DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2008, da Secretaría Xeral de Política Ligüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para adultos e colectivos de Galicia, no ano 2008 (PR 104 B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de Autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo. Pero non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre ambos os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para alcanzar ese equilibrio.

A estrutura e o contido destes cursos están regulados mediante a Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº 146, do 30 de xullo, corrección de erros DOG nº 178, do 13 de setembro).

Por todo iso,

DISPOÑO:

1. Obxecto.

Anunciar a convocatoria pública para solicitar participar en cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para adultos e colectivos de Galicia, con carácter gratuíto. Convócanse un total de 366 cursos.

Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por bisbarras.

2. Destinatarios.

A convocatoria está dirixida aos seguintes destinatarios:

a) Colectivos, entidades e/ou asociacións que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para participar nos cursos (nome, apelidos e número de DNI/pasaporte).

b) Particulares que desexen realizar algún dos cursos obxecto desta convocatoria.

3. Prazo para impartir os cursos.

Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados antes do 30 de novembro de 2008.

4. Contido e requisitos dos cursos.

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecido na Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo.

Para conseguir o axeitado rendemento e aproveitamento do curso, é necesario garantir a homoxeneidade de coñecementos do alumnado, polo que, tanto os particulares como as entidades, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel deberán ter en conta a definición de contidos previstos na norma anterior. En todo caso, o profesor, no momento de iniciar o curso, valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia. Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en maio/xuño e novembro/decembro de cada ano, logo de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo e de 30 como máximo. Se quedasen prazas vacantes, os colectivos, entidades ou asociacións organizadoras deberán aceptar completar as prazas con persoas interesadas, aínda que non sexan afiliadas ou asociadas das propias entidades.

Se durante os dous primeiros días do curso se desen de baixa ou non asistisen as persoas inscritas nel, deberán ofrecerse as prazas aos solicitantes que non fosen admitidos no primeiro chamamento.

Dado o carácter gratuíto dos cursos e para garantir un uso eficiente dos recursos públicos, se no transcurso do curso o número de asistentes non alcanzase o número mínimo previsto na epígrafe anterior, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá acordar a cancelación do curso, ofrecéndolles aos interesados a posibilidade de integrarse nun curso doutra localidade.

Os cursos terán unha duración de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas e media cada día. En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá autorizarse a realización de sesións con horario diferente.

Todas as actividades que se leven a cabo nestes cursos realizaranse, segundo o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, conforme as normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, coidando o uso da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

5. Dotación orzamentaria.

O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 04 60 151 A 640 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, destinada a cursos e actividades de formación de lingua galega, ata unha contía máxima de 1.200.000 euros.

6. Retribución para cada curso.

Os módulos de retribución dos cursos son os que a continuación se relacionan:

-Retribución profesor/a colaborador 3.000 € (75 horas a 40 €/hora). Se se acordase a cancelación dun curso por falta de asistentes, o profesor será retribuído de acordo coas horas impartidas máis 100 euros en concepto de indemnización.

-Retribución coordinación, só en casos excepcionais, tras a autorización da secretaria xeral de Política Lingüística: 200 €.

-Retribución persoal subalterno ou auxiliar: 150 €.

-Material para o curso (máximo): 100 €. Aboaráselle directamente ao profesor, logo da presentación das facturas correspondentes, naqueles cursos en que a SXPL non lle facilite material ao alumnado, en formato papel ou na web.

7. Designación de profesorado.

O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos xefes dos gabinetes provinciais de normalización lingüística ou do Servizo de Plans, Programas e Asesoramento Lingüístico. O chamamento dos profesores para os cursos efectuarase segundo a orde da lista oficial de profesorado colaborador desta secretaría xeral.

8. Solicitudes.

As persoas interesadas e as entidades/colectivos formularán as solicitudes de acordo cos modelos de solicitudes que figuran como anexo I (para persoas individuais) e anexo II (para entidades ou colectivos), respectivamente.

As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia a que pertenza a localidade onde queiran realizar o curso. Sen prexuízo do anterior, poderanse presentar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

As entidades e persoas interesadas en xeral dispoñen dun formulario na web www.xunta.es/linguagalega que permite cubrir e editar a solicitude.

9. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria.

10. Documentación que hai que xuntar á solicitude.

No caso das solicitudes formuladas por entidades/colectivos para organizar o curso, deberá achegarse a lista de persoas preinscritas (apelidos, nome e DNI).

11. Procedemento de selección.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística (para os cursos de cada provincia), procederase a revisar a documentación. Se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles ás entidades ou persoas solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992.

As solicitudes que cumpran os requisitos seleccionaranse segundo a orde de entrada.

12. Programación dos cursos.

Co fin de facilitar a inscrición dos particulares, ofértanse os seguinte cursos:

Ver referencia pdf "03500D007P013.PDF"

Ademais dos cursos anteriores e á vista das solicitudes de colectivos e particulares e da distribución xeográfica destas, os gabinetes provinciais de normalización lingüística efectuarán unha proposta de programación dos cursos en cada unha das provincias e daranlle conta diso á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Cando por causa da contía e dos límites orzamentarios non se poidan atender todas as peticións, elaborarase unha lista de solicitudes pendentes e, no caso de que algunha das entidades ás cales se lles conceda un curso renuncie a el, asignaráselle á seguinte da lista.

Na programación sinalaranse as datas de comezo, horario e lugar onde se impartirá cada curso.

Con relación ás solicitudes de persoas interesadas en asistir aos cursos, se non lles interesasen os anteriormente ofertados, poderán solicitar que se lles inclúa nalgún dos cursos programados por petición das entidades na localidade solicitada ou na súa proximidade. As listas de admitidos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

12.1. Resolución.

Con respecto aos cursos ofertados anteriormente, autorizarán a súa realización os delegados ou delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a medida que as peticións completen o número de prazas.

Respecto das peticións de entidades, efectuarán unha proposta de programación os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia, que valorará conxuntamente a secretaria xeral de Política Lingüística. Unha vez aprobada a programación, correspóndelles a resolución de autorización dos cursos aos delegados ou delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A resolución publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega), na epígrafe de cursos, onde se actualizarán os cambios de programación que se puidesen producir con posterioridade.

As listas de persoas admitidas para participar nos cursos faranse públicas, igualmente, na páxina web www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

13. Réxime de recursos.

Contra a resolución de concesión dos cursos, as entidades e persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante os tribunais contencioso-administrativos.

14. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non recaer resolución expresa sobre a solicitude no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

15. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e delegaranse as facultades para resolver e para xestionar os gastos relativos aos cursos programados en cada provincia nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes provinciais de normalización lingüística de cada provincia.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2008.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "03500D007P013.PDF"