DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2008 Páx. 1.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xaneiro de 2008 pola que se autoriza a impartición das ensinanzas de grao superior de deseño, especialidade de moda, ao centro autorizado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz, Ourense, e se modifica a que tiña concedida.

Examinado o expediente instruído por instancia de Eduard Prats Cot, quen solicita autorización para impartir as ensinanzas de grao superior de deseño, especialidade de moda, no centro autorizado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz, provincia de Ourense.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación y Ordenación Universitaria de Ourense, quen o remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, BOE do 25 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas; o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, DOG do 11 de outubro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas; a Orde do 5 de decembro de 1995, DOG do 7 de febreiro de 1996, pola que se desenvolve o dito decreto; o Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, BOE do 6 de outubro, polo que se establecen os estudos superiores de deseño, a proba de acceso e os aspectos básicos do currículo dos devanditos estudos; o Decreto 233/2005, do 14 de xullo, DOG do 12 de agosto, polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas, e o Real decreto 596/2007, do 4 de maio, BOE do 25 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

Considerando que concorren no expediente os requisitos exixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ao solicitado e vista a Orde do 10 de xullo de 2002, DOG do 9 de agosto, pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro privado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz (Ourense), para impartir os ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e modelismo de indumentaria.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar para impartir as ensinanzas de grao superior de deseño, especialidade de moda, e proceder á modificación da autorización concedida pola Orde do 10 de xullo de 2002, segundo os datos que se especifican no anexo desta disposición, ao centro autorizado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz (Ourense).

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro así como o equipamento adecuado.

Terceiro.-Este centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2008

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: Allariz.

Localidade: Allariz.

Enderezo: Paciños, 2, Fundación Ramón González Ferreiro.

Código do centro: 32020690.

Denominación xenérica: centro autorizado de artes plásticas e deseño.

Denominación específica: Felicidad Duce.

Titular: Escuela Superior de Diseño y Moda, S.L.

Ensinanzas autorizadas:

Familia profesional: artes aplicadas á indumentaria.

1 ciclo formativo de grao superior de estilismo de indumentaria. (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de modelismo de indumentaria (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Estudo superior de deseño: especialidade de moda (3 unidades para 30 alumnos/unidade).

No curso escolar en que se inicien os estudos superiores de deseño, na especialidade de moda, (con 3 unidades de 30 alumnos/unidade, que se irán implantando progresivamente ano tras ano, de forma que o primeiro ano se implantará o 1º curso, no segundo ano se realizarán estudos de 1º e 2º curso, e no terceiro ano se realizarán estudos de 1º, 2º e 3º curso), deixarán de impartirse ensinanzas respecto aos seguintes grupos:

-Unha unidade do 1º curso do ciclo formativo de grao superior de estilismo de indumentaria.

-Unha unidade do 1º curso do ciclo formativo de grao superior de modelismo de indumentaria.

No curso escolar en que se imparta o 2º curso de estudos superiores de deseño, na especialidade de moda deixarán de impartirse as unidades do 2º curso dos ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e de modelismo de indumentaria.

Polo tanto, a autorización que ata esta orde tiña outorgada o centro mediante o disposto na Orde do 10 de xullo de 2002, pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro privado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz, (Ourense), para impartir os ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e modelismo de indumentaria (DOG do 9 de agosto), quedará totalmente extinguida no curso escolar que se inicie o segundo curso de Estudos Superiores de Deseño, especialidade de Moda.