DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.710

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 18/2008, do 7 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, modificado polo Decreto 99/2007, do 24 de maio, estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

No citado decreto establecíase, baixo a dependencia da Secretaría Xeral, a Subdirección Xeral de Planificación, Estudos e Informes, da que, a súa vez dependía o Servizo de Supervisión, Inspección de Proxectos, Obras e Servizos. A experiencia acadada en relación coas funcións do dito servizo desde a entrada en vigor do decreto comporta que se considere que poden ser desenvolvidas adecuadamente por outro persoal facultativo da subdirección xeral, co apoio do persoal técnico dos distintos centros directivos, o que fai innecesario contar con el, polo que procede á súa supresión.

Por outra parte a complexidade crecente e o incremento do traballo en materia de réxime xurídico, derivados do exercicio das competencias da consellería, aconsella reforzar este eido; para ese efecto créase unha nova unidade, co rango de subdirección xeral, que baixo a dependencia da Secretaría Xeral desempeñará as correspondentes funcións.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, logo de informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de febreiro do dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, nos seguintes termos:

Primeiro.-Suprímese o Servizo de Supervisión, Inspección de Proxectos, Obras e Servizos, dependente da Subdirección Xeral de Planificación, Estudos e Informes, do artigo 4º, 2.3.1.

Segundo.-O número 2.4 do artigo 4º queda redactado como segue:

«2.4. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo, coas seguintes funcións:

a) Informe e tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das recompilacións e refundición de normas.

b) Preparación e informe dos asuntos que se elevarán ao Consello da Xunta de Galicia e ás comisións delegadas e o traslado dos seus acordos.

c) Estudo, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

d) Coordinación das actuacións da consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

e) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

f) Tramitación dos expedientes de responsabilidade patrimonial, unha vez rematada a súa instrución.

g) Coordinación dos servizos técnico-xurídicos das delegacións provinciais.

h) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo Técnico Xurídico».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro do dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible