DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2008 Páx. 2.643

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os servizos prestados de forma electrónica, informática e telemática na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, regula o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e pretende, entre outras finalidades, facilitar o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes por medios electrónicos, así como facilitar o acceso por medios electrónicos dos cidadáns á información e ao procedemento administrativo.

Esta lei recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula aspectos básicos das tecnoloxías da información para garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica.

O marco xurídico da sinatura electrónica vén determinado pola Lei 59/2003. No artigo 3 desta lei defínese a sinatura electrónica avanzada como aquela que permite identificar o asinante e detectar calquera cambio ulterior dos datos asinados, que está vencellada ao asinante de maneira única e aos datos a que se refire e que foi creada por medios que o asinante pode manter baixo o seu exclusivo control. Considérase sinatura electrónica recoñecida a sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido e xerada mediante un dispositivo seguro de creación de sinatura.

As tecnoloxías da información deben asegurar a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

En consecuencia, e co obxecto de alcanzar estas metas, no uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A sede electrónica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde será accesible a través dos enderezos electrónicos www.sergas.es e www.galiciasaude.es (estarán tamén accesibles a través doutras extensións como “.org.es”, sempre baixo o mesmo nome raíz de dominio). Esta sede dispón de sistemas que garanten o establecemento de comunicacións seguras sempre que sexan necesarias.

Artigo 2º.-Tipos de acceso e os seus requisitos.

En función do carácter da información a que se accede e das características dos servizos que se presten, e sempre conforme o disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, os servizos prestados de forma electrónica, informática e telemática clasifícanse segundo catro tipos diferentes de requisitos de acceso:

-Servizos accesibles sen necesidade de autenticación.

-Servizos para cuxo acceso sexa necesario un usuario e un contrasinal numérico ou alfanumérico.

-Servizos con requisitos de sinatura electrónica avanzada ou recoñecida.

-Servizos de difusión de información con subscrición previa.

Artigo 3º

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde recoñecerán os sistemas de sinatura electrónica incorporados ao DNI electrónico e os certificados electrónicos emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM). A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde considerarán o recoñecemento no futuro de certificados doutras entidades prestadoras de servizos de sinatura dixital, existindo sempre na sede electrónica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde unha listaxe de todos os tipos de certificados recoñecidos por ela.

Artigo 4º

Os requisitos de acceso aplicables de acordo co disposto no artigo 2º desta orde incluiranse na sede electrónica, detallando as características dos servizos ofertados para os cidadáns, profesionais e empresas.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "03400D001P007.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES