DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2008 Páx. 2.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 14/2008, do 7 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, e se establece a estrutura orgánica básica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Por medio do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, foi aprobada a estrutura orgánica da Consellería de Traballo. Esa estrutura foi obxecto de modificación polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, co fin de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa da consellería.

A entrada en vigor da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, fai necesario modificar a estrutura orgánica da consellería para unha mellor execución e desenvolvemento das competencias e funcións atribuídas a esta.

Por outra banda, a aprobación da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, fai necesario establecer a estrutura administrativa básica deste, sen prexuízo de que, con posterioridade e conforme o establecido na disposición adicional terceira da lei, se proceda á publicación do seu regulamento orgánico e funcional.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Traballo, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o punto 2º do artigo 2.

«2. Quedan adscritos á Consellería de Traballo o Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro».

Dous. Modifícase o punto 3º do artigo 4.dous do punto II. Secretaría Xeral.

«3. Subdirección Xeral de Apoio Técnico Xurídico.

Esta unidade terá ao seu cargo:

-O estudo e tramitación das propostas de disposicións de carácter xeral e a elaboración das compilacións e propostas de refundición das normas emanadas polos distintos centros directivos da consellería.

-A preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, as súas comisións delegadas e á Comisión de Secretarios, así como o traslado dos acordos destes órganos.

-A realización de cantas actuacións sexan necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado.

-A tramitación e a proposta de resolución dos recursos, dos expedientes de responsabilidade patrimonial, de revisión dos actos en vía administrativa e dos expedientes sancionadores cuxa resolución corresponda aos directores xerais, ao conselleiro ou ao Consello da Xunta de Galicia nas materias competencia da consellería.

-A coordinación da publicación de toda clase de disposicións ditadas polos órganos da consellería e entidades adscritas que deban ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral».

Tres. Engádese un novo punto 4º ao artigo 4.dous do punto II. Secretaría Xeral.

«4. Servizo de Igualdade Laboral. Este servicio é o órgano encargado de integrar a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á Consellería de Traballo e estará coordinado e vinculado funcionalmente co departamento da Administración autonómica competente en materia de Igualdade.

Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 8 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, que lle sexan encomendadas polo secretario xeral da consellería».

Catro. Engádese un novo punto 1º.3 ao artigo 6.dous do punto IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

«1.3. Servizo de Centros Integrados.

Terá as seguintes funcións:

-Organización dunha rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Traballo.

-Analizar os proxectos funcionais que presenten os centros.

-Inspección dos centros.

-Establecemento de procedementos e metodoloxías xerais para que sexa homoxéneo e desenvolvemento da xestión e funcións que vaian desenvolver os centros integrados.

-Organización temporal da oferta de formación.

-Fomentar a aprendizaxe permanente.

-Coordinar a oferta de formación dos centros.

-Controlar a calidade dos centros.

-Xestión dos procedementos de contratación de suministracións, servizos e consultorías para os centros integrados.

-Xestión económica dos centros.

-Todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados».

Cinco.-Modifícase o punto 2º do artigo 7.dous do punto V. Dirección Xeral de Relacións laborais.

«2. Servizo de Seguridade e Saúde laboral.

Baixo a dependencia directa do/a director/a xeral, corresponderalle a este servizo:

-A promoción, coordinación e execución das competencias da comunidade autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e a Consellería de Innovación e Industria no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

-A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, execución, seguimento e avaliación.

-A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir cursos de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

-A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos e auditorías de prevención.

-A tramitación, xestión e seguimento dos programas de axudas a entidades para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral.

-A xestión e seguimento de programas comunitarios en materia de prevención de riscos laborais.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados».

Seis.-Suprímese o punto 3º.6. Servizo de seguranza e saúde laboral do artigo 8 punto VI. Delegacións provinciais.

Sete. Engádese un novo punto 1º.2 o artigo 10º.-Consello Galego de Relacións laborais.

«1.2. Servizo de Negociación Colectiva e Xestión de Convenios.

Terá as seguintes funcións:

-Elaborar o Informe anual da situación da negociación colectiva en Galicia (estrutura global, evolución dos convenios, evolución do incremento salarial pactado, estudo de cláusulas incorporadas nos convenios, etc.) o seu seguimento e control.

-Elaborar o capítulo dedicado á negociación colectiva do Informe anual sobre a situación sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Elaboración dos informes sobre negociación colectiva que sexan requiridos polo Pleno ou pola Comisión Permanente do Consello.

-Asesoramento legal e técnico nas mesas de negociación dos convenios que se negocien na sede do Consello para a adecuada calidade dos textos que se acorden, así como para contribuír á axilidade e fluidez da negociación.

-Seguimento e tratamento informático do conxunto da negociación colectiva que afecte a Galicia.

-Asistir ás xuntanzas do Observatorio Galego para a Negociación Colectiva en Galicia e dos grupos de traballo de Negociación Colectiva que se creen no Consello».

Oito.-Engádese un novo artigo 11.-Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, co seguinte contido:

«Artigo 11º.-Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Un.-Correspóndelle ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da comunidade autónoma para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo, sen prexuízo das competencias da Dirección Xeral de Relación Laborais neste ámbito e das competencias atribuídas a outros departamentos da Xunta de Galicia.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, e sen prexuízo do previsto na disposición adicional terceira e na disposición transitoria primeira da Lei 14/2007, do 30 de outubro, contará cos seguintes órganos e unidades:

1. De dirección e xestión.

1.1. A dirección do instituto.

Correspóndelle ao director ou directora do instituto, coa categoría de director ou directora xeral, as funcións recollidas no artigo 6.2º da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

1.2. A Comisión de Goberno.

Correspóndelle á Comisión de Goberno o desenvolvemento das funcións recollidas no artigo 8 da Lei 14/2007, do 30 de outubro.

2. De xestión.

Para o desenvolvemento das funcións de xestión administrativa, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral contará coas seguintes unidades:

2.1. A Subdirección Xeral de Administración e Persoal, do que dependerá o Servizo de Administración Xeral.

2.2. Subdirección Xeral Técnica e de Planificación, do que dependerá o Servizo Técnico e de Planificación.

3. Os centros de seguridade e saúde laboral.

Conforme o establecido no artigo 9 e na disposición adicional primeira da Lei 14/2007, do 30 de outubro, configúranse como órganos de ámbito territorial provincial que, baixo a dependencia da dirección do instituto e dos órganos de xestión centrais, desenvolverán as funcións propias deste no seu ámbito territorial.

En cada centro existirá un/unha xefe/a do centro, con categoría de xefe/a de servizo, que exercerá a coordinación do mesmo baixo a dependencia orgánica dos órganos centrais correspondentes».

Disposición adicional

Modifícase o artigo 12 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 12º

a) A Consellería de Traballo estrutúrase nos seguintes órganos superiores.

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

b) Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral».

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servizos existentes con anterioridade ou se suprima algunha das devanditas unidades, autorízase o conselleiro de Traballo, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Traballo realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo