DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 01 de febreiro de 2008 Páx. 1.862

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de xaneiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión das axudas para o fomento dos sistemas de producións agrarias sustentables a través da implantación do contrato de explotación sustentable (CES).

Exposición de motivos

A actividade agraria ten un papel esencial en Galicia, non só polo seu peso produtivo senón -e entre outros factores- pola súa contribución en termos sociais, ambientais ou na corrección dos desequilibrios territoriais.

A decisión do Consello (2006/144/CE) relativa ás orientacións estratéxicas comunitarias de desenvolvemento rural para o período 2007-2013 recoñece a especificidade da actividade agraria, afirmando que o modelo agrario europeo reflicte o papel multifuncional da agricultura no que atinxe á riqueza e diversidade das paisaxes, dos produtos alimentarios e do patrimonio natural e cultural.

A Consellería do Medio Rural é consciente, por unha parte, das múltiples funcións que desempeñan as explotacións agrarias e do feito de que unha parte importante destas funcións, ao tratarse de externalidades, non é remunerada a través dos mecanismos de mercado; e por outra parte, de que a actividade agraria constitúe a base da xestión dunha parte fundamental do territorio galego.

Tendo en conta estas circunstancias preténdese fomentar en todas as orientacións produtivas agrarias modelos sustentables desde o punto de vista ambiental e social, a través do contrato de explotación sustentable que, alén dunha liña de axudas específica, se configura como un instrumento que, desde unha perspectiva global da explotación, favoreza o desenvolvemento de sistemas de produción sustentables en termos económicos e ambientais, mellore a xestión do territorio rural, potencie a produción de alimentos sans e de calidade e contribúa a fixar poboación no rural.

Ademais, por medio do contrato de explotación sustentable preténdese tamén integrar nunha única convocatoria diversas medidas de desenvolvemento rural con carácter sustentable recollidas no Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O contrato de explotación está recollido no Marco Nacional de Desenvolvemento Rural como unha opción dentro dos programas de desenvolvemento rural e defínese como un mecanismo a través do cal se poden xestionar as medidas que se consideren axeitadas dos eixes 1 e 2 do Regulamento (CE) 1698/2005. Os agricultores que decidan acollerse a esta modalidade serán considerados prioritarios para a concesión de determinadas axudas de desenvolvemento rural.

Xa que logo, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que confiren o artigo da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e conceptos xerais

Artigo 1º.-Obxecto da orde.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas dirixidas a fomentar modelos sustentables en todas as orientacións produtivas agrarias, que se agruparán baixo a modalidade denominada contrato de explotación sustentable.

2. O obxectivo fundamental do contrato de explotación sustentable é mellorar a sustentabilidade das explotacións agrarias galegas tanto no plano económico e social como ambiental.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, teranse en conta as seguintes definicións:

1. Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria, organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

2. Agricultor/a moza/o: a persoa física que exerce a actividade agraria que cumprise os dezaoito anos e non cumprise corenta anos no momento de solicitude.

3. Agricultor/a a título principal: a persoa física que exerce a actividade agraria que obteña, polo menos, o 50 por 100 da súa renda total procedente da súa explotación e cuxo tempo de traballo dedicado a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

4. Agricultor/a profesional: a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de polo menos unha Unidade de Traballo Anual e que obteña polo menos o 25 por cento da súa renda de actividades agrarias.

5. Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados economicamente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

6. Explotación gandeira: para efectos desta orde a explotación gandeira será aquela explotación agraria que entre os bens e dereitos organizados economicamente integra gando con fins de mercado.

7. Renda de referencia: indicador relativo aos salarios brutos non agrarios no Estado español. A determinación anual da súa contía será feita polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, en concordancia co previsto ao respecto na normativa da Unión Europea e tendo en conta os datos de salarios publicados polo Instituto Nacional de Estatística.

8. Unidade de Traballo Agrario (UTA): o traballo efectuado por una persoa dedicada a tempo completo durante un ano á actividade agraria. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación:

1) Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:

(a) A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

(b) A man de obra familiar da persoa titular da explotación, ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu lar e estean ao seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada de persoa titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas a que se refire a declaración, están ao seu cargo como beneficiarios/as na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.

(c) A man de obra asalariada acreditarase documentalmente co DNI, contrato de traballo e informe de vida laboral da empresa.

2) Cando a persoa titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios/as asalariados mediante o informe de vida laboral destes, as súas declaracións do IRPF e os seus certificados de rendementos de traballo; mentres que, no caso de asalariados non socios, se computará mediante a presentación do DNI, o contrato de traballo e o informe de vida laboral da empresa.

3) No caso de que a persoa titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios para a determinación das UTA que no caso de que a persoa titular sexa unha persoa física.

9. Microempresa: empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Capítulo II

Bases reguladoras

Artigo 3º.-Obxecto do contrato de explotación sustentable.

1. As axudas dirixidas a fomentar modelos sustentables en todas as orientacións produtivas agrarias, que se agruparán baixo a modalidade denominada contrato de explotación sustentable teñen por obxecto primordial incentivar as explotacións para que desenvolvan un proxecto que integre as funcións produtivas, económicas, ambientais e sociais da actividade agraria e do seu contorno.

2. Baixo o contrato de explotación sustentable, a Consellería do Medio Rural incentiva os titulares das explotacións polas funcións sociais e as relacionadas coa protección do medio natural, así como as externalidades non remuneradas a través de mecanismos de mercado, e ao tempo estes asumirán os compromisos que se establecen nesta orde orientados á adopción de sistemas produtivos co fin de reforzar a sustentabilidade das explotacións agrarias en Galicia.

3. O contrato de explotación sustentable encadrará as axudas relativas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e a conservación da paisaxe, e as axudas relativas ao benestar dos animais e perfeccionarase coa resolución aprobatoria destas.

4. O réxime de concesión será o de concorrencia competitiva, consonte o previsto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse ao contrato de explotación sustentable, e ser polo tanto beneficiarios das axudas previstas nestas bases reguladoras, os titulares de explotacións agrarias que se comprometan a cumprir durante un período mínimo de 5 anos, agás causa de forza maior, os requisitos de carácter xeral e os compromisos específicos que se regulan nesta orde.

Artigo 5º.-Requisitos de carácter xeral.

Con carácter xeral, todas as persoas solicitantes de axudas concedidas baixo a modalidade do contrato de explotación sustentable, han de cumprir os seguintes requisitos:

1. Manter a actividade agraria durante un período de 5 anos desde a data de concesión.

2. Obter unha porcentaxe mínima de ingresos da actividade agraria e/ou ter unha porcentaxe mínima de dedicación á actividade agraria de acordo ao especificado no anexo I.

3. Cubrir e manter actualizado un caderno de explotación.

4. Comprometerse a utilizar, a partir dun prazo máximo de seis meses desde o momento de concesión da axuda os servizos de aconsellamento técnico dunha entidade de aconsellamento ou de xestión recoñecida pola Consellería do Medio Rural ou cuxo recoñecemento foi solicitado e estea pendente de resolución. Neste último caso, comprometerase a que, no caso de que haxa unha resolución administrativa que desestime a solicitude de recoñecemento da entidade, contar cos servizos dunha entidade recoñecida no prazo dun mes desde a desestimación da solicitude.

5. Comprometerse a levar unha contabilidade que inclúa a elaboración da conta de resultados.

6. Cumprir os requisitos legais de xestión, relativos á saúde pública, sanidade animal, sanidade vexetal, ambiente e benestar dos animais, e as boas condicións agrarias e ambientais, a que se refire os artigo 4 e 5 e os anexos III e IV do Regulamento (CE) nº 1782/2003, cuxas disposicións se recollen no anexo do Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agrícola común. No caso dos compromisos das axudas relativas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e a conservación da paisaxe, deberán cumprirse así mesmo as normas mínimas sobre utilización de fertilizantes e produtos fitosanitarios.

7. Controlar a existencia de biomasa vexetal na superficie forestal da explotación nos termos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención de incendios forestais de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

8. En función da súa orientación produtiva e das medidas nas que adquiren compromisos as explotacións deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Requisitos comúns ás explotacións gandeiras, excepto as apícolas:

1º As explotacións estarán rexistradas no rexistro xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), con toda a información prevista no Real decreto 479/2004 e a súa clasificación debe ser de produción e reprodución.

2º A explotación deberá dispoñer e aplicar un programa hixiénico-sanitario supervisado polo veterinario responsable. No caso de encontrarse a explotación no ámbito territorial dunha agrupación de defensa sanitaria gandeira recoñecida oficialmente e non pertencer a ela, deberá aplicar polo menos o programa sanitario desta.

b) Requisitos comúns ás explotacións agrícolas.

1º Dispoñer dunha superficie mínima de 3.000 m2 por produtor. As solicitantes ou os solicitantes deberán describir a explotación con relación de todas as parcelas, a súa superficie e utilización.

2º A explotación deberá dispor e aplicar un programa sanitario de control e seguimento de pragas e enfermidades supervisado por un enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro agrónomo competente que teña por obxectivo a redución do emprego de produtos químicos de síntese, así como de prácticas respectuosas co ambiente, ou ben, estar integrados nunha asociación ou agrupación constituída con este obxectivo.

3º Deberá establecerse un plan de fertilización baseado fundamentalmente nas analíticas do solo, extraccións da colleita e achegas provenientes doutras fontes (materia orgánica principalmente), no que se priorice a achega de fertilizantes naturais e reduzan os químicos de síntese.

4º Realizar un control de residuos sobre a produción final.

5º Aproveitar os restos da colleita como fonte de materia orgánica, sempre e cando non ofrezan un perigo fitopatolóxico.

6º As parcelas de viñedo integradas nun CES deberán pertencer a algunha das denominacións de orixe ou de viños da terra de Galicia e utilizar castes autóctonas ou recomendadas polo órgano reitor da correspondente denominación.

Artigo 6º.-Compromisos específicos.

Con carácter específico, e en función da medida de axuda solicitada, as persoas solicitantes das axudas baixo a modalidade do contrato de explotación sustentable, han de cumprir os seguintes requisitos:

1. Adquirir compromisos en cando menos algunha das seguintes medidas ou submedidas recollidas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013:

a) Medida relativa ao benestar dos animais.

1º Sistemas de explotación de avicultura de curral.

2º Sistemas de explotación de cría de ceba de porcino ao aire libre.

b) Medida de axuda aos produtores que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe integrada polas seguintes submedidas:

1º Variedades autóctonas vexetais en risco de erosión xenética.

2º Control integrado e produción integrada.

3º Agricultura e gandería ecolóxica.

4º Loita contra a erosión en medios fráxiles.

5º Mantemento de razas autóctonas en perigo de extinción.

6º Utilización racional de recursos forraxeiros.

7º Apicultura para a mellora da biodiversidade en zonas fráxiles.

8º Mellora e conservación do medio físico en zonas de prados e pastos incluídas na Rede Natura 2000.

2. A medida relativa ao benestar dos animais e as submedidas 5º, 6º, 7º e 8º da medida de axuda aos produtores que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente; así como as primas de gandaría ecolóxica ou apicultura ecolóxica ou, se é o caso, en transición á gandaría ecolóxica ou á apicultura ecolóxica da submedida 3º da mesma medida, beneficiarán unicamente a titulares de explotacións gandeiras.

3. No anexo III recóllense os compromisos das submedidas establecidas no punto 1.

4. O contido dos compromisos que supón cada unha das medidas e submedidas anteriores detallaranse na correspondente convocatoria anual de axudas.

Artigo 7º.-Convocatoria das axudas.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da axuda do CES presentarase na forma e prazo que se indiquen na correspondente convocatoria.

2. As correspondentes convocatorias poderán prever a reformulación de solicitudes nos termos do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Autorización.

A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado/a levará consigo a autorización ao órgano xestor para recadar as certificacións que deban emitir á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o/a solicitante ten a posibilidade de denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos previstos no artigo 12º.

Artigo 9º.-Contía das axudas.

1. A contía unitaria máxima das axudas para cada unha das medidas que integran o contrato de explotación sustentable, respectando os diversos límites establecidos na normativa de aplicación, será a recollida no anexo II.

2. Establécese un importe máximo por explotación para a suma das axudas das medidas de benestar animal e agroambientais de 8.000 € polas primeira e segunda UTA, e 4.000 pola terceira e sucesivas, cun límite de 24.000 €.

3. No caso de cooperativas agrarias ou sociedades agrarias de transformación constituídas pola fusión de explotacións agrarias, establécese un máximo de 8.000 € por UTA, cun máximo de 24.000 € por cada unha das explotacións que integraron a cooperativa agraria ou sociedade agraria de transformación, ata un máximo de 10 UTA.

4. No caso de comunidades veciñais de montes en man común establécese un máximo de 8.000 € por UTA, ata un máximo de 10 UTA.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade.

1. A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia e obxectividade, segundo o artigo 5.2º a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes que cumpran as condicións exixidas ordenaranse en función dos seguintes criterios de prioridade:

a) As explotacións de produción ecolóxica: 4 puntos.

b) Situación da explotación nunha zona integrada na Rede Natura 2000: 4 puntos.

c) Agricultor a título principal: 3 puntos.

d) Explotacións incluídas en zonas desfavorecidas, segundo o Regulamento 1257/1999, do 17 de maio, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do FEOGA e polo que se modifica e derrogan determinados regulamentos: 2 puntos.

e) Que a titular da explotación sexa unha muller ou ben, se se trata dunha explotación asociativa, cando polo menos o 50% dos socios que a integran sexan mulleres: 2 puntos.

f) Ser agricultor/a mozo/a: 2 puntos.

g) Utilizar na explotación superficie procedente do Banco de Terras: 1 punto.

3. No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de beneficiarios aprobaranse, segundo a orde establecida, ata esgotar o orzamento. No caso de que se produza un empate priorizaranse as explotacións de menor a maior renda agraria e dentro destas as que xeren un maior volume de emprego.

Artigo 11º.-Órganos competentes.

1. O órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento de concesión é a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

2. A resolución das axudas, logo do informe da Comisión de Valoración e a proposta da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural.

3. A resolución dos expedientes de redución ou revogación das axudas correspondente á solicitude de participación no contrato de explotación sustentable corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural.

Artigo 12º.-Solicitude.

Para poder ser beneficiario/a da axuda deberá presentarse unha solicitude, axustada ao modelo normalizado que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria anual de axudas, que irá acompañada, entre outros, dos documentos que se especifican a continuación:

a) Fotocopia do DNI ou NIF da persoa física ou CIF da persoa xurídica titular da explotación agraria.

b) Folla de datos bancarios (solicitude de transferencia bancaria para pagamentos do tesouro da Xunta a acredores particulares).

c) Documentación acreditativa das UTA da explotación segundo o artigo 2º 8.

d) Descrición da explotación con relación de todas as parcelas, a súa superficie e utilización e, de ser o caso, do gando desta.

e) No caso de denegar o consentimento a que se refire o punto 8 deberá presentar ademais a xustificación de estar o día no pagamento das obrigas tributarias e o certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Documentación acreditativa da disposición das terras para as que solicita a axuda que poderá consistir en función das diversas situacións en:

-Documentación acreditativa da titularidade das parcelas que integran a explotación, tanto das SAU como da superficie forestal ou, de ser o caso, documentación que acredite o dereito de uso durante o período de duración do contrato.

-Fotocopia compulsada do contrato de arrendamento, de ser o caso, debidamente liquidado e rexistrado.

-No suposto de que a titularidade das parcelas da explotación teña a orixe noutra figura xurídica, legalmente válida, distinta das antes mencionadas, deberá presentar unha declaración xurada pola que se comprometa a manter as devanditas parcelas durante o período de cinco anos que dura o compromiso.

Artigo 13º.-Instrución dos procedementos.

1. Unha vez presentada a solicitude, revisarase a súa documentación e no suposto de que non cumpra algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fixese, considerase que desiste da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas, de conformidade co artigo 6º, resulta que o/a solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o/a solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 14º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 10º.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: subdirector xeral de Explotacións Agrarias.

Vogais: 3 funcionarios da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias responsables da xestión do contrato de explotacións e un funcionario da Subdirección Xeral de Gandaría con nivel mínimo de xefe de negociado.

Artigo 15º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos/ás interesados/as para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 16º.-Resolución.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá un informe no que se concretará o resultado da avaliación, e que se presentará ao director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, o cal lle formulará proposta de resolución ao conselleiro do Medio Rural.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a modalidade do contrato de explotación sustentable que se subvenciona e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. A resolución seralle notificada ao interesado expresando, como mínimo, o importe máximo da axuda, a procedencia dos fondos con que se financian as axudas e os compromisos concretos a que está suxeito en virtude da solicitude formulada e da instrución resultante. Na notificación farase constar a aceptación tácita se transcorrido un prazo de 10 días, non a rexeita expresamente ou formula obxeccións a esta.

4. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 6 meses segundo o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude.

5. En ningún caso o importe da axuda concedida poderá superar o importe máximo establecido no artigo 9º destas bases reguladoras.

Artigo 17º.-Recursos contra a resolución da concesión.

As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde ou na respectiva orde de convocatoria, poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992.

2. Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Artigo 18º.-Circunstancias para a modificación das resolucións do contrato de explotación sustentable.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Non obstante, durante o período de cinco anos de duración dos compromisos derivados da concesión do contrato de explotación sustentable poderá solicitarse unha modificación e/ou ampliación dos que fosen subscritos inicialmente.

Os beneficiarios poderán solicitar tamén unha ampliación da superficie e/ou unha modificación do número de animais tidos en conta inicialmente. A solicitude farase nas convocatorias anuais das axudas que faga a Consellería do Medio Rural, nos termos que se indiquen nestas, xustificando en todo caso a mellora da sustentabilidade económica, social e/ou ambiental que supoñen os cambios.

3. A renuncia será obxecto de comunicación expresa por parte do interesado no prazo de 30 días hábiles contado desde a comunicación da resolución da concesión da axuda. Se esta se producise antes de rematar o período obrigatorio de cumprimento do compromiso, o beneficiario verase obrigado a devolver todas as axudas percibidas, incrementadas cos xuros correspondentes ao tempo transcorrido, agás que obedeza a algunha das causas de forza maior ou circunstancias excepcionais recoñecidas pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, de acordo cos supostos que establece o artigo 39 do egulamento (CE) 817/2004.

Artigo 19º.-Circunstancias específicas derivadas do cesamento da actividade agraria e traspaso de explotacións.

1. Se durante o período do compromiso o beneficiario traspasa totalmente ou parcialmente a súa explotación, o novo titular poderá continuar cos compromisos do contrato durante o período que quede por cumprir.

2. A transferencia do compromiso contractual deberá comunicarse, segundo o modelo que se estabeleza na respectiva orde de convocatoria, subscrito polo antigo titular e polo novo titular da explotación transferida. En caso de falecemento, o documento anteriormente citado será subscrito unicamente polo novo titular, acreditando debidamente a devandita circunstancia. A devandita transferencia terá efectos a partir da data de notificación da súa aprobación, se a transferencia fose total, ou ben a partir da data de inicio da campaña seguinte a aquela na que se fai efectiva, se esta fose parcial. En ambos os dous casos o órgano competente para aprobala será a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. En calquera caso o responsable do cumprimento dos compromisos sobre as superficies transferidas, ata o momento en que se fagan efectivas, será o antigo titular.

3. Cada ano serán tidas en conta para os efectos da súa posible estimación, unicamente aquelas solicitudes de subrogación que se realicen ata o 31 de maio dese ano. Así mesmo, deberá de achegarse á solicitude da subrogación a documentación que permita en cada caso verificar os seus motivos.

4. Se non se asumen os compromisos, o beneficiario estará obrigado a reembolsar as axudas percibidas no marco da axuda máis os xuros calculados en función do prazo transcorrido entre o pagamento e a data en que o beneficiario fai o reembolso.

5. Se se trata dun beneficiario que cesa definitivamente na actividade agraria, os compromisos subscritos no contrato deberá asumilos o seu sucesor. En caso contrario, requirirase o reembolso das axudas percibidas por incumprimento do contrato.

Artigo 20º.-Controis administrativos e sobre o terreo.

1. O cumprimento de todos os compromisos contraídos e das obrigas legais estará sometido a control, que se realizará en diferentes épocas do ano.

As actividades de control consistirán tanto en controis administrativos como en inspeccións sobre o terreo, segundo o Regulamento CE 796/2004, da Comisión do 21 de abril, e o Regulamento CE 1975/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control relativo a determinados réximes de axudas comunitarios e a calquera outro que lle sexa de aplicación.

2. O expediente correspondente a cada un dos beneficiarios das axudas conterá toda a información relativa aos resultados dos controis administrativos e, se é o caso, dos controis sobre o terreo que xustifiquen que a concesión destas axudas se axustou ao que establece a normativa comunitaria que os regula.

3. O procedemento de xestión e control das axudas desenvolverase de acordo e en coordinación co Sistema Integrado de Xestión e Control das axudas a produtores agrícolas e gandeiros situados no territorio de Galicia.

4. No suposto de que do control sobre o terreo se poña de manifesto a existencia de irregularidades significativas efectuaranse controis adicionais durante o ano en curso e aumentarase a porcentaxe de expedientes de axuda que sexan obxecto de control ao ano seguinte.

Artigo 21º.-Incumprimento dos compromisos.

1. O incumprimento dalgún dos compromisos recollidos na resolución de concesión do contrato de explotación sustentable dará lugar a unha redución das axudas ou á revogación destas, en función da gravidade, alcance e persistencia do incumprimento observado consonte o recollido no Regulamento CE 1975/2006, do 7 de decembro.

2. Na correspondente convocatoria anual das axudas do contrato de explotación sustentable establecerase a intensidade da redución das axudas en función do incumprimento e os incumprimentos concretos nos que procede a revogación da axuda.

3. Será de aplicación o establecido nos artigos 16, 17 e 18 do Regulamento 1975/2006 referinte a reducións e exclusións do pagamento das axudas baixo a modalidade do contrato de explotación sustentable.

4. Segundo o artigo 16 do Regulamento 1975/2006 relativo a axudas relacionadas con superficies, as reducións que se aplicarán serán as seguintes:

a) A base de cálculo da axuda correspondente establecerase de acordo co artigo 50, puntos 1º, 3 ºe 7º do Regulamento (CE) nº 796/2004. Para os efectos deste artigo, as superficies declaradas por un beneficiario ás que se aplique a mesma porcentaxe de axuda constitúen un grupo de cultivos.

b) Se se comproba que a superficie declarada nunha solicitude de axuda por superficie reborda a superficie determinada para ese grupo de cultivo, como consecuencia dos controis administrativos ou sobre o terreo, será esta última a que se teña en conta para o cálculo do importe da axuda.

c) Cando para un grupo de cultivos, a superficie determinada sexa inferior á superficie declarada, a axuda calcularase sobre a base da superficie determinada, reducida no dobre da diferenza comprobada se esta é superior ao 3% ou dúas hectáreas, pero inferior ou igual ao 20% da superficie determinada. Se a diferenza é superior ao 20% da superficie determinada non se concederá axuda ningunha por superficie en relación co grupo de cultivo en cuestión.

d) Se, respecto da superficie global determinada incluída nunha solicitude única, a superficie declarada supera a superficie determinada en máis dun 30%, denegarase a axuda a que tivese dereito o produtor neses réximes de axuda no ano civil en cuestión.

e) Se a diferenza for superior ao 50%, quedará excluído ademais da axuda ata un importe igual ao correspondente á diferenza entre a superficie declarada e a superficie determinada.

f) En caso de sobredeclaración intencional o beneficiario quedará excluído da axuda á que tería dereito para o exercizo Feader de que se trate.

5. Segundo o artigo 17 do Regulamento 1975/2006 relativo a axudas relacionadas con animais, as reducións que se aplicarán serán as seguintes:

a) A base para o cálculo da axuda correspondente ás medidas relacionadas cos animais establecerase de acordo co artigo 57, alíneas 2, 3 e 4 do Regulamento (CE) nº 796/2004.

b) Todas as reducións ou exclusións que se apliquen no caso de sobredeclaracións de animais das especies bovina, ovina e cabrúa calcularanse de acordo co artigo 59 do Regulamento (CE) nº 796/2004. As medidas de axuda relativas aos bovinos, as relativas aos ovinos e cabrúns e outras especies trataranse por separado.

c) Porén o disposto no artigo 59, alínea 2, parágrafo segundo e no artigo 59, alínea 4, parágrafo segundo do Regulamento (CE) nº 796/2004, o importe resultante da exclusión deducirase dos pagamentos das axudas con cargo a calquera das medidas de axuda recollidas no Regulamento (CE) 1698/2005 ás que teña dereito o beneficiario en cuestión polas solicitudes que presente durante os tres anos civís seguintes a aquel no que se descubra a irregularidade. Se o importe non pode deducirse totalmente dos devanditos pagamentos, cancelarase o saldo restante.

6. Reducións e exclusións no caso de incumprimento dos criterios de admisibilidade.

a) Cando non se cumpra ningún dos compromisos vinculados á concesión da axuda, agás os relativos ao tamaño da superficie ou ao número de animais declarados, reducirase ou denegarase a axuda solicitada.

b) No caso de incumprimento derivado de irregularidades cometidas intencionadamente, o beneficiario quedará excluído da medida en cuestión durante o exercizo do Feader do que se trate e durante o exercizo do Feader seguinte.

Artigo 22º.-Obriga de reintegro da axuda.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 23º.-Casos de forza maior.

No suposto de que un beneficiario non poida seguir asumindo os compromisos subscritos por causas de forza maior, de acordo cos supostos que establece o artigo 39 do Regulamento CE 817/2004, adoptaranse as medidas necesarias para adaptarse aos compromisos. O compromiso darase por rematado sen que se estableza ningún reembolso polo período de compromiso efectivo.

Artigo 24º.-Infraccións e sancións.

Aos/ás beneficiarios/as das axudas concedidas ao abeiro do contrato de explotación sustentable e reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 25º.-Control financeiro.

1. Alén dos controis administrativos previstos nestas bases reguladoras, a Consellería de Medio Rural poderá realizar as comprobacións e inspeccións que considere oportuno co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 26º.-Rexistros públicos de subvencións e de sancións.

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde figurarán nun rexistro con expresión das persoas físicas ou xurídicas beneficiarias, as cantidades concedidas, a normativa que amparou a concesión e a finalidade desta.

2. Tamén figurarán no rexistro público as sancións administrativas firmes impostas pola Xunta de Galicia en materia de axudas e subvencións, con expresión das persoas físicas ou xurídicas afectadas, a normativa infrinxida e o importe da sanción.

3. Estes rexistros serán de acceso público e veñen regulados polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Artigo 27º.-Incompatibilidades.

1. Será incompatible a axuda ao control integrado e produción integrada establecida no punto 1.a).2º do artigo 6º coa de agricultura e gandaría ecolóxica establecida no punto 1.a).3º do artigo 6º. Tamén será incompatible a axuda á apicultura para a mellora da biodiversidade en zonas fráxiles establecida no punto 1.a).7º do artigo 6º coa relativa á apicultura de agricultura e gandaría ecolóxica establecida no punto 1.a).3º do artigo 6º. Así mesmo, será incompatible a axuda relativa á agricultura ecolóxica de agricultura e gandaría ecolóxica establecida no punto 1.a).3º do artigo 6º coa relativa á redución da gando de utilización racional de recursos forraxeiros establecida no punto 1.a).6º do artigo 6º desta orde.

2. A Consellería do Medio Rural garantirá que as diferentes medidas de axuda ao desenvolvemento rural sexan coherentes entre si e coas organizacións comúns de mercado.

3. As axudas baixo a modalidade do contrato de explotación sustentable son incompatibles coa percepción por parte do beneficiario dunha pensión de xubilación ou de calquera outra prestación pública análoga.

Disposición adicional

Única.-Ao non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 para estas axudas, aprobado polo Comité de Desenvolvemento Rural da Unión Europea o 19 de decembro de 2007, así como o disposto no Regulamento 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

As explotacións que subscriban un CES deberán obter unha porcentaxe mínima de ingresos da actividade agraria e/ou ter unha mínima dedicación á actividade agraria:

1. No caso de que o titular sexa unha persoa física:

a) Ser agricultor profesional no caso das explotacións gandeiras.

b) Nas explotacións agrícolas, cando menos, o 25% da renda total procederá de actividades agrarias ou complementares. Ademais no prazo de dous anos desde a data de concesión da explotación deberá absorber, cando menos, 0,5 UTA.

c) No caso de non verificarse ningunha das condicións anteriores deberán ocupar cando menos 1 UTA.

2. No caso de que o titular sexa unha persoa xurídica cando menos o 50% dos socios deberán cumprir o requisito sinalado no punto 1 en función das medidas nas que adquira compromisos, ou no seu defecto ser microempresas do sector agrario radicadas en Galicia e que empreguen cando menos 1 UTA.

3. As comunidades de montes veciñais en man común están exentas do cumprimento do requisito sinalado no artigo 4º.2.

Ver referencia pdf "02300D001P006.PDF"

ANEXO III

Compromisos das submedidas incluídas no contrato

de explotación sustentable

A. «Baseline» aplicables ao programa de axudas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe.

1. No relativo a evitar a erosión do solo:

-Non se deberá labrar na dirección da pendente cando esta sexa maior do 10% en terras de cultivo ou do 15% en viñedo, excepto en parcelas inferiores a 1 ha ou de forma complexa.

-En cultivos herbáceos de inverno non se labrará entre a data de recolección e o 1 de agosto.

-En barbeito, terras de retirada, ou terras non cultivada realizaranse as prácticas tradicionais de cultivo, de mínimo laboreo ou de mantemento dunha superficie vexetal adecuada.

-En zonas de alto risco de erosión respectaranse as pautas de rotación de cultivos e os tipos de cuberta vexetal adecuados.

-As terrazas de retención manteranse en bo estado de conservación.

2. No relativo á conservación da materia orgánica do solo:

-Non se queimarán restrollos, salvo por razóns fitosanitarias e coa autorización correspondente, cumprindo coas normas de prevención de incendios.

-Eliminaranse os restos de colleita e poda de forma adecuada (compostaxe, enterramento, etc.).

3. No relativo a mantemento de estrutura do solo e evitar a compactación.

-En terreos saturados ou encharcados non se empregarán vehículos nin maquinaria salvo que sexa para realizar tratamentos fitosanitarios, recollida de colleita ou subministración de alimento ao gando.

-Non hai requirimento en canto ás variedades de cada especie que se vai cultivar.

-Non se precisa a necesidade de reservar materiais de reprodución obtidos.

-Non se especifica ningún requirimento de superficie mínima.

4. No relativo ao mantemento mínimo das superficies agrarias:

-Non se queimarán sen autorización, nin se roturarán pastos permanentes salvo para rexeneración.

-En pastos permanentes manterase unha carga gandeira igual ou superior a 0,4 UGM/ha en zonas de montaña, 0,7 UGM/ha en zonas desfavorecidas e 0,9 UGM/ha no resto das zonas. No caso de pastos permanentes nos que non se alcance a carga gandeira adecuada, evitarase a invasión arbustiva.

-En terras de cultivo evitarase a invasión de especies de vexetación espontánea non desexables, definidas pola Consellería do Medio Rural e que son: Senecio spp, Rumex spp, Cirsium spp.

5. No relativo a evitar a deterioración dos hábitats:

-Manteranse as características topográficas e os elementos estruturais do terreo. Para poder facer modificacións será precisa a autorización administrativa correspondente.

-Non se aplicarán produtos fitosanitarios, lodos de depuradora, fertilizantes, compost, xurros ou esterco sobre terreos encharcados ou con neve nin sobre augas correntes ou estancadas.

-As explotacións gandeiras en estabulación permanente ou semipermanente contarán con depósitos de esterco/xurro estancos e de capacidade suficiente ou ben da xustificación do sistema de retirada destes.

6. Fertilizantes:

6.1. Normativa xeral sobre utilización de fertilizantes.

Real decreto 824/2005, do 8 de xullo, sobre produtos fertilizantes, que regula os aspectos do Regulamento (CE) Nº 2003/2003 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de outubro de 2003, relativo aos fertilizantes: esta disposición ten por obxecto previr os riscos para a saúde e o ambiente polo uso de determinados produtos fertilizantes; para tal fin, define e tipifica os produtos fertilizantes, regula o procedemento para a inscrición previa á posta no mercado destes produtos e crea o Rexistro de Produtos Fertilizantes.

6.2. Protección das augas contra a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias.

En aplicación da Directiva do Consello 91/676/CEE, do 12 de decembro, relativa á protección de augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura, traspón ao ordenamento xurídico español a través do Real decreto 261/1996, do 16 de febreiro, sobre protección das augas contra a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias, aprobouse por Orde do 7 de setembro de 1999, o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias (DOG nº 181, do 17 de setembro), que aconsella unha serie de actuacións nas prácticas agrícolas e gandeiras máis comúns, tendentes á diminución da incidencia ambiental dos fertilizantes nitroxenados, propoñendo unha serie de medidas e prácticas dirixidas a reducir a contaminación por nitróxeno. Entre estas prácticas recomendadas proponse actuacións relacionadas cos seguintes aspectos:

-Períodos nos que é recomendable a aplicación de fertilizantes ás terras: os fertilizantes deberanse distribuír cando se prevexa a súa posible utilización polas plantas, é dicir, coa antelación suficiente para que a planta en desenvolvemento sexa capaz de aproveitalos. Para isto terase en conta o tempo da transformación das distintas formas de nitróxeno en formas nítricas e amoniacais que son as máis asimilables.

-Detalla as épocas máis aconsellables para a fertilización en diferentes cultivos, atendendo ao seu estado fenolóxico e ao tipo de fertilizante.

-Aplicación de fertilizantes aos terreos pendentes:

* En función do grao de pendente que teñan, da cuberta vexetal existente, se é pradaría permanente ou cultivos anuais, ou tipo de terreo, areoso o compacto, da forma de parcela e sentido de traballo, utilizaranse fertilizantes ou non.

* A aplicación de xurros deberá facerse, tendo en conta os períodos do punto anterior, cando non haxa perigo de choivas fortes, sen ventos secos e/ou fortes e, se é posible, cunha choiva lixeira que fixe os gases.

* Procurar non utilizar nin xurros nin tampouco fertilizantes minerais, cando se vaian dar regas fortes.

* Non utilizar para a distribución de xurros, canóns de aspersión de alta presión (máis de 3 bares no aspersor).

* Logo dun incendio forestal sementar especies sen fertilizar.

-Aplicación de fertilizantes a terras en terreos hidromorfos, alagados, xeados ou cubertos de neve.

-Condicións de aplicación de fertilizantes en terras próximas a cursos de auga: como normas xerais e respectando tanto as doses fertilizantes como as épocas de aplicación indicadas, aconséllase:

* Deixar unha zona de entre 2 e 10 metros de largo na beira do curso sen fertilizar, evitando calquera goteo neles. O ancho da zona estará en función da altura da cuberta vexetal, a menos altura máis largo.

* Non aplicar efluentes orgánicos nun raio de 35-50 m ao redor dunha fonte, pozo ou perforación que subministre auga para consumo humano. Se o terreo é moi permeable aumentar o raio.

* Non establecer patios de exercicio, sen pavimento, nin parcelas de castigo (zonas ao aire libre onde pasa longos períodos o gando concentrado) nas proximidades das mesmas fontes de auga.

-Capacidade e deseño dos tanques de almacenamento de esterco e medidas para evitar a contaminación da auga por escorrentía e filtración, en augas superficiais ou subterráneas, de líquidos que conteñan esterco e residuos procedentes de produtos vexetais almacenados.

-Xestión do uso das terras con referencia aos sistemas de rotación de cultivos e á proporción da superficie de terras dedicadas a cultivos permanentes en relación con cultivos anuais. Mantemento durante períodos chuviosos dun manto mínimo de vexetación que absorba o N do solo que, pola contra, podería causar fenómenos de contaminación de auga por nitratos.

-Establecemento de plans de fertilización acordes coa situación particular de cada explotación e a consignación en rexistros do uso de fertilizantes.

-Prevención da contaminación das augas debido á escorrentía e á lixiviación nos sistemas de rega.

6.3. Outras normas relativas á utilización de fertilizantes.

Ademais dos anteriores, outros requisitos en relación coa utilización de fertilizantes e fitosanitarios establécense nas seguintes normas:

-Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, sobre utilización de lodos de depuración no sector agrario.

-Orde do 26 de outubro de 1993, que desenvolve o Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, sobre utilización de lodos de depuración no sector agrario.

6.4. Outras condicións a ter en conta para a utilización de fertilizantes.

A nutrición vexetal, factor básico para un óptimo desenvolvemento dos cultivos, depende da capacidade do solo para subministrar todos e cada un dos elementos nutritivos en forma, cantidade e momento adecuado ás exixencias deste. A situación do solo en relación con esta capacidade de abastecer as necesidades das plantas nos diferentes elementos nutritivos é o que se denomina fertilidade do solo, e é un dato fundamental para o establecemento da dose de fertilización. Será pois obrigatoria a realización de analíticas de solos para establecer a programación anual de fertilizado, incorporándose os resultados destas ao caderno de explotación. Así mesmo, utilizaranse preferentemente fertilizantes orgánicos en substitución de fertilizantes nitroxenados de sínteses, non permitíndose o uso de estercos frescos. Para rematar, fíxase un valor numérico de 150 unidades fertilizantes de N como límite superior, que está por baixo do límite de 170 unidades existente.

7. Fitosanitarios:

7.1. Disposicións xerais sobre utilización de fitosanitarios:

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, recolle expresamente entre os seus obxectivos o de previr os riscos que para a saúde das persoas e animais e contra o ambiente poidan derivarse do uso dos produtos fitosanitarios. Para tal fin, exixe unha serie de condicións xerais para o uso de medios de defensa fitosanitaria. Cabe destacar as seguintes disposicións relacionadas coa utilización de produtos fitosanitarios:

Define os medios de defensa fitosanitaria como os produtos, organismos, equipamentos, maquinaria de aplicación, dispositivos e elementos destinados a controlar os organismos nocivos, evitar os seus efectos ou incidir sobre o proceso vital dos vexetais de forma diferente aos nutrientes. Sinala que os medios de defensa fitosanitaria deberán ser utilizados adecuadamente, tendo en conta as boas practicas fitosanitarias e demais condicións determinadas na súa autorización e, se é o caso, de acordo cos principios da loita integrada (definida como a aplicación racional dunha combinación de medidas biolóxicas, biotecnolóxicas, químicas, de cultivo ou de selección de vexetais, de modo que a utilización de produtos fitosanitarios se limite ao mínimo necesario para o control das pragas).

No artigo 23 indica as condicións xerais de comercialización e uso dos medios para a defensa fitosanitaria:

-Estar autorizados conforme as disposicións da lei, salvo as excepcións previstas nos artigos 44 e 45, nas que será suficiente a comunicación previa á autoridade competente.

-Estar, se é o caso, etiquetados, incluíndo polo menos a información necesaria sobre a súa identidade, riscos, precaucións que hai que adoptar e para a súa correcta utilización.

-Cando, pola súa natureza, non corresponda a súa etiquetaxe, deberán acompañarse da información necesaria para a súa correcta utilización e mantemento.

No artigo 24 regúlase o rexistro e información sobre medios de defensa fitosanitaria nos seguintes termos:

-As autorizacións, comunicacións e decisións de recoñecemento de autorizacións, inscribiranse de oficio no Rexistro Oficial de Produtos e Material Fitosanitario adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

-No rexistro manterase actualizada a información relativa aos medios de defensa fitosanitaria legalmente utilizables en España, dos seus posibles usos, das características e condicións que limitan a súa utilización e dos requisitos que determinan as boas prácticas fitosanitarias.

En canto á utilización de produtos fitosanitarios, o seu artigo 41 establece que os usuarios e quen manipule produtos fitosanitarios deberá:

-Estar informado das indicacións ou advertencias que figuren nas etiquetas e instrucións de uso ou, se é o caso, mediante o asesoramento adecuado, sobre todos os aspectos relativos á custodia, adecuada manipulación e correcta utilización destes produtos.

-Aplicar as boas prácticas fitosanitarias, atendendo as indicacións ou advertencias sinaladas, entendendo por boas prácticas a utilización dos produtos fitosanitarios e demais medios de defensa fitosanitaria baixo as condicións de uso autorizadas

-Cumprir os requisitos de capacitación establecidos pola normativa vixente, en función das categorías ou clases de perigo dos produtos fitosanitarios.

-Observar, se é o caso, os principios da loita integrada que resulten aplicables.

-Cumprir as disposicións relativas á eliminación dos envases baleiros de acordo coas condicións establecidas e, en todo caso, con aquelas que figuren nas súas etiquetas.

Ademais, quen preste servizos de aplicación de produtos fitosanitarios, ademais de cumprir os requisitos xerais anteriores, deberá:

-Dispor de persoal cos niveis de capacitación exixibles.

-Dispor dos medios de aplicación adecuados e manter un réxime de revisións periódicas do funcionamento destes.

-Realizar en cada caso un contrato no que deberán constar, polo menos, os datos da aplicación que se van realizar e as condicións posteriores que, se é o caso, corresponda cumprir ao usuario do servizo.

7.2. Normas específicas sobre a autorización e uso de produtos fitosanitarios.

Real decreto 2163/1994, do 4 de novembro, polo que se implanta o sistema harmonizado comunitario de autorización para comercializar utilizar produtos fitosanitarios: entre outros aspectos, recolle disposicións relativas á utilización de produtos fitosanitarios, dispoñendo que só se poderán utilizar os produtos autorizados. Ademais, os produtos fitosanitarios débense utilizar adecuadamente, o que supón o cumprimento das condicións da súa autorización e indicadas na súa etiqueta, a aplicación dos principios das boas prácticas fitosanitarias e, sempre que sexa posible, dos relativos á loita integrada. Para garantir a correcta utilización dos produtos fitosanitarios, cada comunidade autónoma establecerá un programa de vixilancia da súa correcta utilización no que, polo menos, se determinará a natureza e frecuencia dos controis que haxan de levarse a cabo, os cales deberán ser conformes, cos requisitos de información requiridos pola Comisión Europea. Os resultados dos controis efectuados

deberán ser remitidos ao MAPA para elaborar a información a fornecer á Comisión Europea.

7.3. Obrigas dos titulares de explotacións agrarias en materia de rexistro do uso de información sobre o uso de produtos fitosanitarios.

Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro, pola que se establecen as obrigas dos titulares de explotacións agrarias e forestais en materia de rexistro do uso da información sobre o uso de produtos fitosanitarios: establece os datos que se deben rexistrar como consecuencia da utilización de produtos fitosanitarios e outros praguicidas para a protección das colleitas destinadas a ser consumidas como pensos ou alimentos, incluídas as fases de cultivo, almacenamento e transporte, para cumprir o Regulamento (CE) nº 852/2004, do Parlamento Europeo e o Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene nos produtos alimenticios e o Regulamento (CE) nº 183/2005, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de xaneiro de 2005, polo que se fixan os requisitos en materia de hixiene dos pensos. Esta norma obriga os agricultores a levar un rexistro de datos da explotación no que deben facer constar unha serie de datos en relación a cada tratamento praguicida realizado (cultivo, praga, motivo do

tratamento, produto utilizado e nº de rexistro), para cada control de praguicida realizado (cultivo mostrado, substancias activas detectadas, nº do boletín de análise e laboratorio que o realiza) e para cada colleita comercializada (produto vexetal, cantidade expedida, nome do cliente).

7.4. Outra normativa relacionada cos produtos fitosanitarios:

-Real decreto 1416/2001, do 14 de decembro, sobre envases de produtos fitosanitarios.

-Real decreto 280/1994, do 18 de febreiro, polo que se establecen os límites máximos de residuos de praguicidas e o seu control en determinados produtos de orixe vexetal.

-Orde do 1 de febreiro de 1991 pola que se modifica o anexo da do 7 de setembro de 1989, sobre a prohibición da comercialización e utilización de certos produtos fitosanitarios en aplicación das directivas 90/335/CEE e 90/533/CEE.

-Orde do 7 de setembro de 1989 sobre prohibición de comercialización e utilización de produtos fitosanitarios que conteñen certos ingredientes activos, en aplicación da Directiva 79/117/CEE do Consello das Comunidades Europeas e as súas posteriores modificacións.

-Orde do 28 de febreiro de 1986 relativa á prohibición da comercialización e utilización de produtos fitosanitarios que conteñen certas substancias activas, en aplicación das directivas 79/117/CEE do Consello e 83/131/CEE e 85/298/CEE da Comisión das Comunidades Europeas.

-Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

-Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

-En canto a produtos de protección de plantas, só estarán permitidos aqueles que presenten un indicador de perigo «Xn» ou «T» dentro do indicador ecotoxicolóxico «N» (mamíferos, aves e/ou peixes). Non se admitirán produtos que inclúan entre as súas frases de risco o termo de «moi tóxico». Utilizaranse preferentemente produtos biolóxicos ou biorracionais. Así mesmo, empregaranse técnicas de loita oportuna para o establecemento do momento óptimo de tratamento.

7.5. Normas sobre capacitación e formación para a utilización de fitosanitarios.

A regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, e modificada polos reais decretos 162/1991, do 8 de febreiro, e 443/1994, do 11 de marzo, establece que o persoal de empresas que preste servizos de tratamentos con praguicidas debe superar os correspondentes cursos de capacitación homologados, e que cando se haxan de utilizar praguicidas clasificados, conforme a devandita regulamentación como moi tóxicos, así como os tóxicos autorizados para uso ambiental, os aplicadores deberán superar os correspondentes cursos de capacitación, aínda no caso de que o tratamento se realice para fins propios. Pola súa banda, a Directiva do Consello 91/414/CEE, do 15 de xullo, prevé a adaptación das normativas nacionais en materia de subministración de certos produtos fitosanitarios a determinadas clases de usuarios, polo que é necesario diferenciar distintos niveis de capacitación.

A nivel estatal, a Orde do 8 de marzo de 1994, modificada pola Orde PRE2922/2005, que establece a normativa reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, define, no punto un do punto segundo, os niveis de capacitación, especificando os programas no seu anexo.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, establece a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes produtos. No seu artigo 9 establece a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar. Os cursos están dirixidos ás persoas que queiran adquirir un dos seguintes niveis de capacitación:

-Nivel básico: dirixido a agricultores que realizan na súa explotación os tratamentos fitosanitarios sen persoal auxiliar, persoal de establecementos fitosanitarios e persoal auxiliar de empresas de tratamentos fitosanitarios.

-Nivel cualificado: dirixido a agricultores que realizan na súa explotación os tratamentos fitosanitarios con persoal auxiliar, responsables de empresas de tratamentos fitosanitarios e responsables de empresas de distribución de fitosanitarios.

B. Descrición dos compromisos específicos relativos ás axudas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe e benestar animal.

Compromisos xerais comúns a todas as subseccións.

-Manter e actualizar o caderno de explotación, que incluirá unha contabilidade detallada e no que se inscribirán todas as operacións de cultivo realizadas en cada unha das parcelas e o rexistro sobre materias primas adquiridas e produtos que entren ou saian da explotación, xunto cos oportunos soportes documentais.

-Pertencer a unha entidade asociativa agraria e dispoñer de técnico ou de asesoramento técnico.

Subsección primeira

Variedades autóctonas en risco de erosión xenética

Compromisos.

-Describir a explotación con relación de todas as parcelas, a súa superficie e utilización, a través da declaración de superficies.

-Dispoñer e dedicar ao cultivo, selección e protección dalgunha das especies autóctonas en risco de erosión xenética dunha superficie mínima de 0,3 ha e realizar as seguintes prácticas:

* Elaborar un programa ou memoria do proxecto.

* Manter en cultivo as especies e/ou variedades en risco de erosión xenética que sexan obxecto da axuda, ata a sementeira ou ata que o órgano de reprodución vexetativo sexa viable.

* Reservar un 5% dous materiais vexetais de produción obtidos.

-Desenvolver accións divulgativas coa administración xestora.

Subsección segunda

Control integrado e produción integrada

Compromisos xerais.

-Non poderán acollerse os cultivos realizados por sistemas hidropónicos.

-Manter sebes e ribazos, vexetación en lindes e marxes para reserva ecolóxica e mantemento da biodiversidade.

-Realización de análises axeitadas, polo menos anualmente, para programar o fertilizado de auga e outros, a criterio do C.T.

-Cubrir unha ficha normalizada por parcela, na que se determinen as prácticas de tratamento que se van seguir.

-Establecer un plan de fertilización.

-O control de malas herbas realizarase preferentemente de forma mecánica ou mediante pastoreo controlado.

-En caso de intervención con fitosanitarios de síntese, utilizar exclusivamente as materias activas autorizadas para cada cultivo, seleccionadas baseándose en criterios de toxicidade, efectos sobre a fauna auxiliar e menor impacto ambiental, entre outros.

-Redución verificable de, polo menos, un 30% dos produtos fertilizantes e fitosanitarios utilizados na explotación. A devandita redución poderase realizar mediante a substitución do fertilizado nitroxenado de síntese por orgánico, e se permitirá o uso de estercos frescos nin lamas de depuradora. No caso de tratamentos fitosanitarios substitución do 50% do número de aplicacións de produtos fitosanitarios por métodos de control e/ou seguimento biolóxico a base de substancias de orixe vexetal ou microorganismos, solta de insectos útiles, trampeo masivo e confusión sexual, etc, por parcelas completas.

Compromisos específicos de control integrado.

-Realizar o seguimento e control de pragas, mediante tratamentos dirixidos e localizados para preservar a fauna útil.

-Non realizar tratamentos con produtos químicos 15 días antes da recolección, agás para produtos de recolección graduada, nos que se utilizarán preferentemente substancias naturais ou produtos químicos con prazo de seguridade de polo menos cinco días.

-Non realizar tratamentos poscolleita para comercializacións inmediatas.

-Realización de análise de residuos sobre a produción final.

Compromisos específicos de produción integrada.

-Cumprir co establecido no Decreto 68/2004, do 11 de marzo, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios e a súa normativa de desenvolvemento.

-Estar inscrito no Rexistro de Produtores de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia e comercializar a produción baixo a marca de produción integrada.

-Compromiso de aplicar a produción integrada na totalidade da superficie da explotación dedicada á mesma orientación produtiva (cultivo e/ou especie).

-Obriga de efectuar rotacións en cultivos anuais. Se se establece unha cuberta vexetal ou cultivo para fertilizado en verde, considerarase como parte da rotación.

-Manter a cuberta vexetal en cultivos perennes. En épocas de recolección permitirase a sega ou o pastoreo controlado para facilitar os labores de colleita.

Subsección terceira

Agricultura e gandaría ecolóxica

Compromisos xerais.

-Cumprir estritamente con todas as normas de produción establecidas no Regulamento (CEE) 2092/91 que regula a produción ecolóxica e demais normativa de aplicación.

-Dispoñer dun certificado expedido polo Craega, afirmando que está inscrito neste e que cumpre coa normativa específica, para agricultura e/ou gandaría ecolóxica en cada unha das parcelas inscritas.

-Comercialización da produción ecolóxica, unha vez pasado o período obrigatorio de reconversión.

-Elaborar un plan de conversión da explotación que especifique as actuacións que vai realizar durante o período de conversión.

-Proceder ao fertilizado orgánico necesario para manter a fertilidade dos cultivos.

-Obrigatoriedade da realización de análises, polo menos anualmente para programar o fertilizado de auga e outros, a criterio do comité técnico.

Compromisos específicos de agricultura ecolóxica.

-Non utilizar produtos químicos de síntese non autorizados polo regulamento (CEE) 2092/91, no control de pragas e enfermidades e efectuar o control da flora adventicia mediante tratamentos mecánicos nos períodos permitidos.

-Manter a vexetación dos lindeiros existentes ao inicio do compromiso para protexer mellor a flora e a fauna.

Compromisos específicos de gandaría ecolóxica.

-Non utilizar medicamentos de síntese non autorizados polo Regulamento (CEE) 2092/91 no tratamento e profilaxe das enfermidades do gando.

-Utilizar como mínimo a porcentaxe de alimentación animal procedente de agricultura ecolóxica que establece o regulamento (CEE) 2092/91.

-Cumprir co disposto no Regulamento 1804/99 sobre produción gandeira ecolóxica.

Compromisos específicos de apicultura ecolóxica.

-Cumprir os compromisos establecidos respecto á apicultura dentro do Regulamento (CE)1804/99.

-Manter máis de 50 colmeas.

-Densidade: unha colmea por hectárea.

-Localizar as colmeas en superficies cultivadas ecoloxicamente e/ou pasteiros ecolóxicos.

-Non utilizar alimentos compostos que conteñan pole.

-Só se poderá pagar a prima por superficie cultivada ou polo pasteiro, ecolóxicos, sobre os que pecoreen as abellas.

-Titulares de explotacións apícolas que se comprometan durante 5 anos, estean inscritos no rexistro oficial de explotacións apícolas, dispoñan de cartilla gandeira, estean inscritos no Craega e comercialicen os seus produtos como ecolóxicos.

Subsección cuarta

Loita contra a erosión en medios fráxiles

Compromisos xerais.

-No caderno de explotación recollerase a planificación das actuacións tendentes a reducir a erosión nas diferentes parcelas da explotación.

-Queda prohibido labrar o solo. En caso de inversión de flora e outras situacións extraordinarias poderá levarse a cabo un labor superficial, logo da autorización por parte do comité técnico. Os labores realizados serán sempre verticais, eliminándose os de inversión.

-A eliminación da cuberta herbácea realizarase mediante pastoreo, sega química (mediante a aplicación de herbicidas de baixo impacto ambiental, non residuais) ou de forma mecánica.

Compromisos específicos para cultivos leñosos en pendentes ou socalcos.

-As parcelas acollidas terán unha pendente superior o 15%.

-Nas parcelas obxecto de axuda e con insuficiente permeabilidade, para evitar os problemas de escorrentía, será obrigatorio o establecemento de cubertas vexetais, a partir da flora espontánea ou sementando especies cultivadas. A devandita cuberta deberá de ter a largura mínima que estableza o comité técnico para cada cultivo e ocupar polo menos o 50% da superficie libre de cultivo, manténdose durante a totalidade do ciclo vexetativo do cultivo leñoso. En calquera caso, será obrigatoria a inmediata corrección dos efectos puntuais ocasionados polas escorrentías producidas polas chuvias torrenciais.

-A cuberta vexetal establecerase o máis próxima ás curvas de nivel e perpendicular á máxima pendente, no caso de socalcos ou da dirección do seu lado maior.

-As densidades de plantación serán establecidas polo comité técnico para cada cultivo. Os compromisos non relacionados directamente coas pendentes/socalcos, deberán cumprirse no conxunto da explotación, aínda que para o cálculo da axuda, só se terán en conta a superficie das parcelas con pendentes superiores ás fixadas.

Compromisos específicos para cultivos herbáceos.

-As parcelas acollidas terán unha pendente superior ao 10%.

-Nas parcelas obxecto da axuda aplicaranse as técnicas de agricultura de conservación (sementeira directa/non laboreo, laboreo de conservación, cubertas), mellor adaptadas ás condicións locais de cada zona.

-Queda prohibida a realización de labores durante o período de barbeito.

-No caso de rotación de cultivos, a cobertura, vexetal ou inerte, disposta permanecerá no chan desde a colleita do cultivo ata a sementeira do cultivo posterior.

-Os compromisos non relacionados directamente coas pendentes/socalcos, deberán cumprirse no conxunto da explotación, aínda que para o cálculo da axuda só se terá en conta a superficie das parcelas con pendentes superiores ás fixadas.

Subsección quinta

Mantemento de razas autóctonas puras en perigo

de extinción

Compromisos.

-Pertencer a unha entidade asociativa agraria cuxos fins sexan a mellora e conservación das razas autóctonas.

-Estar inscrito no libro de rexistro oficial da raza correspondente.

-Realizar as actuacións de pastoreo con animais de especies autóctonas en perigo de extinción.

-Manter o censo gandeiro das razas acollidas.

-Manter en pureza os efectivos reprodutores machos e femias destas razas.

-Participar nun programa de mellora xenética, coa obriga de achegar información para o seguimento da raza, así como para a elaboración de valoracións.

Subsección sexta

Utilización dos recursos forraxeiros da explotación

Compromisos xerais.

-Identificar axeitadamente os animais acollidos a esta medida. En equino será obrigatoria a identificación individual dos animais.

-Conservar e manter os elementos gandeiros necesarios para un axeitado manexo dos pastos evitando o sobre ou subpastoreo.

-Manter o aproveitamento extensivo das superficies afectadas, respectando o calendario de pastoreo establecido ao inicio de cada campaña polo beneficiario, segundo o modelo recollido para o efecto no caderno de explotación.

-Superficie mínima de actuación de 7 hectáreas nas explotacións con aproveitamento de montes comunais e de 3 hectáreas nas restantes.

-Comprometerse a manter polo menos o 50% da superficie da explotación a pastos permanentes en pastoreo e/ou o 75% da superficie da explotación, se o aproveitamento deses pastos é mixto (sega/dente). Incluirase en ambos os dous casos a superficie situada en monte comunal.

-Manter unha carga gandeira máxima por hectárea de 2 UGM.

Compromisos específicos de gando bovino:

-Mantemento dos xatos xunto as nais durante polo menos 6 meses.

-Polo menos o 60% da recría será da propia explotación.

Compromisos específicos para o cálculo da prima complementaria de rozado.

-Cumprir cos compromisos xerais da subsección sexta.

-Poderanse completar as accións de pastoreo equilibrado, cando a ocasión o requira, con rozas dirixidas á mellora do pasto existente ou á creación de novos pastos de calidade. As rozas poderanse realizar de forma mecánica ou manual; cando a pendente sexa maior do 10%, poderase excepcionalmente realizar un tratamento químico localizado con produtos de baixa toxicidade autorizados polo comité técnico.

-A superficie mínima que se desbravará será de 0,2 ha.

Compromisos específicos para o cálculo da prima complementaria de pastoreo con razas autóctonas.

-Cumprir cos compromisos xerais e específicos da subsección sexta.

-Pastoreo con efectivos de polo menos un 75% de razas autóctonas inscritas nos correspondentes libros de rexistros das razas oficiais.

Compromisos específicos para o cálculo da prima complementaria por redución do gando bovino, ovino e caprino por unidade de superficie forraxeira.

-Cumprir cos compromisos xerais e específicos da subsección sexta.

-Diminuír a carga gandeira ligada á terra en polo menos 0,3 UGM/ha, respecto ás cargas existentes ao inicio do compromiso, respectando as cargas máximas para o cumprimento da condicionalidade. Este obxectivo deberá cumprirse antes de finalizar o primeiro ano de compromiso, e manterase ata o seu remate. Poderá reducirse a carga a través de sementeira ou aproveitamento de pastos, sen redución de efectivos do rabaño, ampliando a superficie forraxeira. Tamén se poderá reducir por eliminación temporal de presenza de gando.

-A prima está calculada para implementar as tres situacións (redución da carga gandeira por diminución do censo de gando, por ampliación da superficie ou unha combinación de ambas as dúas). En calquera caso, a prima será única, sen diferenciar a opción de redución de carga que utilicen (reducir gando, aumentar a superficie ou unha combinación de ambas as dúas). En todo caso, a axuda calcularase sobre a superficie inicial (multiplicando a prima por hectárea polo número inicial de hectáreas da explotación).

Compromisos específicos para a utilización de sistemas extensivos na alimentación de explotacións de produción de leite e ceba de ruminantes.

-Cumprir cos compromisos xerais da subsección sexta.

-Manter polo menos un 50% da SAU da explotación cultivada con pradaría que poderá entrar en rotación co resto dos cultivos.

-Manter a superficie de pradaría durante polo menos 2 anos.

-A carga gandeira da explotación non poderá superar 1,8 UGM/ha de SAU por termo medio ao ano.

-Manter ou reducir o uso de concentrado por UGM presente na explotación.

Compromisos específicos para a utilización de sistemas extensivos en explotacións de produción de leite e ceba de ruminantes.

-Cumprir cos compromisos xerais da subsección sexta.

-Cumprir con calendario de pastoreo establecido.

-Realizar un período de pastoreo durante polo menos 120 días ao ano con vacas de leite, xovencas de recría ou tenreiros para ceba.

-Manter polo menos un 75% da superficie forraxeira da explotación cultivada con pradaría que poderá entrar en rotación co resto dos cultivos.

-Manter a superficie de pradaría durante polo menos 2 anos.

-Manter ou reducir o uso de concentrado por UGM presente na explotación.

Subsección sétima

Apicultura para a mellora da biodiversidade

en zonas fráxiles

Compromisos.

-A superficie de acollida será de vexetación entomófila, caracterizada por ecosistemas con biodiversidade fráxil propios de pradarías, pasteiros e agroecosistemas adevesados, así como, todas as zonas con biodiversidade fráxil e vexetación autóctona que determine o comité técnico.

-Densidade: unha colmea cada 2 hectáreas de vexetación autóctona para pecoreo.

-Cada alvariza non terá máis de 80 colmeas e a distancia entre elas será superior a un km., debendo situarse permanentemente en zonas de biodiversidade fráxil, excepto durante os seis meses de transhumancia que poden realizar o 80% das colmeas, como máximo.

-Non subministrar alimentación estimulante que conteña pole.

-Aplicar un sistema de loita integrada contra a varroase e enfermidades asociadas, incorporando métodos de manexo e loita biolóxica; empregando produtos químicos de sínteses só cando se considere necesario ao xuízo do comité técnico pertencer a unha entidade asociativa agraria cuxos fins sexan a mellora e conservación das razas autóctonas.

Subsección oitava

Mellora e conservación do medio físico en zonas de prados

e pastos incluídas na Rede Natura 2000

Compromisos xerais.

-Conservar e manter os elementos gandeiros necesarios para un adecuado manexo dos pastos evitando o sobre e o subpastoreo.

-Manter como mínimo o 75% da SAU da explotación dedicada a pastos ou cultivos orientados á alimentación de gando, incluídos os aproveitamentos comunais.

-Manter o aproveitamento extensivo das superficies afectadas, respectando o calendario de pastoreo establecido ao inicio de cada campaña polo beneficiario, segundo o modelo recollido para o efecto no caderno de explotación.

-Manter unha carga gandeira máxima por hectárea de 1,8 UGM.

-Non se permitirá o pastoreo antes do 1 de maio en áreas de montaña cunha altitude superior aos 1.500 m para evitar o dano sobre as plantas nos estados iniciais de crecemento.

-Realizar a práctica da xestión tradicional de pastos con desprazamento estacional do gando durante cando menos cinco anos consecutivos.

-Manter o gando fóra da explotación de orixe polo menos 4 meses, contados desde xuño. Durante estes catro meses é obrigatorio desprazar os animais a pasteiros de montaña, reducindo a carga gandeira cando menos nun 25% na explotación de orixe, durante o período que dura o aproveitamento de pastos fóra da explotación.

-Dispor de guía de traslado e/ou de anexo de notificación de traslado de animais.

-Realizar o movemento do gando de acordo coas prácticas tradicionais de aproveitamento de forma óptima dos recursos naturais.

Compromisos específicos de gando bovino:

-Mantemento dos xatos xunto as súas nais durante polo menos 6 meses.

-Polo menos o 60% da recría será da propia explotación.

Compromisos específicos para o cálculo da prima complementaria de rozado.

-Cumprir cos compromisos xerais da subsección sexta.

-Poderanse completar as accións de pastoreo equilibrado, cando a ocasión o requira, con rozas, dirixidas á mellora do pasto existente ou á creación de novos pastos de calidade. As rozas poderanse realizar de forma mecánica ou manual; cando a pendente sexa maior do 10%, poderase excepcionalmente realizar un tratamento químico localizado con produtos de baixa toxicidade autorizados polo comité técnico.

-A superficie mínima que se desbravará será de 0,2 ha.

Compromisos específicos para o cálculo da prima complementaria de pastoreo con razas autóctonas.

-Cumprir cos compromisos xerais e específicos da subsección sexta.

-Pastoreo con efectivos de polo menos un 75%, de razas autóctonas, inscritas nos correspondentes libros de rexistros das razas oficiais.

Sección segunda

Medidas de benestar animal

Compromisos xerais comúns a todas as subseccións.

-Cumprir as normas de hixiene e benestar animal contidas de carácter xeral no Real decreto 348/2000, relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras, así como toda a normativa específica de aplicación en materia de benestar animal.

-Manter e actualizar o caderno de explotación, que incluirá unha contabilidade detallada e no que se inscribirán todas as operacións de cultivo realizadas en cada unha das parcelas e o rexistro sobre materias primas adquiridas e produtos que entren ou saian da explotación, xunto cos oportunos soportes documentais.

-Presentar un plan de benestar animal.

-Cumprir as obrigas en materia de política ambiental.

-Cumprir a normativa sectorial en materia de sanidade animal.

-Levar rexistro diario dos parámetros nas instalacións: temperatura, humidade, tratamentos médicos e taxa de mortalidade dos animais.

-Na totalidade da explotación debe levarse a cabo unha axeitada xestión de residuos de subprodutos animais no destinados ao consumo humano.

-Realizar actividades de formación aos traballadores en materia de benestar animal.

-Cumprir as obrigas de prevención de riscos laborais na explotación.

Compromisos xerais comúns a subsección avícola de curral.

-A alimentación debe estar composta como mínimo dun 70% de cereais.

-Asegurar un acceso apropiado e permanente a unha cama seca e de material friable en superficie.

-Acceso permanente os comedeiros e bebedoiros.

-Ausencia de mutilacións sistemáticas, illamento o calquera tipo de inmobilización.

-Prevención de patoloxías debidas ás malas prácticas agrarias ou ás condicións de cría.

-Os bebedoiros manteranse de maneira que se evite a derrama de auga.

-As aves enfermas deben recibir tratamento ou ser sacrificadas de forma humanitaria.

-Inspección dos animais dúas veces ao día.

Compromisos específicos para a utilización de galiñeiro con saída libre:

-Densidade máxima de 13 aves/m2.

-Parques: 1 m2/ave en terreo cuberto de vexetación.

-Trapelas (10 cm2/ave) ou unha lonxitude combinada polo menos de 4 m por cada 100 m2 de edificio.

-Polo menos a metade da súa vida as aves terán acceso continuo durante o día e espazo ao aire libre que posúa unha zona cuberta de vexetación na súa maior parte.

-Idade de sacrificio mínima: 100 días.

Compromisos específicos para a utilización de granxa ao aire libre:

-Densidade máxima de 12 aves/m2.

-Cada galiñeiro debe ter menos de 4.800 polos.

-Parques: 2 m2/ave en terreo cuberto de vexetación na súa maior parte.

-Trapelas (10 cm2/ave) ou unha lonxitude combinada polo menos de 4 m por cada 100 m2 de edificio.

-As aves engordadas sexan dunha raza recoñecida de crecemento lento.

-Idade de sacrificio mínima: 81 días.

-A engorda nas gaiolas non poderá superar os 15 días en animais de 90 días.

-Acceso continuo durante o día a un espazo ao aire libre como mínimo a partir das 6 semanas.

Compromisos específicos para a cría en liberdade:

-Require os mesmos compromisos que a granxa ao aire libre, pero o acceso das aves ao parque será continuo e os espazos serán de superficie ilimitada.

Compromisos xerais comúns a subsección porcino ao aire libre:

-Manter un censo mínimo de 5 UGM.

Compromisos específicos para as explotacións de ceba:

-Ceba de animais ao aire libre durante un mínimo de 6 horas diarias e durante polo menos un mes.

-A idade mínima do animal ao sacrificio será de 210 días e deberase manter na explotación un mínimo de 100 días.

-Peso vivo mínimo ao sacrificio será de 85 kg.

Compromisos específicos para as explotacións de reprodutoras:

-Idade mínima do primeiro parto será de 10 meses.

-Os partos realizaranse en instalacións que permitan o acceso ao aire libre.

C. Requisitos mínimos en relación ao benestar animal.

En todos os casos os beneficiarios deberán cumprir as normas de hixiene e benestar animal, contidas de carácter xeral, no Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 98/58/CE, do Consello, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras, así como a normativa específica de aplicación para determinados animais, en particular.

-Real decreto 441/2001, do 27 de abril, que modifica o Real decreto 348/2000 relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras.

-Directiva 96/61/CE, e a súa transposición a ordenamento xurídico español mediante a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (afecta á cría intensiva de aves de curral e porcos en instalacións que dispoñan de máis de 40.000 lugares para aves de curral e 2.000 lugares de porcos de cría de máis de 30 kg) o 750 nos lugares de porcas.

A) Porcos.

-Directiva 91/630/CEE do Consello, do 19 de novembro de 1991, relativa ás normas mínimas de protección de porcos.

-Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas de protección de porcos.

B) Avicultura de carne.

-Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne.

* Outras de caracter xeral:

* Real decreto 54/1995, do 20 de xaneiro, sobre protección de animais no momento do sacrificio ou matanza, modificado polo Real decreto 731/2007, do 8 de xuño.

* Real decreto 751/2006, do 16 de xuño, sobre autorización e rexistro de transportistas e medios de transporte de animais, e polo que se crea o Comité Español de Benestar e Protección dos animais de produción.

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA