gardando o debido respecto aos restantes candidatos.

Artigo 46º-Toma de posesión.

A xunta de goberno elixida tomará posesión das súas funcións dentro dos cinco días seguintes á finalización do proceso electoral. Até a toma de posesión, a xunta de goberno saínte continuará nas súas funcións, excepto nas competencias que lle foran atribuídas á xunta electoral.

Título V

Das comisións colexiais

Capítulo I

Das comisións de traballo

Artigo 47º-Fins.

A xunta de goberno poderá crear cantas comisións de traballo estime convenientes para o mellor funcionamento do colexio. Así mesmo, asumirá as comisións promovidas directamente polos colexiados conforme o establecido no punto j) do artigo 10º.

As comisións crearanse para estudar a problemática profesional en cada unha das súas diferentes formas e especializacións e para coordinar os colexiados que desempeñen a súa actividade en cada unha das especialidades citadas anteriormente.

Poderán crearse comisións destinadas á organización de conferencias e outros actos de divulgación, así como actividades de formación e reciclaxe dos coñecementos profesionais nos niveis práctico e teórico, con independencia de que estas funcións poidan integrarse, para efectos dunha mellor coordinación, nunha única comisión.

Artigo 48º-Composición.

A xunta de goberno determinará os órganos de representación das comisións. Cando estes non recaian en membros da xunta de goberno, de acordo co expresado na letra j) do artigo 10º, poderán asistir ás reunións da citada xunta, logo de convocatoria do decano-presidente, con voz e sen voto.

Artigo 49º-Funcionamento.

As comisións someterán á aprobación da xunta de goberno o seu regulamento e informarana de todo o tratado nas súas reunións, das actividades que se vaian programar ou programadas e do resultado das xa realizadas. No caso de terse aprobado o regulamento de réxime interior mencionado no artigo 23º, o regulamento da comisión debe axustarse ás normas expresadas no de réxime interior que o afecten.

Título VI

Do réxime económico e financeiro

Capítulo I

Dos recursos económicos

Artigo 50º-Recursos económicos.

O colexio terá plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial para o cumprimento dos seus fins.

Os recursos económicos do colexio serán os seguintes:

1. As cotas ordinarias de incorporación, as de carácter periódico, así como as extraordinarias, unhas e outras na contía e periodicidade que se estableza nos orzamentos anuais do colexio. Non obstante, a xunta de goberno poderá revisar a contía das cotas, debendo ser sometida esta revisión á ratificación da xunta xeral nos orzamentos do ano seguinte.

2. Os dereitos por expedición de documentos, ditames, laudos e outros análogos.

3. Os dereitos por venda de impresos que se lles faciliten aos colexiados, así como os ingresos de edicións e publicacións do colexio.

4. Os honorarios por informes, ditames ou actuacións periciais directamente asumidos polos órganos colexiais por solicitude de entidades públicas ou privadas, sempre que a solicitude non permita que sexan encomendados a colexiados de acordo cos sistemas de quendas de actuación que se establezan.

5. Os xuros do capital, pensións e beneficios de toda especie que poidan producir os bens que constitúan o seu patrimonio.

6. As subvencións, herdanzas ou doazóns que poida recibir de todo tipo de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.

7. Os beneficios que se obteñan na promoción, realización ou coordinación de cursos, seminarios e conferencias.

8. As cantidades que por calquera outro concepto lle corresponda percibir ao colexio.

Artigo 51º-Prórroga de orzamentos.

Os orzamentos en vigor consideraranse automaticamente prorrogados para o exercicio económico seguinte, se chegado o caso non foron obxecto de aprobación os novos orzamentos, sumándose os importes e as partidas que sexan consecuencia de disposicións aplicables en materia de persoal ou acordos da xunta de goberno, sempre con carácter de provisionalidade até a aprobación dos novos orzamentos.

Artigo 52º-Auditoría dos estados financeiros.

Os estados financeiros serán sometidos a auditoría para garantir axeitadamente a súa imaxe fiel, con anterioridade á asemblea ordinaria na que serán obxecto de discusión, e aprobación, se procede.

A auditoría será realizada por colexiados membros do Rexistro Oficial de Auditores de Contas designados na primeira asemblea ordinaria.

Así mesmo, deberase efectuar auditoría cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, do órgano directivo, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponda aos organismos públicos habilitados para ese labor.

Artigo 53º-O patrimonio colexial.

O patrimonio colexial será administrado pola xunta de goberno, de acordo coas atribucións asignadas a cada un dos seus membros mencionados nos artigos 28º e seguintes destes estatutos.

Os libramentos para a disposición de fondos do colexio serán expedidos polo decano-presidente, intervindo en todas as operacións o contador-bibliotecario e o tesoureiro, ou os que os representen. Para o cobro de cantidades ou percepción de libramentos de todo tipo a favor do colexio, abondará coa intervención do decano-presidente ou do tesoureiro, indistintamente.

Título VII

Premios e sancións

Capítulo I

Premios

Artigo 54º-Colexiados de honra.

A xunta de goberno poderá acordar a designación como colexiado de honra daquelas persoas que reúnan méritos no ámbito académico ou profesional ou que prestaran servizos relevantes á profesión ou ao colexio. As persoas así designadas non poderán exercer a profesión de economista, salvo que reúnan os requisitos xerais de titulación e incorporación colexial.

Capítulo II

Réxime disciplinario

Artigo 55º-Imposición de sancións.

A xunta de goberno poderá acordar a imposición de sancións aos colexiados polos actos que realicen ou omisións en que incorran no exercicio ou con motivo da súa profesión, así como calquera outro acto ou omisión que lles sexan imputados como contrarios aos deberes que os estatutos lles impoñen, á ética, ao prestixio e competencia profesional ou ao respecto debido aos seus compañeiros ou aos usuarios dos seus servizos profesionais.

A cualificación da falta, así como a imposición de sancións, deberán ser acordadas pola xunta de goberno, logo de audiencia do inculpado, o cal deberá ser citado fidedignamente con dez días de antelación mediante entrega persoal, ou por correo certificado con xustificante de recepción, da citación.

Para tal fin a xunta de goberno ordenará a apertura dun expediente disciplinario nomeando un dos membros da xunta de goberno como xuíz instrutor dese expediente. O xuíz instrutor practicará, no prazo de quince días, as actuacións necesarias para a investigación dos feitos, formulando o correspondente prego de cargos, o cal será trasladado ao interesado para que, no prazo de dez días, formule as alegacións ao respecto e propoña os medios de proba que estime necesarios para a súa defensa.

Unha vez concluído o expediente, o xuíz instrutor presentarallo á xunta de goberno para a súa consideración.

A xunta de goberno, á vista do expediente tramitado, resolverá o que proceda. Na adopción do correspondente acordo non poderá intervir o membro da xunta que actuase como instrutor.

Artigo 56º-Gradación das faltas.

A gradación das faltas será a seguinte:

Son faltas leves:

1. A neglixencia simple no cumprimento dos deberes estatutarios e profesionais que non ocasione prexuízo a outros economistas ou aos usuarios dos servizos do economista.

2. A falta de respecto cara ao cliente ou cara a outros economistas que non leve consigo publicidade ou que non sexa de gravidade.

3. A comunicación a terceiros sen causa xustificada de datos coñecidos con ocasión do exercicio profesional, cando non derive desa acción ningún prexuízo para o cliente ou para terceiros.

4. A emisión de facturas ou minutas notoriamente desproporcionadas ou excesivas.

5. O incumprimento dos deberes profesionais estatutarios ou dos acordos ditados pola xunta de goberno, sempre que isto non supoña prexuízo para o colexio, para outros economistas ou para o destinatario dos seus servizos.

6. A realización de actividades publicitarias que, por supoñeren prexuízo para a imaxe do economista ou do colexio, fosen prohibidas expresamente polos órganos colexiais.

Son faltas graves:

1. As relacionadas no punto anterior como faltas leves, cando supoñan prexuízo para o colexio, para o cliente ou para outros economistas.

2. A reiteración de falta leve no período de seis meses.

3. A falta grave de respecto ou consideración cara a outros economistas ou cara aos destinatarios dos servizos profesionais do economista, ou cando se realice con publicidade ou se dirixa aos membros da xunta de goberno no exercicio das súas funcións.

4. A emisión de minutas ou facturas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizados polo economista que os subscriba.

5. A competencia desleal.

6. A actuación profesional sen o cumprimento dos requisitos establecidos segundo o caso para o exercicio por conta propia ou allea.

7. As actuacións profesionais constitutivas que sexan ilícitas con prexuízo para o cliente segundo as leis civís.

Son faltas moi graves:

1. O incumprimento das obrigas regulamentarias ou estatutarias, ou de acordos ditados pola xunta de goberno dentro da súa competencia, cando ocasione un prexuízo grave para o colexio ou para outros economistas, para o cliente ou para terceiras persoas.

2. A participación en actuacións constitutivas de intrusismo respecto á profesión de economista, ou que faciliten o exercicio de terceiros das facultades peculiares do economista sen ter a titulación ou preparación profesional necesaria.

3. A infracción continuada das normas sobre incompatibilidades.

4. A reiteración en falta grave.

Artigo 57º-Sancións.

As sancións que se impoñerán serán as seguintes:

Por falta leve:

-Apercibimento de oficio.

-Amoestación.

Por falta grave:

-Suspensión no exercicio profesional por tempo de até tres meses.

Por falta moi grave:

-Suspensión no exercicio profesional desde tres meses até un ano.

-Baixa definitiva no colexio e no exercicio profesional de economista.

A imposición das sancións por faltas graves e moi graves exixirán a ratificación da asemblea en xunta xeral extraordinaria.

A baixa mencionada no artigo 12 g) non requirirá a ratificación da asemblea, sendo executiva no mesmo momento que os feitos deveñen probados coa sentenza do tribunal de xustiza correspondente.

Artigo 58º-Publicidade das sancións e prescrición.

Os acordos de imposición de sanción serán dados a coñecer por medio do taboleiro de anuncios existente.

As faltas leves prescriben aos tres meses, as graves aos seis meses e as moi graves ao ano de térense producido os feitos constitutivos desas faltas.

As actuacións do procedemento sancionador interrompen a prescrición, reiniciándose o seu cómputo a partir de que o citado proceso se vira interrompido por causas non imputables directamente ao interesado. Así mesmo, interrompen a prescrición as actuacións xudiciais seguidas para o establecemento de responsabilidades penais ou civís, directamente vinculadas á actuación profesional do economista.

Artigo 59º-Recursos.

Os acordos sancionadores poderán recorrerse en alzada na forma prevista no artigo 31.1º da Lei de colexios profesionais de Galicia.

As notificacións aos colexiados dos acordos do colexio polos cales se impoñan sancións ou se dite calquera outro acto administrativo e recursos, cando procedan, practicaranse e interporanse, respectivamente, na forma e nos prazos que se determine na Lei de procedemento administrativo, resolvéndose ademais conforme esta, con observancia do disposto no parágrafo anterior.

Título VIII

Do réxime xurídico dos actos e a súa impugnación

Capítulo I

Do réxime xurídico dos actos e a súa impugnación

Artigo 60º-Recursos contra acordos da xunta xeral.

Os acordos adoptados pola xunta xeral serán recorribles en alzada na forma prevista no artigo 31.1º da Lei de colexios profesionais de Galicia.

Artigo 61º -Recursos contra acordos da xunta de goberno.

Fronte aos acordos adoptados pola xunta de goberno caberá o recurso de alzada a que se refire o artigo precedente.

En todo o que non figure nestes estatutos, e en canto á nulidade ou suspensión de acordos colexiais, aplicarase o disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e disposicións complementarias.

Título IX

Do voto de confianza e a moción de censura

Capítulo I

Do voto de confianza

Artigo 62º-O voto de confianza.

A xunta de goberno poderá someter a votación, en xunta xeral extraordinaria convocada para tal efecto na forma prevista nestes estatutos, a confianza dos colexiados na xestión da xunta de goberno. O voto afectará sempre a totalidade da xunta.

A denegación de confianza na xestión da xunta de goberno requirirá ser aprobada pola metade máis un dos votos emitidos. A denegación da confianza levará consigo a apertura do proceso electoral, agás no referente ás competencias atribuídas á xunta electoral, e até a toma de posesión da xunta de goberno que resulte elixida no dito proceso.

Capítulo II

Da moción de censura

Artigo 63º-Da moción de censura.

Por solicitude do cinco por cento dos colexiados, será sometida a votación en xunta xeral extraordinaria a moción de censura, que afectará a toda a xunta de goberno ou ben só ao decano-presidente. En tal suposto, e unha vez presentada a citada moción coa sinatura dun número de colexiados que supoña cando menos a porcentaxe mencionada, a xunta de goberno procederá a convocar a xunta xeral extraordinaria para a súa celebración no prazo e na forma previstos nestes estatutos para tal fin.

A aprobación da moción de censura dirixida a toda a xunta requirirá a metade máis un dos votos emitidos e levará consigo a apertura do proceso electoral en idénticas condicións que as previstas no segundo parágrafo do artigo precedente. A moción de censura do decano-presidente, para cuxa aprobación será precisa a mesma maioría que se deixa sinalada, en caso de prosperar, dará lugar ao seu cesamento, pasando a ser substituído polo vicedecano-vicepresidente até que teña lugar o seguinte proceso electoral.

Título X

Da disolución e liquidación do colexio

Artigo 64º-Da disolución do colexio.

Por solicitude de cando menos un terzo de colexiados que así o soliciten, a xunta de goberno convocará xunta xeral extraordinaria para acordar, de ser o caso, a disolución do colexio, precisándose en tal suposto para a válida constitución da xunta e para o acordo de disolución o quórum e a maioría de votos que quedan sinalados na letra B) do artigo 20º destes estatutos.

Artigo 65º-Da liquidación do colexio.

A xunta xeral extraordinaria que acorde a disolución do colexio poderá nomear por maioría simple unha comisión liquidadora. De non facelo así, a xunta de goberno constituirase en comisión liquidadora.

A comisión liquidadora deberá convocar xunta xeral unha vez rematadas as operacións de liquidación para dar conta da súa xestión e da liquidación practicada.

Disposición derradeira

Estes estatutos son o resultado da adaptación dos anteriormente vixentes á Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia.