DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 13 de febreiro de 2008 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2008 ao abeiro do Decreto 228/2002, do 20 de xuño, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación protexida de vivendas no medio rural de Galicia.

O Decreto 228/2002, do 20 de xuño, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións para a rehabilitación protexida de vivendas situadas no medio rural de Galicia.

O seu artigo 6.4º dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar en cada exercicio económico.

A súa disposición derradeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a nova estrutura da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, na súa disposición adicional sétima establece que as referencias contidas na normativa reguladora do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en canto ao conselleiro e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberán entenderse referidas á Consellería de Vivenda e Solo.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 6.4º do Decreto 228/2002, do 20 de xuño, e para dar cobertura aos expedientes que acaden no presente exercicio a fase de concesión determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas do Decreto 228/2002, é a 17.02.451A.780.0.

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 3.450.000 €.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo