DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2008 Páx. 2.294

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de febreiro de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2008.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 15 de maio de 2007, a Orde do 10 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013. De acordo coas ditas bases, anualmente deben ser convocadas estas axudas, polo que procede realizar a convocatoria correspondente ao ano 2008.

Por outra parte, a entrada en vigor da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicada no DOG o 25 de xuño pasado, obriga a facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

Ademais, tamén é necesario modificar as ditas bases para adaptar o seu contido ao do texto definitivo do documento de programación (Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013) que sufriu algúns cambios durante a súa tramitación no relativo aos programas de calidade diferenciada que se poden acoller a estas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, aprobadas mediante a Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2008.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Artigo 2º.-Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, aprobadas mediante a Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio):

Primeira.-Modificación da letra b) do artigo 2.

A letra b) do artigo 2º (definicións) queda redactada como segue:

«b) As seguintes figuras de calidade diferenciada dos alimentos previstas na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e na Lei 24/2003, da viña e do viño:

-Bebidas espirituosas con denominación xeográfica.

-Viños da terra».

Segunda.-Modificación da letra c) da alínea 1 do artigo 5º.

A letra c) da alínea 1 do artigo 5º (Gastos subvencionables e contía das axudas) queda redactado do seguinte xeito:

«c) Estudos e outras accións de divulgación entre os consumidores.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos entre os consumidores».

Terceira.-Modificación do artigo 11º.

O artigo 11º queda redactado como segue:

«Artigo 11º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións.

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

-Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda, debendo ademais reintegrar, se é o caso, as contías percibidas anticipadamente.

-Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Cuarta.-Modificación da disposición adicional segunda.

A disposición adicional segunda queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional segunda.-Réxime xurídico.

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde haberá que aterse ao disposto Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo aquilo que non se opoña á citada lei».

Sección segunda

Convocatoria 2008

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2008, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, sendo as súas bases reguladoras as contidas na Orde do 10 de maio de 2007, coas modificacións recollidas na sección primeira desta orde.

Estas axudas teñen por finalidade o financiamento de actuacións dirixidas aos consumidores relativas á promoción, á asistencia e organización de feiras e exposicións e á realización de estudos e outras actividades de divulgación, que sexan executadas por consellos reguladores e asociacións sen ánimo de lucro de ámbito galego que participen nalgún programa de calidade diferenciada.

Artigo 4º.-Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio) pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas, coas modificacións introducidas na sección primeira desta orde. Como anexos inclúense o modelo de solicitude (anexo I) e a documentación complementaria que se deberá presentar acompañándoa (anexo II).

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 14 de marzo de 2008.

Artigo 6º.-Financiamento das axudas.

As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2008, na aplicación orzamentaria 11.03.713D.7810, cunha dotación de 1.580.000 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira

Primeira.-Disposición de desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "02900D005P066.PDF"