DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2008 Páx. 1.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2008 pola que se convocan 20 cursos básicos de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de vinte cursos básicos de protección civil, que deberán desenvolverse conforme coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar os integrantes dos servizos de protección civil dos coñecementos teórico-prácticos mínimos e xerais para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: trinta (30).

2. Datas: os cursos terán lugar durante o primeiro cuadrimestre do ano 2008 e cunha duración de 20 horas lectivas, en datas que se confirmarán coa suficiente antelación ao seu inicio.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou enviar cuberta á máquina ou con letra moi clara a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 5 de marzo de 2008.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade de protección civil e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude do mesmo servizo, relacionadas por orde de preferencia. Estes requisitos serán indispensables para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 886 20 61 21, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O curso básico de protección civil está dividido en varios módulos, que abrangue os seguintes contidos:

Módulo I: a protección civil.

Módulo II: os riscos, accidentes e autoprotección.

Módulo III: loita contra os incendios.

Módulo IV: comunicacións.

Módulo V: actuacións básicas ante emerxencias médicas.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización dos cursos exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente ao inicio do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión consultando a páxina web http:// agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de xaneiro de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "02200D007P015.PDF"