DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2008 Páx. 1.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

CORRECCIÓN de erros.-Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética e o rendemento do gando vacún leiteiro e á realización de técnicas ou prácticas innovadoras no ámbito de cría de animais da raza de gando vacún frisón, e se convocan para o ano 2008.

Advertido erro na devandita orde publicada no Diario Oficial de Galicia, nº 17 do 24 xaneiro de 2008, cómpre facer a seguinte corrección:

Na páxina 1.463 hai que substituír o anexo IV polo que se insire a seguir:

ANEXO IV

Contido anexo I do Regulamento (CE) 364/2004, da Comisión do 25 de febreiro de 2004.

Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas adoptada pola comisión.

Artigo 1º.-Empresa.

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo2º.-Os efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas.

1. A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (PEME) está constituída polas empresas que empregan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das PEME, defínese unha pequena empresa como unha empresa que emprega menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das PEME, defínese unha microempresa como unha empresa que emprega menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3º.-Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financieros.

1. É unha empresa autónoma a que non se pode cualificar nin como empresa asociada para os efectos do número 2, nin como empresa vinculada para os efectos do número 3.

2. Son empresas asociadas todas as empresas ás que non se pode cualificar como empresas vinculadas para os efectos do número 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas para os efectos da definición do número 3, o 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, non obstante, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se acade ou se supere o límite máximo do 25%, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no número 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, sempre que o investimento de devandito business angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros;

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos;

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional;

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son empresas vinculadas as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa;

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa;

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa;

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

Hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no segundo parágrafo do número 2 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de asociados.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no número 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actuen de común acordo, se estas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

1. Con excepción dos casos citados no segundo parágrafo do número 2, unha empresa non pode ser considerada como PEME se o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas.

2. As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o detenta conxuntamente con empresas vinculadas entre elas ou a través de persoas físicas ou dun grupo de persoas físicas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou comunitarias.

Artigo 4º.-Datos que hai que ter en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia.

1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable fechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Tense en conta a partir da data en que se pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de media ou pequena empresa, ou de microempresa, se esta superación se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5º.-Os efectivos.

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta de devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate .O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízase as categorías seguintes:

a) Asalariados;

b) Persoas que traballen para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados conforme o dereito nacional;

c) Propietarios que dirixen a súa empresa;

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6º.-Determinación dos datos da empresa.

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre bases das contas consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos recollidos no primeiro parágrafo débense agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (á máis elevada destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos recollidos no primeiro e segundo parágrafo engadirase o 100% dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non sexan incluídas nas contas por consolidación.

3. Para aplicar o número 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas, consolidadas se existen, e dos demais datos, aos cales se deberá de engadir o 100% dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, agás se os seus datos xa se incluísen por consolidación.

Para aplicar o devandito número 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben proceder das súas contas, consolidadas se existen, e dos demais datos. A estes deberanse agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, agás se se incluísen xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no segundo parágrafo do número 2.

2. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularase incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada, e engadindo os relativos ás empresas coas que estea vinculada.