DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.706

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de febreiro de 2008 pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento e rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia, conforme o previsto no Decreto 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan os servizos de aconsellamento e de xestión das explotacións agrarias.

O Decreto 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan as entidades que presten servizo de aconsellamento e de xestión ás explotacións agrarias, crea o rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia na Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, e na súa disposición derradeira primeira faculta o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste para os efectos do artigo 25 do Regulamento (CE) 1698/2005.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no citado Decreto 235/2007, do 29 de novembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o procedemento de recoñecemento e rexistro das entidades que presten servizos de aconsellamento ou de xestión ás explotacións agrícolas e forestais na Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do disposto no Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

Artigo 2º.-Tramitación do recoñecemento.

1. As entidades interesadas en prestar servizos de aconsellamento ou de xestión dirixirán a súa solicitude de recoñecemento ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse nos lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A solicitude, cuxo modelo se recolle no anexo, deberá ir acompañada da documentación exixida no artigo 7º.3 b) para as entidades de aconsellamento e 7º.3 c) para as entidades de xestión, do Decreto 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan as entidades que presten servizo de aconsellamento ou de xestión ás explotacións agrarias.

3. En relación cos puntos 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo 7º.3 b) e 3, 4, 5 e 6 do artigo 7º.3 c) do citado Decreto 235/2007, establécese o seguinte:

a) O plan ou sistema de aconsellamento ou de xestión e propostas debe informar das características e tipoloxía das explotacións a que vai dirixida a súa actuación, da problemática ambiental relativa á súa actividade e das súas necesidades de asesoramento e formación.

b) O programa de sensibilización, só exixible ás entidades de asesoramento, debe explicar a metodoloxía que se vai desenvolver nas actividades de divulgación dos problemas ambientais da agricultura.

c) O sistema de seguimento de orientacións debe explicar a estratexia da actividade de aconsellamento ou de xestión da entidade solicitante para cada orientación produtiva que pretenda cubrir.

d) O método de autoavaliación técnica debe identificar as actividades agrarias en cada unha das comarcas onde se vai desenvolver o servizo de aconsellamento ou xestión, así como os obxectivos, viabilidade e impacto esperado da actuación da entidade solicitante.

e) O plan financeiro debe explicar os custos da actividade que se van desenvolver, así como as tarifas dos servizos que se ofrecen.

4. Os documentos descritos nos puntos a), b), c), d) e e) poden presentarse por separado ou como capítulos dun único documento explicativo do programa de actuación da entidade.

Artigo 3º.-Resolución.

1. Unha vez presentada a solicitude, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal procederá á comprobación da documentación presentada.

2. Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o responsable para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar ao día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O conselleiro do Medio Rural, por proposta do director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, ditará e notificará a correspondente resolución de recoñecemento no prazo máximo establecido no artigo 7.2º do Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

4. O recoñecemento administrativo supón a inscrición, de oficio, no rexistro de entidades autorizadas para prestar servizos de aconsellamento ou de xestión ás explotacións agrarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Recursos contra a resolución.

As resolucións do órgano competente na inscrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

1. Potestativamente, recurso de reposición, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, e de tres meses en caso de acto presunto, perante o conselleiro do Medio Rural, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Artigo 5º.-Comprobación da fiabilidade e eficacia do aconsellamento ou xestión.

Para os efectos de comprobar a fiabilidade e eficacia do aconsellamento ou xestión, previsto no artigo 9.1º e) do citado Decreto 235/2007, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal será a encargada de efectuar o control e verificación da calidade técnica dos servizos das entidades privadas e das súas oficinas.

Disposición derradeira

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "03500D001P006.PDF"