DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2008 Páx. 2.395

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 7 de febreiro de 2008 pola que se crea e regula o uso da marca «pescadeRías, ¿de onde se non?».

Exposición de motivos

A frota pesqueira galega que pesca nos caladoiros preto das nosas costas ofrece unha gran variedade de peixes e mariscos cuxa sona de calidade traspasa as nosas fronteiras, porén é frecuente que se atopen nos nosos mercados con produtos similares de distintas procedencias.

Por outra parte, o sector pesqueiro galego é consciente de que as actuais condicións de comercialización dos produtos pesqueiros experimentaron importantes cambios, sendo a diferenciación da súa produción mediante a calidade o mellor garante de continuidade e futuro da súa actividade.

Así mesmo, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega establece entre os seus obxectivos o fomento e a posta en valor dos produtos alimentarios cunha calidade diferenciada.

A este respecto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos desenvolve diversas actuacións para promocionar os produtos frescos da pesca, garantindo a súa rastrexabilidade, é dicir, a capacidade de asegurar que a información dos produtos se transmite desde a produción ata a súa comercialización.

Entre estas actuacións figura a creación dunha marca que poida ser utilizada polas lonxas para identificar os seus produtos. Neste sentido a marca é, en primeiro lugar, un selo de diferenciación e identificación que acredita que os produtos pesqueiros son da costa e están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan nunha lonxa que cumpre determinados requisitos.

Por outra parte, esta marca debe servir de estímulo para que o noso sector pesqueiro aplique o código de boas prácticas nos labores de tratamento do peixe a bordo das embarcacións así como para que as lonxas se esforcen nunha mellora notable e continuada da calidade tanto dos servizos que prestan como dos produtos que nelas se comercializan.

Con esta perspectiva, a Consellería de Pesca e Asuntos marítimos deseñou a marca «pescadeRías, de onde se non?», cuxa obtención e uso se regula nesta orde. A devandita marca foi rexistrada conforme o establecido na Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas.

Na súa virtude, e de acordo coas competencias outorgadas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a creación da marca «pescadeRías, ¿de onde se non?» (en diante marca) así como a regulación das condiciones de seu uso.

Artigo 2º.-Finalidade da marca.

A finalidade da marca é identificar e diferenciar os produtos frescos da pesca e do marisqueo que cumpran os requisitos que se establecen no regulamento da marca.

Artigo 3º.-Propiedade da marca.

A marca é propiedade exclusiva da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en virtude da súa inscrición no Rexistro da Oficina Española de Patentes e Marcas.

Artigo 4º.-Regulamento da marca.

As condicións que deben reunir os usuarios e os produtos para acollerse á marca serán as que se recollen no anexo I desta orde, no cal tamén se inclúe o seu logotipo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Regulamento da marca «pescadeRías, ¿de onde se non?»

Introdución

Entre os obxectivos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está promover e impulsar os produtos da pesca e o marisqueo procedentes da nosa comunidade. Entre as posibles actuacións decidiuse crear unha marca que identifique, ao longo da cadea de distribución, os produtos galegos que polas súas características intrínsecas e polo saber facer da xente do sector de Galicia se diferencian do resto de produtos procedentes doutras orixes.

Así pois, a marca é un selo de diferenciación e identificación que certifica que os produtos da pesca e o marisqueo que o levan proceden da costa galega e foron descargados en portos da nosa comunidade. En relación a isto, entre os obxectivos da marca «pescadeRías, ¿de onde se non?» establécese o de potenciar o consumo responsable dos produtos obxecto de certificación, evitando fraudes de comercialización de produtos foráneos identificados erroneamente como procedentes de Galicia ao longo da cadea de distribución. Por outro lado, a marca outorga unha garantía de calidade que certifica que os produtos gozan dun alto nivel de frescura e que os comercializan entidades que cumpren determinados requisitos sanitarios, de calidade e ambientais. Finalmente a marca promove a sustentabilidade dos recursos pesqueiros mediante a certificación daqueles produtos obtidos con aquelas modalidades de pesca que promovan o benestar do ecosistema, a conservación das poboacións obxecto de pesca e as

consideradas como sustentables desde o punto de vista ambiental e da propia pesqueira.

Xeneralidades

Logotipo da marca.

1. A marca é propiedade exclusiva da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en virtude da súa inscrición no Rexistro da Oficina Española de Patentes e Marcas.

2. A marca expresarase a través do logotipo que figura no anexo I.

3. A reprodución de logotipo e demais características da marca realizaranse conforme o Manual de identidade gráfica da marca dispoñible na Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Requisitos xerais dos produtos acollidos e usuarios

Produtos acollidos

Os produtos da pesca e o marisqueo acollidos á marca «pescadeRías, ¿de onde se non?» deberán cumprir as seguintes indicacións xerais:

1. Soamente poderán acollerse á marca os produtos da pesca e marisqueo frescos ou preparados extraídos en augas da plataforma continental situada entre as liñas que marcan a desembocadura do río Miño e do río Eo, por titulares do permiso correspondente e polas embarcacións do Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia que non realicen singraduras superiores a 24 horas, cuxos produtos se capturen con modalidades de pesca selectivas e cumpran o exposto neste regulamento.

Neste regulamento teranse en conta as seguintes definicións establecidas polo Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal:

«Produtos da pesca frescos»: os produtos da pesca sen transformar, enteiros ou preparados, incluídos os produtos embalados ao baleiro ou en atmosfera modificada, que non se sometesen a ningún tratamento distinto da refrixeración para garantir a súa conservación.

«Produtos da pesca preparados»: os produtos da pesca sen transformar que se sometesen a unha operación que afecte a súa integridade anatómica, como evisceración, descabezado, corte en toros, fileteado e picado.

As especies ao abeiro da marca son as que figuran no anexo IV. Os grupos a que pertencen as mencionadas especies son:

-Algas.

-Moluscos.

Bivalvos.

Cefalópodos.

Gasterópodos.

-Crustáceos.

-Equinodermos.

-Peixes.

Non son obxecto deste regulamento os produtos da acuicultura nin os produtos da pesca procedentes de augas doces.

2. Considérase neste regulamento a posibilidade de producir produtos transformados a partir de produtos da pesca e marisqueo frescos ou preparados certificados pola marca «pescadeRías, ¿de onde se non?», nos cales se poderá poñer o logotipo da marca con algunha das lendas indicadas no capítulo dedicado á cadea de custodia. Para iso garantirase a rastrexabilidade dos devanditos produtos certificados ao longo de todo o proceso de produción e comercialización.

Enténdese por «transformación» calquera acción que altere substancialmente o produto inicial, incluído o tratamento térmico, o afumado, o curado, a maduración, o secado, o mariñar, a extracción, a extrusión ou unha combinación deses procedementos; por «produtos da pesca transformados» enténdese neste regulamento o seguinte: produtos transformados resultantes da transformación de produtos da pesca ou da nova transformación dos devanditos produtos transformados (Regulamento (CE) nº 853/2004).

3. Os produtos amparados baixo a marca deben cumprir con todos os requisitos que a lexislación vixente exixe, en especial os referidos ao tamaño mínimo así como os que se refiren ás licenzas para realizar a captura, períodos e zona de veda autorizados, etc.

4. Os produtos acollidos a esta marca deben ser capturados como máximo 24 horas antes da súa primeira venda.

5. As artes de pesca empregadas na extracción dos produtos acollidos serán aquelas que figuren como autorizadas pola lexislación vixente da Comunidade Autónoma galega e que sexan aprobados polo Comité Certificador da Marca.

6. Os produtos deben ter un nivel de frescura extra, en primeira venda, conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 2406/1996 do Consello, polo que se establecen normas comúns de comercialización para determinados produtos pesqueiros.

7. Os produtos débense manipular conforme a lexislación sanitaria vixente e conservar mediante sistemas que garantan a súa inocuidade alimentaria e frescura desde o seu izado a bordo ou recolección ata a súa presentación na lonxa.

8. En todas as fases de comercialización o produto obxecto de certificación deberá presentar unhas condicións hixiénico-sanitarias e de calidade (frescura, presentación, etc.) óptimas.

Para o caso concreto dos moluscos garantirase que presenten as características organolépticas propias da frescura e viabilidade, incluídas a ausencia de suciedade na cuncha, unha reacción axeitada á percusión e unha cantidade normal de líquido intervalvar.

9. Nos produtos da pesca e marisqueo frescos ou preparados amparados na marca non se empregará ningún tipo de conservante químico nin aditivo artificial.

10. Etiquetaxe.

10.1. A marca, como selo de identidade e diferenciación dos produtos da pesca e o marisqueo, proporciona unha información adicional e non substitutoria da etiquetaxe regulamentaria dos produtos pesqueiros; non se poderá facer uso da marca en produtos que non estean convenientemente etiquetados conforme a normativa vixente sobre identificación dos produtos da pesca, da acuicultura e do marisqueo, vivos, frescos, refrixerados ou cocidos.

A etiqueta identificativa de uso obrigatorio establecida pola normativa vixente deberá ser ampliada ata a primeira venda co nome da marca e o seu grafismo será segundo aparece no anexo I, así como a información requirida neste regulamento. No resto da cadea de distribución (a partir da primeira venda) a etiqueta identificativa de uso obrigatorio establecida pola lexislación poderá ser ampliada coa información concernente a este regulamento. Se non se amplía a etiqueta obrigatoria, a información requirida por este regulamento localizarase nunha etiqueta independente.

No anexo II móstrase o modelo de etiqueta identificativa combinada que recolle a información exixida pola lexislación e os requisitos exixidos neste regulamento para a primeira venda. O Comité de Certificación da Marca aprobará modelos semellantes para o resto da cadea de distribución.

10.2. Na etiqueta da marca, ademais do que establece a normativa citada anteriormente, figurarán os seguintes datos:

a) Identificación da zona de captura: farase constar a zona de captura empregando a opción correspondente establecida no anexo III; a continuación poderase especificar con maior detalle a zona concreta onde se realizou a extracción. No caso das reservas mariñas autorizadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou figuras similares poderase completar a información anterior facendo referencia a estas nunha tipografía cuxos caracteres teñan unha dimensión inferior.

b) Data de desembarco a porto ou entrega en lonxa no caso do marisqueo a pé

c) O logotipo da marca.

10.3. No caso de que os produtos acollidos á marca e identificados conforme os puntos anteriores, se traspasen a outras caixas ou envases ou reciban algún tipo de manipulación por entidades distintas dos usuarios rexistrados, non poderá reproducirse o logotipo identificativo da marca.

10.4. Queda prohibida a utilización, noutros produtos non acollidos, de nomes, termos, expresións e signos, que pola súa similitude fonética ou gráfica cos protexidos, poidan inducir a confusión cos que son obxecto desta regulamentación.

A defensa da marca «pescadeRías, ¿de onde se non?», a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto acollido, quedan encomendados á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, no marco das respectivas competencias.

As diversas consideracións para o emprego da marca descríbense no anexo VI.

Usuarios

A marca poderá ser utilizada para os produtos frescos ou preparados da pesca e o marisqueo que determine o titular da entidade usuaria solicitante da marca considerados no capítulo anterior, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. Os posibles usuarios dos produtos certificados pola marca obxecto deste regulamento son: lonxas, centros de depuración/expedición, cetarias de marisco e distribuidores de peixe e marisco nas cales as instalacións de manipulación estean situadas no territorio galego. Considérase tamén a posibilidade de certificación daquelas empresas que realicen en Galicia procesos de transformación de produto amparado por este regulamento; neste suposto certificarase a cadea de custodia do produto que leva a marca.

2. As instalacións dos distintos usuarios deberán cumprir con cantas concesións, autorizacións, licenzas ou permisos lles sexan aplicables segundo as disposicións legais vixentes que regulan e afectan a súa actividade. Para iso, cada empresa deberá:

a) Ter identificados todos os requisitos legais aplicables ás súas instalacións e á súa actividade.

b) Dispoñer dos permisos e licenzas establecidos pola lexislación.

c) Atender as inspeccións e rexistros necesarios que aseguren o cumprimento dos requisitos legais e das normas específicas deste regulamento.

3. O usuario deberá garantir o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria que lle sexa aplicable, en especial aquela referida á adecuación das prácticas e comportamentos do persoal na manipulación dos produtos, a adecuación das condicións ambientais de manipulación (temperatura, limpeza, desinfección, etc.) e a adecuación das instalacións e equipamentos empregados.

4. Se o usuario ten unha sanción firme en vía administrativa por incumprimento da normativa pesqueira e/ou hixiénico-sanitaria e/ou ambiental, non poderá acollerse á marca ata que transcorra un prazo de seis meses desde a data en que a dita sanción adquiriu firmeza.

5. Requisitos do transporte. Os produtos certificados por esta marca transportaranse en vehículos isotermos ou frigoríficos que garantan o mantemento da cadea de frío. Realizarase conforme a regulamentación técnico-sanitaria vixente. Se o transporte é responsabilidade do usuario da marca, este realizarase garantindo, mediante rexistros axeitados, o mantemento da temperatura óptima dos produtos considerando os límites establecidos en cada punto específico.

6. Requisitos ambientais. Todas as actividades dos usuarios asociadas co obxecto desta marca deberán ser respectuosas co medio:

6.1. As instalacións deberán cumprir co disposto na lexislación vixente en materia ambiental.

Para iso, o usuario debe:

a) Identificar os requisitos legais aplicables a este.

b) Dispoñer das autorizacións, permisos e licenzas establecidos pola lexislación.

6.2. As prácticas dos usuarios naqueles aspectos relacionados co obxecto desta marca serán ambientalmente sustentables. Potenciarase a implantación de sistemas para o emprego eficente de auga, enerxía e produtos auxiliares.

6.3. Os residuos deberán ser tratados conforme a súa natureza. Para iso o usuario deberá:

6.3.1. Identificar a natureza dos residuos xerados durante o proceso, de acordo co disposto na lexislación vixente.

6.3.2. Separar os residuos.

6.3.3. Xestionar a súa recollida e posible valorización de acordo co establecido na lexislación vixente.

7. Requisitos do sistema de xestión interno do usuarios:

7.1. Sistema de xestión

O usuario terá definido un sistema de xestión implantado, mantido, revisado e mellorado cando sexa apropiado.

O persoal relevante debe dispoñer en todo momento da información que estea relacionada co mantemento e control do sistema de xestión.

7.1.1. Estrutura organizativa, responsabilidade e autoridade.

O usuario debe ter unha estrutura organizativa que asegure que as funcións, responsabilidades e autoridades do persoal cuxas actividades afecten a seguridade, legalidade e calidade do produto están claramente definidas.

O usuario debe ter implantado un sistema que lle asegure manterse informado de toda a lexislación aplicable, información científica e técnica, e códigos de boas prácticas sectoriais.

O equipo directivo da entidade usuaria da marca debe estar completamente comprometido co desenvolvemento, a implantación e a mellora do sistema de xestión, proporcionando todos os recursos necesarios para implantar e mellorar os procesos do sistema de xestión e do sistema APPCC (análise de perigos e puntos de control críticos).

7. 1.2. Control da documentación.

O usuario debe asegurar que se establecen todos os documentos, rexistros e datos críticos para a xestión da seguridade, legalidade, calidade do produto e ambiente e que se controlan de forma efectiva.

Rexistros: o usuario debe manter rexistros para demostrar o control efectivo da seguridade, legalidade, calidade do produto e ambiente durante un tempo mínimo dun ano máis alá da data máxima posible de consumo do produto.

7. 1.3. Accións correctivas.

O usuario debe asegurar a existencia de procedemento para investigar a causa dunha non-conformidade cando sexa crítica para a seguridade, legalidade, calidade do produto e medio.

7. 1.4. Tratamento das reclamacións.

O usuario debe ter un sistema para a xestión das reclamacións de produto dos seus clientes.

7. 1.5. Rastrexabilidade.

O usuario debe ter un sistema que lle permita rastrexar e identificar os produtos inequivocamente desde a súa orixe ata a súa expedición de acordo co establecido no Regulamento CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria.

7. 1.6. Xestión de incidencias e retirada de produto.

O usuario debe ter un sistema de control efectivo das incidencias e procedementos en vigor para a recuperación do produto da cadea de subministración asegurando que se controlan todos os riscos potenciais para a calidade, seguridade alimentaria e legalidade. O procedemento debe estar operativo en calquera momento, co fin de poder levar a cabo a identificación e localización do produto, a recuperación, o almacenamento e a súa destrución.

7.2. O alicerce do sistema de xestión do usuario debe ser un Manual de análise de perigos e puntos de control crítico (Manual APPCC); o cal debe ser sistemático, comprensivo e completo, completamente implantado e mantido, e debe estar baseado nos sete principios APPCC establecidos no Codex Alimentarius:

-Principio 1: realizar unha análise de perigos.

-Principio 2: determinar os puntos de control crítico (PCC).

-Principio 3: establecer un límite ou límites críticos.

-Principio 4: establecer un sistema de vixilancia do control dos PCC.

-Principio 5: establecer as medidas correctivas que se deben adoptar cando a vixilancia indica que un determinado PCC non está controlado.

-Principio 6: establecer procedementos de comprobación para confirmar que o sistema de APPCC funciona eficazmente.

-Principio 7: establecer un sistema de documentación sobre todos os procedementos e os rexistros axeitados para estes principios e a súa aplicación.

O sistema APPCC debe identificar os perigos que son de tal natureza que a súa eliminación ou redución a niveis aceptables é esencial para a correcta elaboración do produto. A análise de perigos, onde sexa posible, debería incluír a probabilidade de existencia dos perigos e a severidade dos seus efectos respecto á saúde do consumidor.

Débense manter os rexistros dos resultados derivados dos controis efectuados nos PCC.

8. Persoal.

O usuario contará no cadro de persoal con persoal técnico especializado na área dos produtos da pesca e marisqueo: persoal procedente de ciclos formativos, estudos medios ou superiores con formación específica nas áreas citadas. Se, por razóns relacionadas coa dimensión do usuario, non é posible contar co devandito persoal no cadro de persoal, deberase contar con asesoramento externo cualificado para todos aqueles aspectos relacionados coa regulamentación técnico-sanitaria.

Garantirase a correcta implantación de boas prácticas de hixiene nos usuarios, así como a verificación que realiza destas.

O usuario entregará roupa de protección axeitada á actividade aos manipuladores, visitantes ou subcontratistas que traballen ou entren en áreas de manipulación de alimentos.

Formación: o usuario debe asegurar que todos os empregados son formados, instruídos e supervisados axeitadamente acorde coas súas actividades. A empresa debe manter os rexistros de formación. A empresa debe ter un programa de adestramento e formación en hixiene de acordo co establecido na lexislación vixente.

9. Os usuarios que se queiran acoller á marca deberán pasar polo proceso de certificación descrito no anexo V.

Requisitos específicos

Lonxas

1. Os titulares da concesión ou autorización da lonxa deberán acreditar o cumprimento da normativa vixente en materia pesqueira, en especial a referida á protección dos recursos e á obriga de subministrar información estatística sobre desembarcos e vendas

2. Os titulares da concesión ou autorización da lonxa teñen que cumprir os seguintes requisitos básicos para poder solicitar o uso da marca:

2.1. Ter en funcionamento un sistema informatizado de control da información obtida na poxa/venda e actividades relacionadas.

2.2. Garantir o cumprimento da normativa vixente de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España en canto á información contida na etiqueta que acompaña ao produto certificado.

2.3. Ter actualizado e operativo un censo dos compradores que operan na lonxa.

3. Os produtos certificados manteranse a unha temperatura próxima á de fusión do xeo coa excepción dos moluscos bivalvos e crustáceos comercializados vivos, para os cales a temperatura de conservación debe ser tal que garanta que non afecta negativamente a súa viabilidade.

A temperatura das instalacións da lonxa onde se expoña o produto sen xeo deberá ser tal que se garanta a calidade do produto fresco e a súa inocuidade alimentaria (ou a súa viabilidade no caso dos moluscos bivalvos e crustáceos comercializados vivos).

4. Deixaranse corredores para o paso dos compradores durante a poxa/venda para evitar que se pise sobre as caixas de produto.

5. Os recipentes en que se conserven en xeo os produtos certificados frescos deberán ser impermeables e evitar que a auga procedente da fusión do xeo permaneza en contacto cos produtos.

6. As operacións de primeira venda que se realicen sobre produto obxecto de certificación deberán cumprir cos requisitos oportunos deste regulamento.

7. Queda a criterio dos titulares da autorización da lonxa a posibilidade de certificar os seus produtos cuxa primeira venda se realice noutras lonxas que cumpran o exposto neste regulamento.

Centros de depuración/expedición e cetarias

1. Os produtos da pesca que se manteñan vivos conservaranse despois da depuración (se procede) a unha temperatura que non afecte negativamente a inocuidade dos alimentos ou a súa viabilidade.

Se é necesario arrefriar o produto e se emprega xeo evitarase o contacto directo con este.

2. O molusco non permanecerá fóra da auga máis de seis horas nas instalacións do usuario.

3. Non é posible a mestura da mesma especie acollida á marca e non acollida á marca nos mesmos depósitos de depuración ou mantemento (piscinas, tanques, contedores, ou calquera outro sistema semellante).

4. As embalaxes de produtos certificados vivos que constitúan envases unitarios de venda ao consumidor deberán estar pechados e permanecerán pechados despois da súa saída das instalacións do usuario ata a súa presentación á venda ao consumidor final. No mesmo envase non se poderán comercializar especies acollidas á marca e non acollidas a esta.

5. Os produtos da pesca que se vaian comercializar vivos deberán transportarse de xeito que non afecte negativamente a inocuidade dos alimentos ou a súa viabilidade.

Distribuidores.

1. Os produtos certificados manteranse a unha temperatura próxima á de fusión do xeo coa excepción dos moluscos bivalvos e crustáceos comercializados vivos, para os cales a temperatura de conservación debe ser tal que garanta que non afecte negativamente a súa viabilidade.

2. As empresas distribuidoras da marca garantirán o non almacenamento de produto certificado por un tempo superior a 24 horas. Se se produce o devandito almacenamento, este realizarase conforme a normativa técnico-sanitaria vixente e en condicións de refrixeración, de forma que se garanta unha correcta temperatura do produto e a súa inocuidade alimentaria.

No caso dos produtos vivos non é posible almacenalos, terán que expedirse obrigatoriamente no mesmo día da súa recepción.

Os distribuidores que realicen estabulación de crustáceos deberán cumprir os requisitos referentes a centros de depuración/expedición e cetarias.

3. Contarán coa documentación que asegure que o produto certificado comercializado cumpre co exposto neste regulamento.

Cadea de custodia.

1. Considérase a posibilidade de que aquelas empresas transformadoras dos produtos da pesca e o marisqueo que empreguen para os seus procesos materia prima certificada «pescadeRías, ¿de onde se non?» o indiquen na súa etiquetaxe sempre e cando o produto certificado sexa o compoñente exclusivo da categoría de produto correspondente e os usuarios estean debidamente autorizados para iso. Con tal fin, deberán garantir ao longo de toda a cadea de produción e comercialización o emprego inequívoco de produto certificado non sendo posible a mestura con produto non certificado.

Inclúense dentro desta categoría de empresa aquelas que realizan actividades de transformación dos produtos da pesca e o marisqueo tal e como se define no Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, a saber: conserveiras, cocedoiros, pasteurizadores, conxeladores, empresas de rebozados, etc.

2. Estableceranse todas as medidas oportunas para evitar a contaminación con materia prima non certificada nos procesos produtivos acollidos a este regulamento. En especial velarase por aqueles puntos que son críticos en canto á posible mestura de produto non certificado, garantindo que se realiza unha axeitada actividade de identificación e segregación.

3. O sistema documental debe identificar de forma fidedigna todos aqueles aspectos relevantes do proceso produtivo que garanten que non é posible a mestura de produto certificado e non certificado.

4. Ao longo de todo o proceso de transformación non se aceptarán aquelas actividades que leven consigo unha perda clara de inocuidade ou calidade do produto final.

5. A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aprobará a comunicación que realicen nos produtos os distintos usuarios incluídos no rexistro de cadea de custodia. Algunhas fórmulas posibles indícanse a continuación:

-Producido con produto certificado «pescadeRías, ¿de onde se non?».

-Fabricado con produto certificado «pescadeRías, ¿de onde se non?».

-Produto transformado de especie certificada «pescadeRías, ¿de onde se non?».

ou calquera outra fórmula equivalente convenientemente autorizada pola Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Empregaranse en exclusiva as fórmulas aprobadas, e non se aceptarán posibilidades similares.

Ver referencia pdf "03100D001P007.PDF"

ANEXO III

Zonas de captura consideradas neste regulamento

O texto que figura en grosa é de inclusión obrigatoria na etiquetaxe.

Zona I. Vigo. Zona comprendida desde o paralelo que pasa pola desembocadura do río Miño ata o paralelo que pasa por punta Soavela.

Zona II. Pontevedra. Zona comprendida desde o paralelo que pasa por punta Soavela ata o paralelo que pasa por punta Faxilda.

Zona III. Arousa. Zona comprendida desde o paralelo que pasa por punta Faxilda ata o paralelo que pasa por punta Sieira.

Zona IV. Muros. Zona comprendida desde o paralelo que pasa por punta Sieira ata o paralelo que pasa por punta Insua.

Zona V. Fisterra. Zona comprendida desde ou paralelo que pasa por punta Insua ata o paralelo que pasa por cabo Touriñán.

Zona VI. Costa da Morte. Zona comprendida desde o paralelo que pasa por cabo Touriñán ata o meridiano que pasa por punta Langosteira.

Zona VII. A Coruña-Ferrol. Zona comprendida desde o meridiano que pasa por punta Langosteira ata o meridiano que pasa por cabo Prioriño.

Zona VIII. Cedeira. Zona comprendida desde o meridiano que pasa por cabo Prioriño ata o meridiano que pasa por cabo de Bares.

Zona IX. Mariña lucense. Zona comprendida desde o meridiano que pasa por cabo de Bares ata o río Eo.

Ver referencia pdf "03100D001P007.PDF"

ANEXO V

Proceso de certificación

Co fin de garantir o cumprimento do exposto neste regulamento, os usuarios pasarán por un proceso en que o resultado final é a certificación do seu produto baixo a marca «pescadeRías ¿de onde se non?». Para iso executaranse as distintas fases expostas a continuación:

1. Solicitude por parte do usuario.

2. Tramitación da solicitude.

3. Seguimento dos usuarios e auditorías de avaliación da conformidade.

4. Resolución da certificación e vixencia desta.

5. Uso da marca.

6. Controis en puntos de venda.

1. Solicitude por parte de usuario.

1. A autorización de uso de marca poderá ser solicitada polos titulares das entidades usuarias con intención de certificar os seus produtos baixo a marca «pescadeRías ¿de onde se non?» que reúnan os requisitos establecidos neste regulamento.

2. Os titulares das entidades usuarias que desexen utilizar a marca para un ou varios dos produtos frescos da pesca e marisqueo que comercialicen, deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo o modelo normalizado que figura no anexo VI, debidamente cuberto e acompañado dos datos, documentos e comprobantes que, en cada caso, sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes.

2. Tramitación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos correspondentes, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A delegación territorial examinará a documentación e comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos para a utilización da marca. A delegación territorial requirirá, se é o caso, a emenda das solicitudes nun prazo de 10 días, con indicación de que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá será ditada nos termos previstos no artigo 42 de Lei 30/1992, antes citada.

A delegación territorial remitirá á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a solicitude aceptada quen, ademais de xestionar o oportuno rexistro, a comunicará pola súa vez á entidade de certificación designada para realizar o control. A entidade de certificación designada executará o procedemento interno establecido para a avaliación da conformidade da marca.

Rexistro:

1. Non se admitirá a inscrición no rexistro daqueles usuarios que non estean debidamente autorizados para a súa actividade.

2. Calquera variación na titularidade dos usuarios inscritos nos rexistros da marca deberá ser comunicada á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos polo seu titular.

3. A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de lonxas.

b) Rexistro de centros de depuración e/ou expedición.

c) Rexistro de cetarias de marisco.

d) Rexistro de empresas distribuidoras.

e) Rexistro de empresas transformadoras (cadea de custodia).

4. A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos denegará as inscricións que non se axusten aos preceptos deste regulamento.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles rexistros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, e en especial nos rexistros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Consellería de Sanidade, o que haberá que acreditar previamente á inscrición nos rexistros da marca.

6. Coa solicitude da inscrición presentaranse copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.

7. A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos entregará unha credencial da devandita inscrición aos usuarios.

8. Todas as inscricións nos diferentes rexistros serán voluntarias e renovaranse no prazo e forma que determine a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. Seguimento dos usuarios e auditorías de avaliación da conformidade.

Para garantir por parte do usuario o cumprimento dos requisitos establecidos neste regulamento establécense dous niveis de control: control continuo realizado directamente por persoal do Servizo de Protección de Recursos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e avaliacións da conformidade periódicas promovidas pola Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e realizadas por unha entidade de certificación independente que deberá cumprir a norma EN 45011.

Durante o seguimento continuado dos requisitos do regulamento realizado polo persoal propio da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, poderase advertir á entidade de avaliación da conformidade designada sobre a necesidade de realizar auditorías extraordinarias cando se detecten carencias no cumprimento do establecido neste regulamento.

Se das avaliacións efectuadas se desprende que un usuario carece de actividade, ou que nos dous últimos anos non comercializou produtos ao abeiro da marca, poderase suspender provisionalmente a inscrición no rexistro correspondente, de acordo coas normas ditadas pola Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de incoación de expediente, salvo causas de forza maior debidamente xustificadas ante este.

As avaliacións da conformidade serán realizadas por unha entidade de certificación independente designada para iso nas instalacións do usuario. Nestas visitas controlarase o cumprimento dos requisitos expostos neste regulamento.

-Lonxas: anualmente realizaranse auditorías de avaliación da conformidade á totalidade das lonxas rexistradas de tal forma que se garanta o cumprimento deste regulamento.

-Depuradoras de moluscos/centros de expedición de moluscos, cetarias e distribuidores: todos os usuarios inscritos no rexistro da marca deben ser avaliados inicialmente. O seu seguimento posterior realizarase anualmente, avaliando a raíz cadrada dos usuarios desta categoría inscritos no rexistro para o devandito ano. Os mesmos seleccionaranse ao chou informándoos da realización da auditoría da avaliación da conformidade con polo menos 15 días de antelación. Así mesmo, incluiranse dentro daquelas empresas que se auditarán, as que en ocasións anteriores mostraron un incumprimento manifesto do exposto neste regulamento. Serán avaliadas tamén aquelas entidades identificadas polo persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos durante o seguimento continuou que se realiza.

-Empresas que certifiquen a cadea de custodia: anualmente realizaranse auditorías de avaliación da conformidade á totalidade de empresas rexistradas de tal forma que se garanta o cumprimento deste regulamento.

Durante a auditoría de avaliación da conformidade buscaranse evidencias obxectivas que demostren a aplicación dos distintos puntos do regulamento.

4. Resolución da certificación e vixencia desta.

Coa información obtida durante a fase anterior (informes emitidos polos auditores da entidade de certificación e resultados da avaliación en continuo) o comité de certificación designado decidirá sobre a certificación ou non do usuario. Para iso seguirá as pautas establecidas pola Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O comité de certificación estará composto por:

-Director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

-Xefe do Servizo de Mercados da Pesca da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (realizará as tarefas de secretario/a das reunións do comité).

-Representante do Servizo de Protección de Recursos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Representante do Instituto Galego de Consumo.

-Representante da Unidade Técnica de Baixura da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Representante da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

-Representante da Consellería de Sanidade.

-Representante da entidade de certificación designada para realizar a tarefas de avaliación da conformidade.

-Dous representantes dos colectivos de usuarios da marca.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses contados desde a realización da totalidade das tarefas de avaliación da conformidade pola entidade independente designada.

A resolución en materia de autorización de uso da marca porá fin á vía administrativa e contra ela caberán os recursos correspondentes segundo a normativa vixente.

Vixencia da autorización.

A autorización de uso da marca terá un período de validez de tres anos contados a partir da data do seu outorgamento. Verificarase mediante o seguimento en continuo realizado polo persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e mediante auditorías de avaliación da conformidade tal e como se expuxo anteriormente.

A renovación da autorización deberá ser solicitada dentro do último mes do seu período de vixencia. A presentación, tramitación e resolución da solicitude de renovación farase no modo previsto nas alíneas anteriores.

5. Uso da marca.

1. Mediante a resolución que, se é o caso, dite o comité técnico, a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos autoriza a titular da lonxa solicitante o uso da marca para o produto ou produtos que solicite.

2. A marca acompañará os produtos frescos da pesca e marisqueo nas diversas fases da súa comercialización, sempre que o produto se manteña no envase orixinal expedido polo usuario. No suposto de que o produto certificado se empregue para transformar aplicarase o establecido no punto que trata a cadea de custodia do produto certificado.

3. Cando o produto certificado acollido á marca non se expoña á venda no seu envase orixinal expedido polo usuario, poderase reproducir o logotipo da marca na taboíña ou cartel utilizado para os efectos da súa etiquetaxe regulamentaria, ou mediante calquera outro elemento que permita ao consumidor final recoñecer os produtos pesqueiros acollidos á marca. Para os efectos de control e seguimento da marca, os titulares destes establecementos deberán dispoñer, ademais da información obrigatoria que garante a rastrexabilidade conforme o Real decreto 121/2004, do 23 de xaneiro, a información que acredite o usuario de procedencia do produto e a súa vinculación coa marca.

6. Controis en punto de venda.

Para garantir ao consumidor final o cumprimento de todos os requisitos aplicables aos usuarios da marca, realizaranse verificacións periódicas nos puntos de venda. Durante estes verificarase a correcta aplicación do regulamento por parte dos usuarios, actuando no suposto de atopar desviacións ao exposto neste regulamento. Comprobarase, así mesmo, a correcta identificación do produto certificado realizada polo punto de venda en cuestión en caso de que o produto non se expoña nos envases orixinais. As desviacións atopadas serán investigadas e postas en coñecemento do usuario implicado.

Ver referencia pdf "03100D001P007.PDF"

ANEXO VII

Control do uso do certificado de aprobación e marca

de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?»

Este anexo describe as condicións de uso do certificado de aprobación e as marcas de conformidade na certificación «pescadeRías ¿de onde se non?» polos usuarios acollidos a esta, na etiquetaxe dos produtos da pesca e marisqueo certificados e noutros elementos e documentos.

O certificado de aprobación será outorgado cando o usuario demostre o cumprimento dos requisitos do regulamento da marca mediante a correcta execución do proceso descrito no anexo V e das condicións de uso do certificado de aprobación e marcas de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?». O certificado de aprobación, con validez de tres anos, conterá a información que figura no modelo de certificado.

Condicións de uso do certificado de aprobación.

-O certificado de aprobación pode ser exhibido nas oficinas ou instalacións, así como usado en anuncios e publicacións publicitarias durante o período de validez do certificado.

-Pódense expedir copias do certificado de aprobación para a súa distribución entre os clientes dos usuarios, pero nunca para o consumidor final de produto certificado.

-O certificado de aprobación non pode ser utilizado de modo enganoso no que se refire ao alcance da certificación.

-O certificado de aprobación non pode ser utilizado de modo que xere confusión no mercado.

-Non pode facerse ningunha referencia falsa ao certificado de aprobación.

Marcas de conformidade.

Existen dúas diferentes marcas de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?»:

-Marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?».

-Número de rexistro «pescadeRías ¿de onde se non?».

Condicións xerais do uso das marcas de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?».

Os usuarios aos que lles foi outorgado o certificado de aprobación «pescadeRías ¿de onde se non?» teñen permitido utilizar as marcas de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?» durante a validez do certificado. A marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» poden aparecer no produto ou envase do produto para o consumidor final.

Condicións específicas para o uso das marcas rexistrada/logotipo de conformidade «pescadeRías ¿de onde se non?».

Marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?».

A marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» ten as seguintes características:

pesca:

«Helvética Neue 45 light»

(Interlineado e groso retocados), caixa baixa.

deRías:

«Helvética Neue 65 Médium»

(Interlineado e groso retocados), todos os tipos en caixa baixa agás o R que vai en caixa alta.

Texto de apoio

¿de onde se non?:

«Helvética Neue 35 thin»

(Interlineado e groso retocados), caixa baixa.

A compañía certificada deberá usar a marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» só en conexión cos produtos que para os que estea certificada e producidos de completa conformidade coas condicións obrigatorias deste regulamento.

Está permitido utilizar a marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» de acordo coas condicións seguintes:

Os termos «certificado» ou «aprobado» ou, a combinación de ambos os dous cun termo que designe o nome do usuario pode ser engadido nunha linguaxe que sexa adoitada no comercio (mercado) respectivo.

Exemplos:

-«pescadeRías ¿de onde se non?» certificado: número de rexistro: [nome comercial do usuario]».

-«pescadeRías ¿de onde se non?» aprobado: número de rexistro: [nome comercial do usuario]».

-«pescadeRías ¿de onde se non?» empresa recoñecida: Nº Rex.: [nome comercial do usuario] [número de rexistro do usuario]».

Futuras variacións poden ser acordadas. As emendas teñen que facerse por escrito e requiren a aprobación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para ser validadas.

-O representante da entidade usuaria deberá indicar ao usar a marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» que é unha marca rexistrada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-O representante da entidade usuaria nunca poderá utilizar a marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» como parte da súa empresa ou negocio.

-O representante da entidade usuaria deberá deixar claro a terceiras partes e consumidores mentres utilice a marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?», por medio da etiquetaxe axeitada, que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos non é o produtor dos produtos que se adquiren. O representante da entidade usuaria deberá indemnizar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos por calquera posible responsabilidade fronte a reclamacións derivadas do uso da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?».

-O representante da entidade usuaria non terá permitido perseguir terceiros infractores da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?». En calquera caso, estalle permitido sumarse aos procedementos sancionadores promovidos pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co obxecto de corroborar os danos causados pola infracción, e non deberá ser afectado por iso. El deberá, sen demora ningunha, informar a entidade de calquera utilización ou aplicación dunha marca comercial capaz de ser confundida coa marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?».

-O representante da entidade usuaria deberá informar a entidade e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de calquera prexuízo ou reclamación de danos a terceiras partes causado pola utilización da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos deberá esforzarse ao máximo para asistir o representante da entidade usuaria para defenderse destas reclamacións.

A marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» debe ser sempre obtido da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. O logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» deberá conter sempre a cor corporativa e formato que se mostran a continuación:

Ver referencia pdf "03100D001P007.PDF"

A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca de da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos determina o uso da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?», e o seu uso é limitado ás seguintes organizacións:

-Entidades usuarias certificadas «pescadeRías ¿de onde se non?».

-A entidade de certificación aprobada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que o poderán usar en comunicacións con outras sociedades comerciais promovendo as súas actividades de certificación, e nos certificados «pescadeRías ¿de onde se non?» emitidos.

-Calquera outra organización baseada en acordos individuais, tales como os Formadores da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aprobados, publicacións, etc.

O uso da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» polas entidades usuarias será como segue:

-Demostrarase que o uso da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» está baixo o control do usuario e que cumpre cos requirimentos deste regulamento.

-O uso da marca rexistrada/logotipo deberá ser controlado e manterase un rexistro dos produtos certificados, as instalacións e marcas comerciais que usen a marca rexistrada/logotipo.

Número de rexistro pescadeRías ¿de onde se non?».

O número de rexistro «pescadeRías ¿de onde se non?» é proporcionado pola Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Os números de rexistro de «pescadeRías ¿de onde se non?» dos donos de certificados aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (produtores certificados) poden atoparse en liña a través dos seguintes vínculos:

-http://www.pescaderias.org

-http://www.pescaderias.info

-http://www.pescaderiasgalicia.org

-http://www.pescaderiasgalicia.net

-http://www.pescaderiasgalicia.com

-http://www.deondesenon.com

-http://www.deondesenon.es

-http://www.deondesenon.info

-http://www.pescaderiasdeondesenon.com

-http://www.pescaderiasdeondesenon.es

-http://www.pescaderiasdeondesenon.info

O uso da totalidade do número de rexistro «pescadeRías ¿de onde se non?» con referencia ao produto certificado e/ou a organización certificada está restrinxida aos donos dos certificados «pescadeRías ¿de onde se non?», os cales poden aparecer unicamente nos seguintes items:

-Certificados e as súas copias.

-Comunicacións de empresa a empresa.

-Palés que conteñan soamente produtos certificados «pescadeRías ¿de onde se non?», poden tamén, ademais do nº de rexistro «pescadeRías ¿de onde se non?» completo, levar un símbolo da marca rexistrada/logotipo «pescadeRías ¿de onde se non?» ata unha altura máxima de 100 milímetros sempre e cando o tipo de etiqueta ou o material ao cal está adherida non permita que esta apareza no punto de venda.

Control e seguimento.

A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sen prexuízo das inspeccións regulamentarias, establecerá un plan de seguimento e control baseándose no anteriormente exposto para garantir o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos para o uso da marca/logotipo.

O plan de seguimento e control, que indicará os elementos obxecto de control e a súa frecuencia, establecerase para os usuarios autorizados ao uso da marca ou en trámites de selo. Para iso, a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá empregar, ademais de persoal propio da consellería, os servizos dunha entidade de avaliación da conformidade externa, debidamente autorizada.

a) CESAMENTOS PRESIDENCIA