DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2008 Páx. 1.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 29 de xaneiro de 2008 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde durante a folga convocada pola organización sindical OŽMega a partir do día 1 de febreiro de 2008 e con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga pola organización sindical OŽMega a partir do día 1 de febreiro de 2008 e con carácter indefinido, que afectará o persoal facultativo que presta servizos nas institucións sanitarias de atención especializada e de atención primaria dependentes do Servizo Galego de Saúde que non perciben o complemento específico, outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga realizada pola organización sindical OŽMega a partir do día 1 de febreiro de 2008 e con carácter indefinido que afectará o persoal facultativo que presta servizos nas institucións sanitarias de atención especializada e de atención primaria dependentes do Servizo Galego de Saúde que non percibe o complemento específico, deberase entender condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria nos centros sanitarios, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos usuarios, que non se pode aprazar, sen consecuencias negativas para a saúde.

Esta folga só pode ser seguida polo persoal facultativo que non percibe o complemento específico, razón pola cal os servizos mínimos só poden recaer no dito persoal, sempre que estea xustificado nos criterios reitores seguintes:

Criterios reitores

Persoal facultativo de atención especializada:

Tendo en conta que o persoal convocado é o persoal facultativo que non percibe o complemento específico, os criterios deberanse aplicar atendendo ao número de profesionais convocados en cada servizo ou unidade:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable no seu ingreso. Para estes efectos consideraranse inaprazables as intervencións cirúrxicas de doentes con neoplasia maligna.

-Atención aos paritorios.

2. Cobertura da actividade cirúrxica dos doentes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde.

3. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

4. No ámbito de consulta atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, ao criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

5. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, ao criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

6. Garantirase a dispensación de medicamentos e de produtos sanitarios, que ao criterio do facultativo sexan necesarias.

Persoal facultativo de atención primaria:

Tendo en conta que o persoal convocado é o persoal facultativo que non percibe o complemento específico, os criterios deberanse aplicar atendendo ao número de profesionais convocados en cada servizo ou unidade:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente ou inaprazable desa unidade calquera que sexa a modalidade da prestación.

-En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

-En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

-En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

-En centros con máis de trece profesionais: 4 efectivos.

Artigo 2º

A determinación dos/as profesionais necesarios con base nos criterios anteriores faraa en cada centro o/a director/a xerente e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada, mediante a súa designación nominal e individual.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos de cada centro e débese exteriorizar axeitadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente de determinación de mínimos de cada centro, dos factores ou criterios polos cales a súa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios de cada centro, con antelación ao inicio da folga.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllense o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3º

A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo/a director/a-xerente do centro e notificada aos/ás profesionais designados/as.

Artigo 4º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1ºdo Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Centro: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

-100% cobertura de gardas de conformidade cos calendarios establecidos dos servizos, que afecten o persoal facultativo incluído no ámbito da convocatoria da folga.

Centro: Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

Ademais, serán servizos mínimos os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

* Médicos de familia: 1 de mañá (Federico Tapia) 2 de tarde (1 en San Xosé e 1 en Arteixo) e 1 de noite (PAC da Coruña).

* Odontólogos: 2 de mañá (1 en Abente-Lago e 1 en Carballo) e 1 de tarde no Ventorrillo.

Centro: Área Sanitaria de Ferrol:

Os servizos mínimos serán os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Hospital Xeral Calde:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

Ademais, serán servizos mínimos os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Hospital da Costa:

Os servizos mínimos serán os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Hospital de Monforte:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

Ademais, serán servizos mínimos os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Complexo Hospitalario de Ourense:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

Ademais, serán servizos mínimos os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Hospital Comarcal de Valdeorras:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

En pediatría e oftalmoloxía nomearase como servizo mínimo o facultativo afectado para a quenda de mañá, tarde e noite, cando por cadencia lle corresponda garda localizada.

Centro: Xerencia de Atención Primaria de Ourense:

Ver referencia pdf "02200D005P010.PDF"

Ademais, serán servizos mínimos os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

Centro: Complexo Hospitalario Universitario de Vigo:

* Servizo de Urxencias:

Os servizos mínimos propostos fanse de acordo co calendario previsto para as xornadas de folga. O persoal facultativo que non percibe complemento específico será servizo mínimo sempre que coincida o día de traballo coa xornada de folga.

* Gardas de persoal facultativo

Os servizos mínimos serán os facultativos que non perciban complemento específico e aos cales lles corresponda garda médica o día da folga.

* Servizos en xornada ordinaria:

Ver referencia pdf "02200D006P014.PDF"

Centro: Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra:

-1 médico no Centro de Saúde de Paradela (Meis).

-1 médico no PAC de Cambados. Cando lle corresponda garda ao médico que non cobra complemento específico.

Centro: Xerencia de Atención Primaria de Vigo:

Ver referencia pdf "02200D006P014.PDF"