DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 04 de febreiro de 2008 Páx. 1.951

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de xaneiro de 2008 pola que se modifica a do 12 de decembro de 2005, pola que se nomean membros do Consello Galego de Saúde.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, dedica o seu título VII á participación comunitaria, como expresión do dereito dos cidadáns a participar na actividade dos organismos públicos que afecte a calidade de vida ou o benestar xeral, e na formulación e control da política sanitaria, recollido nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade. Esta participación instruméntase como un valor social e elemento de cooperación e información do sistema sanitario de Galicia para a mellora da saúde e do benestar dos cidadáns e a súa promoción.

Co obxecto de posibilitar a devandita participación, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, creou o Consello Galego de Saúde, como principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, segundo determina o artigo 120 da lei antes citada.

Tal e como se establece no artigo 2 do Decreto 74/2005, do 14 de abril, o Consello Galego de Saúde terá seis vogais en representación das organizacións de consumidores e usuarios. En calquera caso, para cada un dos vogais, os organismos ou entidades que interveñan na súa designación proporán un titular e un suplente. A representación dos vogais estará vinculada á posesión da calidade en razón da que foron propostos polas respectivas organizacións. Os seis vogais representantes das organizacións de consumidores e usuarios, e os seus suplentes, serán designados polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

O citado artigo tamén prevé a existencia de 12 vogais en representación dos cidadáns, dos que catro corresponden ás deputacións provinciais.

Así, na Orde do 12 de decembro de 2005 procedeuse ao nomeamento dos (6) vogais representantes das organizacións de consumidores e usuarios, por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e os catro (4) vogais polas deputacións provinciais.

Con data do 29 de marzo de 2007 o Consello Galego de Consumidores e Usuarios comunicoulle ao Instituto Galego de Consumo a designación de dous novos vogais, e dous suplentes, en substitución doutros nomeados pola devandita orde.

Así mesmo, a Deputación Provincial de Pontevedra comunicou con data do 1 de agosto de 2007 un cambio do seu representante (e o seu suplente); e a Deputación Provincial da Coruña fixo o propio con data do 20 de agosto de 2007.

Por tal motivo, cómpre proceder ao nomeamento dos novos membros, de conformidade coa proposta formulada polas organizacións ás que lles corresponde a súa designación.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e os artigos 2, 3 e 4 do Decreto 74/2005, do 14 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Noméase a José Enrique Sotelo Villar como representante dos cidadáns, pola Deputación Provincial de Pontevedra, con efectos desde o 1 de agosto de 2007.

Artigo 2º.-Noméase a Xoán Manuel Sande Muñiz, como representante dos cidadáns, pola Deputación Provincial da Coruña, con efectos desde o 24 de agosto de 2007.

Artigo 3º.-Modifícanse as letras c.2.1) e c.2.4) do anexo da Orde do 12 de decembro de 2005, que terán a redación dada no anexo á presente orde.

Artigo 4º.-Noméase a Miguel López Crespo e a Rosa Celia Otero Raña, como representantes das organizacións de consumidores e usuarios no Consello Galego de Saúde, con efectos desde o 29 de marzo de 2007.

Artigo 5º.-Modifícase a letra f) do anexo da Orde do 12 de decembro de 2005 que terá a redación dada no anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO

«c.2.1) A Coruña:

- Xoán Manuel Sande Muñiz (…)».

«c.2.4) Pontevedra:

-José Enrique Sotelo Villar (…)».

«f) En representación das organizacións de consumidores e usuarios, por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios:

-Aurora Lamas López.

-Mª Isabel Garrido Blanco.

-Miguel López Crespo.

-Otilia Novegil Villanueva.

-Mª Josefa Neira González.

-Rosa Celia Otero Raña».