DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2008 Páx. 2.766

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 19/2008, do 7 de febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, encoméndalles aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, debendo solucionar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria, no seu número 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais (DOG nº 76, do 23 de abril), que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita lei inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación, as dirixidas á minusvalidez, á vellez e á comunidade en xeral.

Pola súa banda, e dentro dos programas propios dos servizos sociais de atención especializada para a vellez, o artigo 14 da Lei 4/1993 inclúe, ademais das axudas técnicas, aqueles programas que favorezan a permanencia da persoa no seu medio, a súa autonomía persoal e a participación activa na vida social, ademais de considerar, como equipamentos propios destes servizos, as residencias de válidos, asistidas e mixtas, os centros de atención diúrna, as vivendas tuteladas, os pisos protexidos e cantos centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.

O Goberno galego, consciente das elevadas necesidades asistenciais que precisan as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, así como as necesidades de apoio dos seus familiares, ten asumido, como compromiso prioritario, o establecemento dunha rede galega de centros de día de atención á dependencia, dirixida especificamente a este colectivo. A creación destes equipamentos pretende paliar as deficiencias que nestes momentos se evidencian por mor da insuficiente oferta de prazas de atención especializada e a insuficiencia das axudas para os coidadores, tratando de evitar, deste xeito, que tales situacións constitúan un factor máis de illamento ou exclusión social.

O apoio familiar desempeña neste ámbito un papel fundamental, pois contribúe a favorecer a permanencia das persoas afectadas no seu propio medio. Neste sentido, as asociacións de familiares de persoas que padecen alzhéimer, en uso das súas atribucións estatutarias, veñen realizando os labores de atención directa e individualizada destas persoas e dos seus familiares, mediante a creación de recursos asociativos e asistenciais especializados e o desenvolvemento de programas e servizos de calidade que resolven as necesidades que este sector demanda e que as institucións existentes non conseguían, ata o momento, satisfacer.

O deseño e establecemento dun sistema de atención social destas características, exixe, para que sexa efectivo, a implantación dun modelo que teña en conta as necesidades e os desexos das persoas con necesidade dunha atención especializada, así como das súas familias, polo que resulta preciso a ampliación da rede de recursos e servizos existente mediante o establecemento dunha nova tipoloxía de centros que conteña unhas condicións materiais, funcionais e de persoal axeitadas ás demandas deste colectivo.

Por outra banda, aínda que as demencias neurodexenerativas son afectacións tradicionalmente asociadas á vellez, o certo é que, na actualidade, tenden a se manifestar progresivamente a idades máis temperás, feito este que aconsella, no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a non-aplicación a estes novos centros do requisito de idade mínima que, para o acceso aos centros de atención ás persoas maiores, establece a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo -hoxe substituído polo Decreto 143/2007, de 12 de xullo- no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención ás persoas maiores, evitando así as posibles discriminacións que por motivos de idade puidesen derivar para a atención destas persoas.

Así, faise necesario abordar o alzhéimer desde unha perspectiva transdisciplinar, na medida en que a súa problemática derivada se reparte, na maioría dos casos, entre a persoa que o padece e a súa propia estrutura familiar, afectando as persoas coidadoras e a sociedade en xeral. En consecuencia, os obxectivos prioritarios da Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas estarán orientados, principalmente, ao recoñecemento do traballo das persoas coidadoras, como soporte de atención ás persoas con alzhéimer, á colaboración coas familias na resposta ás necesidades, ademais de priorizar a súa atención personalizada e o traballo na rede.

Tendo en conta isto, e debido ás particularidades dos servizos que os centros integrantes da rede deben ofrecer, a colaboración das entidades de iniciativa social e sen finalidade lucrativa, entre elas as asociacións de familiares de persoas que padecen alzhéimer, debe ser incentivada polas institucións públicas, arbitrando os mecanismos necesarios para que, de conformidade coas previsións recollidas na lexislación reguladora da contratación das administracións públicas, resulten especialmente consideradas no proceso de xestión dos centros integrantes desta rede.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, de acordo co ditame número 1060/2007 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular os centros de día de atención social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, de agora en diante centros de día de alzhéimer, concibidos como equipamentos de servizos sociais dirixidos a proporcionar unha atención social especializada ás persoas que padecen este tipo de demencias neurodexenerativas.

2. Igualmente é obxecto deste decreto a creación e regulación da Rede Galega de Centros de Día de atención social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, de agora en diante Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación deste decreto esténdese a todas as entidades prestadoras de servizos sociais públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que sexan titulares de centros de día de alzhéimer no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Centros de día de atención social para persoas

con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas

Sección primeira

Disposicións de carácter xeral

Artigo 3º.-Definición dos centros.

1. Para os efectos deste decreto, terán a consideración de centros de día de alzhéimer aqueles equipamentos que proporcionan un servizo multidisciplinar de atención diúrna e de carácter especializado ás persoas que teñen diagnosticado alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Estes centros prestarán unha asistencia social integral ás persoas que padecen estas demencias de acordo coas súas necesidades básicas, terapéuticas e psicosociais, contando coa participación activa dos seus familiares e promovendo o mantemento da súa autonomía persoal e a permanencia no seu contorno habitual.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderán existir unidades de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, en diante, unidades de alzhéimer, concibidas como aqueles equipamentos destinados á prestación de servizos de atención diúrna de carácter especializado para a atención destas persoas que, contando cunhas instalacións diferenciadas, se integren nun centro de atención á vellez, segundo as condicións estruturais e funcionais establecidas normativamente.

Artigo 4º.-Criterios xerais de acceso aos centros e ás unidades de alzhéimer.

Poderán acceder aos centros de día e ás unidades de alzhéimer as persoas que, con independencia da súa idade, teñan diagnosticada a enfermidade, sempre que a súa deterioración cognitiva aconselle o acceso aos ditos centros.

Artigo 5º.-Normativa de aplicación.

1. O conxunto dos centros de día e unidades de alzhéimer rexeranse pola Lei reguladora dos servizos sociais de Galicia e polo previsto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Seralles de aplicación aos centros e ás unidades o previsto con carácter xeral na normativa vixente en materia de autorización e acreditación de centros de servizos sociais.

3. Os centros estarán suxeitos á inspección e ao réxime sancionador en materia de servizos sociais de conformidade co establecido na lexislación reguladora dos servizos sociais de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Sección segunda

Requisitos específicos

Artigo 6º.-Requisitos materiais.

1. Con carácter xeral, os centros de día de alzhéimer contarán cun número máximo de corenta prazas e as unidades cun máximo de quince prazas.

Excepcionalmente, o número máximo de prazas dos centros de día de alzhéimer poderá incrementarse cando se xustifique debidamente, durante a tramitación do procedemento de autorización, a capacidade do centro para atender en condicións óptimas un maior número de persoas usuarias en función dos graos de evolución da enfermidade, e de conformidade co que se dispoña na normativa de desenvolvemento deste decreto.

2. O previsto no punto anterior entenderase sen prexuízo de que os centros poidan desenvolver programas de carácter comunitario dirixidos a un número maior de persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

3. Os equipamentos deberán identificarse exteriormente de forma clara e visible como centros de día ou unidades de alzhéimer

4. Os equipamentos deberán procurar a existencia de espazos flexibles e polivalentes, contornos accesibles, seguros e que permitan a fácil orientación das persoas usuarias. Así, contarán con iluminación e ventilación suficientes e deberán evitar os ruídos e demais elementos que puidesenn alterar ou provocar reaccións condutuais prexudiciais nas persoas usuarias.

5. Os centros de día de alzhéimer contarán cunha área administrativa, unha zona de atención individualizada, salas para actividades e espazos auxiliares de servizos xerais coas dimensións e características que se establezan na normativa de desenvolvemento deste decreto.

6. As unidades de alzhéimer integradas en centros de día contarán, segundo o que se estableza na normativa de desenvolvemento deste decreto, cunha sala de atención controlada, zona de comedor, zona para a deambulación, dous baños adaptados completos, diferenciados segundo sexos, e unha sala de rehabilitación, que poderá compartirse coa do centro de día de atención á vellez no caso de que este equipamento dispoña dunha sala específica para este uso. No caso de que a unidade de alzhéimer se integre nun centro de atención residencial, precisará un despacho para o/a coordinador/a, unha sala controlada, zona de comedor, zona de deambulación e dous baños adaptados completos, diferenciados segundo sexos.

Artigo 7º.-Requisitos funcionais.

Os centros e as unidades ofrecerán, con carácter xeral, os seguintes servizos:

a) A atención integral das persoas usuarias nas súas necesidades básicas, sociais, terapéuticas e psicolóxicas, adecuando o plan de coidados en función do grao de evolución da demencia e garantindo a aplicación efectiva das medidas terapéuticas que se amosen eficaces en cada caso concreto.

b) O desenvolvemento, facilitando a participación activa dos familiares, de actividades preventivas e rehabilitadoras consistentes na estimulación física e psíquica do usuario/a, de acordo coas súas necesidades, co obxecto de manter o maior nivel de autonomía persoal e de atrasar o avance da demencia e dos seus efectos.

c) Favorecer o apoio aos/ás coidadores/as informais mediante a atención social e psicolóxica, o asesoramento sobre estimulación cognitiva, sobre a adaptación do contorno e as axudas técnicas que se precisan, co fin de mellorar a calidade dos coidados que subministran, reducir a carga de traballo e mellorar a calidade de vida das familias coidadoras.

d) Potenciar a formación básica e continuada dos familiares coidadores e dos/as profesionais sobre os distintos aspectos do coidado das persoas que padecen alzhéimer e outras demencias.

e) Garantir o coidado persoal das persoas usuarias e o apoio preciso no desenvolvemento das actividades da vida diaria durante a súa estadía nos centros.

f) Proporcionarlles unha manutención específica ás persoas usuarias de acordo coas súas particulares necesidades, co fin de ofrecerlles, de xeito individualizado, un adecuado equilibrio nutricional.

g) O desenvolvemento de todo tipo de actividades dirixidas a fomentar as relacións sociais e a interacción das persoas usuarias dos centros entre si e cos seus familiares.

h) O desenvolvemento, se é o caso, de servizos e programas de carácter comunitario dirixidos ás persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Artigo 8º.-Requisitos de persoal.

1. Os centros de día de alzhéimer deberán observar as seguintes previsións en materia de persoal:

a) Deberá existir un posto de director/a-coordinador/a que conte cunha titulación de grao medio nas ramas social e/ou sanitaria ou dous anos de experiencia na xestión de servizos sociais.

b) Contarán cunha ratio mínima de profesionais de 0.05 traballadores/as a xornada completa por persoa usuaria de entre profesionais cunha formación mínima de diplomatura universitaria.

c) O persoal mínimo de atención directa será de 0.25 traballadores/as a xornada completa por persoa usuaria. Entenderase por persoal de atención directa aquel que conte, como mínimo, cunha formación profesional de grao medio en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalentes.

En todos os casos exixirase formación complementaria especializada na atención das persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

2. Os centros de atención ás persoas maiores en que se acondicionen unidades de alzhéimer deberán contar, nesta unidade, co persoal indicado no punto anterior na proporción fixada, agás no referido ao/a coordinador/a que bastará con que dedique a esta unidade 20 horas semanais. O persoal poderá ser compartido co do centro principal sempre que acredite, de prestar servizos en ambos os dous equipamentos, a antedita dedicación a esta unidade.

Capítulo III

Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas

Sección primeira

Creación e ámbito

Artigo 9º.-Creación da rede.

1. Créase a Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, de agora en diante Rede Galega de Centros de Día de alzhéimer, adscrita ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais e configurada como un servizo de atención diúrna de carácter especializado para persoas que padecen estas demencias, e de apoio aos familiares coidadores.

2. Esta rede estará composta por aqueles centros de titularidade pública ou privada debidamente autorizados e integrados nela de conformidade co previsto neste decreto.

Artigo 10º.-Funcións da rede.

Corresponderán á Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer as seguintes funcións:

a) Propiciar o mantemento das persoas usuarias no seu contorno familiar e social nas mellores condicións posibles e cunha digna calidade de vida, evitando, na medida do posible, a súa institucionalización precoz debido á sobrecarga familiar.

b) Potenciar a existencia de centros especializados de calidade que lles proporcionen unha axeitada atención ás persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

c) Potenciar a participación dos familiares das persoas usuarias nas actividades desenvolvidas nos centros integrados na rede, fundamentalmente a través de entidades sen ánimo de lucro, nomeadamente a través das asociacións de familiares das persoas que padecen alzhéimer.

d) Optimizar os recursos para satisfacer as carencias e necesidades deste colectivo.

e) Prestar a axuda necesaria ás persoas coidadoras na atención permanente das persoas que padecen alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, facilitando a conciliación da vida laboral e persoal destas.

f) Proporcionarlles aos centros integrados na rede un acceso permanente á información, permitíndolles xerar liñas de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da enfermidade e favorecendo a adopción de medidas terapéuticas que se amosen eficaces.

g) Facilitar a conexión telemática entre os distintos centros coa finalidade de permitirlles interactuar para a difusión do coñecemento, das experiencias, dos programas e actuacións que se desenvolvan en cada un deles, afondando deste xeito na especialización, na eficacia e, polo tanto, na calidade da atención prestada ás persoas usuarias dos centros, con observancia, en todo caso, da normativa reguladora en materia de protección de datos de carácter persoal.

h) Fomentar e mellorar a formación e a capacitación do persoal que preste os seus servizos profesionais nos centros, así como a dos familiares e do persoal voluntario que participe de xeito activo no desenvolvemento das actividades dos centros integrados na rede.

i) Proporcionarlles aos/ás coidadores/as principais e, por extensión, a toda a rede familiar, unha canle de comunicación que permitirá ter unha información fiable e actualizada sobre os recursos existentes para o tratamento do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

j) Fomentar o desenvolvemento de redes de apoio social.

Artigo 11º.-Funcións do centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar.

Serán funcións do centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar en relación coa Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer as seguintes:

a) Establecer, no marco da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, a liña de imaxe e identidade gráfica común a todos os centros e asegurar a homoxeneidade dos soportes de información e comunicación dos diferentes centros da rede.

b) Promover e fomentar a incorporación de centros á Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer.

c) Coordinar os centros existentes, así como os que poidan ser incorporados á rede.

d) Crear e actualizar un portal informático que conteña a información sobre a rede e os centros que a integran.

e) Recibir, tramitar e resolver as solicitudes de integración de centros na rede formuladas polas entidades titulares, así como acordar, se é o caso, a súa exclusión da rede.

f) Favorecer a utilización preferente de medios telemáticos nos intercambios de información e documentación que se produzan no ámbito da rede.

g) As demais que se lle atribúan expresamente ou que resulten necesarias para acadar os fins perseguidos.

Sección segunda

Integración e procedemento

Artigo 12º.-Centros de día de alzhéimer de titularidade autonómica.

Os centros de titularidade autonómica que se axusten ao previsto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento, unha vez autorizados, quedarán automaticamente integrados na Rede Galega de Centros de Día de alzhéimer.

Artigo 13º.-Integración dos centros na Rede Galega de Centros de Día de alzhéimer.

As entidades públicas e privadas prestadoras de servizos sociais titulares de centros de atención diúrna para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas que se axusten ás previsións establecidas neste decreto poderán solicitar, unha vez autorizados de conformidade coa normativa vixente en materia de autorización e acreditación de centros de servizos sociais, a integración dos devanditos centros na rede galega, de conformidade co procedemento establecido no artigo seguinte.

Artigo 14º.-Solicitude de integración na rede.

1. As entidades titulares de centros de atención diúrna que estean interesadas en integralos na rede deberán presentar a súa solicitude, mediante o modelo normalizado recollido no anexo deste decreto, no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou en calquera outro dos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixida ao centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar.

2. A solicitude deberá ir acompañada dunha certificación do acordo adoptado polo órgano de goberno da entidade titular do centro sobre a súa inclusión na Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer, así como dunha memoria xustificativa dos proxectos, obxectivos e actividades desenvolvidas no centro.

Artigo 15º.-Instrución e resolución do procedemento de integración.

1. Unha vez recibida a solicitude e admitida a trámite, o centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar poderá solicitar cantas aclaracións e precisións considere necesarias.

2. A persoa titular do centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar ditará resolución no prazo de seis meses desde a entrada da solicitude no órgano competente para a súa tramitación.

3. De conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a falta de resolución expresa no prazo sinalado determinará a estimación presunta da solicitude e implicará a integración do centro correspondente na Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer.

4. A resolución denegatoria da integración na rede, que non porá fin á vía administrativa, será, en todo caso, motivada e contra ela poderá interpoñerse o correspondente recurso de alzada ante a persoa titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais, de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades titulares dos centros integrados na rede.

As entidades titulares de centros integrados na rede cumprirán, ademais dos requisitos previstos na normativa vixente en materia de autorización e inspección de centros e daqueloutros que se puidesen establecer en desenvolvemento deste decreto, as obrigas seguintes:

a) Instalar nos centros integrados na rede, en lugares visibles, paneis informativos e rótulos de identificación co logotipo que identificará esta rede, segundo modelo facilitado polo centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar.

b) Facer constar en toda difusión pública impresa ou verbal que as actividades se realizan en colaboración co departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais, cando así proceda.

c) Remitirlle ao centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar toda a información que se xere neste ámbito de actuación, ademais daquela que lle solicite o citado departamento no uso das súas competencias.

d) Cumprir o disposto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

e) Manter as condicións dos centros que permitiron a súa integración na rede e a oportuna comunicación de todos os cambios que se produzan.

f) Presentar unha memoria anual sobre a actividade dos centros da súa titularidade desenvolvida ao longo do ano e sobre os restantes extremos que, á vista do previsto neste decreto, resulten de interese.

g) Xustificar o destino das axudas recibidas para o efecto nos termos que se prevexan na convocatoria ou no correspondente instrumento subscrito para tal fin e o cumprimento das demais obrigas establecidas na normativa reguladora destas.

Artigo 17º.-Exclusión da rede.

1. As entidades titulares de centros integrados na rede deberán garantir que estes manteñan as condicións que permitiron a súa incorporación a esta, ademais do cumprimento das demais obrigas previstas no artigo anterior. Para tal fin, presentarán a memoria anual prevista na letra f) do artigo anterior, no mes seguinte á finalización do ano ao que nela se refira.

2. Cando se teña constancia dalgún tipo de incumprimento das obrigas exixibles por mor da pertenza dun centro á rede ou daquelas condicións que permitiron a súa integración nela, e despois do oportuno apercibimento aos efectos da súa emenda, o centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de benestar poderá acordar mediante resolución motivada, logo de expediente instruído para o efecto con audiencia da persoa interesada por un prazo de quince días, a exclusión do centro ou centros correspondentes da Rede Galega de Centros de Día de Alzhéimer.

3. Cando, de conformidade co previsto no artigo 31 do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, concorra algún dos supostos de revogación das autorizacións concedidas, acordarase esta mediante resolución motivada, logo de expediente instruído para o efecto con audiencia da persoa interesada, segundo o establecido na referida normativa de aplicación.

Artigo 18º.-Axudas e subvencións.

As entidades titulares de centros integrados na rede poderán acceder ás axudas e achegas económicas que preste o departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais para o seu desenvolvemento, cuxo alcance e contido se establecerá a través da correspondente convocatoria ou do instrumento subscrito para tal fin.

Disposición adicional

Única.-Preferencia na contratación administrativa.

Nos termos establecidos na lexislación reguladora da contratación das administracións públicas, os órganos de contratación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia establecerán nos pregos de cláusulas administrativas particulares, cando utilicen o sistema de concurso para a adxudicación dos contratos de xestión dos centros, a preferencia na adxudicación do contrato a favor das asociacións de familiares de persoas que padecen alzhéimer ou, de ser o caso, en favor doutras entidades sen ánimo de lucro, sempre que as súas proposicións igualen nos seus termos as máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios obxectivos que sirvan de base para a adxudicación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "03600D001P006.PDF"