DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 13 de febreiro de 2008, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis 3.

Preámbulo.

A educación para o consumo, en consonancia co establecido na LOE, é fundamentalmente unha educación social, e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades.

Consonte co que se dispón na Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, unha das funcións deste organismo é a de impulsar a formación da cidadanía como persoas consumidoras, propoñéndolles aos organismos competentes a adopción de programas de educación para o consumo nos distintos graos do ensino e realizar as actuacións necesarias para asegurar que a dita formación sexa permanente.

Promover a educación para o consumo nos centros educativos da comunidade autónoma é, por tanto, un interese común do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de que o alumnado adquira coñecementos e desenvolva capacidades e hábitos que lle permitan exercer os seus dereitos como consumidores e consumidoras.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participan na organización do concurso Consumópolis, coa participación de dezaseis Comunidades Autónomas e do Instituto Nacional de Consumo. Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable fomentando a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira fase do concurso desenvolveuse a través da internet entre o 15 de outubro e o 10 de decembro do ano 2007.

Unha vez rematada a fase en liña, correspóndelle ao Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Innovación e Industria, e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do Concurso escolar 2007-2008 Consumópolis-3 sobre consumo responsable: un día na vida de ...

A fase autonómica do concurso consiste na realización dunha serie de actividades de carácter pedagóxico e lúdico, que teñan como resultado final a realización dunha revista en soporte papel, que subliñe os valores do consumo responsable coas características que se indican no artigo 6 desta resolución.

Artigo 2º.-Dotación económica.

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación seguintes:

a) Escolares de 3º ciclo de ensinanza primaria.

b) Escolares de 1º ciclo de ensinanza secundaria obrigatoria.

c) Escolares de 2º ciclo de ensinanza secundaria obrigatoria.

Ademais, todos os membros do equipo, recibirán un diploma acreditativo como gañadores.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que se vai realizar en Madrid.

3. Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2008, na cal existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta fase autonómica, todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos coordinados por un profesor ou profesora, que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte do concurso realizada a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo (www.igc.xunta.es).

2. Un mesmo profesor poderá coordinar máis dun equipo dun mesmo ciclo.

3. Cada equipo deberá presentar un único traballo e non habendo límite para o número de grupos que se formen en cada centro educativo.

4. Os niveis de participación establecidos son:

-Escolares de 3º ciclo de ensinanza primaria (de 10 a 12 anos).

-Escolares de 1º ciclo de ensinanza secundaria obrigatoria (de 12 a 14 anos).

-Escolares de 2º ciclo de ensinanza secundaria obrigatoria (de 14 a 16 anos).

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación dos traballos comezará ao día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 3 de marzo de 2008.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo a esta resolución.

b) Revista que se presenta ao concurso, en soporte papel e dixital, segundo as características establecidas no artigo 6 desta resolución.

c) Memoria descritiva de como se realizou o traballo cun mínimo de 5 e cun máximo de 10 páxinas, en soporte papel e dixital, e na cal se describirán polo miúdo todas as actividades desenvolvidas incluíndo a relación ou descrición das fontes documentais utilizadas. Xuntarase anexo fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

d) Os traballos presentaranse en idioma galego, consonte coa normativa vixente.

2. Os concursantes presentarán a documentación indicada e os traballos por duplicado nos rexistros dos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

Artigo 6º.-Características dos traballos.

Para poder participar nesta convocatoria é necesario completar a fase en liña do xogo por parte de todos os integrantes de cada equipo. Unha vez rematada a dita fase en liña, cada equipo participante deberá realizar un traballo en equipo consistente en:

a) Elaboración e presentación dunha revista en soporte papel que fomente os valores do consumo responsable. A revista terá as seguintes características:

1. Para os equipos de 3º ciclo de ensinanza primaria:

-Elaboración dunha revista en papel cuxos contidos e aspectos traten sobre consumo responsable.

-Extensión: un mínimo de 8 páxinas e un máximo de 12 páxinas.

-Tamaño: DIN A4.

-A estrutura e contidos serán os seguintes:

-Portada, título e contraportada.

-Unha entrevista sobre consumo responsable a persoas de organismos ou institucións de especial relevancia no tema.

-Un relato curto ou conto relacionado co tema.

-Unha sección de pasatempos e/ou xogos.

2. Para os equipos do 1º e 2º ciclo do ensinanza secundaria obrigatoria:

-Elaboración dunha revista en papel cuxos contidos e aspectos traten o consumo responsable.

-Extensión: mínimo 12 páxinas e máximo 16 páxinas.

-Tamaño: DIN A4.

-A estrutura e contidos serán os seguintes:

-Portada, contraportada e título.

-Unha entrevista sobre o tema do concurso a unha personalidade relevante.

-Un artigo de opinión.

-Unha sección onde se recollan as opinións do contorno do centro educativo (familia, comerciantes, profesorado, institucións, etc ...).

-Unha sección de creatividade que pode conter: anuncios inventados, pasatempos, xogos, bandas deseñadas, poesías, etc.

-Outros contidos habituais das revistas.

Só se poderá presentar unha revista por equipo.

b) Elaboración dunha memoria escrita cuxa extensión non debe ser inferior a 5 páxinas nin superior a 10, na cal se expoña como foi a participación do equipo no xogo en liña Consumópolis 3: un día na vida de… e na realización da revista, na cal se explique como mínimo:

-A organización do equipo para a resolución das probas das actividades do xogo Consumópolis 3 e a documentación consultada.

-A organización do equipo para a elaboración da revista, a documentación consultada e os materiais utilizados.

A revista e a memoria presentaranse en idioma galego segundo a normativa vixente. Presentaranse en soporte papel e en formato dixital indicando os distintos programas informáticos utilizados na súa realización.

Artigo 7º.-Xurado.

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

Presidenta: a xerente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en quen delegue.

Vicepresidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-A xefa do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-A xefa de sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo, que actuará como secretaria.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

a) A puntuación obtida no xogo da internet Consumópolis-3: un día na vida de …, que representará o 40% da puntuación total que debe conseguir cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis 3 quedará establecida de forma automática polo propio sistema.

b) A revista suporá o 60% da puntuación total que debe conseguir cada equipo, téndose en conta para a súa avaliación os criterios seguintes:

-A adecuación da campaña ao tema Consumo responsable: 40%.

-A orixinalidade en mensaxes e contidos: 30%.

-O deseño da revista: 25%.

-A memoria suporá: 5%.

Artigo 9º.-Certificación.

Para os traballos presentados e que reúnan os requisitos estabelecidos nesta convocatoria, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderalle recoñecer ao profesorado coordinador, se a calidade do traballo así o xustifica, e mediante a expedición dun certificado persoal, as horas de innovación realizadas ao abeiro desta convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do número 23 do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividades de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas lectivas.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2008, no cal existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a comunidade autónoma na fase estatal que terá lugar en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

5. Así mesmo, no caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 11º.-Difusión e publicación.

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría, que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puidesen resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados por eles na realización do traballo e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. A participación de menores nas distintas reportaxes fotográficas que formen parte do traballo deberá contar coa autorización por escrito dos pais ou titores.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión aos organismos convocantes do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados en que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar os traballos non premiados na sede do Instituto Galego de Consumo, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. Os traballos non recollidas no antedito período incorporaranse á biblioteca da Escola Galega de Consumo.

Artigo 13º.-Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado, entre o 10 e o 30 de marzo, elevaráselle ao presidente do Instituto Galego de Consumo e á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998 da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, no seu caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente, ante o presidente do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución atenderase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en todo o que non se opoña á Lei 9/2007, Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa comunitaria que lle resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2008.

Laura Elena Sánchez Piñón Emilio Nogueira Moure

Conselleira de Educación Presidente do Instituto Galego

e Ordenación Universitaria de Consumo

Ver referencia pdf "03500D008P020.PDF"