DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2008 Páx. 2.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de xaneiro de 2008 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, para celebrar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego, e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 6.4º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, especifica que a Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. Dentro do seu ámbito, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano que ten as atribucións e as funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4 do artigo 60, establécese que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Mediante o acordo subscrito o día 10 de setembro de 2007 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística establecéronse as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as escolas oficiais de idiomas, como centros de ensinanzas de réxime especial dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega, Celga, a partir do curso 2007-2008.

Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), nos niveis 1 e 4, para o ano 2008 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican no anexo II.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro de 2008, en horario de mañá ou de tarde segundo a dispoñibilidade de aulas.

Artigo 2º.-Beneficiarios dos cursos.

Os cursos van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aqueles que os cumpran no ano natural de convocatoria, que necesiten certificar a súa competencia da lingua galega.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazos.

As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

As listas de seleccionados para participar nos cursos, así como as datas de comezo destes, faranse públicas tanto nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso coma na súa páxina web.

Artigo 4º.-Constitución de grupos.

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25. No caso de que non se acade o número mínimo, decaerá a súa realización, agás autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especias. No caso de suspensión do curso, esta circunstancia será comunicada aos solicitantes.

Artigo 5º.-Características dos cursos: contidos e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 75 horas (60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, nas cales o alumnado poderá realizar actividades específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias).

3. Corresponderalle ao profesorado de galego da EOI a realización da programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

4. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse no referente á normativa e ao uso correcto do idioma establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

5. A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para presentarse ás probas para a obtención dos Celga, convocadas e administradas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

6. Os cursos serán gratuítos para todos os participantes.

Artigo 6º.-Profesorado.

Estes cursos serán impartidos polo profesorado dos departamentos didácticos de lingua galega das escolas oficiais de idiomas que realizasen o correspondente curso de formación previo para a docencia dos cursos preparatorios de lingua galega (Celga).

O profesorado de cada curso será o responsable de programar e desenvolver os contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Cada curso preparatorio que se imparta por primeira vez terá a consideración dun grupo anual de oferta nas escolas oficiais de idiomas.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "02900D003P046.PDF"